Segundo a información remitida hoxe pola Directora de RR.HH. do SERGAS, a toma de posesión simultánea dos procesos de provisión de prazas do persoal Facultativo Especialista de Área do Servizo Galego de Saúde -relativos ao proceso selectivo correspondente á oferta de emprego público de 2008 e ao concurso de traslados de 2009- terá lugar o vindeiro mes de setembro.

 A resolución definitiva de ámbolos dous procesos será dada a coñecer no próximo mes de xuño, de xeito que cada profesional coñeza, coa suficiente antelación, o centro no que pasará a prestar os seus servizos.

 O obxectivo de esta medida, segundo a Directora, é conseguir conxugar unha adecuada programación da actividade asistencial dos centros sanitarios co respecto ao dereito dos profesionais ao descanso vacacional que, sobre todo por razóns de conciliación da vida familiar e laboral dos profesionais do Servizo Galego de Saúde,  ten lugar habitualmente nos meses de xullo e agosto.