“A ‘negociación’ do Anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza é un paripé”, di a Área Pública da CIG

Mércores, 08 Outubro 2014 11:20 Persoal - Outras novas de Persoal
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Avaliamos en rolda de prensa as xuntanzas coa conselleira de Facenda e da Mesa Xeral onde solicitamos a súa retirada súas polas consecuencias para os servizos públicos e o emprego
En maio de 2013 presentouse o primeiro borrador de anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza. Un ano e medio despois hai xa un terceiro borrador sobre o que se abriu onte, na Mesa Xeral de Negociación de Empregados/as Públicos/as extraordinaria, un novo proceso de “negociación” que para a Área Pública da CIG é un “paripé”. De feito xa demandou, por escrito e en sucesivas xuntanzas,  a súa retirada porque “nin é unha lei de emprego público”, nin recolle  aspectos que para a central sindical son básicos para recuperar os servizos públicos, o emprego ou os dereitos sociais e laborais das e dos empregados públicos.
14-10-07 RP Área Pública
 

A Área Pública da CIG entende que o nome dado a este anteproxecto de lei non se corresponde co seu contido. Neste sentido, a portavoz da Área Pública da CIG e secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña, explicou en rolda de prensa que “non é unha lei de emprego público senón unha actualización da lei de Función Pública”.

Entende que non vai permitir recuperar o emprego público destruído, nin frear o deterioro que por mor dos sucesivos recortes sufriron os servizos públicos, nin que as empregadas e empregados públicos recuperen dereitos que lle foron suprimidos nestes últimos anos. Por iso solicitou novamente a súa retirada e que, de se manter a lei cos actuais contidos, cando menos se proceda a un cambio de nome porque o actual “é enganoso”.

Alén diso, a CIG solicita a súa retirada porque nos sucesivos borradores presentados apenas se introducen cambios respecto do primeiro, non se aceptou practicamente ningunha das alegacións presentadas e non se contempla sequera a posibilidade de negociar sobre aspectos que para a Área Pública son básicos, como a recuperación económica e de dereitos do persoal das administracións públicas; a regulación do persoal directivo; modelo de carreira profesional e novo sistema de retribución; medidas para favorecer a normalización lingüística nas administracións públicas ou a supresión definitiva do plus de altos cargos.

López Santamariña denunciou ademais que na xuntanza mantida, tamén onte, coa conselleira de Facenda,  non se concretou o orzamento que debe ter a lei para o seu desenvolvemento, porque “do contrario nace morta” e tampouco houbo un compromiso para que nos orzamentos de 2015 se recupere o poder adquisitivo do persoal público ou as pagas extras. “Á nosa pregunta sobre isto a súa resposta foi que en breve convocaría unha xuntanza para tratar este tema en concreto e á pregunta sobre que pensa facer a administración para devolver a parte correspondente da paga extra de 2012 reiterou que o 25% será devolto en dúas anualidades, unha en 2015 e outra en 2016. Nada de recuperar a extra completa, nin as de 2013 e 2014 e nada de recuperación das taxas de reposición”.

Por iso alertou do contido “altamente lesivo” que terá esta lei para os servizos públicos e denunciou que abrir un novo proceso de negociación sobre o mesmo texto, sen intención de introducir cambios, é un “paripé” que “consume tempo sen avanzar nada” e que terá como consecuencia a “destrución de máis emprego público”.

Privatización da sanidade pública

Respecto dos efectos que sobre a sanidade pública terá a aplicación desta lei, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que malia especificarse que para servizos públicos esenciais a taxa de reposición será do 50%, o certo é que a conselleira saíu de contado a matizar que, en realidade, sería unha porcentaxe en función das necesidades que o SERGAS determine. Unha especificación que considerou que agocha a pretensión de seguir destruíndo emprego na sanidade pública para favorecer á privada.

Abuín matizou ademais que o persoal estatutario aínda que seguirá a se rexer pola normativa propia vai padecer os aspectos máis negativos da lei e quedará excluído doutros que permitirían a súa homoxeneización, canto a dereitos, co resto do persoal da administración pública, como no relativo a permisos.

Respecto dos postos directivos denunciou que tal e como está a ocorrer na comunidade de Madrid, o que se pretende é garantir unha “porta xiratoria” xa que estes poderán ir á privada a partir dos dous anos. “Privatizan a sanidade pública para logo ser directivos desas empresas a cambio de empeorar a sanidade pública”, afirmou.

Precariedade no ensino público

A limitación da taxa de reposición ao 50% no ensino tamén foi criticada polo secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen afirmou que é imprescindíbel que, como mínimo, sexa do 100% das vacantes que se produzan. “Falta profesorado e hai máis precariedade porque a interinidade é precariedade”, dixo. Xunto a isto lembrou que se suprimiron no sistema educativo galego máis de 3.000 profesores/as nos últimos tres anos; houbo máis de 4.000 xubilacións e só se convocaron algo máis de 585 prazas nos últimos catro anos para todo o ensino non universitario.

Louzao denunciou ademais que na lei non se garanten os dereitos lingüísticos, toda vez que non se contempla que teña que haber proba algunha no noso idioma para acceder á función pública.

Canto á perda de poder adquisitivo, o secretario nacional de CIG-Ensino subliñou que os salarios das empregadas e empregados públicos reduciuse nun 20% desde 2010 e matizou que cando se fala de conxelación, é sobre esa redución salarial. Por iso insistiu en que a CIG "baixo ningún concepto vai ser cómplice de aprobar unha lei que non contempla a restitución dos nosos dereitos laborais e salariais" e que, pola contra, recupera o plus de altos cargos, o que considerou "vergonza" porque "mentres se recortan prestacións e dereitos ás traballadoras e traballadores, para eles manteñen os seus privilexios". Do mesmo xeito considerou unha "tomadura de pelo" que se presente como unha concesión a devolución do 25% da extra de 2012, cando a administración está obrigada a facelo logo das múltiples sentenzas emitidas por distintas instancias xudiciais.

Baltarización da administración

O responsábel do sector da Autonómica da CIG-Administración, Roberto Varela, denunciou ademais que esta lei favorece o “dedismo” e a “baltarización” da administración “menoscabando a independencia das e dos empregados públicos” . Considerou que o sector máis prexudicado pola súa aplicación vai ser o da autonómica e denunciou que abre a porta a que “persoal da empresa privada entre a xestionar os servizos públicos” mentres se destrúe emprego público ao se manter a taxa de reposición en practicamente o 0%.

Denunciou a supresión dos límites de tempo nas comisións de servizo, a figura do concurso específico e tamén o sistema de avaliación “de desempeño” que se introduce e que denunciou pola súa “subxectividade” e “arbitrariedade”, xa que quen avalíe será o xefe xerárquico en función de criterios como “o grao interese, a iniciativa e o esforzo”.

Ante isto demandou criterios “obxectivábeis” e que a avaliación sexa “bidireccional”, de abaixo arriba e de arriba abaixo e con control sindical.

A nova en Avantar

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto