Rexeitamos a proposta de servizos mínimos que fai a Administración

Martes, 20 Marzo 2012 19:15 Outras novas - Mobilizacións
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O borrador do decreto contempla unha actividade mínima nalgúns servizos superior á estabelecida para as dúas últimas folgas xerais
     
A CIG trasladou esta mañá a súa total oposición á proposta de servizos mínimos presentada pola Xunta de Galiza para a folga do día 29 de marzo por considerala arbitraria, desproporcionada e falta de motivación. A central sindical entende que con este borrador de servizos mínimos non queda garantido o lexítimo exercicio do dereito á folga do conxunto do persoal que traballa para a administración galega. Por iso, a central nacionalista advirte que, de non producirse un cambio substancial, presentará recurso contencioso-administrativo.
2012 01 20 CartazFolgaXeralReformaLaboral

A proposta presentada pola Consellaría de Facenda esta mañá ás centrais sindicais afecta ao persoal que traballa nos servizos, sectores e actividades baixo competencia da Xunta: seguridade, protección civil, medios de comunicación social, rexistro, educación, bombeiros, transportes, etc... No caso da sanidade, a Consellaría presentou por separado a súa proposta de servizos mínimos para o sector público e privado.

En ningún caso foi posíbel chegar a un acordo negociado, xa que a proposta do Goberno galego supera incluso os servizos mínimos estabelecidos para as folgas de setembro de 2010 e de xaneiro de 2011. A este respecto cómpre subliñar que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a instancias dun recurso presentado pola CIG considerou (en sentenza de 16 de novembro 2011) que o decreto para a folga do 27 de xaneiro resultaba vulnerador do dereito á folga, e anulou, en particular, os servizos estabelecidos para a CRTVG e a Consellaría de Educación.

Para a CIG resulta especialmente grave que a Xunta, a pesar das resolucións na contra do TSXG, teime en conculcar dereitos fundamentais de xeito reiterado, cando a administración debería ser a primeira en velar pola defensa destes dereitos e primeira en cumprir as resolucións dos tribunais de xustiza.

Así as cousas, de non mudar substancialmente a proposta na xuntanza convocada para mañá mércores, a CIG anuncia que vai presentar recurso, xa que entende que o punto de partida para a negociación do decreto de servizos mínimos do día 29 de Marzo ten que ser o auto do 19 de xuño de 2002 da sala do contencioso-administrativo do TSXG, que di: “enténdese que os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que atenderse ás quendas estabelecidas para os sábados”.

Porén, a Xunta ignora todas estes mandatos xudiciais e, unha vez máis, volve marcar unha actividade mínima claramente abusiva, co obxectivo de impedir aos traballadores/as ao servizo das administracións galegas que exerzan o seu lexítimo dereito á folga.

Servizos abusivos no ensino

No caso do ensino non se aplica o auto do TSXG, xa que de cumprirse o estabelecido polo alto tribunal galego ningún centro debería estar en funcionamento o día 29 de marzo, posto que nas fins de semana as escolas permanecen pechadas. Pola contra, a Xunta estabeleceu que un traballador/a de cociña nos centros ordinarios, un/ha auxiliar coidador/a e o 30% do persoal de comedor, subalterno e limpeza das residencias docentes ten que estar operativo o día da folga xeral.

Ademais, a CIG considera especialmente intolerábel que a Xunta volva privar dos seus dereitos ao persoal das escolar unitarias, xa que obriga á presenza dalgún/ha membro docente naqueles centros con menos de seis unidades.

Transporte escolar e de traballadores/as

A CIG solicitou a retirada como servizo mínimo, do transporte de escolares e dos traballadores/as. A central sindical considera que esta non é unha folga específica do sector do transporte, senón que ten carácter xeral e dun só día. Darlle a consideración de especial a este tipo de transporte imposibilita que os traballadores e traballadoras das compañías que prestan o servizo poidan exercer os seus dereitos.

Administración de Xustiza

A central nacionalista solicitou a presenza nos xulgados e dependencias de xustiza dos servizos correspondentes a domingos ou sábados: unha persoa por xulgado de garda e unha por rexistro civil.

Televisión e radio galegas

Seguindo as liñas das anteriores folgas, e desoíndo as sentenzas xudiciais, a Xunta pretende impor uns servizos mínimos abusivos para a xornada de folga, mesmo incrementados con respecto ao paro do ano pasado e sen sequera convocar ao Comité de empresa para negocialos, como habitualmente se viña facendo.

Obriga de abrir todos os centros

A CIG pediu tamén a retirada do punto do borrador no que se expón literalmente que: “En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros de traballo”. Esta obriga é contraria ás disposicións que vai marcando o propio decreto e conculcadora do dereito á folga, ademais de invalidar calquera acordo. Ademais a xeneralidade da súa redacción podería dar lugar á designación de traballadores/as en servizos mínimos de forma abusiva nun xornada de folga.

Na saúde máis servizos mínimos que os ordinarios

Caso curioso resultan os servizos que presentou, xa en firme, a Consellaría de Sanidade, pois contemplan nalgúns servizos máis efectivos que o persoal que habitualmente teñen. Así mesmo, á CIG sorpréndenlle os cálculos da Xunta pois, a pesar dos recortes nos cadros de persoal do sector sanitario, a administración non ten en conta estas reestruturacións, nomeando incluso como mínimo a traballadores/as que xa non están no cadro de persoal.

Unha vez máis, a Consellaría tamén volve introducir neste decreto, sen negociar sectorialmente nin nos ámbitos no que corresponden, o transporte sanitario e as concesións privadas de limpeza, lavandería, hostalería, etc.

A nova en Avantar.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto