facebook     twitter

gripe
eu-galego
POVISA
CIG-Saúde reclama que o SERGAS adquira Povisa para garantir atención sanitaria pública a toda a área de Vigo Imprimir
POVISA - Xeral
Luns, 14 Outubro 2019 17:24

Poría ao dispor de Sanidade máis de 400 camas, unha Escola de Enfermería e instalacións preparadas.

Traballadores/as de Povisa, representantes da CIG-Saúde e da executiva confederal da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, concentráronse o venres 11 de outubro diante da consellaría de Sanidade para exixir ao SERGAS a adquisición de Povisa, antes de que remate o período de valoración da operación por parte da Comisión Nacional do Mercado da Competencia, polos 24 millóns que vai pagar a filial da multinacional Centene Corporation, Ribera Salud, garantindo o mantemento dos postos de traballo e o servizo sanitario público para a Área Sanitaria de Vigo.

 

concentracion 11 outubro

 

Así o explicaba no decurso da concentración a representante da CIG no comité de empresa de POVISA, María Xesús Neira, quen cuestionou as afirmacións do conselleiro de Sanidade, en sede parlamentaria, respecto das garantías que ofrece esta empresa no relativo ao mantemento dos postos de traballo e as condicións, mais tamén respecto dos supostos investimentos que ten previsto facer a multinacional no centro hospitalario. “Seguramente si pero se vai investir en maquinaria, en modernizar o edificio e sobre todo na parte privada. Van tratar de que os privados aumenten, que é onde realmente queren meter. No que é a parte SERGAS imos seguir igual ou peor”, afirmou.


Neira cuestionou tamén que non só o PP, senón tamén o PSOE e a propia CCOO non se opoñan á venda e limiten as súas demandas a que se garanta o emprego e se negocie o convenio colectivo.


A este respecto preguntouse “onde quedan garantidos os postos de traballo e a negociación do noso convenio colectivo. Centene ten cartos, vai investir, pero non nos traballadores, vai investir no seu negocio. E vai apretarlle as porcas ao SERGAS co novo concerto e o van facer porque eles son poderosos e nos van poñer a nós enriba da mesa como moeda de cambio e vai ser así e irán despedindo ao persoal e metendo aquela xente que nun principio non lle causen problemas nin lle fagan fronte. Iso é o que vai pasar en Povisa, vaia a haber despedimentos, témolo claro”.


Neste sentido, Manuel Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, advertiu que non só se van utilizar ás traballadoras e traballadores como moeda de cambio, senón tamén “ás 137.000 persoas que están sendo atendidas con cartos públicos e para as que non hai unha alternativa para darlle asistencia sanitaria, porque o PP, nos sucesivos gobernos á fronte da Xunta de Galiza, xa planificou o sistema sanitario para condicionalo a este modelo de cara á privatización. Isto vai obrigar ao SERGAS a negociar con eles”.


Para Moreira esta “forte ameaza” debería ser aproveitada como “unha oportunidade” para recuperar POVISA, “un hospital con máis de 400 camas, unha escola de enfermería, unhas instalacións preparadas”, por 24 millóns. “Podemos xestionalo nós, por primeira vez na área de Vigo, e deixamos así de ser prisioneiros de POVISA que nos condicionou, desprendéndonos dun parásito que cos cartos públicos incrementa o seu negocio privado. Gastemos os cartos dentro da casa, xestionémolos nós porque a resposta para Vigo non poden ser parches”.

 

Ribera Salud vinculado á corrupción en Valencia

Xunto a isto a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou a vinculación de Ribera Salud coa corrupción en Valencia. Lembrou que xestionaba o hospital de Alzira e que tivo que ser revertido á sanidade pública polas reiteradas denuncias que tivo, e insinuou intereses escuros, afirmando que “Ribera Salud apareceu da man do propio Partido Popular”.


Abuín lembrou ademais, que os sindicatos en Valencia tampouco se sumaron á demanda de que o hospital de Alzira fora asumido polo sistema público de saúde da comunidade o que mesmo obrigou ás traballadoras e traballadores a constituírse nun sindicato propio para poder canalizar as súas demandas. 

Compra-POVISA

 

 

 
Non a venda de POVISA Imprimir
POVISA - Xeral
Luns, 07 Outubro 2019 08:22

 

CIG-Saúde exixe que a Xunta recupere POVISA para a Sanidade Pública en lugar de permitir a súa venda

Denunciamos que Ribera Salud está implicada nas “mordidas” en Valencia e que alí se recuperaron os hospitais

Concentracion-venda-POVISA

CIG-Saúde denuncia a operación de venda do hospital de POVISA e exixe que sexa a Xunta de Galiza quen o adquira, para que sexa público, polos 24 millóns de € que vai pagar a filial da norteamericana Centene Corporation, Ribera Salud. “O SERGAS destina anualmente 90 millóns a POVISA nun convenio coa Xunta para dar prestación a máis de 137.000 usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo, polo tanto non se pode deixar en mans dunha empresa privada cuestionada polo traballo que ten desenvolvido no hospital de Alcira”, afirma a secretaria nacional, María Xosé Abuín.


CIG-Saúde lembra que o hospital de Alzira, na Comunitat Valenciana, foi revertida ao público en Valencia tras denunciarse numerosas irregularidades nas que estaba implicada Ribera Salud. Entre outras cuestións, sinala que foi denunciada en 2015 porque levaba sen presentar as súas contas anuais desde 2008; por adebedar cartos á Generalitat Valenciana; por acumular miles e miles de euros en facturas sen pagar ou por sobrecustos na facturación de Urxencias de até 2,6 millóns de euros.


“Mesmo se investigou se cobraba comisións por próteses pagadas con cartos públicos e está implicada no caso das “mordidas”, tras constatarse que triplicara os seus beneficios e até foi investigada por Facenda. Toda unha serie de irregularidades que levaron finalmente á que se recuperara para o sector público en Valencia mais á que agora se lle abre a porta ao negocio da saúde en Galiza”, afirma Abuín.


Explicacións de Feijóo

Para CIG-Saúde o que está ocorrendo con POVISA “é intolerable”. Por iso ademais de solicitar unha reunión co conselleiro de Sanidade, demanda que o propio Presidente da Xunta dea explicacións. “Ten que dicir por que o goberno galego deixa marchar a POVISA por 24 millóns de euros cando estamos falando de que atende a 137.000 persoas da área sanitaria de Vigo investindo 90 millóns de euros do erario público cada ano”.


CIG-Saúde desconfía ademais de toda a operación e moito se teme que todo o que vén ocorrendo arredor de POVISA, desde hai un ano, desde o preconcurso de acredores até a mellora do convenio asistencial, co que se incrementou a partida do concerto porque, supostamente, non tiña recursos abondo, era “para facela máis atractiva facilitando as cousas para o desembarco desta empresa”. Por iso apunta á consellaría de Sanidade como “coñecedora e cómplice” de todo este asunto.


Abuín sinala ademais que “aínda que agora digan que van garantir os postos de traballo, a CIG-Saúde sospeita que isto sexa de inicio”. Alerta de que Ribera Salud foi denunciada por non manter as ratios de profesionais necesarios/as por número de doentes para garantir a calidade asistencial e acusa ao goberno galego pola súa “desidia, cando estamos falando de xogar a vender a saúde das persoas”.


Ademais, CIG-Saúde moito se teme que esta sexa só a primeira pata que Ribera Salúd pon na sanidade galega, porque “xa corren rumores de que ademais pretende facerse co accionariado da UTE que é propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro”.


Por iso denuncia que “se Feijóo permite esta operación estará poñendo en mans da sanidade privada toda a asistencia sanitaria da área de Vigo, unha área xa castigada polos recortes, polas listas de agarda e polo modelo de privatización do Álvaro Cunqueiro, algo que para  CIG-Saúde é inadmisible”.

 

 
Povisa marca como obxectivo reducir as actuacións en pacientes do Sergas Imprimir
POVISA - Xeral
Mércores, 10 Xullo 2019 10:57

Nota-prensa-POVISA-recortes-SERGAS

 
A CIG-Saúde denuncia que a campaña de captación de 'clientes' iniciada por Povisa sáltase os procedementos establecidos polo Sergas Imprimir
POVISA - Xeral
Mércores, 25 Novembro 2015 07:02

A CIG-Saúde sostén que o hospital vigués está a recoller datos persoais e de tarxeta sanitaria de persoas que non teñen vinculación co centro.


CIG-Saúde denuncia que o hospital Povisa de Vigo está a facer unha "agresiva campaña de captación de pacientes/clientes" que desborda os límites dos procedementos establecidos polo Sergas, chegando a recoller datos persoais e de tarxeta sanitaria de persoas que non teñen vinculación co centro médico privado. Dende a central solicítanlle á cidadanía que aposte pola defensa da sanidade pública e reclame que sexa dotada de todos os recursos humanos e materiais necesarios para que poida prestar un servizo de calidade.
2015 03 19 ManifaDelegadosCIGPovisa10
Dende a central lembran que tal e como recolle a Instrución 7/ 2014 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, do 1 ao 30 de novembro está aberto o período anual de elección de hospital para a poboación dos concellos e centros de saúde que actualmente teñen asignado Povisa como hospital de referencia.

Mais o centro médico está a facer "unha agresiva campaña de captación de pacientes/clientes" que desborda os límites desta instrución do Sergas, chegando a recoller datos persoais e de tarxeta sanitaria de persoas que non teñen vinculación con este centro médico privado e saltándose o procedemento regrado para solicitar o cambio: os centros de saúde.

Sosteñen que diante das criticas da cidadanía ao modelo de financiamento e xestión do novo hospital de Vigo e dos problemas detectados coa súa posta en marcha, Povisa intenta tirar máis rédito económico incrementando o número de pacientes asignados, incrementando así o seu volume de ingresos, pois o pago do concerto é capitativo.

Ademais, critican que o hospital privado non aposte por incrementar o número de profesionais para equiparar os seus “ratios” coa sanidade pública.

 

Inciden tamén en que os problemas asistenciais e organizativos detectados no novo hospital soluciónanse coa súa recuperación para a sanidade pública “e non derivando máis cartos de todos/as á sanidade privada”.

Diante disto, solicítanlle á cidadanía que aposte pola defensa da sanidade pública e reclame que sexa dotada de todos os recursos humanos e materiais necesarios para que poida prestar un servizo de calidade.

 
A CIG volve ser a forza máis votada nas eleccións sindicais celebradas no hospital Povisa de Vigo Imprimir
POVISA - Xeral
Sábado, 30 Maio 2015 22:08
A CIG logrou seis delegados/as no comité de empresa.
A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas no hospital Povisa de Vigo, sendo a forza máis votada cun total de 275 votos. Deste xeito, a central nacionalista contará con seis representantes no comité de empresa do centro médico privado.
2015 05 29 CandidaturaEleccionsSindicaisCIGPovisa

As eleccións sindicais celebradas onte no hospital vigués Povisa volveron rexistrar unha vitoria da CIG, que con 275 votos foi a forza máis votada, por diante do sindicato médico Omega, con 213 apoios. Así, a central contará con seis representantes no comité de empresa, por cinco de Omega.

 

A continuación situouse CCOO con 193 sufraxios e catro delegados/as, os mesmos que o sindicato de enfermeiros/as Unenf, aínda que con 176 votos. A coalición entre a CGT e o SGPS sumou 147 apoios e tres representantes, mentres que a USO logrou 54 votos e un delegado/a. A UGT, con 23 sufraxios, fica sen representación.

 

Por colexios, a CIG logrou tres delegados/as en cada un deles (técnicos/as e administrativos/as e especialistas e non cualificados/as), mentres que tanto Omega como Unenf conseguiron os seus representantes unicamente no colexio de técnicos/as e administrativos/as.

 

CCOO tamén repartiu a súa representación con dous delegados/as en cada colexio e a coalición CGT-SGPS logou un en técnicos/as e dous en especialistas. Deste último colexio tamén saíu o representante da USO.

 

Finalmente, dende a CIG agradeceron o apoio recibido por parte dos empregados/as do hospital e reiteraron que seguirán a opoñerse a que se negocie un convenio colectivo distinto para o persoal fixo e para o eventual. “A nosa aposta é por un convenio digno único para todos os traballadores/as”, rematan.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 Seguinte > Final >>