facebook     twitter

gripe
eu-galego
POVISA
Manifestacion pola defensa dos postos de traballo e a calidade asistencial en POVISA Imprimir
POVISA - Xeral
Xoves, 12 Marzo 2015 11:23

VENRES 13 DE MARZO ÁS 20 HORAS DENDE A PRAZA DOS CABALOS


MANIFESTACIÓN 


Pola defensa dos postos de traballo e a calidade asistencial en POVISA


Contra os despidos de 13 compañeiras/os (celadoas/es e administrativos)

 

 

 

Nestes momentos 3 membros do Comité de Empresa se atopan en folga de fame polos abusos da empresa e coa permisividade do SERGAS 

 

 

 
Folga de fame en POVISA polos despidos de persoal Imprimir
POVISA - Xeral
Mércores, 11 Marzo 2015 09:20

A dirección de Povisa intenta que as folguistas de fame abandonen as instalacións do hospital no primeiro día de protesta.

Gardas de seguridade do centro médico vigués advertíronlles de que serían desaloxadas/os e obrigáronas/os a retirar carteis e pancartas
A dirección do hospital Povisa de Vigo intentou sen éxito que as tres traballadoras/es de Povisa que hoxe iniciaron unha folga de fame para reclamar a readmisión de 13 compañeiros/as abandonasen as instalacións do centro médico. Varios gardas de seguridade advertíronlles de que serían desaloxadas/os e obrigáronas/os a retirar a mesa na que teñen as bebidas, así como carteis e pancartas alusivas ao conflito laboral.
2015 03 10 InicioFolgaFamePovisaVigo01

(Galería de imaxes)

 

 

Nada máis comezar a folga de fame indefinida contra os despedimentos, arredor das 10.00 horas, a seguridade do hospital vigués comunicoulles que non tiñan permiso para pemanecer no interior do recibidor e anuncioulles que serían desaloxadas/os.


Pero non sería até pouco antes das 15.00 horas cando varios axentes de seguridade privada se dirixiron de novo ás folguistas para instalas a abandonar o edificio, ao que se opuxeron lembrándolles que son representantes sindicais no exercicio dos seus dereitos.


Entón optaron por esixirlles que retirasen tanto a mesa na que teñen as bebidas -o único alimento que teñen pensado inxerir até que a dirección non dea marcha atrás aos despidos- como os carteis e pancartas alusivas ao conflito laboral. Do contrario procederían eles mesmos á súa retirada.


Compañeiros/as dos folguistas optaron por colocalas entón no exterior do hospital, aínda que posteriormente volveron introducir a mesa para poder ter a man tanto as analíticas dos folguistas e as tomas de constantes como o tensómetro e damais utensilios para o control do pulso. Diante disto, o novo xefe de seguridade de Povisa optou por retirar el mesmo a mesa a pesar de que foi advertido de que presentarían denuncia, optando por devolvela pouco tempo despois.


As tres traballadoras/es en folga de fame, que teñen previsto pasar a noite nas instalacións do hospital, están a recibir constantes mostras de apoio e solidariedade por parte tanto de compañeiros/as do centro médico como de cidadáns en xeral. Tanto o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, como o da federación de Saúde, Manuel G. Moreira, así como varios membros da Executiva Confederal da central nacionalista achegáronse até Povisa.


 MÁIS INFO: Persoal de Povisa iniciará unha folga de fame indefinida contra o despedimento de 13 compañeiros/as

 
A CIG-Saúde denuncia que Feijóo é quen está a financiar os despedimentos de POVISA Imprimir
POVISA - Xeral
Mércores, 04 Marzo 2015 09:56

Exixe a inmediata readmisión de todas as traballadoras e traballadores despedidos e que se dea a coñecer a conta de beneficios.


CIG-Saúde vén de denunciar “ a hipocrisía de Feijóo”, por “financiar” a unha empresa como Povisa coa escusa da prestación sanitaria, para que esta “se lucre con cartos públicos e despida aos traballadores/as”.  Demanda que se faga público o destino deses cartos e exixe da Xunta de Galiza, e nomeadamente da consellaría de Sanidade, que obriguen a Povisa á inmediata readmisión de todo o persoal despedido.
2013 02 17 Povisa Vigo (9)
CIG-Saúde considera que a administración sanitaria –consellaría de Sanidade e a Xunta de Galiza- está a facer un “abandono das súas funcións” e denuncia a súa “complicidade” pola “lamentábel situación” que se esta a vivir no centro sanitario de POVISA.

Lembra que Povisa recibe a maior cantidade de diñeiro público para prestar asistencia sanitaria a máis de 130.000 persoas da área de Vigo, e denuncia que “o que está a facer co beneplácito do PP é incrementar a súa cota de beneficios a custo de despedir traballadores/as e diminuír en consecuencia,  a calidade da prestación sanitaria”.


A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que Povisa tiña anunciado un ERE para reducir o seu cadro de persoal e considera que“desistiu desta fórmula porque senón tería que presentar as súas contas, e iso poría de manifesto o seus suculentos beneficios”.


Para Abuín tanto a Xunta, como Feijóo están a consentir que esta empresa, co diñeiro público que recibe, “sanee a economía do resto de empresas que ten este grupo” no canto de exixirlle que os cartos públicos os destine á prestación sanitaria da poboación de Vigo.


“Feijóo confúndese cando anuncia que vai crear postos de traballo porque o que está a facer día a día é aumentar o paro no sector sanitario, situación que non se está a dar só en Povisa, senón tamén na sanidade pública galega”, afirma a secretaria nacional para a que “a precariedade laboral, a falla de persoal e a perda de calidade asistencial son as máximas do goberno do PP”.


Desde a CIG-Saúde solicítase que dunha vez por todas a administración sanitaria asuma a súa responsabilidade; que exixa da empresa Povisa que “pare a sangría de despedimentos de persoal”;  que lles obrigue a publicar os beneficios que obtiveron e a que destinan os cartos públicos que a administración lles paga por asistencia e que readmita xa a todos os traballadores/as despedidos. 


Xunto a isto demanda que se obrigue á empresa a adaptar o cadro de persoal ás necesidades asistenciais da poboación que atenden, con ratios de persoal por paciente atendido equiparables aos da sanidade pública, e “que deixen de destinar os cartos públicos para encher os cartos dos seus amigos porque se consenten isto, temos que pensar que é porque o PP obtén algún beneficio a cambio de permitir esta situación”.

A noticia en Avantar

 
O comité de empresa de Povisa, a excepción de CCOO, partidario de convocar folga e mobilizacións para rexeitar 13 novos despidos Imprimir
POVISA - Xeral
Luns, 02 Marzo 2015 08:09
Traballadores/as do hospital vigués celebraron hoxe unha asemblea urxente ás portas do centro médico e cortaron ao tráfico a rúa Salamanca
O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo, a excepción de CCOO, amósase partidario de convocar folga e mobilizacións para rexeitar os 13 novos despedimentos comunicados hoxe pola dirección, posibilidade que será debatida en asemblea este luns. Nada máis coñecer a decisión, a representación dos traballadores/as celebraron unha asemblea urxente ás portas do centro médico e cortaron ao tráfico a rúa Salamanca.
2015 02 27 ProtestaAsembleaDespidosPovisaVigo01

A presidenta do comité, María Xesús Neira, don a CIG, asegurou con respecto á decisión que vén de comunicar a empresa que “era algo que xa agardabamos, como así o fixemos saber publicamente despois de que a dirección retirase o ERE extintivo para 56 traballadores/as”.

Con todo, a responsábel sindical dixo non entender como se lle permite agora á compañía aplicar os despidos unha vez que non foi adiante o ERE porque non se atopaba debidamente xustificado.


“Non pode ser que agora permitan o despido de 10 celadores/as e tres traballadores/as de arquivo e a modificación das condicións laborais de outros/as 23 empregados/as, incumprindo a Lei da Sanidade Pública e o concerto co Sergas, que establece que Povisa debe ter os mesmos estándares de calidade e iguais ratios de persoal, en definitiva, que os pacientes e usuarios/as deben de ter as mesmas condicións e atención que no Sergas, algo que non se dá porque están a reducir o persoal de xeito considerábel”, comentou.


Neste senso, advertiu que os traballadores/as de Povisa desenvolven o seu labor cunha precariedade cada vez maior. Así, lembrou que hai determinadas horas nas que practicamente se reduce á metade o número de técnicos/as en coidados auxiliares de enfermería (Tecae) e celadores/as e criticou que tras os despidos quedarán só 24 celadores/as para atender todo o centro médico. “No hospital Xeral, con case o mesmo número de camas, na quenda de noite traballan 16 celadores/as, mentres que tras os despidos en Povisa haberá só tres”.


Asemblea de traballadores/as o luns 2 de marzo

Neira lembrou que existe unha sentenza do TSXG que lle dá a razón ao cadro de persoal no referente ás quendas de Tecae e celadores/as “que non se está a cumprir” e censurou que “ninguén lle obriga á empresa a facelo, cando coa sentenza tería que aumentar o persoal; ao contrario, o que fai é despedir cada vez máis xente”. Diante disto, cualificou a dirección de Povisa de “prepotente” e denunciou que “non lle importan o máis mínimo nin os pacientes nin os traballadores/as”.


De feito, tras a retirada do ERE o comité solicitou unha xuntanza coa dirección para iniciar a negociación do novo convenio, atopándose coa súa negativa; “e agora o que fai é despedir a persoas que levan moitos anos na empresa, cando continúa a facer novos contratos vinculados ao concerto co Sergas”.


A presidenta do comité, que se amosou convencida de que Povisa seguirá cos despedimentos no caso de que non logre un convenio favorábel, cargou tamén contra a Consellería de Sanidade e o Sergas, aos que acusou de “mirar para outro lado”, ao igual que o PP, os Xulgados ou a propia Inspección e Traballo. “Esquécense de que traballamos con persoas e que estamos sometidos/as a moita presión; calquera día vai pasar algo e despois botarémonos as mans á cabeza”.


Finalmente, indicou que a decisión de convocar folga e mobilizacións, da que se amosa partidaria o comité de empresa a excepción de CCOO, será abordada o vindeiro luns na asemblea de traballadores/as a celebrar no salón de actos do hospital, “xa que hoxe se nos foi denegado o uso dese espazo ao non telo solicitado con 48 horas de antelación, a pesar de que se trata dunha cuestión de máxima urxencia. Foi por iso que hoxe decidiron convocar ao persoal diante do centro médico ás 15.00 horas para comunicarlles os despidos e realizar unha primeira concentración que incluíu un corte de tráfico na rúa Salamanca.

 
Povisa esgrime a previsión de que terá perdas de 5 millóns de euros en 2015 para xustificar o despido de 56 traballadores/as Imprimir
POVISA - Xeral
Mércores, 28 Xaneiro 2015 12:00
O comité de empresa do hospital vigués rexeita o ERE extintivo e anuncia a convocatoria de mobilizacións

 
A dirección de Povisa anunciou hoxe que aplicará un ERE extintivo que vai a afectar a 56 traballadores/as e argumentou a decisión asegurando que prevé perdas de 5 millóns de euros este ano. O comité de empresa do hospital vigués rexeita os despedimentos e anuncia mobilizacións, como a celebrada esta mesma tarde ás portas do centro médico.


O anuncio foi feito durante a xuntanza mantida esta mañá coa representación do cadro de persoal, tras a que os traballadores/as celebraron unha asemblea e desenvolveron unha concentración de protesta ás portas do hospital mentres o comité de empresa (a excepción do sindicato médico Omega e de CCOO) ofrecía unha rolda de prensa.

 

Na comparecencia, a presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, detallou o contido da proposta que horas antes lles trasladara a empresa. Así, explicou que das 56 persoas que Povisa pretende despedir, 34 serían por supostas causas económicas (a dirección esgrimiu unha previsión de perdas de 5 millóns de euros para este ano) e 22 por causas organizativas, técnicas e produtivas.

 

O primeiro grupo inclúe as 14 empregadas/os da limpeza que quedaban vinculadas/os a Povisa, servizo que ficará completamente externalizado; os 5 telefonistas; os 5 empregados/as de control de visitas; e un total de 10 fisioterapeutas, sendo este o único servizo que non desaparece, aínda que fica sensiblemente mermado.

 

Das restantes 22 persoas afectadas -por causas organizativas, produtivas e técnicas- 10 serían por baixa carga de traballo (3 administrativos/as de arquivo e 7 de recepción, entre eles/as os 4 da secretaría clínica, servizo que tamén desaparece) e 12 por reordenación das quendas e dos horarios de celadores/as e auxiliares. “Deste xeito, o centro médico contará unicamente con 24 celadores/as, polo que as auxilares deberán de asumir estas funcións”, sostén Neira.

 

O comité rexeita as cifras da empresa

A representante sindical indicou que os criterios que utilizará a empresa para prescindir do persoal serán titulación, polivalencia, especialización, formación, sancións e dispoñibilidade e adiantou que a partir de agora ábrese un período de consultas que remata o vindeiro 21 de febreiro. Ao mesmo tempo, anunciou que as partes xa concretaron tamén o calendario das primeiras xuntanzas: 28 de xaneiro ás 16.00 horas, 30 de xaneiro ás 10.00 horas, 4 de febreiro ás 16.00 horas e 6 de febreiro ás 10.00 horas.

 

Neira quixo deixar claro que o comité non está de acordo coas cifras que manexa a empresa, que segue sen xustificar debidamente os datos que aporta. “En 2014 tivo 1,4 millóns de euros de beneficio e agora de súpeto din que van perder 5 millóns este ano, algo que non cadra porque van cobrar da Xunta unha cantidade fixa a pesar da baixada de usuarios/as”.

 

Para a presidenta do comité, detrás desta decisión atópase o interese de Povisa en liquidar o actual convenio colectivo para precarizar as condicións laborais dos traballadores/as de nova incorporación, “tal e como demostra o feito de que anuncien despidos mentres contunúan a facer contratacións vinculadas ao concerto co Sergas”.

 

Finalmente, adiantou que non van ceder nada do actual convenio e que intentarán que o ERE non se chegue a aplicar, “para o que solicitaremos o apoio de todos os partidos político e da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e convocaremos mobilizacións porque estamos seguros de que a empresa vai seguir despedindo persoal”.

A noticia en Avantar
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 Seguinte > Final >>