Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

CIG_AMB


Comisión de Especializada.

Resumo da Xuntanza do 27 de xaneiro de 2015.

Sentenzas LDs.

    A Administración informa de que todas as sentencias sobre os LDs xa están executadas e de que se notificou individualmente aos demandantes, e afirman que “hoxe por hoxe non se lle debe nada a ninguén”.

    CIG-Saúde insiste en que as carteleiras deben coñecerse ao inicio do ano e que os cómputos de xornada se teñen que axustar á norma establecida para evitar a confusión entre os traballadores. Aparentemente nesa liña, RR.HH. informa de que se está estudando a posibilidade de consultar a carteleira a través do FIDES (proba piloto en Ourense) e durante o mes de marzo será posíbel facelo no CHOP.

Permisos.

    CIG-Saúde insistiu na necesidade de ter unha xuntanza monográfica sobre permisos diante da variabilidade de criterios nos distintos servizos e unidades. O obxectivo é que, dunha vez por todas, se estableza un procedemento claro, e para todos por un igual, na concesión de permisos, licenzas e LDs.

    A dirección de RR.HH. di que  non ten competencias para establecer un procedemento ao marxe da Mesa Sectorial.  Insistimos que si hai marxe no ámbito da EOXI para chegar a acordos que nos permitan clarificar e unificar criterios para evitar situacións de indefensión por parte dos traballadores.

Urxencias H. Montecelo.

    CIG-Saúde pregunta que cambios se están a dar no servizo a raíz da incorporación do novo coordinador.

    A xerencia informa que se contratarán catro facultativos, se establecerá un novo “circuíto” para os pacientes e se creará unha consulta filtro para aquelas patoloxías máis leves.

    Preguntamos, tamén, se está previsto aumentar o cadro de persoal de enfermaría e do resto do persoal: a resposta que non teñen intención de facelo. 

Colapso de urxencias.

    CIG-Saúde pregunta porque non se tomaron medidas para evitar o colapso de urxencias como consecuencia da gripe,  igual que se tomaron medidas de urxencia nos meses de verán pechando camas e recortando en persoal.

    Na liña da Conselleira, a xerencia responde que non se pode prever cando se van a dar os picos da gripe e que este ano houbo problemas coas vacinas; vamos, que a culpa da saturación de urxencias é da xente porque non se vacina.

    Informaron, tamén, dunha serie de medidas que, seica, puxeron en marcha: 162 reforzos de enfermería, apertura da totalidade das camas da CMA, habilitaron camas na nova sala de Recuperación de Endoscopias, reforzaron o persoal en Pneumoloxía e Traumatoloxía, e dixeron que abriran todas as camas que tiñan pechadas.

    CIG-Saúde preguntou cantos pacientes se derivaron, no mes de xaneiro, ao Hospital Domínguez, o Xerente responde que quince fronte aos 112 do 2013 e 1700 no 2006; ver para crer, a este paso o Hospital Domínguez vai acabar pechando. 

Mobilidade interna 2015.

    A Dirección informou que non está previsto, polo de agora, abrir o proceso de mobilidade interna. A escusa utilizada polo Director de RRHH foi que, seica, non temos medios humanos dabondo para abordar o proceso; semella que non saben que existen as listas de contratación que sobordan de xente.

Sala Recuperación Endoscopias.

    CIG-Saúde pregunta cando será a apertura da nova sala de recuperación e con que persoal se porá en marcha.

    A Dirección responde que está pendente do mobiliario clínico e que só se dotará dun/ha TCAE e dun/ha DUE.

Listado de denegación LDs.

    Solicitamos un listado de denegacións de LDs, ao que o Director de RR.HH. respondeu que non tiña capacidade para darnos esa información xa que a tiña que elaborar manualmente, cousa que xa non ocorre en A. Primaria onde se pode consultar ao través do FIDES.

Intervencións suspendidas e pacientes pendentes de procesos terapéuticos  por falta de camas.

    Diante da pregunta que, sobre este tema, lle fixo CIG-Saúde, o Xerente saíu pola tanxente: dixo que non tiña datos concretos, pero dixo probabelmente non houbera ningunha suspensión.

    Sobran os  comentarios !!

Avarías Ascensores.

    CIG-Saúde, traslada á xerencia as queixas de traballadores e usuarios polas constantes avarías dos ascensores, instándolle a que resolva de vez o problema.

    O noso sindicato está convencido de que o claro incremento de avarías nos ascensores é unha máis das consecuencias dos recortes e privatizacións que o SERGAS está a aplicar no mantemento das súas instalacións. Moitos dos concursos nese ámbito, poden considerarse baixas temerarias que afectan a calidade do servizo e provocan a precarización laboral e salarial dos traballadores das contratas.

 

NOTA ACLARATORIA

    No resumo da Comisión de Especializada do mes de novembro de 2014, a respecto dunha pregunta que lle fixemos á xerencia sobre o Ébola, figura un comentario que pola súa redacción deu lugar a algún malentendido entre os profesionais que na EOXI de Pontevedra e Salnés, con ben poucos recursos, desenvolveron os traballos de formación do persoal relacionados co Ébola. O noso comentario facía referencia á teima privatizadora da Consellería que viña de asinar un contrato por 228.600 Euros cunha empresa para dar formación ao persoal do SERGAS de toda Galiza, e en absoluto pretendía ser unha crítica aos profesionais que deron formación sobre o Ébola na nosa Área. Sen embargo, a redacción do comentario prestábase a esa interpretación polo que pedimos desculpas aos profesionais do servizo afectado.