Chamamos á poboación e ao persoal sanitario a mobilizarse o vindeiro 26 de marzo en defensa da Sanidade Pública

Sábado, 22 Marzo 2014 07:43 Sanidade Pública - Novas sobre a Sanidade Pública
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As manifestacións e concentracións contra as políticas sanitarias do PP terán lugar en todas as cidades e en numerosas vilas
.
Os recortes en prestacións, servizos, persoal, privatizacións e copagos, a ausencia de negociación cos sectores afectados e o deterioro na sanidade pública que isto ten provocado leva ás organizacións sindicais a convocar para o vindeiro mércores día 26 de marzo manifestacións e concentracións, máis unha vez, en todas as áreas sanitarias de Galiza. Así o anunciaron CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA este venres na rolda de prensa na que fixeron un chamamento a participar a todas/os profesionais da sanidade pública e á poboación no seu conxunto, en defensa da sanidade pública, gratuíta e universal.
13-03-21 RP Plataforma sindical saude 001
“A sanidade pública é patrimonio de todos os galegos e galegas. O Partido Popular é un simple xestor transitorio e non ten dereito a vendela aos seus amigos. Exiximos que mude a súa política sanitaria que só ten servido para provocar un empeoramento da calidade asistencial, recortar os recursos e provocar sufrimento nas usuarias e usuarios”.

Con esta contundencia se manifestaba, ao comezo da rolda de prensa, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen lembrou que as organizacións sindicais levan meses pedindo un diálogo fluído, enviando escritos para que “esta administración cega e xorda tivese algunha sensibilidade” sen conseguir froito algún.

Ante iso e á vista de que no canto de frear esas políticas a administración o único que fixo foi “endurecelas aínda máis” Abuín asegurou que “non imos consentir que sigan incorporando repagos, como recomendan ese grupo de sabios, porque xa pagamos cos nosos impostos”.

Abuín referíase á recomendación recollida no documento que vén de presentar a comisión de expertos, no que se afirma que “a prestación gratuíta e xeneralizada de servizos esenciais como a Sanidade non é o modo máis eficiente nin xusto de actuar”. Unha recomendación ante a que alertou de que camiñamos cara unha “sanidade menos nosa, menos pública, máis cara e con menos dereitos”.

Denunciou que malia os intentos de negociar para que se muden as políticas sanitarias a consellaría incrementou a súa contundencia. Como exemplos puxo a comparecencia da conselleira de Sanidade en sede parlamentaria para explicar a privatización do servizo de esterilización, onde asegurou que a sanidade privada é máis eficiente que a pública ou a aprobación, no Consello da Xunta, do Decreto de Xestión Clínica, en pleno proceso de negociación. “Nuns anos teremos un sistema sanitario irrecoñecíbel”, asegurou.

Xunto a ela estaban as/os representantes das outras organizacións sindicais que conforman a Plataforma Sindical da Saúde, que contrapuxeron ás afirmacións da conselleira o Informe Bloomberg, elaborado por unha axencia estadounidense co mesmo nome, no que se considera o sistema sanitario do estado español como o 5º máis eficiente do mundo e o informe da Comisión Europea no que se pon en cuestión a eficiencia da colaboración público-privada. Isto alén do que suporá para as xeracións futuras optar por este modelo de financiamento para a construción de novas infraestruturas como hospitais ou centros de saúde. “Verán hipotecados os orzamentos durante décadas para pagar as débedas derivadas deste sistema”.

Isto levounos a afirmar que a conselleira é un “troiano infeccioso” para o sistema sanitario e que coas súas políticas o PP o único que pretende é atender as presións dos lobbys da sanidade privada. De feito, aseguraron que para favorecer o sistema sanitario privado aprobouse a Lei de Garantías e o propio decreto de Xestión Clínica e advertiron de que camiñamos cara un modelo de sanidade para ricos e outro, de beneficencia, para pobres.

A respecto do decreto de Xestión Clínica anunciaron que non participarán no seu desenvolvemento e que, polo tanto, non participarán tampouco na Comisión Técnica creada ao efecto, entendendo que “negociar é solucionar conflitos” e non sentar a desenvolver as consecuencias “negativas e perversas” que terá.

Por todo isto fixeron un chamamento a todas/os as/os profesionais do sistema sanitario e a toda a cidadanía a saír ás rúas de Galiza o mércores 26 de marzo para reclamar unha sanidade “pública, gratuíta e universal”.

1780021_809852395710451_628125713_o

Manifestacións convocadas e horarios de saída

-A Coruña: 20 horas, da Casa do Mar

- Ferrol: 18:00 horas, de Fontenla Maristany

- Santiago: 20:00 horas, da Praza Roxa

- Ribeira: 20:00 horas do Centro de Saúde

- Pontevedra: 20:00 horas, do Hospital Provincial

- Vigo: 20:00 horas do Hospital Xeral

- Ourense: 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios

- O Barco: 20:00 horas do Hospital Comarcal de Valdeorras

- Lugo: 20:00 horas, do Edificio Multiusos da Xunta

- Burela: 20:30 horas, do Hospital da Costa

Concentracións:

-Cee: 12:00 horas, na prota principal do Hospital Virxe da Xunqueira

- Vilagarcía: 14:00 horas, porta principal do Hospital do Salnés

- Monforte: 20:00 horas, da Praza de España

A nova en Avantar
kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto