Noticias Política Sanitaria
 
 

Resolucións parlamentares e acción política

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Onte, no tramo final do Debate sobre o estado da Nación Galega, aprobouse no Parlamento unha resolución que dicía así:

O Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza ao desenvolvemento da Xestión Clínica, co obxectivo de facilitar a participación e autonomía profesional na xestión. A mesma responderá sempre a un modelo de xestión directo, sen personalidade xurídica propia, para evitar a súa posibel conversión en fundacións, consorcios, empresas..., e o réxime xurídico do persoal das mesmas será o de estatutario.

mosquera_parlamento_2

A primeira parte desta resolución foi unha proposta do PP que o BNG emendou engadindo a segunda parte, a que destacamos en azul. O PP instaba ao goberno a desenvolver a Xestión Clínica (e xa tén graza, cando a Consellaría de Sanidade está a implantar o seu modelo de Xestión Clínica mesmo antes de telo desenvolvido normativamente), e o BNG propuxo adicionar a esta declaración unha garantía de que o modelo de Xestión Clínica que se implantará será sempre de directa xestión pública e con persoal estatutario, algo que, sorprendentemente, o PP aceptou.

Agora ben, nunha ocasión anterior, en maio do ano en curso, xa o Parlamento aprobara por unanimidade de todos os grupos políticos unha proposición non de lei para que a xornada de tarde fora implantada nos centros hospitalarios da rede do SERGAS. Porén, esta proposición quedou en auga de castañas, posto que xa a propia Conselleira de Sanidade se encargou, ao día seguinte, de explicar que "é complicado" implantar a xornada de tarde nos hospitais, e, como ben se ve a estas alturas, non se vai efectivizar. No entanto, esta proposición non de lei serviulle á señora Mosquera para xustificar o mantemento das chamadas "peonadas", que, estas non, non deben de ser "complicadas" de manter.

Con estes antecedentes, na CIG-Saúde preguntámonos qué percorrido terá a proposta de resolución aprobada onte, preguntámonos se a Conselleira non sairá hoxe dicindo que "é complicado" manter áreas de xestión clínica baixo a directa xestión pública e con persoal estatutario. Alegrámonos das boas intencións do PP ao aprobar a emenda presentada polo BNG, mais agardaremos con excepticismo a súa efectiva aplicación.

A CIG-Saúde denuncia o servilismo da consellaría de Sanidade acatando o re-pagamento de medicamentos que rexeitan outras comunidades

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Afirma que discrimina ás persoas enfermas en función dos seus recursos, denuncia a súa exclusión do sistema e advirte de que provocará máis gastos ao empeorar a súa saúde

A CIG-Saúde considera que a consellaría de Sanidade e o goberno da Xunta, acatando a resolución que obriga ao re-pagamento de medicamentos para enfermos/as graves e crónicos evidencia o seu servilismo ao Partido Popular fronte aos intereses e necesidades das galegas e galegos. Denuncia a “falta de humanidade” que denota esta decisión ante as/os doentes que están en peores condicións e alerta das graves consecuencias que a aplicación desta medida pode ter para as persoas afectadas. Consecuencias das que están alertando as/os profesionais aos que a conselleira fai caso omiso.

cig_cartazA secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que con esta medida, que ten un obxectivo puramente recadatorio, o que se pretende é “eliminar do sistema ás persoas con enfermidades máis graves e con menos recursos” e alerta de que lonxe de conseguir ese obxectivo o que se vai provocar é un maior gasto. “Estas persoas terán un empeoramento da súa saúde e calidade de vida, terán que ingresar máis veces e haberá, en consecuencia, un maior gasto para o sistema”.

Abuín afirma que “é inaceptábel que se promova un modelo sanitario discriminatorio por razóns económicas, porque quen teña o poder adquisitivo necesario para pagar os medicamentos poderá acceder a eles e quen non quedará fóra do sistema”.

A CIG-Saúde denuncia tamén que a conselleira da Sanidade prioriza as decisións do PP fronte ás necesidades das galegas e galegos mesmo eludindo as advertencias das/os profesionais que están manifestando masivamente o seu rexeitamento a esta medida e alertando das consecuencias que terá.

Fronte a esta actitude Abuín salienta a de aquelas comunidades que xa anunciaron que non acatarían unha resolución que supón un ataque máis ás persoas que están en peores condicións tanto de saúde como económicas.

Unha empresa privada decidirá sobre as prestacións en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde denuncia que a empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan e alerta da descapitalización da sanidade pública galega

A CIG-Saúde denuncia que a consellaría de Sanidade vai deixar en mans dunha empresa privada a decisión das prestacións sanitarias en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. Alerta de que a empresa privada vai poder decidir se estas se prestan na sanidade pública ou se privatizan e das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.

fotosergasO pasado mércores 18 de setembro  publicouse no BOE un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” no que se recollía a convocatoria para a contratación de colaboración entre o sector público é o sector  privado para dispor dunha solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía),  intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia.

A CIG-Saúde explica que este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá que  maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no SERGAS para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

“ A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos  medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS  prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Descapitalización

A CIG-Saúde denuncia que isto vai supor unha descapitalización do sistema sanitario público e unha perda de postos de traballo nun tema de máxima importancia no que o persoal Facultativo do SERGAS, é dicir, os médicos e medicas do sistema público non vai poder dar a súa opinión cualificada e profesional sobre a tecnoloxía máis adecuada e que dea unha mellor resposta ás necesidades d@s pacientes.

Alerta ademais de que con este contrato a empresa  tamén pode decidir  deixar sen o aparataxe actual aos centros comarcais, centralizando a actividade nos grandes complexos hospitalarios ou en centros privados, afastando cada día máis as prestacións sanitarias da poboación e rompendo o principio de igualdade no acceso ao sistema público.

A CIG-Saúde lembra que até o de agora o traballo que vai a facer a empresa privada facíase desde o sistema público e que os informes técnicos de compra de alta tecnoloxía facíanos  as/os traballadoras/es de GALARIA. “Informes de calidade baseados na ética profesional”, matiza Abuín, quen se pregunta “por que pagar a unha empresa privada por un traballo que se pode facer directamente pola Administración”.

Este modelo está copiado do implantado no servizo de saúde das Illas Baleares. Un sistema sanitario que desde que chegou o PP perdeu prestación e calidade a pasos axigantados, segundo a CIG-Saúde, e no que ademais, como a empresa adxudicataria só sabía de maquinas, tivo que subcontratar a outra empresa para a xestión integrada dos recursos.

“Estaremos asistindo a unha situación similar como a que esta a acontecer en Madrid, na que o Conselleiro de Sanidade manifestou publicamente que privatizaban a sanidade por ser incapaces de xestionala. Cando unha persoa amosase incapaz de realizar o  seu traballo só lle queda un camiño “DIMISIÓN”, afirma a secretaria nacional.

Ante isto, a CIG-SAÚDE fai un chamamento  a condenar publicamente este novo atentado contra a sanidade pública e contra o recortes na asistencia sanitaria.

A nova, en Avantar.

Re-pagamento de medicamentos e unha Conselleira indigna

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Despois de terse publicado hai uns días unha nova resolución que incorpora o re-pagamento en certos medicamentos de enfermidades graves e crónicas a señora Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tivo a ben onte comparecer no Parlamento para dicir que non pensa incumprir a lei, é dicir, que non pensa incumprir esa resolución e vai aplicar o re-pagamento con todas as consecuencias. Hai que ver que mandadiña é esta Conselleira (para o que lle parece) que mesmo non lle importa pasar por enriba das competencias que ten asignadas: cando desde Madrid levantan un dedo, a señora Mosquera agocha a cabeza e di "si, señora".

Mais na CIG-Saúde xa sabemos como as gasta esta señora. Xa sabemos que aquí di que non lle queda máis remedio que aplicar este re-pagamento porque non pode incumprir a lei (isto ten graza, porque hai moitas leis que a este goberno non lle importa incumprir), pero en Madrid, no Consello Interterritorial, ela é, precisamente, unha das primeiras instigadoras para que estas medidas se tomen. A "hooligan" da política sanitaria do PP. A fan número un das privatizacións e os recortes.

Mentres outros territorios do Estado, como Euskadi ou Andalucía, estudan medidas que impidan a aplicación deste re-pago ás súas respectivas poboacións, aquí a señora Conselleira de Sanidade aplaude coas orellas a medida, e pon cariña de boa dicindo que non pode saltar a aplicación da lei. Que si, señora Mosquera, que si. Que xa sabemos que é vostede tan boa, tan boa, que o que desexa para os galegos e galegas é que gasten máis e teñan unha sanidade de peor calidade.

Desde a CIG-Saúde esixímoslle a esta Conselleira unha vez máis que se deixe de milongas e faga valer as competencias que tén, neste tema e noutros tantos nos que mira para outro lado mentres asente coa cabeza a todo o que lle din desde Madrid. Busque fórmulas para esquivar esta norma inxusta e gravosa para persoas xa de por si nunha situación de debilidade, actúe como a Conselleira de Sanidade que debería ser.

Racionalización da Administración: e quén racionaliza a Feijóo?

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Parece ser que onte, no Consello da Xunta, deron o visto e prace ao inicio da terceira fase do proxecto de "racionalización" da Administración. Na CIG-Saúde preguntámonos qué clase de racionalización é a que van facer desde o goberno do PP, e se non sería a Núñez Feijóo a quen habería que racionalizar.

Xa en xullo, cando se nos presentou o rascuño da Lei de Racionalización e presentamos as nosas alegacións, amosamos a nosa estrañeza de que se se trataba de adelgazar a Administración e eliminar entes superfluos ou inútiles, non se tocaran unha serie de entes dependentes da Consellaría de Sanidade carentes de todo sentido na actualidade como son o Ingo (Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía) ou a parte asistencial de Galaria. Estas dúas entidades son absolutamente superfluas, posto que as súas funcións se poden realizar perfectamente (de feito nunha parte xa é así) polos centros dependentes das Xerencias de Xestión Integrada do SERGAS sen necesidade da existencia de ningún organismo con entidade xurídica propia e distinta da do SERGAS.

Trátase dunha demanda da CIG-Saúde de hai moito tempo, que reiteradamente propuxemos, desaparición destes entes e asimilación das súas funcións e integración do persoal no SERGAS, mais sempre caeron en saco roto as nosas propostas.

E agora que se pretende racionalizar a Administración, qué pode ser máis racional que atender esta demanda e eliminar estas dúas entidades prescindíbeis? Mais curiosamente non o fan. Porqué se manteñen? Qué interese hai en que existan estes organismos inútiles? E non haberá que racionalizar tamén a Feijóo???

Continúa a ofensiva "re-pagadora" do goberno do PP no Estado

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Máis re-pagamentos. Isto é o que propugna o goberno do señor Rajoy, isto é o que aplica o Ministerio da señora Mato e a nosa inesquecíbel Pilar Farjas. Unha vez máis, cargando sobre quen xa ten abondo enriba. Desta volta tocoulles a certos medicamentos de uso hospitalario, aos que agora limitan a súa dispensación ás farmacias hospitalarias e condenan aos/ás usuarios/as a facer unha achega económica que antes non existía.

É dicir, medicamentos para tratamentos de patoloxías graves e crónicas, como poden ser certos tipos de neoplasias, que antes eran dispensados de xeito gratuito (ao estar incluídos nos medicamentos financiados na súa totalidade) agora grávanse coa obriga de re-pagamento mediante achega reducida, cargando máis as xa de por si depauperadas economías daquelas persoas que padecen enfermidades crónicas, incluidas as persoas pensionistas, que tamén están obrigadas a este novo re-pagamento. Temos que pensar que ademais destes medicamentos, estas persoas xa están pagando tamén as outras medicacións ás que o goberno impuxo a obrigación de realizar achegas económicas para poder collelas nas farmacias.

No preámbulo da resolución publicada onte no BOE chégase a expresar dun xeito que raia o "regodeo" a suposta necesidade de impoñer este repagamento: "Las características de gravedad y cronicidad de las patologías en que están indicados los medicamentos que están incluidos en el Anexo a esta resolución aconsejan que la aportación por parte del beneficiario sea reducida pues de otro modo se producirían situaciones de inequidad por comparación a los medicamentos de aportación reducida que se dispensan habitualmente en las oficinas de farmacia". As características destas patoloxías aconsellan a achega reducida para non xerar INEQUIDADE? E esas mesmas características non aconsellarán a gratuidade?

Realmente estes gobernos do PP onde teñen o límite??? Poñámosllelo nós!!!

Todos os camiños da política sanitaria do PP conducen a Roma: privatizacións, conversión de persoal estatutario en laboral, desmantelamento da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O pasado 25 de xullo o goberno do PP en Madrid publica no BOE, coma que non quere a cousa, na disposición final quinta da disposición que modifica a lei que rexe o uso de medicamentos, unha alteración do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Coma sempre por DECRETO. Esta modificación, imposta e sen negociación, inclúe un novo artigo 65bis: Servizos de Xestión Clínica. Para que se fai esta modificación? Para permitir que o persoal estatutario fixo poida traballar nas unidades de xestión clínica que se creen no futuro coma persoal laboral, cunha excedencia temporal, con reserva de posto durante 3 anos na praza estatutaria.

Pero se as unidades de xestión clínica son públicas e non teñen entidade xurídica propia, para que se fai esta modificación do Estatuto Marco? Por algo moi sinxelo. O goberno do PP cando publique o decreto estatal de xestión clínica lexislará para que as devanditas unidades poidan ser creadas ou participadas nun mínimo do seu capital polo propio servizo de saúde; o resto do capital será privado.

Se a futura regulación vai permitir que as unidades de xestión clínica poidan ter entidade xurídica propia, poderán constituírse como fundacións, consorcios e demais fórmulas de xestión. Neste modelo de xestión privada non ten cabida o persoal estatutario; por iso o goberno do PP co apoio de certos sindicatos corporativos asinaron un marabilloso pacto que permita a laboralización do persoal estatutario e facilitarlle traballar baixo o réxime laboral.

O proxecto de Decreto de Xestión Clínica presentado polo SERGAS non contempla que as unidades de xestión clínica poidan ter entidade xurídica propia, mais iso si, xa nos dixeron que este decreto pode ser modificado unha vez que o goberno do estado publique o seu.

Como será o tratamento das patoloxías crónicas que sexan tratadas a través de unidades clínicas xestionadas baixo a modalidade de fundación, consorcios…? Primará a calidade asistencial ou o beneficio económico?

Desde CIG-SAÚDE esiximos ao goberno da Xunta de Galiza e á Consellería de Sanidade que o Decreto de Xestión Clínica de Galiza non permita que estas unidades teñan entidade xurídica propia, esiximos que exerza as súas competencias e que non sexa un simple recadeiro do goberno central.

NON Á PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE! NON Á LABORALIZACIÓN DO PERSOAL!

NON Á CREACIÓN DE UNIDADES DE XESTIÓN CLÍNICA BAIXO OUTRAS FORMULAS DE XESTIÓN!

DESDE CIG-SAÚDE FACEMOS UN CHAMAMENTO A TOD@S  @S PROFESIONAIS PARA QUE REXEITEN SER COMPLICES NA DESAPARICIÓN DO SISTEMA SANITARIO PUBLICO.

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto