CIG Saúde Ferrol

             
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

O 13 de decembro amarra o teu futuro !!!

Correo-e Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no Twitter

Unha cadea humana atravesará a Ponte das Pías, en Ferrol, en demanda de medidas inmediatas para a reindustrialización da comarca

A CIG-Ferrol fai un chamamento a todas as organizacións sociais a participar na asemblea aberta do vindeiro día 4 de novembro no Centro Cívico de Caranza

A CIG da comarca de Ferrolterra anunciou, o pasado venres, a posta en marcha dunha campaña para demandar actuacións inmediatas que permitan a reindustrialización e diversificación industrial da comarca. Fixo ademais un chamamento ás organizacións sociais para que participen na asemblea aberta prevista para o martes 4 de novembro e anunciou a convocatoria dunha grande mobilización ás 12.00 horas do 13 de decembro: unha cadea humana, na Ponte das Pías, para denunciar o grave risco de desertización, non só industrial senón tamén humana, que xa evidencian os datos da EPA do III Trimestre.

 

A comarca de Ferrolterra é, con diferenza, a máis castigada de Galiza polo paro e a emigración. Así o constatan os datos da EPA do III Trimestre, que sitúan a taxa de desemprego, dun 30% na cidade de Ferrol, por enriba do resto das cidades galegas e as taxas de actividade e de ocupación como as máis baixas das 7 cidades. E non só iso, hai 10.000 persoas máis inactivas que activas.
A estes alarmantes datos,  os secretarios comarcais da CIG-Ferrol, Manel Grandal e Xesús Anxo López Pintos, que compareceron acompañados polo secretario de Organización, Ramón Alfonzo, engadiron que –tamén segundo a EPA- a emigración estase incrementando de forma brutal, até tal punto que Ferrol camiña cara converterse nun “mortuorio”, advertiron.
Ante isto  a CIG entende que é máis urxente que nunca pór en marcha medidas que permitan a reindustrialización e diversificación industrial da comarca. Medidas que “dependen de decisións políticas” e que deberían de estar a se adoptar xa.

Neste sentido Grandal denunciou que “nunca houbo unha planificación industrial nesta comarca” e que os sucesivos plans que se foron aprobando, incluído o máis recente, o Plan Ferrol, foron un fracaso.

Sobre isto sinalaron que, de feito, dos 45 millóns € cos que estaba dotado o plan no último ano só se utilizaron 800.000€ para unha empresa. “A lóxica diría que os que non se gastaron se vaian sumando para a comarca e que se modifiquen as condicións para que sexa máis atractivo para as e os empresarios”.

Dique flotante

Para a CIG a posta en marcha desas medidas pasa, primeiro, por “manter o que tes, e o que temos é o sector naval, que é o motor da economía da comarca, porque non podes falar de reindustrialización o diversificación se non conservas o que hai”, explicou Grandal.

Por iso consideraron que a primeira decisión política a adoptar tería que ser a construción do dique flotante, vital para manter e incrementar o emprego. Nese sentido lembraron que o propio comisario de Competencia, Joaquín Almunia, sinalou recentemente que outros estados da UE negociaron directamente coa Comisión, que non só abriu a man, senón que mesmo axudou a dar solucións para que se puideran financiar con fondos públicos multinacionais como a Peugeot ou outros estaleiros europeos. Fronte a isto denunciou que mentres outros estados fan iso, “o goberno español e a Xunta de Galiza asubían para outro lado e escúdanse nas leis que eles mesmo decretan”.

A este respecto, e sobre o feito de que a Xunta de Galiza manteña nos orzamentos para 2015 unha partida de 5 millóns de euros para a construción do dique, consideraron que o fai “sendo consciente de que non os vai gastar nunca”. En todo caso sinalaron que sendo partidas que figuran unha e outra vez nos orzamentos sen que se gasten “podían sumarse tamén para os ferrolterráns”.

Grandal denunciou ademais a “hipocrisía” que hai arredor do tax lease. “A quen queren enganar con esta xustificación?”, preguntou engadindo que “supoño que se aplicará de igual forma para Euskadi ou Asturias, pero aí o sector naval medra mentres en Galiza esmorece”. Por iso considerou que no caso de Galiza “haberá culpábeis e haberá responsabilidades políticas. Serán as institucións quen teñen que moverse para buscar financiamento como fan outros gobernos, mentres aquí carecemos da máis mínima política de industrialización”.

Discriminación positiva

Xunto a isto a CIG demanda medidas de discriminación positiva coa comarca ao igual que se está facendo noutros países europeos nos que se favorecen zonas castigadas polo abandono de certas actividades, como a mineira ou similares. “Pódese facer, pero aquí non interesan esas políticas”.

Alertaron da situación que se aveciña a partir do 1 de xaneiro, data na que se levanta o veto, porque “non se está facendo nada para que no inmediato un estaleiro como Astano poda construír porque para iso habería que adaptalo e dotalo de persoal para poder afrontar programas e estar no mercado, cousa que non se está facendo”.

Plan eólico

Exixiron que se revise, con urxencia, a lexislación que rexe a produción de enerxía eólica xa que a actual está afectando de forma moi negativa ao sector e levou ao peche de empresas e a unha importante perda de emprego. “Eramos a comarca a potenciar nese campo e tirouse abaixo”.

Tarifa eléctrica galega e rede de transporte

Outra das medidas de discriminación positiva a adoptar de forma urxente é, para a CIG, unha tarifa eléctrica galega para favorecer a competitividade de empresas como MEGASA que, do contrario, veranse obrigadas a pechar as súas portas.

Do mesmo xeito subliñaron a imperiosa necesidade de que se dote dunha rede de transportes que facilite o tráfico de persoas e mercadorías. A este respecto, entre as principais eivas sinalaron a dificultade para chegar a Ferrol en tren, xa que unha viaxe desde a cidade a Compostela neste medio de transporte pódese facer eterna, o que supón unha dificultade engadida para que se instalen empresas.

Documentos
CartazEU VOU.pdf
Cartaz cadea humana.pdf
Panfleto cadea humana cara interna.pdf
 
 
 
 

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48