CIG Saúde denuncia o peche de camas nos hospitais públicos de Ferrol durante as vacacións

Luns, 13 Xuño 2011 11:42
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no Twitter

Un ano máis, asistimos ao peche de camas na Área Sanitaria de Ferrol. Este ano péchanse as camas de medicina interna do Hospital Naval dende o mes de xuño ata o mes de setembro (4 meses) como xa se fixo o pasado ano e se leva feito de xeito progresivo dende hai moitos anos. A este feito anual consolidado, temos que sumar o peche das camas de pediatría da terceira planta do Marcide ate o mes de setembro (previsións), sen que a Dirección de Área teña posto en coñecemento da representación do persoal os motivos do peche de ambas unidades nin as condicións de traballo que o persoal afectado pola mobilidade forzosa, terá que afrontar.

Comezamos co peche de camas no verán en diferentes plantas de xeito rotatorio coa desculpa de adecentar as mesmas. Non é o caso deste ano, pois non se van acometer reformas nin nas unidades que se pechan nin nas que precisan de arranxos urxentes como son as de Medicina Interna do Hospital Marcide, onde o persoal  e usuarios/as están a padecer  o calvario de instalacións e mobiliario en desuso noutros hospitais dende hai moitos anos.

Mentres tanto, as usuarias e usuarios amoréanse en urxencias agardando máis de 24 horas por unha cama, como aconteceu esta semana, e que moito nos tememos será a estampa do verán, pero iso non será impedimento para seguir coas plantas pechadas, pois o importante é que cadren as estatísticas, a calidade asistencial é algo secundario.

Se o pasado ano a contratación de efectivos para o verán foi escasa este será menor, pois xa temos unidades pechadas e este persoal  substituirá ás compañeiras e compañeiros doutras unidades e servizos. Tampouco se reforzarán os servizos de saúde das zonas costeiras que todos os anos ven aumentada a súa demanda polo incremento de poboación que cada verán se achega as nosas fermosas praias.

CIG-SAÚDE, defendemos a asistencia sanitaria pública e de calidade, con investimento  en medios técnicos e humanos co fin de dar unha asistencia sanitaria acorde ás necesidades da poboación da área, sen falacias estatísticas nin despilfarro do diñeiro público.

 

Ferrol, a 10 de xuño de 2011.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru