facebook     twitter

gripe
eu-galego
A CIG forza unha reunión co conselleiro de Sanidade tras pecharse nas dependencias do SERGAS Imprimir Correo-e
POVISA
Martes, 22 Outubro 2019 17:45

A central reclama información sobre a compra de Povisa e a súa adquisición para garantir a atención sanitaria dende o público.


 

Delegadas e delegados da CIG no comité de POVISA e membros da CIG-Saúde realizaron un peche o martes 22 de outubro na Consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para forzar unha reunión co conselleiro ante o proceso de compra do centro hospitalario por parte da aseguradora estadounidense Centere e para reclamar a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.


A medida de presión levantouse por volta da unha da tarde, logo de manterse unha tensa xuntanza co Xerente do SERGAS, quen se comprometeu a fixar esta semana unha data de reunión co conselleiro nun prazo máximo de 15 días. A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, criticou a pasividade que está a amosar o Goberno galego ante o proceso de venda de POVISA, malia a repercusión que a actividade deste hospital ten en toda a área sanitaria de Vigo. Por iso, denunciou que non se concretara xa hoxe a data do encontro e advertiu que “agardamos que o conselleiro cumpra co compromiso que nos acaba de transmitir o Xerente, porque do contrario teremos que incrementar as medidas de presión”.

 

María Xesús Neira, voceira do comité de empresa, lamentou que malia ter solicitada a reunión dende o pasado 8 de outubro “e de vir concentrarnos aquí hai dez días, finalmente tiveramos que facer hoxe esta acción para lograr unha resposta”. Neira salientou que Vázquez Almuíña é o máximo responsábel de Sanidade “e non pode inhibirse ante un tema tan grave. Queremos transmitirlle todos os problemas que temos, todo o que supón a venda e como lle vai afectar aos/ás usuarios/as e ás/aos traballadoras/es”.

 

Un hospital que atende a máis de 135.000 persoas

Nesta liña, María Xosé Abuín tamén criticou que o Xerente do SERGAS puxera como escusa para non recibir a CIG que teñen que trasladar conxuntamente a información ao resto de sindicatos, malia ser a CIG a única central que demandou este encontro. “Queremos saber con claridade que vai pasar coa compra por parte desa multinacional dun centro que atende a máis de 137.000 persoas e que ten repercusión sobre o desenvolvemento do resto da área sanitaria de Vigo”, urxiu. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sobre este punto, Neira reiterou o rexeitamento da venda do hospital a Ribera Salud, “atrás da que está a multinacional Centene, que sabemos que o único que vén facer é negocio coa sanidade. Por iso, reclamamos que POVISA sexa absorbido polo SERGAS, xa que hai fórmulas legais para facelo, e que a sanidade se preste 100% dende o público”.

 

 

A voceira do comité lembrou que POVISA entra dentro da rede sanitaria pública da área sur de Pontevedra, atende a 137.000 persoas e ten 1.400 traballadores/as, “polo que é obriga da Consellaría de Sanidade e da Xunta impedir esta venda a prezo de ganga”. A este respecto preguntouse que ten cambiado dende o ano 2011, cando a dirección presentou un ERE porque non se renovaba o concerto co SERGAS “e Feijoo saíu facendo unhas declaracións nas que dicía que non estaba de acordo coa venda a Ribera Salud. Que foi o que mudou neste tempo para que agora si lle pareza ben esta compra?”.  

 

 

Chamamento a participar na manifestación deste xoves

 

Para o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, a situación é de tal gravidade que esixe unha resposta inmediata por parte da Administración, “que ten que garantir a asistencia sanitaria, porque non temos nesta área un recurso sanitario público alternativo”, algo que, advertiu, deixa a Centene “nunha situación de poder para negociar o que queira”. De aí que fixera un chamamento á cidadanía a tomar consciencia da gravidade da situación e a participar masivamente na manifestación convocada para este xoves, 24 de outubro, con saída ás 20 horas, dende a Praza dos Cabalos. 

 

 

“Non estamos só ante un cambio de accionariado, aquí hai un cambio de modelo coa entrada dunha empresa que ten uns antecedentes de problemas  xerados noutras comunidades. A cidadanía non pode quedar parada, temos que dar resposta e dicirlle á  Consellaría que non pode permitir a venda de POVISA por 24 millóns de euros”, advertiu. Nesta liña, González Moreira destacou que isto supón unha ameaza, “pero tamén unha oportunidade de recuperar a xestión deste centro desde o público e xestionar a área sanitaria sen a rémora que supón POVISA. A Consellaría ten que tomar a decisión política de mercar POVISA, xestionalo dende o público e facer unha remodelación do conxunto da área sanitaria”, concluíu.

 

 Noticia en Avantar

 

 
Converter POVISA para a sanidade pública Imprimir Correo-e
POVISA
Mércores, 23 Outubro 2019 10:52

POVISA-publica

 
NON A COMPRA DE POVISA POR UNHA ASEGURADORA DOS ESTADOS UNIDOS Imprimir Correo-e
POVISA
Martes, 22 Outubro 2019 17:34

Mani-Compra-POVISA-24102019-1 1

 

 

POVISA estivo a negociar coa Corporación Centene este contrato de venda mentres presionaba á Xunta, ao persoal e á poboación coa quebra (anunciou un Pre-concurso de Acredores) grazas ao que conseguiu una importante mellora no pago por habitante, ao descontar un elemento importante como é a medicación de alto impacto.


Nuñez Feijoo e o seu goberno ou son cómplices desta trama ou son uns incapaces.

Pola súa banda o hospital POVISA admitiu que mantivo desde hai algún tempo negociacións co Grupo Ribera Salud para a venda do centro.


Coa autorización desta venda Nuñez Feijoo leva ao extremo en Vigo a súa política de poñer en mans norteamericanas os recursos sanitarios públicos de Galicia (a Cardioloxía do hospital Xeral de Galicia foi cedida á multinacional Medtronic e a investigación hospitalaria á farmacéutica Johnson and Johnson).


A Xunta pode, en base ás axudas continuadas a este centro privado non autorizar a venda e exercer o seu dereito a unha compra polos 24 millóns de euros polos que oficialmente se vende (un autentico agasallo) que podería afrontar coa cuarta parte do Fondo de Continxencia da Xunta, que é de case 80 millóns, co que evitaría o endebedamento. O contrato deberá ser revisado tamén pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Non sabemos se este agasallo vai acompañado doutras compensacións, dado que se descoñecen os termos do contrato. Hai que lembrar que POVISA recibe uns 84 millóns euros anuais da Sanidade Pública galega.


A aseguradora estadounidense Corporación Centene (propietaria de Ribera Salud) que será a nova dona de POVISA.


POVISA xa ten demostrado que non é de fiar:

 

• A Consellería de Sanitat Valenciana detectou no Hospital de Alzira, do grupo Ribera Salud, sobre custos de 2,6 millóns de euros por irregularidades na atención de urxencias, por facturas inchadas e por dobre facturación.

• A Fiscalía de Valencia solicitou a imputación dos principais directivos desta compañía por cobrar comisións por vendas de material sanitario dos seus provedores que trasladaba á administración valenciana sen as rebaixas correspondentes. Esta práctica foi cualificada de presunto delito de malversación de fondos públicos e prevaricación polos tribunais.

• O informe da Intervención Xeral 2003-2012 da Comunidade Valenciana denunciou problemas de opacidade, ausencia de control e mesmo conivencia da Generalitat coas empresas adxudicatarias, como consecuencia da falta de fiscalización da actividade do centro.

• A aseguradora Centene pechou a súa filial Kentucky Medicaid coa que xestionaba o Servizo de Saúde dese Estado, despediu a todo o seu persoal e cesou a súa actividade deixando sen servizo sanitario a 140.000 pacientes.

A compra de POVISA por Centene incrementa o risco de privatización da sanidade publica galega dado e enorme peso e poder desta multinacional aseguradora, moi superior ao dos actuais donos de POVISA:

• Centene ocupa o posto número 51 das empresas máis potentes dos Estados Unidos e está investindo tamén en outros países como Chile, Perú ou Eslovaquia.

• O xigante de EE. UU. pretende cambiar o noso modelo sanitario ao anunciar que aposta por un modelo de xestión onde a Administración financia, controla e é a dona do sistema; mentres eles operan como unha "franquía" que asegura a "boa xestión".


Ribera Salud posúe os hospitais de Torrevieja, Denia, e Elxe na Comunidade Valenciana e o de Torrejón, en Madrid, grazas aos apoios do PP en ambas comunidades. Concessia posúe o 10% das accións deste hospitale á vez forma parte das empresas accionistas da Concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, o que supón  que a totalidade da atención hospitalaria de Vigo estea controlada por esta empresa (monopolio do servizo sanitario público de Vigo).


Aínda que POVISA tivo unha gran capacidade para influenciar as decisións e recursos da Sanidade Públicade Vigo, Centene terá aínda máis poder para condicionar e chantaxear á administración sanitaria pública.


No proceso de reversión de Alzira á sanidade pública, a compañía estadounidense xa presionou aoembaixador español en Washington para frear o proceso de rescate da Generalitat, como consecuencia oembaixador de Estados Unidos en España advertiu das consecuencias negativas que tería para aComunidade Valenciana a reversión da concesión a Ribera Salud.


É impensable que despois dos 3 a 5 anos de vixencia que restan do Concerto actual, Centene acepterematalo. Tamén é impensable que nestes anos a Consellería de Sanidade dote á sanidade pública dosrecursos suficientes para poder asumir a atención das 137.000 persoas que POVISA atende na actualidade.


Unha multinacional non inviste nun hospital en perdas, polo que é previsible que adopte algunhas medidas para manter o negocio:


1.- Reducir persoal aplicando un ERE e recortar as súas condicións salariais e laborais.

Os traballadores de Alzira tiñan peores condicións laborais cos traballadores do sistema público:

Menos persoal, 200 horas mais de traballo ao ano e un soldo un 15% inferior. O persoal facultativo

tiña unha xornada anual un 12% superior e unha retribución un 11,5% inferior que o estatutario.


2.- Reducir oferta e calidade das prestacións a súa poboación de referencia.

O presidente de Centene deixou recentemente claro que quere “cambiar a forma en que as persoas experimentan a atención médica para que sexa máis simple, mellor e de menor custo". Centene é unha aseguradora especializada en xestionar servizos de Atención Primaria e Ribera Salud conseguiu a integración da mesma no hospital de Alzira. Por iso é previsible que pretenda facerse cos centros de saúde da área para controlar o fluxo de pacientes ao seu hospital


3.- Obter novas axudas da administración como vén facendo desde sempre POVISA pola súaconivencia coa administración.

 

En base a estes feitos, parece máis que razoable que o SERGAS non debería autorizar esta venda á Corporación Centene e exercer o seu dereito de compra en base ao interese xeral para a saúde pública deVigo.


A Comisión Europea definiu o interese xeral europeo como "satisfacción das necesidades básicas dos cidadáns e a preservación de bens públicos, cando o mercado falla".


Desde a maioría do Comité de Empresa de POVISA e a Plataforma SOS Sanidade Pública rexeitamos esta compra por unha contía mínima e denunciamos a perda de oportunidade da Xunta de adquirir POVISA por 24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.


A compra de POVISA por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados

 
CIG-Saúde reclama que o SERGAS adquira Povisa para garantir atención sanitaria pública a toda a área de Vigo Imprimir Correo-e
POVISA
Luns, 14 Outubro 2019 17:24

Poría ao dispor de Sanidade máis de 400 camas, unha Escola de Enfermería e instalacións preparadas.

Traballadores/as de Povisa, representantes da CIG-Saúde e da executiva confederal da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, concentráronse o venres 11 de outubro diante da consellaría de Sanidade para exixir ao SERGAS a adquisición de Povisa, antes de que remate o período de valoración da operación por parte da Comisión Nacional do Mercado da Competencia, polos 24 millóns que vai pagar a filial da multinacional Centene Corporation, Ribera Salud, garantindo o mantemento dos postos de traballo e o servizo sanitario público para a Área Sanitaria de Vigo.

 

concentracion 11 outubro

 

Así o explicaba no decurso da concentración a representante da CIG no comité de empresa de POVISA, María Xesús Neira, quen cuestionou as afirmacións do conselleiro de Sanidade, en sede parlamentaria, respecto das garantías que ofrece esta empresa no relativo ao mantemento dos postos de traballo e as condicións, mais tamén respecto dos supostos investimentos que ten previsto facer a multinacional no centro hospitalario. “Seguramente si pero se vai investir en maquinaria, en modernizar o edificio e sobre todo na parte privada. Van tratar de que os privados aumenten, que é onde realmente queren meter. No que é a parte SERGAS imos seguir igual ou peor”, afirmou.


Neira cuestionou tamén que non só o PP, senón tamén o PSOE e a propia CCOO non se opoñan á venda e limiten as súas demandas a que se garanta o emprego e se negocie o convenio colectivo.


A este respecto preguntouse “onde quedan garantidos os postos de traballo e a negociación do noso convenio colectivo. Centene ten cartos, vai investir, pero non nos traballadores, vai investir no seu negocio. E vai apretarlle as porcas ao SERGAS co novo concerto e o van facer porque eles son poderosos e nos van poñer a nós enriba da mesa como moeda de cambio e vai ser así e irán despedindo ao persoal e metendo aquela xente que nun principio non lle causen problemas nin lle fagan fronte. Iso é o que vai pasar en Povisa, vaia a haber despedimentos, témolo claro”.


Neste sentido, Manuel Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, advertiu que non só se van utilizar ás traballadoras e traballadores como moeda de cambio, senón tamén “ás 137.000 persoas que están sendo atendidas con cartos públicos e para as que non hai unha alternativa para darlle asistencia sanitaria, porque o PP, nos sucesivos gobernos á fronte da Xunta de Galiza, xa planificou o sistema sanitario para condicionalo a este modelo de cara á privatización. Isto vai obrigar ao SERGAS a negociar con eles”.


Para Moreira esta “forte ameaza” debería ser aproveitada como “unha oportunidade” para recuperar POVISA, “un hospital con máis de 400 camas, unha escola de enfermería, unhas instalacións preparadas”, por 24 millóns. “Podemos xestionalo nós, por primeira vez na área de Vigo, e deixamos así de ser prisioneiros de POVISA que nos condicionou, desprendéndonos dun parásito que cos cartos públicos incrementa o seu negocio privado. Gastemos os cartos dentro da casa, xestionémolos nós porque a resposta para Vigo non poden ser parches”.

 

Ribera Salud vinculado á corrupción en Valencia

Xunto a isto a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou a vinculación de Ribera Salud coa corrupción en Valencia. Lembrou que xestionaba o hospital de Alzira e que tivo que ser revertido á sanidade pública polas reiteradas denuncias que tivo, e insinuou intereses escuros, afirmando que “Ribera Salud apareceu da man do propio Partido Popular”.


Abuín lembrou ademais, que os sindicatos en Valencia tampouco se sumaron á demanda de que o hospital de Alzira fora asumido polo sistema público de saúde da comunidade o que mesmo obrigou ás traballadoras e traballadores a constituírse nun sindicato propio para poder canalizar as súas demandas. 

Compra-POVISA

 

 

 
Non a venda de POVISA Imprimir Correo-e
POVISA
Luns, 07 Outubro 2019 08:22

 

CIG-Saúde exixe que a Xunta recupere POVISA para a Sanidade Pública en lugar de permitir a súa venda

Denunciamos que Ribera Salud está implicada nas “mordidas” en Valencia e que alí se recuperaron os hospitais

Concentracion-venda-POVISA

CIG-Saúde denuncia a operación de venda do hospital de POVISA e exixe que sexa a Xunta de Galiza quen o adquira, para que sexa público, polos 24 millóns de € que vai pagar a filial da norteamericana Centene Corporation, Ribera Salud. “O SERGAS destina anualmente 90 millóns a POVISA nun convenio coa Xunta para dar prestación a máis de 137.000 usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo, polo tanto non se pode deixar en mans dunha empresa privada cuestionada polo traballo que ten desenvolvido no hospital de Alcira”, afirma a secretaria nacional, María Xosé Abuín.


CIG-Saúde lembra que o hospital de Alzira, na Comunitat Valenciana, foi revertida ao público en Valencia tras denunciarse numerosas irregularidades nas que estaba implicada Ribera Salud. Entre outras cuestións, sinala que foi denunciada en 2015 porque levaba sen presentar as súas contas anuais desde 2008; por adebedar cartos á Generalitat Valenciana; por acumular miles e miles de euros en facturas sen pagar ou por sobrecustos na facturación de Urxencias de até 2,6 millóns de euros.


“Mesmo se investigou se cobraba comisións por próteses pagadas con cartos públicos e está implicada no caso das “mordidas”, tras constatarse que triplicara os seus beneficios e até foi investigada por Facenda. Toda unha serie de irregularidades que levaron finalmente á que se recuperara para o sector público en Valencia mais á que agora se lle abre a porta ao negocio da saúde en Galiza”, afirma Abuín.


Explicacións de Feijóo

Para CIG-Saúde o que está ocorrendo con POVISA “é intolerable”. Por iso ademais de solicitar unha reunión co conselleiro de Sanidade, demanda que o propio Presidente da Xunta dea explicacións. “Ten que dicir por que o goberno galego deixa marchar a POVISA por 24 millóns de euros cando estamos falando de que atende a 137.000 persoas da área sanitaria de Vigo investindo 90 millóns de euros do erario público cada ano”.


CIG-Saúde desconfía ademais de toda a operación e moito se teme que todo o que vén ocorrendo arredor de POVISA, desde hai un ano, desde o preconcurso de acredores até a mellora do convenio asistencial, co que se incrementou a partida do concerto porque, supostamente, non tiña recursos abondo, era “para facela máis atractiva facilitando as cousas para o desembarco desta empresa”. Por iso apunta á consellaría de Sanidade como “coñecedora e cómplice” de todo este asunto.


Abuín sinala ademais que “aínda que agora digan que van garantir os postos de traballo, a CIG-Saúde sospeita que isto sexa de inicio”. Alerta de que Ribera Salud foi denunciada por non manter as ratios de profesionais necesarios/as por número de doentes para garantir a calidade asistencial e acusa ao goberno galego pola súa “desidia, cando estamos falando de xogar a vender a saúde das persoas”.


Ademais, CIG-Saúde moito se teme que esta sexa só a primeira pata que Ribera Salúd pon na sanidade galega, porque “xa corren rumores de que ademais pretende facerse co accionariado da UTE que é propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro”.


Por iso denuncia que “se Feijóo permite esta operación estará poñendo en mans da sanidade privada toda a asistencia sanitaria da área de Vigo, unha área xa castigada polos recortes, polas listas de agarda e polo modelo de privatización do Álvaro Cunqueiro, algo que para  CIG-Saúde é inadmisible”.

 

 
Cronograma OPE Imprimir Correo-e
OPE
Martes, 01 Outubro 2019 11:18

En NOVEMBRO 2019 teñen prevista a toma de posesión das OPEs de:

  • Médico/a de familia
  • Enxeñeiro/a técnico/a
  • Grupo técnico da función administrativa
  • Grupo de xestión da función administrativa
  • Técnico superior en documentación sanitaria

 

 

No 2020, toma de posesión de:Ope

  • Enfermeira/o
  • Celador/a
  • Auxiliar administrativa/o

 

Exames de OPEs en curso en febreiro - marzo de 2020.

Novas convocatorias de OPE antes de rematar 2019:

  • FEAS
  • Médica/o de admisión
  • Médico/a de urxencias hospitalarias
  • Médica/o asistencial do 061
  • Logopeda
  • Terapeuta ocupacional
  • Técnica/o en farmacia
  • TEL
  • TER
  • TEAP
  • Técnica superior en hixiene bucodental
  • Técnico superior en radioterapia
  • Pinche
  • Cociñeira/o

A convocatoria do resto de categorías de persoal non sanitario con prazas ofertadas nos anos 2018 e 2019, quedará para o 2020.

Aprobouse a convocatoria de OPE da categoría de PSX pola quenda de discapacidade intelectual que se publicará en DOG proximamente.

 
Publicación resolución definitiva concurso de traslados aberto e permanente 2019 Imprimir Correo-e
Traslados
Martes, 01 Outubro 2019 11:14


O venres 27 de aetembro publicouse  no DOG a RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2019 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

TRASLADOS_SERGAS


Prazo de cese no centro de orixe: primeiro día hábil, é dicir, o 30 de setembro de 2019.

Prazos da toma de posesión:


- No mesmo centro: non hai prazo posesorio, a incorporación é inmediata a continuación do cese.

- Mesma área sanitaria (EOXI) e distinto centro: dentro dos 3 días hábiles seguintes á publicación.

- Distinta área sanitaria:  dentro dos 15 días hábiles

- Distinto servizo de saúde: no prazo de 1 mes.


Na categoría de médico/a de familia de atención primaria, o cesamento e a toma de posesión dos novos destinos efectuarase de modo simultáneo á incorporación dos/das aspirantes seleccionados/as na convocatoria de OPE desta categoría (previsiblemente no mes de novembro de 2019).

 
2ª edición cursos formación online Imprimir Correo-e
Formación
Martes, 24 Setembro 2019 10:21

ViolenciaXénero

Duración: 50 horas

 

Dirixidos a todas as categorías

 

Desconto especial para os/as afiliados/as de CIG


Accede á plataforma a través do seguinte enlace:

 

https://costalugoformacion.es/es/cursos-ciga

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>