Na área sanitaria de Vigo, coas listas de garda máis longas, o número das pechadas supera o das abertas

CIG-Saúde denuncia o peche de camas durante o verán nos hospitais galegos

Compostela, 12 de maio de 2017.- A CIG-Saúde denuncia que as Xerencias das Áreas Sanitarias comezaron xa a comunicar o número de camas que teñen previsto pechar durante os meses de verán que, como en anos anteriores, chega en algúns casos a estenderse até o mes de outubro.

A falta de datos oficiais que confirmen o número definitivo de camas e servizos que pecharán en todas as áreas sanitarias, todo indica que será similar ao de anos anteriores: unhas 1.200 en total.

Con todo, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é especialmente rechamante que na área sanitaria de Vigo, “unha das que ten as máis longas listas de agarda, se manteña o Hospital do Meixoeiro case desmantelado, con unidades pechadas permanentemente e que agora se incrementa co peche das unidades que están en activo”.

De feito neste centro hospitalario, que ten un total de 343 camas, o número das pechadas vai ser maior que o das que van permanecer abertas, que serán só 163 (o 47,52%). “Coa demanda asistencial desta área sanitaria é unha irresponsabilidade tomar esta decisión, como xa o foi a de non volver a abrir 60 camas de cirurxía desde a posta en funcionamento do Álvaro Cunqueiro”.

Para a CIG-Saúde estamos diante dun “peche patronal no que o conselleiro, que actúa como Xerente desta empresa, só utiliza o argumento de que isto vén motivado polas vacacións do persoal”. Fronte a isto, Abuín lembra que “as traballadoras e traballadores só gozamos dun mes de vacacións, non catro, e que só ten que mirar o número de persoas que están inscritas nas listaxes de contratación para comprobar que hai relevo abondo para contratar en ausencia do persoal que marcha de vacacións”.

Para a CIG-Saúde, se no se pecharan camas e se contratara a este persoal estariamos mellorando, aínda que sexa temporalmente, os datos de desemprego, facilitando que, cando menos, este persoal puidera ter un contrato de catro meses. “Deste xeito garantiríase ademais que as e os doentes reciben a atención adecuada no prazo prescrito en función da súa patoloxía”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura que “non hai razóns técnicas nin asistencias que xustifiquen este peche dado que nin o propio conselleiro non é capaz nin de esgrimilas”. Porén, denuncia que “ao final do verán asistiremos a unha nova publicación dos datos das listas de agarda o suficientemente maquilladas como que pareza que malia este peche melloran”.

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical Galega

 

Información da reunión da Mesa Sectorial extraordinaria celebrada o día 30 de marzo de 2017


Único punto da orde do día: Plan de Estabilidade de emprego no SERGAS.

Nesta reunión produciuse un debate interesante entre o contido do plan de estabilidade que presenta o SERGAS e o acordo asinado onte na mesa de función pública do estado (acordo que a CIG non asinou):

A directora de RRHH explicou, que o Plan de Estabilidade do SERGAS xa contiña moitas das materias recollidas no acordo de Madrid, tales como:

  • O acordo de Madrid ao igual ca o do SERGAS só fala das vacantes producidas desde o ano 2012, as producidas desde o 2010 fixéronas desaparecer.
  • O acordo de Madrid recolle unha taxa de reposición do 100% das vacantes producidas no ano anterior, como recolle a lei de orzamentos desde o ano 2016. Tamén recolle, que se a lei de orzamentos o permite esta taxa se podería incrementar. O plan do SERGAS recolle que as convocatorias de OPE se realizarán coa máxima taxa que permita a lexislación estatal.
  • A directora de RRHH do SERGAS nega a existencia de 7.660 prazas vacantes no SERGAS (que era o que se recollía no borrador inicial do acordo de Madrid), di que nestas prazas están computadas toda a media anual das acumulacións de tarefas do SERGAS, incluídas as acumulacións de tarefas que se fan para a cobertura de vacacións, reforzos, e outras ausencias do persoal. O acordo asinado onte en Madrid xa non engade ningún anexo de persoal, o que se presentou xunto co borrador tamén desapareceu.
  • Con respecto ao que recolle o acordo de Madrid, páxina 3 do documento de acordo, referente a que as prazas que se oferten á promoción interna non computarán aos efectos da taxa de reposición, isto ten trampa: Na normativa do SERGAS, Decreto 206/2005 de provisión e selección, recóllese que as prazas ofertadas na OPE pola quenda de promoción interna e non cubertas, sumaranse ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre. Mais no total as prazas ofertadas nas dúas quendas non pode superar o 100% da taxa de reposición. Normativa básica do estado. Se o SERGAS aplicase o criterio do acordo de Madrid, e as prazas da promoción interna no computasen para a taxa de reposición, as prazas de OPE que non se cubriran por esta quenda, non se poderían sumar ás prazas convocadas pola quenda libre. Unha enleada.

No referente ao Plan de Estabilidade, non aceptaron ningunha das nosas alegacións.

  • O Plan só fala das vacantes producidas desde o ano 2013, as producidas nos anos 210/11/12 desapareceron.
  • Séguense negando a entregarnos os censos de persoal que lle reclamamos en todas as reunións:
  • Censo de persoal interino por área sanitaria, categoría e especialidade.
  • Censo de acumulacións de tarefas, de duración superior a un ano, por área sanitaria, categoría profesional e especialidade.
  • No referente as 400 prazas de acumulación de tarefas que recolle o plano para converter en vacantes no ano 2017, a directora de RRHH nun arrebato de sinceridade, comentou que maioritariamente serán de FEAS, tamén algunha de enfermeira.
  • No referente á comisión de seguimento que recolle o Plan de Estabilidade, coa única función de facer un seguimento de que o SERGAS cumpre o seu calendario, manifestamos que para a CIG-SAÚDE esta é unha comisión sen sentido ningún, xa que a competencia de negociar selección e provisión de prazas é da Mesa Sectorial.

O Plan vai ser aprobado por algunhas centrais sindicais. Quedaron en enviarnos a acta de fin de negociación. 
Desde CIG-SAÚDE seguimos a reclamar

  • Que se elimine a fórmula de computo da taxa de reposición, para que o SERGAS poida convocar todas as prazas vacantes des o ano 2010. Como mínimo 2.652 prazas, máis as 805 prazas vacantes producidas por xubilación no ano 2016.
  • Que o SERGAS negocie de boa fe, facendo entrega na Mesa Sectorial dos anexos de persoal con todas as prazas vacantes, cubertas por persoal interino, servizos determinados e acumulacións de tarefas de máis dun ano de duración.

Isto si que sería un verdadeiro Plan de Estabilidade que permitise rematar coa precariedade laboral, e coa destrución de emprego na Sanidade Pública.

 

 

CIG-Área Pública rexeita un "Acordo para a mellora do emprego público" que avala a súa destrución

 

 

              A CIG-Administración, a CIG-Ensino e a CIG-Saúde rexeitaron, en rolda de prensa, o acordo asinado este mércores, antes mesmo da celebración da Mesa Xeral das Administracións Públicas, por CCOO,UGT e CSIF. Denuncian que “é unha renuncia a recuperar todo o emprego público perdido durante todos estes anos” e que non contempla tampouco a recuperación nin dos dereitos laborais suprimidos, nin das condicións salariais recortadas. Lonxe disto, denuncian que se lle dá un aval ao Partido Popular para que utilice ao persoal das administracións públicas como arma para que se lle aproben os orzamentos de 2017.

2016-10-30 00.46.26“O contido deste documento non contempla a creación de emprego público en ningunha das administracións, non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan”.

Esta foi, segundo explicou a portavoz da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña, unha das principais causas polas que a central sindical acordou non asinar este “Acordo para a Mellora do Emprego Público” que, en realidade. non mellora o emprego público.

Non mellora o emprego público

De feito, as condicións salariais e os dereitos perdidos por mor da imposición de sucesivos decretos leis -que comezaron xa no ano 2010, con Zapatero, cun recorte do 5% nos salarios- se manteñen. “Non se fala da recuperación do poder adquisitivo perdido, de arredor dun 30% nestes anos, nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral que tiñamos establecida nas administracións ou da recuperación do complemento do 100% en caso de IT. Non se fala de nada de nada”, denunciaba López Santamariña.

Fronte a un acordo que a CIG-Área Pública entende que é tamén “unha renuncia a poder recuperar todo o que nos foron roubando e vai imposibilitar a reposición de efectivos nas administracións”, reclama a recuperación de dereitos, de servizos públicos e a dotación de cadros de persoal estruturais que permitan recuperar os servizos esenciais.

Lembra ademais que nin sequera se eliminan, como a CIG demandaba,  as taxas de reposición, que se manteñen e que serán dun 50% para a administración xeral e dun 100% para os servizos que se consideran esenciais.

Cumprimento das sentenzas europeas

A Área Pública da CIG considera que porén, do que se trata con este documento é de solucionar un problema que ten o Estado español e todas as administracións públicas: comunidades autónomas, concellos, universidades… por mor da precariedade campante en todos os seus servizos.

Unha precariedade da que López Santamariña responsabilizou “á política destrutiva” do PP e que afecta a entre un 30 e un 40% do seu cadro de persoal. “Agora, con este acordo, o goberno español poderá facer un lavado de cara acatando as sentenzas europeas coas que se lle chamaba a atención pola alta precariedade nas administracións públicas, por esta vía. Dáselle un balón de oxíxeno para regularizar os cadros de persoal, dotándoos de estabilidade nos postos de traballo nos que xa están”.

Incremento salarial do 1% que non compensa a perda do 30% de poder adquisitivo

Segundo se anunciou, prevese un incremento salarial do 1% para o persoal das administracións públicas, cando se calcula que desde  2010 perdeu arredor dun 30% nestes anos nos que, aos recortes salariais ou das pagas extra, hai que engadir as sucesivas subas do IPC que non se lles aplicaron. “É como rirse de nós”, afirmou a portavoz da Área Pública da CIG.

Falta de profesorado e con menos dereitos no ensino público

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, foi especialmente contundente no seu rexeitamento deste acordo que xunto coa CIG tampouco asinaron nin ELA, nin LAB. Denunciou que “é totalmente impresentábel, totalmente inaceptábel, que haxa organizacións sindicais que estean en disposición de asinalo”.

Lembrou que durante estes anos no ensino público, en Galiza, se perderon arredor de 3.000 profesores/as e que con este acordo “non se restitúe nin un deses”, porque o único que di “é que imos continuar co cadro de persoal que tiñamos até o de agora”.

Por iso afirmou que UGT, CCOO e CSIF asinaron a “acta de defunción” da reivindicación da restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado e do conxunto de empregados/as públicos/as e tamén da restitución do persoal que se perdeu durante estes anos. E xunto a isto considerou que estas organizacións sindicais “queren esquecer todo o que nos arrebataron” e avalan ademais “o empeoramento dos servizos públicos” e ao goberno do PP “para aprobar os orzamentos”.

Subliñou que non se trata xa de pedir melloras, senón de exixir a restitución deses dereitos “liquidados”. Por iso afirmou que “un sente vergonza allea de que haxa organizacións sindicais que din que representan á clase traballadora pero logo están dispostas a asinar un acordo como este, no que para o Ensino só contempla unha taxa de reposición do 100% que xa tiñamos”.

Falta de persoal na sanidade pública

Pola súa banda Susana Méndez, da Executiva da CIG-Saúde, considerou que estamos diante dunha acordo que non é máis que unha declaración de intencións, que non recolle concrecións, que mantén tamén para a Sanidade unha taxa de reposición do 100%, pero que “impide que se recuperen as máis de 3.500 prazas que se perderon desde o ano 2010”.

Méndez afirmou que esa recuperación de prazas é esencial para a sanidade pública galega porque “a inestabilidade e o aumento da carga de traballo supoñen unha diminución da calidade da prestación do servizo sanitario”.

Ademais denunciou que no referido a temporalidade, este acordo non pasa de frases vagas como analizar a porcentaxe de interinidade e outras cuestións, pero sen recoller datos concretos. “Serve só de carta branca ao goberno, sen aportar ningunha mellora para a sanidade pública ou para o persoal que a sostén”.

Así as cousas, agardou que na Mesa sectorial do SERGAS si se dea maior concreción “para rematar coa precariedade e temporalidade que afecta á sanidade pública e para recuperar esas 3.500 prazas que se perderon” a fin de garantir a prestación da asistencia sanitaria nunhas condicións dignas.

A noticia en Avantar

O SERGAS NON PODE LIMITAR OS DÍAS DE PERMISO POR HOSPITALIZACIÓN DE FAMILIAR 

ASÍ O AFIRMA UNHA SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA (TSXG) TRAS UNHA DEMANDA PRESENTADA POR CIG-SAÚDE


Fartas de que o SERGAS impoñese o seu personalísimo criterio para, no lugar de conceder o permiso por hospitalización dun familiar pola totalidade dos días que establece a Lei, conceder só o seu desfrute parcial, limitando o nº de días de permiso segundo os días de ingreso, coartando así o noso dereito a este permiso, a asesoría xurídica de CIG-SAÚDE interpuxo unha demanda reclamando no xulgado o dereito á totalidade dos días de permiso que correspondan pola hospitalización dun familiar. Dereito que o SERGAS nos negaba.

Esta demanda, non só se gañou, recoñecendo a sentenza firme do xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña a obriga do SERGAS a conceder o permiso íntegro pola totalidade dos días, senón que ademais o propio xuíz elevou ao TSXG unha cuestión de ilegalidade sobre esta limitación establecida na instrución do SERGAS.

Pois ben, agora, a sentenza do TSXG (22/12/16) danos rotundamente a razón:

“Fallamos que estimamos a cuestión de ilegalidade formulada polo xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña, e en consecuencia, declárase a ilegalidade e conseguinte nulidade da limitación do establecido na instrución do SERGAS “

CIG-SAÚDE fai un chamamento a todo o persoal para que reclame se o SERGAS lle denega a totalidade dos días de permiso que lle corresponden por hospitalización dun familiar.


Para máis información ponte en contacto coas/os delegadas/dos de CIG-SAÚDE.

Xa recortan bastante os nosos dereitos

Non lles permitas que che recorten aqueles nos que a Lei nos ampara

20170321_folleto_equiparacin_consorcio2

 

O Sergas estabilizará só 438 prazas cando as vacantes desde 2010 son 2.652


A CIG-Saúde rexeita un ‘suposto’ plan de estabilidade que “unicamente estabiliza o 16,51% das prazas”

A CIG-Saúde manifesta o seu rotundo rexeitamento ao Plan de Estabilidade do Emprego presentado polo SERGAS na Mesa Sectorial celebrada esta mañá. Un plan que se viña demandando desde o mes de outubro e que só prevé 438 prazas, cando desde 2010 se produciron 2.652 vacantes. Considera, porén, positivo que non se aprobara hoxe e que a administración accedera a convocar de novo a mesa sectorial para dentro dunha semana, ao demandar, todas as organizacións sindicais, máis concreción nos datos.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín explica que este Plan vén acompañado dun anexo de persoal no que se agardaba que o SERGAS “en aras a esa transparencia que tanto anuncia, nos presentara un censo de profesionais onde se recollera a súa situación de eventualidade continua, e a proposta de transformar todos estes vínculos en prazas de interinidade, para con posterioridade convocar os procesos selectivos”.

Un censo no que ademais da conversión en interinidade das contratación en fraude, se recollesen a totalidade das prazas que xa teñen vínculo de interinidade, por categoría profesional e área sanitaria.

“Mais non foi así”, denuncia Abuín, “ao SERGAS cústalle moito a transparencia e solicita das organizacións sindicais que fagamos un acto de fe. Non temos un censo real da situación do persoal interino do SERGAS, pero pretenden que asinemos un plano no que recolle que  a eventualidade se vai reducir a  un 5%”.

Censo real

A secretaria nacional da CIG-Saúde aclara ademais que para que a CIG-SAÚDE poida aprobar o Plano de Estabilidade do Emprego necesita ter un ceso real do persoal eventual, a fin de comprobar “se o que pretende o SERGAS é recuperar as 2.652 prazas vacantes desde o ano 2010, ou un Plano de  Emprego que consolide a destrución de postos de traballo na sanidade pública”.

Por iso a CIG-SAÚDE esixe un censo de profesionais con:

  • Relación de persoal interino por cada unha das áreas sanitarias. No que se recollan as prazas das áreas sanitarias de O Barco, Monforte, Salnés e Burela. Por categorías profesionais, e na categoría de FEAS disgregado por especialidades
  • Relación de persoal con vínculo de servizo determinado de cada unha das 11 áreas sanitarias, por categorías, e por especialidades médicas.
  • Relación de prazas estruturais cubertas con vínculos de eventualidade, tamén de cada unha das 11 áreas sanitarias, categorías e especialidades.

Para Abuín un documento con esta información “si sería o anexo que debería recoller o Plan de Emprego para rematar coa eventualidade no SERGAS”.

Só se estabilizan o 16,51% das prazas

A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura que o SERGAS só recolle, no apartado de análise da situación do Plan, datos dos anos comprendidos entre 2013 e 2016 e “esquece intencionadamente todos os datos do Plan de Ordenación 2010-2012”.

Por iso denuncia que o SERGAS só computa 3.231 xubilacións, que serían as que se produciron entre 2013 e 2016, pero de contabilizar a totalidade das vacantes recollidas nos planos de ordenación de recursos humanos producidas entre 2010 e 2016 o número real de vacantes sería 4.382 prazas. “Está facendo desaparecer dun plumazo outras 1.570 prazas”.

Diante disto, Abuín conclúe que se as prazas a estabilizar que propón o SERGAS son 438 e as vacantes producidas desde o ano 2010 superan con moito esa cifra, en realidade só vai estabilizar o 16.51%.

Destrución de emprego na sanidade pública

A secretaria nacional de CIG-Saúde pregúntase, xa que logo, se é para isto para o que quere Feijoo que a oposición aprobe os Orzamentos Xerais do Estado, “para ser cómplices na destrución de emprego na sanidade pública e facilitar o camiño para a súa privatización”.

Ao Presidente da Xunta lémbralle ademais que, durante o goberno do bipartito, “do que tanto lle gusta falar” negociouse, na mesa sectorial do SERGAS de 2005 un plano de estabilidade para rematar co precariedade laboral dos ano de goberno do PP, con un censo real de traballadores/as, que posibilitou  dúas convocatorias de oposicións: unha OPE, en 2006, na que se convocaron 2.722 prazas e outra OPE, en 2008, con 3.913 prazas. “Se queren e teñen vontade política, poden rematar coa precariedade laboral no SERGAS”.

 

Rexeita a negativa da consellaría por cuestións orzamentarias e pon como exemplo o acordo  recén asinado por Funicón Pública co persoal do Consorcio

CIG-Saúde exixe a Sanidade a negociación dun acordo de equiparación salarial para o persoal do SERGAS


21 de marzo de 2017.- A CIG-Saúde vén de exixir novamente da consellaría de Sanidade que sente xa a negociar a recuperación dos acordos de equiparación salarial asinados na mesa sectorial do SERGAS que levan conxelados desde o ano 2010. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, lembra que vén de asinarse un acordo de integración no V Convenio colectivo único da Xunta de Galiza do persoal do Consorcio que leva implícito un acordo de equiparación salarial secuenciado en cinco anos.

“Non aceptamos que a consellaría de Sanidade afirme que non podemos sequera sentar a negociar un calendario de recuperación dos acordos por cuestións supostamente orzamentarias, cando noutros ámbitos da administración, Función Pública si asina e Facenda habilita as partidas necesarias para autorizar os incrementos salariais que permitan ao persoal do Consorcio dignificar as súas retribucións e condicións laborais”, explica.

Abuín dá os parabéns ao persoal do Consorcio por ter conseguido esas melloras pero denuncia a actitude tanto da Xunta, como da consellaría de Sanidade e da de Facenda por negarse, de forma reiterada, a dignificar tamén as condicións laborais e salariais do persoal do SERGAS.

“Estamos falando de acordos de equiparación salarial asinados polo bipartito en 2008 e conxelados en 2010 que pretendían que as retribucións das traballadoras e traballadores do SERGAS estivesen na media do que percibe o persoal do resto de servizos de saúde do conxunto do Estado, respecto aos que seguimos á cola”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde sinala que estes acordos contemplaban a retribución de, entre outras cuestións, a penosidade por traballo a quendas, nocturnidade, festivos, gardas e demais cuestións laborais que son específicas do persoal da sanidade pública galega.

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical Galega

 

Traballadores/as do SERGAS demandan a recuperación dos seus dereitos laborais e sociais no Parlamento

Reuníronse este venres co BNG e teñen previstas xuntanzas co PSOE e A Marea para o vindeiro xoves día 19

Compostela, 13 de xaneiro de 2017.- Representantes das organizacións sindicais da Mesa Sectorial do SERGAS (CIG-Saúde, UGT, SATSE, CSIF e CCOO) reuníronse esta mañá no Parlamento de Galiza coa deputada do BNG, Montse Prado, para demandar das forzas da oposición que presionen ao PP e ao goberno da Xunta para que se contemplen nos orzamentos de 2017 medidas que permitan comezar a recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos e que se cumpran os acordos asinados na Mesa sectorial anteriores a 2009, data na que foron suspendidos.

En representación das organizacións sindicais, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que desde o ano 2010, coa chegada do PP ao goberno da Xunta suspendéronse todos os acordos de condicións de traballo e retributivos que foran asinados na Mesa sectorial e que, polo tanto teñen carácter de norma. “Desde aquela Sanidade négase a iniciar a negociación na mesa sectorial para abordar a cuestión da recuperación destes acordos que permitirían mellorar as condicións retributivas tendo en conta as especificidades do noso traballo: en quendas, nocturnidade, festividade, gardas.. e equiparalas á media das retribucións que perciben os traballadores/as dos distintos sistemas de saúde do Estado”.

A isto Abuín engadiu que “se o Presidente da Xunta decreta unha suba salarial do 7,5 e o 7% para os altos cargos, o que supón un incremento real do 4% nas súas retribucións, xa que os recortes que se lles aplicaron en 2010 foran do 3%, non é de recibo que nos orzamentos do 2017 non figure ningunha partida orzamentaria para recuperar os acordos que daquela foron suspendidos, para o persoal do SERGAS”.

2017-01-13_sindicatos_SERGAS-BNG

Incapacidade temporal

A secretaria nacional de CIG-Saúde tamén subliñou que a Lei de Medidas aprobada en 2012 recollía a supresión do Complemento por Incapacidade Temporal (IT) para todo o persoal da administración pública. A dirección xeral de Función Pública, en maio dese ano, ditou instrucións para o ámbito do seu persoal na que se flexibiliza a súa aplicación e recolle que o persoal ten un prazo de tres días para presentar o parte por IT. “Neses tres días non se procede a ningún desconto económico. Porén o persoal do SERGAS ten que presentar o parte de IT desde o primeiro día, sen que sirva outro documento de acreditación médica polo que desde o primeiro día e durante os tres primeiros, se produce un desconto do 50% dos nosos salarios”.

Abuín fixo ademais fincapé en que esta medida está a provocar que agora, por exemplo, en plena vaga de gripe, o persoal acuda ao seu posto de traballo para non perder retribucións malia estar enfermo, co risco de expandir así o contaxio do virus.

“Se a lei é de aplicación para todo o persoal da administración pública, non pode existir esta discriminación cara o persoal do SERGAS”, concluíu, considerando que as traballadoras e traballadores do Servizo Galego de Saúde, “sofren un auténtico imposto á enfermidade”.

Pola súa banda a representante do BNG, Montse Prado, comprometeuse a defender no Parlamento todas as demandas presentadas polas organizacións sindicais. Sinalou que as traballadoras e traballadores do SERGAS “fixeron o esforzo que se lles pediu, mais agora que o discurso oficial é que a crise rematou e que estamos nun proceso de recuperación, toca un compromiso con eles/as para recuperar todos eses dereitos que quedaron conxelados desde o ano 2010”.

Prado pediu ao SERGAS que sente a negociar coas organizacións sindicais e compromiso orzamentario para atender as súas demandas. “É cuestión de vontade política”, afirmou, lembrando que aínda “estamos en prazo”; que o BNG “presentou iniciativas nesa dirección onde se contemplan partidas para atender as demandas dos traballadores/as” e que hai ademais outras partidas como o fondo de continxencias, con máis de 30 millóns de euros, que “permite, se hai vontade política, elaborar un cronograma e atender as súas demandas”. A representante nacionalista considerou ademais que nesta lexislatura ten que ser unha prioridade “o rescate das súas condicións laborais”.

 

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical Galega

Máis artigos...

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info