A privatización dos servizos non considerados "núcleos duros" da sanidade

Venres, 01 Xuño 2012 10:47 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Din que o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra. Pero dentro dos seres humanos, hai unha especie que tropeza unha e outra vez na mesma pedra, sen lles importar o dano que están a ocasionar á poboación; é máis, parece que a súa intención é causar un sufrimento engadido a quen xa está nun momento difícil da súa vida.

O Presidente da Xunta e a Conselleira de Sanidade están a facer unha política de cortinas de fume para desviar do debate político as necesidades reais do sistema sanitario público, intentando convencer á poboación que o que eles denominan “bolsa de ineficiencia” na sanidade ven motivada polo vínculo laboral que teñen certos traballadoras/es do sistema.

Pretenden culpabilizar ás/aos traballadoras/es que prestan servizo na limpeza, cociña, subministros, arquivo de documentación… de seren os grandes causantes desa falacia que eles chaman insostenibildade do sistema sanitario público. Do que nos pretenden convencer o Sr Feijo e a Sra Mosquera é de que o que fai insostible a sanidade é que unha/un limpadora/or, pinche, celadora/or, persoal administrativo, auxiliares, queiran ser “persoal estatutario”, é dicir,  traballadoras/es públicos, e que unha vez que estes colectivos pasen a depender das empresas privadas acabaranse o problemas do financiamento sanitario.  Pero se con isto non chega, non nos preocupemos, publicarán outro recorte con máis copago.  Publicarase un Decreto de tarifas como o anunciado pola  Comunidade Valenciana que establece unha contía superior aos 100€ por consulta de urxencias ou por consulta pediátrica.

Non fai falla retrotraerse  no tempo para lembrar o  que pasou noutras épocas, onde o Sr Feijó tiña responsabilidades na Consellaría de Sanidade, onde se privatizaron cociñas e outros servizos que despois tiveron que ser rescatados polo SERGAS dado que encarecían o servizo e diminuían a calidade. Tampouco podemos esquecer a etapa das novas fórmulas de xestión coñecidas como Fundacións e Empresa Públicas, nas que o SERGAS tivo que intervir dado o descontrol existente: sistema de selección a dedo, retribucións personalizadas non vinculadas nin á categoría profesional nin á responsabilidade exercida, xefaturas por doquier  e outras prácticas.

Non sería máis positivo para o sistema sanitario público, e para o noso pobo,  que os nosos gobernantes deixasen de cebarse coas/os traballadoras/es públicos e cos colectivos cidadáns máis desfavorecidos, e fixesen un exame de conciencia que lles permitise realizar unha análise real da situación actual e tomar as medidas necesarias para que continuemos  tendo unha sanidade universal, pública e de calidade, deixando de criminalizar a  toda aquela persoa que non queira seguir a súa doutrina ou que se opoña aos intereses empresariais privados que tanto defenden, e que tanto encarecen o sistema sanitario, rebaixando a calidade para conseguir maiores beneficios? Deben de entender que son xestores provisionais,  do sistema público e non os seus donos con autorización expresa para repartilo entre os seus correlixionarios.

Sería de xustiza que centrasen a análise do que denominan “ineficencia do sistema”  nas políticas sanitarias que exercen, que os responsables do que sucede son eles e as súas decisión políticas. A responsabilidade da xestión ten que recaer sobre os/as xestores/as sanitarios/as que nomean (cada día máis), aos/ás que lles piden como requisito estar vinculados/as a súa organización política .

Desde CIG-SAÚDE esixímoslle que deixen de tratar a SANIDADE como a súa Bankia particular, pois mentres afunden o sistema sanitario alguén se está a levar indemnizacións millonarias.

Fagámoslles ver que a maioría social non está de acordo coas súas medidas privatizadoras.

O domingo, 3 de xuño, todo o mundo á Manifestación!!!

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto