Lei de Mutuas: negocio e beneficio a costa da saúde da clase traballadora

Xoves, 03 Xullo 2014 11:51 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O CONSELLO DE MINISTROS DO PP TEN PREVISTO APROBAR O VENRES 4 DE XULLO A NEFASTA LEI DE MUTUAS DA SEGURIDADE SOCIAL QUE TERÁ DURAS CONSECUENCIAS

Desde a CIG-Saúde xa temos denunciado a privatización da xestión das Incapacidades Temporais (baixas laborais) e o recorte de dereitos que isto supón, potenciando a burocratización do traballo das e dos médicos de Atención Primaria e xeneralizando a presunción de fraude por parte de traballadoras e traballadores. Tamén denunciamos a pretensión de dar acceso ás Mutuas á Historia Clínica Electrónica, co que IANUS deixará de ser unha ferramenta clínica e pasará a ser unha ferramenta de control das persoas en situación de baixa laboral.

A modificación da xestión da IT supón un claro recorte de dereitos dos traballadores e traballadoras, xeneralizando a presunción de fraude pola súa parte. Non concede ás Mutuas a capacidade de dar Altas de xeito directo, pero establece un mecanismo de resposta ás propostas de alta, con só 5 días para resolver, e en ausencia de resposta producirase a “Alta presunta” por silencio administrativo, co que de feito produciranse Altas con este mecanismo deixando as e os traballadores sen prestación económica, sen que medie unha resolución explícita por parte de médicos de familia ou dos servizos de inspección do SERGAS, o que pode redundar en fonte de conflitos e inseguridade xurídica tanto para as e os médicos de familia, como para as e os pacientes.

Con esta medida conséguese que sexan as Mutuas as que dirixan esta prestación e actúen como autoridade de control da mesma, ignorando as propias funcións do Servizo Galego de Saúde, que perde as súas competencias de inspección sanitaria entregándollas ás Mutuas.

Ademais incorpora novas competencias asistenciais para as Mutuas que de feito supoñen un novo paso na fragmentación e na privatización da asistencia sanitaria das e dos traballadores.

Con esta Lei concédese ás Mutuas o acceso á Historia Clínica completa dos/as pacientes, perverténdose o carácter de ferramenta asistencial da Historia Clínica Electrónica, utilizándoa para conceder ou denegar prestacións económicas.

De continuar con estas medidas, IANUS deixará definitivamente de ser unha ferramenta clínica e pasará a ser, cada vez máis, unha ferramenta de control das e dos profesionais para fiscalizar o gasto xerado pola actividade asistencial e das e dos pacientes para conceder ou denegar prestacións económicas.

Desde a CIG-Saúde exiximos do Goberno a retirada desta Lei e da Xunta que defenda as súas competencias, reclamando o mantemento das funcións da Inspección Médica e das e dos médicos de familia, e que defenda que a Historia Clínica electrónica ten que ser unha ferramenta de uso clínico, elaborada e xestionada polo persoal da sanidade pública, e ao servizo da saúde da/o paciente.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto