CIG Saúde Ferrol

             
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Resumo das negociacións sobre o pacto de contratacións

Correo-e Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no Twitter

Entregáronnos un novo documento, o que podedes descargar nesta ligazón, no que aparecen subliñados varios cambios con respecto ao anterior. Estes recollen algunhas das nosas alegacións, como en Promoción Interna, valoración do Galego, cambios de área por conciliación, prelación de áreas limítrofes, listaxes de tempo parcial, categorías compatibles ou orde de prelación da subsidiariedade de listas. A pesar de que algunhas alegacións foron recollidas as posturas son aínda moi contrapostas nalgúns temas de calado.


Desde CIG-Saúde manifestamos de entrada que seguimos mantendo as alegacións que enviamos, nomeadamente esiximos unha redacción clarificadora sobre cal vai ser a situación das categorías reclasificadas por privatizacións. Mantemos a esixencia de que figure un descanso obrigatorio despois de 360 días traballados, e preguntamos a qué se refiren con órganos competentes e qué quere dicir o que se engade na valoración da capacidade funcional. Tamén pedimos que se recolla a nosa  alegación sobre Pool, en canto á duración dos contratos e ao máximo de días por mes, así como a puntuación adicional e que se redacte dalgún xeito que non se poden encadear contratos de Pool para cubrir ausencias longas.


Falamos tamén do requisito de formación para as áreas especiais, 40 horas de formación sen máis séguenos parecendo insuficiente. 


A Administración contestou ás alegacións ao borrador e despois do debate, o máis salientable é:


* Reclasificacións. Prodúcese un debate sobre se debe figurar ou non no pacto. A Administración mantén que non é tema de pacto, senón de mesa sectorial. Insistimos en que a xente que está nesas listas ten que saber a qué aterse e que debe figurar no pacto recollida unha mínima regulación.


* Descanso obrigatorio (“nevera”). Non están dispostos a recollelo, explican que debe traballar sempre a persoa con máis méritos e non obrigala a permanecer na casa para que traballe xente con menos méritos. Explicamos a nosa postura a favor da rotación nas listas. Só unha organización mais apoia que se manteña o descanso obrigatorio e as demais, apoian a Administración en suprimilo, polo que esta é a postura final que se adoptará no texto definitivo.


* Valoración da capacidade funcional. Pedimos que se clarifique a redacción, quén son os órganos competentes e en qué medida vai afectar a valoración ás persoas aspirantes.


* Suspensión de chamamentos sen causa. Ven como moi problemático recoller este punto, pode dar lugar a que nun momento dado haxa indispoñibilidade. Remitiranse estes casos á causa j), que será valorada polas Comisións de Área. Explícase que nestes órganos normalmente non se aceptan causas á parte das recollidas expresamente, mais a Administración apela ao sentido común (?).


* Supresión de Pool. Algunhas OO.SS. seguen a solicitar a súa eliminación. A Administración ve necesario o Pool, mais non acepta que teña puntuación adicional nos baremos, alegan que xa é xente que traballa máis que o resto e ai ten a súa compensación pola dispoñibilidade. Tampouco se moven da súa postura de 4 días máximo por contrato e 15 días máximo por mes. Valorarán aceptar unha puntuación adicional na primeira xeración de listas a modo de transición.


* FEAS. Non queren contemplalos neste pacto, mais aceptan tratalo para ver de facer unha regulación da contratación destas categorías.


* En caso de indispoñibilidade nalgunha categoría, poderase xerar unha nova lista para introducir aspirantes que non figuraban. Prodúcese un debate sobre se debe ser unha lista subsidiaria ou realizar unha xeración de lista xeral. Finalmente óptase por facer unha nova xeración de lista xeral, introducindo nov@s aspirantes.


* Requisitos para Áreas Especiais. Insistimos en que 40 horas de formación non son suficientes, e que é necesario, cando menos, unha formación práctica. Outras OOSS están de acordo en que se necesita formación práctica no servizo. Desde a Administración valorarán articular prácticas tuteladas, inda que non ven claro como facelo.


* Revogación de nomeamento por IT. Plantéxanse dúbidas de se isto é legal. A Administración insiste en que entra dentro da legalidade. 


Cos cambios efectuados e os recollidos do debate, prepararán un documento definitivo que remitirán antes da próxima reunión (na segunda quincena de xaneiro), con idea de que sexa xa o documento para a sinatura. Despois de meses completos de parón do grupo de traballo,  a pretensión é de levar á sinatura máis cedo que tarde a normativa sen baremos en xaneiro. En cambio, o instrumento que permitirá dar axilidade real á próxima xeración de listas está en desenvolvemento e a previsión de xeración de novas listas é para o segundo semestre do  2011.  É dicir... presas, presas e mais presas pero a próxima xeración de listas non se retrasará por non ter negociado e asinada a normativa, senón por non ter o aplicativo informático listo!!!

Descargar borrador do pacto de contratacións

 
 
 
 

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48