Persoal do Sergas mobilízase nas diferentes áreas sanitarias de Galiza en defensa da sanidade pública

Domingo, 16 Marzo 2014 20:26 Sanidade Pública - Novas sobre a Sanidade Pública
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde chama a traballadores/as e usuarios/as a participar nas manifestacións comarcais convocadas para o mércores 26 de marzo
.
Coa celebración de concentracións, esta mañá, nos centros de saúde das diferentes áreas sanitarias de Galiza culminaba a primeira semana de asembleas abertas convocadas polas organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM, OMEGA. Con estas mobilizacións demandan do Sergas un xiro radical nas súas políticas sanitarias, que sente a negociar coas organizacións sindicais e a paralización da privatización do servizo de esterilización. Ante a actitude inmobilista do Sergas confirman a convocatoria de manifestacións en todas as comarcas para o vindeiro día 26 de marzo.
14-03-14 Manifestacion CHUAC

Galería de imaxes

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que participou na concentración convocada no Hospital Clínico, na Área Sanitaria de Santiago,  explicou que con estas mobilizacións o persoal da sanidade pública manifesta a súa disconformidade coas políticas privatizadoras emprendidas polo PP e a súa disposición a plantarse diante do desmantelamento e descapitalización da sanidade pública.

Abuín acusou ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo de intentar manipular á opinión pública ao dicir que non se está a privatizar a sanidade porque cando unha persoa é atendida nun centro sanitario privado non vai ter que pagar. “O problema é que a sanidade pública, que se financia cos impostos de todas e todos nós si vai ter que destinar parte do seu orzamento a financiar a sanidade privada en lugar de investir eses cartos en garantir a atención na sanidade pública”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde é “lamentábel” que Feijóo poña ao mesmo nivel sanidade pública e privada e que defenda que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é sanidade pública, cando o que isto significa “desmantelar a pública en beneficio da privada”.

Denunciou, xunto a isto, o incremento das partidas orzamentarias destinadas a financiar a privatización dos servizos, pagando un custe maior por eles cunha peor calidade e destruíndo ademais emprego público.

Reclamou a inmediata paralización do proceso de privatización  do servizo de esterilización e a reversión ao Sergas de todos os servizos privatizados. “Gañariamos en calidade e aforrariamos en orzamento”.

A CIG-Saúde lembra que a sanidade pública e patrimonio de todos/as os galegos/as e fai un chamamento a participar masivamente nas manifestación convocadas o vindeiro día 26 de marzo na súa defensa.

A nova en Avantar.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto