Apróbanse as tarifas aplicábeis aos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do SERGAS e nas fundacións

Venres, 23 Novembro 2012 07:56 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG-Saúde denuncia que é a consecuencia da publicación do RD Lei 16 /2012 polo que o goberno do PP anulou ou eliminou o dereito universal á sanidade pública e gratuíta

O DOG deste mércores, publica o decreto 221/2012, do 31 de outubro, polo que se fixan as tarifas aplicábeis a doentes que non sexan beneficiarios/as da Seguridade Social, así como naqueles casos en que, sendo beneficiarios, exista un terceiro obrigado ao pagamento que deba asumir o gasto sanitario. O decreto abre tamén a posibilidade de “repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por eles como consecuencia do uso irresponsábel das prestacións asistenciais do sistema público de saúde de Galiza” e estabelece ademais que o transporte sanitario será “pola conta directa do paciente”. Entra en vigor este xoves.
20100217enterroIX

A CIG-Saúde denuncia que o decreto publicado este mércores no DOG, é consecuencia da publicación do RD Lei 16 /2012 polo que o goberno do PP anulou ou eliminou o dereito universal á sanidade pública e gratuíta recollido na Lei Xeral de Sanidade e na Constitución. “Aí estabeleceu as carteiras básicas de servizos e as contías que han pagar aquelas persoas que non teñen dereito á prestación. Limita o dereito á sanidade ás persoas que teñan recoñecido que son “aseguradas” e que, polo tanto estean de alta no INSS” afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

A alarma social que provocou a publicación dese decreto, polas consecuencias que tiña, obrigou ao goberno a garantir a cobertura sanitaria para outros colectivos que inicialmente quedaban excluídos. Porén, Abuín alerta que iso “nunca se chegou a publicar e, de futuro, estas poden ser as tarifas que se apliquen a quen non estea de alta na seguridade social”.

O decreto publicado polo SERGAS tamén inclúe as tarifas do transporte sanitario –ambulancias- e recolle, literalmente que “será pola conta directa do paciente”, en caso de que se faga con medios propios do Servizo Galego de Saúde ou das fundacións públicas sanitarias, facturándose en función de se é urbano ou interurbano e computando a distancia desde a localidade de orixe do traslado á localidade de destino.

A este respecto, Abuín sinala que no último Consello Interterritorial non se atreveron a tomar unha decisión ao respecto, porque estaban a piques de celebrarase as eleccións, o mesmo que ocorreu coas mamografías, ou se se cobraría ou non a doentes que tiveran que ir a diálise ou a oncoloxía. “As tarifas xa están aí e unha vez que o Consello Interterritorial decida que doentes van ter que pagar terán todo preparado”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra ademais que, por exemplo, no Hospital do Barbanza remitiron unha circular aos médicos na que se indica que só poderán ingresar nese centro ás persoas usuarias desa área sanitaria. “Se estas de vacacións nesa zona e precisas dun ingreso, como non che poden ingresar aí enviaranche ao teu centro hospitalario de referencia”. Ante iso pregúntase se será a/o doente quen teña que asumir o custo do traslado.

O DOG deste mércores tamén publica a Orde pola que se establece o procedemento para a obtención dos datos precisos para a facturación a terceiros/as obrigados/as ao pagamento das prestacións asistenciais do Sistema público de saúde de Galicia, e para a repercusión dos gastos ocasionados por uso irresponsable. Porén, non especifica que se considera “uso irresponsábel”, nin quen ou como se debe acreditar que efectivamente se deu ese mal uso da sanidade pública.

Tarifas

As cantidades a pagar pola atención sanitaria son simplemente obscenas para quen o decreto excluíu do sistema. Persoas que ademais, adoitan padecer unha situación económica máis precaria.

En atención primaria, pola primeira consulta, terán que pagar 68,90 euros e en urxencias, 255,59 euros. Se se trata dunha consulta médica con probas complementarias, a primeira custará 85,56 euros. Porén, se se trata dunha consulta médica que inclúe coidados de enfermería, a contía ascende a 102,23 euros.

A tarifa por hospitalización, por día de estadía e cama ocupada, será de 526,32 euros, cantidade á que se sumarán 1.025 euros se é precisa a utilización de quirófano. Pero é que, ademais, a partir da segunda e cada vez que se utilice o quirófano para o mesmo proceso que orixinou a estadía aplicaráselle un 40% de incremento (410€).

A gravidade do proceso incrementa os prezos. Por estadía en UVI, UCI ou unidades de atención especializada, servizo de reanimación, unidade de queimados, lesionados medulares ou calquera outra que teña estabelecida o centro hospitalario, facturarase por 1.136,79 euros.

A listaxe de prezos inclúe desde estadías en psiquiatría de agudos (233,36 euros), até o prezo por hospitalización a domicilio, que é de 80,30 euros; por urxencia hospitalaria non ingresada, 359,79 euros e un cadro completo do custe de intervencións das chamadas cirurxía maior ambulatoria, que van desde os 740,88 euros dunha fractura nasal ou una reparación simple de feridas cutáneas, até os 3.484 euros por una escordadura, desgarro e luxación de cadeira, pelve e muslo; 3.250,59 euros por cirurxía do colo do útero ou 3.244,49 polo tratamento cirúrxico de tumor benigno maxilar (3.244,49 euros).

Unha mamografía cobrarase a 120,45 euros; unha amniocentese, 933,43 euros; por cada sesión de quimioterapia, 184,52 euros, importe ao que se engadirá a correspondente medicación, a prezo de custo; por radioterapia estereotáxica, para tumores e metástases, 5.841,04 euros; por transplante autólogo de médula ósea, 51.640,72 euros. Se o transplante de médula ósea é aloxénico, 70.470,75 euros; se é pulmonar, 117.136,34 euros; se é cardíaco, 107.753,25 euros; hepático, 112.769,93 euros…

Cantidades prohibitivas para quen ficou excluído/a dun sistema sanitario que outrora garantía a universalidade e que segue a se financiar, vía impostos, por todos/as os/as cidadáns.

Noticia extraída de Avantar.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto