A CIG-Saúde denuncia a intención de Rajoy de volver recortar o orzamento destinado a Sanidade

Sábado, 03 Maio 2014 10:10 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Pretende reducilo en 150 millóns de euros máis e revisar, para isto, o “perfil” das/os aseguradas/os, redefinir as carteiras de servizos e seguir incidindo en recortes de persoal

 Mariano Rajoy vén de remitir a Bruxelas un novo plan de estabilidade no que se prevé recortar novamente o orzamento destinado a Sanidade noutros 150 millóns de euros. A CIG-Saúde manifesta a súa rotunda oposición a este novo recorte e denuncia que suporá “eliminar, de facto, o dereito á protección sanitaria da poboación e incrementar o sufrimento das persoas”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, entende que co que se recolle neste plan de estabilidade vaise afondar nas medidas recollidas no RD 16/2012 no que xa se anulaba a universalidade da protección sanitaria ao vincular o dereito á prestación sanitaria a estar asegurado/a. “Agora neste documento dise que mesmo se vai revisar o perfil das/os aseguradas/os que acceden á prestación sanitaria”, explica Abuín, que se pregunta “que vai pasar con toda a poboación que neste momento está en situación de desemprego se as/os beneficiarios/as van ser as/os aseguradas/os e se vai a haber un maior límite no acceso da poboación máis desfavorecida ao sistema sanitario e ás súas prestacións”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde “este goberno segue a facer oídos xordos a todos os informes da OMS onde se recoñece o dereito á prestación universal á prestación sanitaria”.

A segunda medida deste plan de estabilidade é unha definición da carteira de servizos. Cómpre lembrar que o RD 16/2012 xa recolle tres carteiras de servizo. Con este novo recorte orzamentario a CIG-Saúde entende que o que pretende este goberno é “diminuír a carteira básica, incorporar na carteira suplementaria e accesorias prestacións que hoxe son básicas e fundamentais e introducir máis sistemas de pagamento”.

Outra das medidas recollidas é a “racionalización de recursos humanos”. A este respecto, Abuín subliña que só hai que mirar a eliminación de postos de traballo por mor da imposición dunha taxa de reposición do 10% que, con esta medida, o goberno do PP seguirá a manter como mínimo até o 2017, con todas as consecuencias negativas para unha atención sanitaria de calidade que isto ten.

“Xa na actualidade a taxa de reposición e a eliminación de traballadores/as da sanidade pública está dificultando que se poida garantir unha atención sanitaria de calidade e de futuro vai facer inviábel a súa prestación ao carecer dun rateo de profesionais adecuado ás necesidades sanitarias da poboación”, afirma.

Por iso conclúe que estas medidas teñen como único obxectivo incrementar os recortes e promover a privatización.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto