Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

anatomia

CIG-Saúde lamenta a destrución de mostras biolóxicas do Servizo de Anatomía Patolóxica, que a Dirección da EOXI de Pontevedra e Salnés pretende facer, amparándose na falta de espazo e nunha lexislación que non obriga ao almacenamento máis ala dos dez anos.  

     En Pontevedra xa temos antecedentes negativos no tratamento da información clínica. En maio de 2004 un incendio arrasou a nave onde se almacenaban máis de un millón de historias clínicas nunhas condicións pouca adecuadas. A súa desaparición significou a eliminación dunha información moi relevante para coñecer as condicións de saúde da poboación da área sanitaria: borrouse unha parte esencial da nosa “memoria clínica”. Curiosamente a custodia daquelas historias estaba a cargo da empresa “Severiano  Gestión S.L.” que é a actual adxudicataria da Plataforma Loxística.     

     O argumento da falta de espazo para almacenar este material, non semella argumento suficiente para eliminar millóns de probas dun valor imporante para a investigación clínica. A falta de lexislación  tampouco debe ser amparo desta decisión, pois, existe lexislación e recomendacións para a conservación deste tipo de mostras (Orden 2095/2006 da Comunidade de Madrid, Lei 41/2002 de 14 de novembro reguladora da autonomía do paciente e dereitos e obrigacións en material de información e documentación clínica. Requisitos da Generalitat de Catalunya  que teñen de cumprir os laboratorios de anatomía patolóxica (Departament de Sanitat i Seguretat Social. Direcció General de Recursos Sanitaris. Barcelona. Conservación de mostras e documentos en Anatomía Patolóxica).

     A secuencia xenética do virus da gripe “española” foi descuberto a partir de autopsias de pulmón contidas en bloques de parafina do ano 1918, as mostras en parafina foron esenciais para reconstruír a evolución do VIH, ... Os países civilizados non borran a súa memoria e, neles, ese tipo de mostras consérvanse. A súa importancia potencial para investigacións futuras xustifica dabondo o custe económico do almacenaxe deste material. Se ese almacenamento non é posíbel facelo en cada área haberá que facelo nun almacén para toda Galiza. O SERGAS non debe permitir que se eliminen, e os cidadáns galegos deben esixirllo, Nos, CIG-Saúde, estámolo facendo.

Pontevedra, 2 de marzo de 2015