Días Adicionais de Vacacións: o xulgado danos a razón

Mércores, 22 Xaneiro 2014 07:44 Persoal - Outras novas de Persoal
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

No seu momento a CIG-Saúde informou ao persoal do SERGAS da vixencia dos Días Adicionais de Vacacións, remitindo un informe da nosa Asesoría Xurídica ao SERGAS e exixindo a reposición dos Días Adicionais retirados. Desde o SERGAS, lonxe de recoñecer que era así, responderon naquel intre, e coma sempre, con fachenda, alegando que foran derrogados pola aplicación do RD Lei 20/2012 e que iso o vía calquera "porque é de manual de primeiro de carreira". Pois ben, parece ser que hai avogad@s cuxo manual de primeiro de carreira é distinto dos que empregaron @s directiv@s de RRHH do SERGAS, xa que unha avogada da CIG ven de acadar no xulgado unha sentenza que recoñece a vixencia destes Días Adicionais.

O que é máis, reiteradamente desde a CIG-Saúde pedimos, exiximos mesmo na Mesa Sectorial, que se nos dera resposta tamén xurídica ao informe xurídico enviado, mais esa resposta nunca chegou.

No seu momento publicamos este CIG-Informa onde explicabamos que iamos reclamar no xulgado a vixencia dos Días Adicionais de Vacacións. Este era o texto ao que demos difusión daquela:

Como xa anunciamos no seu día, os Días Adicionais de Vacacións seguen vixentes, posto que o artigo 75 da Lei de Función Pública de Galiza así o recolle, e non foi derrogado.

O SERGAS négase a recoñecer a vixencia destes días. Desde a CIG-Saúde remitimos a Recursos Humanos o informe da nosa asesoría xurídica que explicita a argumentación da vixencia desta norma, solicitando, esixindo, unha resposta por escrito, motivada, na que se explique a negativa a conceder os días adicionais de vacacións. Se tan segur@s están de que están derrogados, que o poñan por escrito. A qué teñen medo?

Posto que o SERGAS non recoñece a vixencia, na CIG-Saúde decidimos acudir aos tribunais para facer valer a legalidade e poder acadar que todo o persoal do SERGAS que teña dereito a estes días por antigüidade poida gozalos con normalidade.

En vista das modificacións impostas ultimamente polo Ministro Gallardón con respecto ás taxas xudiciais, acudir aos xulgados tórnase prohibitivo, motivo polo cal a CIG-Saúde decidiu facer dúas reclamacións de 2 afiliad@s que, de recoñecer o xulgado na súa sentenza a vixencia dos días adicionais de vacacións, tal e como a CIG-Saúde mantén, sería extensible ao resto de persoal.

A recomendación que facemos na CIG-Saúde ao persoal afectado é a de agardar o resultado da nosa reclamación. Porén, as persoas que solicitaran días adicionais de vacacións e lles foran denegados están igualmente no seu dereito de reclamar xudicialmente, asumindo os custes das taxas. Mais tamén é importante que as persoas que non vaian chegar ao xulgado non fagan a reclamación previa e o recurso de alzada, posto que unha negativa en vía administrativa pode supor a perda do dereito de haber algún cambio posterior na regulación.


E o xulgado acaba de darnos a razón, tal e como se recolle en Avantar:

xustizaO Xulgado número 1 do Contencioso-Administrativo de Ferrol vén de ditar unha sentenza recoñecendo o dereito dos empregados/as públicos/as aos días de vacacións por antigüidade que están recollidos no artigo 75.2 da Lei da Función Pública de Galiza e que foron negados pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais das empregadas e empregados públicos.
A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reformaba o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público. Este decreto, subliñan dende a CIG-Administración de Ferrol, é o mesmo que suprimiu a paga extraordinaria de decembro de 2012 e deixou sen efecto todos os acordos sindicais adoptados até ese momento.

A xuíza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol da a razón ao compañeiro da CIG, que interpuxo a demanda entendendo que o artigo 75.2 da Lei da Función Pública de Galiza segue a estar en vigor. O contido textual dese apartado da Lei é o seguinte:

"2. Así mesmo, (o persoal funcionario) terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, ao que lle engadirá un día hábil máis ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un total de vinte e seis días hábiles por ano natural.

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior".

A sentenza de Ferrol é a primeira sentenzas sobre esta cuestión, mais non se descarta que vaian aparecendo outras similares ao longo de todo o país. Neste senso, hai que lembrar que o persoal funcionario é un sector da poboación laboral que non pode interpor conflitos colectivos, dadas as peculiaridades que rexen o seu sistema de relacións laborais.

 

Esta sentenza non é firme, pero recoñece claramente algo que nós xa anunciabamos naquel momento. É moi probábel que a Administración recorra esta sentenza, mais desde a CIG-Saúde exiximos a súa inmediata aplicación, repoñendo os Días Adicionais de Vacacións a todo o persoal que dispoñía deles.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto