A CIG-Saúde denuncia que practicamente en ningún caso se fixeron simulacros prácticos de cómo pór ou sacar un traxe, nin sequera no centro de referencia, o Meixoeiro, a onde se remitiu unicamente un vídeo

O SERGAS limítase a colgar un protocolo na súa Intranet para informar ao persoal sobre como actuar fronte ao ébola

A CIG-Saúde denuncia que existe unha total falta de formación e adestramento do persoal no que se refire a todo o relacionado co virus do Ébola. “A percepción do persoal é que o único que fixo a Consellería ao respecto foi colgar os protocolos na intranet do SERGAS e cando algún persoal se interesa pola cuestión, remiten a estes  protocolos”, afirman.  A isto engade que “sabemos que o papel o aguanta todo, mais por colgar un protocolo na intranet non significa que o persoal estea xa formado. Precísase adestramento ademais de palabras escritas nun papel”.

  • Practicamente en ningún caso se fixeron simulacros prácticos de cousas tan evidentes como poñer ou sacar o traxe de protección. O persoal do 061 conseguiu que se lles ofrecera unha xornada técnica porque presionaron á dirección con non atender estes casos se non se lles formaba ao respecto. Esta xornada inda non foi impartida.
  • Estanse facendo pequenas charlas sobre o Ébola nalgúns centros, pero mesmo entre a charla dun centro e a doutro, existen informacións contraditorias.
  • Cando se supón que o Meixoeiro é o centro de referencia en Galiza para casos de Ébola, o persoal deste centro non foi formado ou adestrado con xornadas prácticas, e cando o requiriron, envióuselles un vídeo sobre cómo colocar o traxe de protección. A este respecto, moitos expertos coinciden en que a operación de poñer e quitar o traxe require de, cando menos, 2 semanas de adestramento por profesionais cualificados/as nun centro adecuado, algo moi lonxe do que está a acontecer. Ademais, tamén está recomendado que no momento  da retirada do traxe haxa dúas persoas con adestramento suficiente, unha axudando nesta tarefa e a outra supervisando e comprobando que se está a facer correctamente.
  • No resto dos centros da rede SERGAS, nomeadamente centros de saúde e PACs, que poden recibir un caso en calquera momento, non só non se formou e adestrou ao persoal, senón que en moitos casos non se dispón de espazos habilitados para o manexo destes casos. Por poñer un exemplo, en moitos centros os boxes de urxencias (sexan hospitalarias ou extrahospitalarias) teñen como única separación entre eles e o corredor de acceso unha cortina, e en caso de ter que poñer ou quitar un traxe de protección tería que facerse dentro do propio box ou no corredor por onde está a pasar todo o mundo. Xa non digamos os centros de saúde, que na súa maioría non dispoñen de ningún habitáculo que poida ser destinado a illar un posíbel caso de ébola.
  • Tampouco se sabe qué protocolo van seguir aqueles centros privados que poden ser susceptíbeis de recibir un caso deste tipo, nin se o persoal deses centros vai dispoñer das medidas de protección adecuadas ou do adestramento necesario.
  • Descoñécese tamén qué indicacións se lle deron ao persoal da limpeza, clave neste tipo de casos, e que, como é ben sabido e a CIG-Saúde denunciou sempre, está privatizado, sendo prestado este servizo por distintas contratas nos distintos centros. Este persoal debe de ser tamén adestrado convenientemente, cousa que, ata este momento, non se fixo.
  • A día de hoxe, en moitos centros inda non se dispón dos equipamentos de protección necesarios, ou o que se está a enviar como paquete anti-ébola consta de material de uso diario que para nada responde ao recomendado para casos de protección biolóxica como do que estamos falando.  O que é máis, o material que se está enviando non é nin sequera impermeábel.
  • Gustaríanos saber se a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén lle vai botar a culpa ao persoal ante un posíbel caso. En vista do ben que se están a facer as cousas, sería algo moi grave, tal e como é o que está a acontecer en Madrid, onde a vítima se converte en culpábel porque o goberno do PP elude responsabilidades. Nas últimas declaracións da Conselleira, nas que incidía en que “o protocolo está colgado a disposición de todo o persoal” resoan ecos de querer xustificarse despois nisto para non asumir a súa responsabilidade ante calquera situación e dirixir directamente a culpa ao persoal.
  • Nos centros sanitarios galegos traballan moitas persoas, profesionais formados/as e que co seu traballo diario manteñen a flote a Sanidade Pública, suplindo en moitos casos as carencias ás que se ven sometidos/as por mor dos recortes e políticas de desmantelamento e privatización que este goberno tén por norma aplicar. Calquera persoa que acuda a un centro sanitario galego pode estar segura de que o darán todo para axudar á súa curación. Mais tamén é necesario que se saiba que o están a facer, no que respecta ao Ébola, mais non só, en condicións indignas, e sen a máis mínima seguridade para a súa saúde.
  • Desde a CIG-Saúde, e recollendo o sentir do persoal que así nolo expresou, temos a percepción de que existe unha total e absoluta improvisación no tocante á actuación ante o Ébola. Existe sensación de caos, e así o están a contar desde os distintos centros moito do persoal que alí traballa.
  • Temos a esperanza de que non se dea ningún caso de infección por Ébola na Galiza, mais para o caso en que así fora, agardamos que desde xa se empece a tomar en serio esta cuestión e se empece a difundir adecuadamente a información e a formar e ADESTRAR convenientemente, con xornadas prácticas, ao persoal da sanidade, que vai expor a súa propia saúde para atendelo e quere facelo cunhas mínimas garantías.

Compostela, 10 de outubro de 2014.

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical galega


Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info