A Área Pública da CIG retírase da mesa de negociación da Lei de Emprego Público ao se manter o plus de altos cargos

Mércores, 15 Outubro 2014 12:53 Outras novas - Outras noticias
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A de onte era a cuarta xuntanza de negociación do terceiro borrador de anteproxecto
 
A Área Pública da CIG vén de retirarse da mesa de negociación do anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza ao non se aceptar apenas ningunha das emendas presentadas pola central sindical e ao negarse a administración a retirar o plus de altos cargos, mentres se manteñen todos os recortes laborais e salariais para as empregadas e empregados públicos.
09-12-02 Plus altos cargos

Na xornada de hoxe celebrábase a cuarta xuntanza de negociación, artigo por artigo, do terceiro borrador do anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza. Un texto do que a Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) xa pedira a súa retirada por considerar que nin sequera o seu nome se correspondía co contido.

A este respecto a Área Pública denunciou, en repetidas ocasións e por escrito, que con esta lei nin se favorece a recuperación do emprego público destruído, nin se vai frear o deterioro que por mor dos sucesivos recortes sufriron os servizos públicos, nin se posibilita que as empregadas e empregados públicos recuperen dereitos laborais e económicos que lle foron suprimidos nestes últimos anos. 

A decisión foi adoptada nesta xuntanza logo dos representantes da administración autonómica deixar claro que non se ía facer regulación alguna do persoal directivo, que se mantería a imposición da carreira profesional, que se vai introducir o novo sistema de retribucións -baseado na “avaliación do rendemento” subxectiva, non profesional- e que non se vai propiciar a normalización da lingua galega nas administración públicas.

A respecto da avaliación do rendemento consideran especialmente grave que con esta lei se materialice a “discrecionalización dos dereitos das e dos empregados públicos cunha "avaliación do rendemento" non obxectiva, nin profesional co obxecto de defenestrar a súa carreira administrativa e retribucións se non se someten aos ditados políticos”.

Plus de altos cargos

Con todo, a decisión de levantarse da mesa e abandonar as negociacións, adoptouse definitivamente diante da negativa da administración a retirar o plus de altos cargos. Segundo explica María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública, “fixemos un último intento para que recapacitaran respecto do que nestes momentos significa manter este privilexio para os altos cargos cando ás empregadas e empregados públicos nos están recortando os salarios e se nos nega o dereito a cobrar as nosas pagas extra completas”. 

Para a Área Pública, con esta nova Lei da Función Pública o que se pretende é blindar a Administración autonómica para garantir os intereses de quen mandan, pensando nos altos cargos, nos asesores políticos ou nos directivos que traen da empresa privada sen pasar unha oposición. Entende que “estes son exemplos claros onde a cidadanía reclama austeridade e cuxos cartos se poderían derivar a prestación directa de servizos públicos esenciais”.

Denuncia ademais que este deseño “extremadamente politizado” da Administración autonómica, “redunda, non só nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos”. 

A nova en Avantar

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto