Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

CIG-SAÚDE NON VAI CESAR NAS DENUNCIAS XUDICIAIS ATÉ QUE RECUPEREMOS A TOTALIDADE DAS RETRIBUCIÓNS DA PAGA EXTRA

A CIG gaña varias sentenzas sobre o complemento específico da extra de 2013.

Os tribunais volven darnos a razón e condenan ao SERGAS ao pago de costas

A CIG-SAÚDE está a gañar as demandas xudiciais que tiñamos presentadas para que a Admón. nos devolvese o COMPLEMENTO ESPECÍFICO DA PAGA EXTRA DO ANO 2013.

Lembraredes que a Lei de Orzamentos do estado do ano 2013 recolle a retribución do complemento específico para as/os traballadoras/es públicos. Aquí na Lei de Orzamentos do ano 2013 da Xunta de Galiza, o Sr. Feijóo lexislou para que as/os traballadoras/es públicos/as non percibíramos o específico nas pagas extras, e ségueno a manter no ano 14/15 e previsiblemente no ano 2016.

Roubounos o específico con carácter retroactivo, sabendo que a Constitución prohibe a retroactividade da Lei. A Xunta de Galiza era consciente de que, cos orzamentos prorrogados, tiña que pagar a todo o persoal o complemento especifico dos meses de xaneiro e febreiro, xa que a Lei de Orzamentos de Galiza entrou en vigor o 1 de marzo de 2013.

A CIG-SAÚDE está a gañar todas as sentenzas presentadas, son sentenzas firmes, nas que condenan ao SERGAS a un pago de taxas superior á retribución que lle recoñece ao persoal.

CIG-SAÚDE esixe á Consellaría que nos devolva esta parte do COMPLEMENTO ESPECÍFICO da extra do ano 2013 que os tribunais nos están a recoñecer. Non podemos entender que a Xunta de Galiza estea a agardar as sentenzas para devolvernos esta retribución, e menos que prefira pagar costas antes que recoñecela de oficio.

Esta é unha pequena batalla gañada, máis non imos cesar até recuperar as retribucións que nos veñen roubando desde o ano 2009.