Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

cig_sade_1

 

Comisión de Especializada. Resumo da Xuntanza de Marzo de 2015


Permisos e cambios de quenda
CIG-Saúde ten esixido en diferentes ocasións  criterios uniformes a hora da concesión de permisos e licenzas para evitar a discrecionalidade. Como consecuencia das numerosas denuncias que temos feito, a administración accede a presentar un borrador para o seu estudo. Nunha primeira lectura botamos en falta mais concreción e menos declaracións de intencións. Este borrador está incompleto, non incorpora varios permisos. Que non pretendan ternos engaiolados.  Sabemos que a súa intención é recortar máis se cabe os dereitos dos traballadores. Con nós que non conten. Cando teñamos o documento ao completo faremos as alegacións que correspondan, pero non imos permitir casos como conceder permisos graduados en función dos días de ingreso por familiares.


Banco de Sangue H. Montecelo 
O persoal do Banco de Sangue do H.  Montecelo exixe, mediante escrito enviado a Comisión de Centro, a cobertura dunha vacante, por xubilación, de TCAE. Este posto estase a cubrir provisoriamente desprazando a unha traballadora doutro servizo. Esta situación crea disfuncións tanto nun servizo coma noutro, pois, provoca que se acumule o traballo. CIG-Saúde considera inadmisible esta situación,  e entende que hai carga de traballo suficiente para que  se cubra a tempo completo esta vacante.  A amortización de prazas é unha  realidade nesta EOXI, a pesar de que sexa negada pola actual dirección. 

 

Falta de reforzos en diferentes servizos
CIG-Saúde denuncia, unha vez máis, os cambios de servizos obrigatorios.  Consideramos que a hai carga de traballo máis que suficiente cómo para que non haxa estes movementos. Estes cambios provocan  nos profesionais un incremento do estres laboral que xunto coas responsabilidades propias do posto de traballo aumentan a carga emocional e o queime profesional. Esta dirección demostra falta de  coñecemento  sobre a realidade coa que os profesionais se enfrontan día a día no desenvolvemento da súa práctica laboral,  e unha a falta de empatía que lles impide recoñecer as situacións persoais. Viven instalados no seu status e non lles preocupa o máis mínimo o persoal que teñen ao seu cargo.     

 

Xuntanzas coa Dirección de Urxencias Hospital Montecelo
A dirección de RR.HH. informa que se contrataron catro facultativos e un máis por substitución.  CIG-Saúde pregunta se se vai a contratar a máis persoal de enfermería e de servizos, o Director de RR.HH. responde que os cambios que se van a facer no servizo non van implicar máis carga de traballo e polo tanto non se vai a contratar máis persoal. Estaremos vixiantes!  

 

Acomodos internos
CIG-Saúde pregunta para cando un novo concurso de traslados interno. O director de RRHH informa que está pendente  da resolución dunha denuncia que houbo sobre o anterior acomodo. Unha vez teña a sentenza valorará iniciar a negociación do novo acomodo, pero non antes do verán. Solicitamos iniciar as negociacións canto antes xa que a anterior alongouse demasiado no tempo, tendo en conta que en breve se vai resolver o acomodo externo e non vaia pasar coma da outra vez que os profesionais estiveron sen acadar destino definitivo durante máis de dous anos.        

 

Xestión das listas de contratación 
CIG-Saúde denuncia, unha vez máis, a mala xestión das listas de contratación.  A práctica habitual, desta dirección, é esperar ate a última hora para cubrir a ausencia ou a baixa, convertendo deste xeito en urxente e non programado unha situación previsible de antemán, co único fin de reducir a duración dos contratos.  Non se cobren baixas, nin vacacións, nin LDs... Os profesionais das listas de vinculacións temporais tamén teñen dereito ao traballo e non so a promesas e falsas expectativas.  

 

Deficiencias no abastecemento de material por parte da empresa adxudicataria do servizo de lóxistica.   
CIG-Saúde denuncia que coa privatización do almacén apareceron os problemas de abastecemento do material  necesario para levar a cabo os coidados que requiren os doentes. A calidade asistencial está en cuestión a pesar da propaganda da administración. O Director de RR.HH. di que as persoas que xestionan subministros recibiron  formación específica para o desenvolvemento da súa labor e que son incidencias puntuais que se están a resolver de xeito inmediato.  CIG-Saúde cuestionou xa no seu día esta privatización porque non había motivos técnicos nin de custes económicos para entregar a mans privadas este servizo, so había  e hai un interese de facer negocio coa sanidade pública.      


Mantemento Centro de  Mollabao
CIG-Saúde pregunta que vai a pasar co mantemento do Centro de Mollabao una vez que se xubile a persoa que está asumindo esta labor.  A dirección contesta que se vai a continuar facendo o mantemento cos traballadores do SERGAS desprazados desde o H.Montecelo.  CIG-Saúde,  manifesta que non está sendo así e denuncia que se está contratando a empresas privadas para facer os traballos que antes se facían cos profesionais do SERGAs. 
 

Consello de Saúde de Área
CIG-Saúde pregunta que pasou co Consello de Saúde nesta Área Sanitaria. O Director de RR.HH. contesta que non sabe como está o tema e que trasladará a Xerencia a pregunta. O obxectivo dos Consellos de Saúde de Área é dar participación cidadá é incorporar a visión e a percepción da sociedade no deseño e funcionamento dos proxectos asistenciais e na garantía de dereitos. Pero despois da chegada do PP ao poder deixáronse esmorecer pola negativa da Administración a convocalos, e nesa situación andamos. 

 

Rogos e Preguntas
1. CIG-Saúde pregunta se se vai reforzar cunha TCAE máis o servizo da 6ª de Montecelo posto que está habendo  moita carga de traballo.     
A dirección de enfermaría di que xa se reforza puntualmente cando os mandos intermedios así o consideran. Insistimos en que non é suficiente e que debe incrementarse cunha profesional máis o servizo.  
2. CIG-Saúde pregunta que vai facer a administración coas mostras de Anatomía Patolóxica.  A administración di que hai un informe da Sociedade de Anatomía Patolóxica que indica que as mostras se teñen que gardar só cinco anos. Demandamos saber cómo se vai proceder cos bloques de parafina. Comentan que aínda non valoraron que facer. Agardamos que non se destrúan mostras de interese para estudos posteriores.