NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA PROPIA PATRIA! QUEREMOS GALEGO!

Mércores, 15 Maio 2013 08:40 Outras novas - Lingua
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Este vindeiro venres, día 17 de maio, é o día grande das nosas letras. Mais, desde a CIG, atopamos ademais dun motivo de celebración, varios motivos de mobilización. A nosa lingua está a ser castigada por políticas lingüicidas que se aplican desde o goberno de Núñez Feijóo na Xunta e que teñen eco tamén desde o goberno do Estado. O Decreto que na Xunta chaman do “Plurilingüismo”, un decretazo que deixa a nosa lingua baixo mínimos no ensino, é un exemplo claro diso. Mais, desgrazadamente non é o único. O ministro Wert coa súa proposta de LOMCE quere axudar á eliminación do galego das escolas e institutos. Tamén podemos ver os retrocesos, non só lingüísticos, mais tamén, en eidos tan salientábeis como a sanidade, a xustiza ou a Administración Pública. Vivir normalmente en galego está a resultar a cada paso menos posíbel, por mor dos atrancos que se lle poñen á nosa lingua, e, con ela, ao noso pobo.

17m

A Plataforma Queremos Galego! convoca para este venres 17 de maio unha MANIFESTACIÓN que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela celebrando a existencia e fermosura da nosa lingua, e o 150 aniversario da publicación do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, mais tamén esixindo medidas que viren o actual rumbo que está a provocar graves retrocesos na nosa lingua propia, o galego.

A CIG, como parte integrante da Plataforma Queremos Galego!, convida a todas as galegas e galegos, como ven facendo combativamente desde sempre, a defenderse das agresións, tamén das agresións á nosa lingua. Pois, como di o texto difundido por Queremos Galego! :

O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador.

Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M.

Venres 17 de maio, 12 h

Alameda de Compostela.


Participa, mobilízate pola túa lingua!

Non queremos ser estranxeiras na propia patria!

Queremos Galego!

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto