Noticias Política Sanitaria
 
 

Convocadas mobilizacións pola situación da Sanidade Pública tras do anuncio do maior peche de camas na historia do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 CIG, CCOO, CESM-OMEGA, CSI-F, SAE e UGT advirten das graves consecuencias desta medida para a asistencia sanitaria

Insisten en que forma parte da folla de ruta de desmantelamento da Sanidade Pública que ten o PP

20140509_103550

As organizacións CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSI-F, SAE e UGT, con representación no ámbito sanitario, compareceron esta mañá en rolda de prensa para analizar a actual situación da Sanidade Pública, tras do anuncio "dun peche de camas histórico en todos os hospitais de Galiza" mentres se padecen unhas listas de espera que consideran "tamén históricas". 

Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos/as a 60.000. Centos destas persoas "levan máis de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica", subliñan.

Á denuncia do maior peche de camas de toda a historia da Sanidade Pública (serán máis de 1.200 camas diarias as que se pechen), súmase o bloqueo de axendas na Atención Primaria. As organizacións sindicais advertiron das graves consecuencias que estas medidas van ter para a asistencia sanitaria, salientando colapsos dos servizos de urxencias, o aumento considerábel das xa alarmantes cifras de espera e o aumento do paro no sector sanitario.

A Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que "todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios, dos que, por certo, moitos Xerentes e até a propia Conselleira forman parte". Indicou que "nos servizos privatizados até agora son múltiples as deficiencias que vimos denunciando, polo que o argumento de que a privatización se fai por aforro e por mellorar a prestación, cae polo seu propio peso. Nunca presentaron un informe económico no que se recollera o tal aforro do que falan".

Sobre o peche de camas anunciado, Mª Xosé Abuín expresou o seu desconcerto polos criterios seguidos para elixir os servizos a pechar: "son criterios fóra de toda lóxica asistencial, como no caso de Xeriatría de Lugo, onde se pecha un servizo ocupado ao 100% durante todo o ano, argumentando un criterio de rotación. Xa estamos tremendo por cando na rotación lle toque pechar ao servizo de UCI ou de Urxencias".

Na comparecencia, tamén se denunciou que agora, coa negociación do Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU ,vaise afondar na folla de ruta de desmantelamento da Sanidade Pública, impoñendo unhas condicións que impidan no futuro reverter os servizos privatizados á xestión pública.

Mobilizacións os días 14, 21 e 28 de maio

Para combater estas medidas, as organizacións sindicais anunciaron mobilizacións durante o mes de maio. Concretamente celebraranse concentracións os días 14, 21 e 28 nos centros sanitarios, simbolizando a falta de camas, de tal xeito que as protestas se van realizar coas persoas participantes deitadas no chan.

Ademais disto, dirixirán un escrito aos partidos políticos que se presentan ás eleccións "explicándolles a grave situación que está a atravesar a Sanidade Pública" e a visión das organizacións sindicais “do que debería ser unha política de defensa e mellora da Sanidade Pública".

Así mesmo, valoran continuar coas mobilizacións de denuncia e non descartan elevar a presión con outro tipo de medidas.

A CIG-Saúde denuncia a intención de Rajoy de volver recortar o orzamento destinado a Sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Pretende reducilo en 150 millóns de euros máis e revisar, para isto, o “perfil” das/os aseguradas/os, redefinir as carteiras de servizos e seguir incidindo en recortes de persoal

 Mariano Rajoy vén de remitir a Bruxelas un novo plan de estabilidade no que se prevé recortar novamente o orzamento destinado a Sanidade noutros 150 millóns de euros. A CIG-Saúde manifesta a súa rotunda oposición a este novo recorte e denuncia que suporá “eliminar, de facto, o dereito á protección sanitaria da poboación e incrementar o sufrimento das persoas”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, entende que co que se recolle neste plan de estabilidade vaise afondar nas medidas recollidas no RD 16/2012 no que xa se anulaba a universalidade da protección sanitaria ao vincular o dereito á prestación sanitaria a estar asegurado/a. “Agora neste documento dise que mesmo se vai revisar o perfil das/os aseguradas/os que acceden á prestación sanitaria”, explica Abuín, que se pregunta “que vai pasar con toda a poboación que neste momento está en situación de desemprego se as/os beneficiarios/as van ser as/os aseguradas/os e se vai a haber un maior límite no acceso da poboación máis desfavorecida ao sistema sanitario e ás súas prestacións”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde “este goberno segue a facer oídos xordos a todos os informes da OMS onde se recoñece o dereito á prestación universal á prestación sanitaria”.

A segunda medida deste plan de estabilidade é unha definición da carteira de servizos. Cómpre lembrar que o RD 16/2012 xa recolle tres carteiras de servizo. Con este novo recorte orzamentario a CIG-Saúde entende que o que pretende este goberno é “diminuír a carteira básica, incorporar na carteira suplementaria e accesorias prestacións que hoxe son básicas e fundamentais e introducir máis sistemas de pagamento”.

Outra das medidas recollidas é a “racionalización de recursos humanos”. A este respecto, Abuín subliña que só hai que mirar a eliminación de postos de traballo por mor da imposición dunha taxa de reposición do 10% que, con esta medida, o goberno do PP seguirá a manter como mínimo até o 2017, con todas as consecuencias negativas para unha atención sanitaria de calidade que isto ten.

“Xa na actualidade a taxa de reposición e a eliminación de traballadores/as da sanidade pública está dificultando que se poida garantir unha atención sanitaria de calidade e de futuro vai facer inviábel a súa prestación ao carecer dun rateo de profesionais adecuado ás necesidades sanitarias da poboación”, afirma.

Por iso conclúe que estas medidas teñen como único obxectivo incrementar os recortes e promover a privatización.

A CIG-Saúde denuncia que o peche de máis de 1.200 camas hospitalarias diarias durante 4 meses provocará problemas asistenciais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Alerta do sufrimento que isto xera nas/os doentes pola negativa do SERGAS a contratar persoal eventual no período de vacacións para aforrar a custo da saúde
.
O SERGAS pechará durante 120 días máis de 1.200 camas hospitalarias cada día. A CIG-Saúde denuncia que isto provocará problemas asistenciais como a paralización da actividade cirúrxica, o incremento das listas de espera, a saturación dos servizos de urxencia e unha presión sobre os centros hospitalarios e sobre o propio persoal sanitario para reducir tanto o número de ingresos como o tempo de estancia media de hospitalización (altas prematuras).

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que no canto de priorizar a saúde das galegas e galegos, as súas necesidades de atención sanitaria e a necesaria calidade asistencial para as e os doentes, o SERGAS prioriza o aforro que se engade aos recortes orzamentarios que se veñen producindo xa no sistema sanitario público. “Se non hai actividade, non hai gasto e esa é unha das máximas deste goberno”, di.

Abuín afirma que esta medida provocará inevitablemente o incremento do sufrimento das persoas fronte á enfermidade, ao retrasar o acceso ás prestacións sanitarias. Ademais do sufrimento que supón para a poboación o peche de camas pola diminución de actividade nos centros e o aumento de espera para recibir asistencia sanitaria, esta medida ten unha importante repercusión no emprego no sector sanitario. “Pechan camas para non contratar persoal eventual no verán. Un verán que dura, para a consellaría, catro meses e no que cada ano se incrementa máis o número de camas pechadas”.

De feito a CIG-Saúde ten cuantificado o número de camas pechadas desde o ano 2010. Daquela foran 588, que ao ano seguinte ascenderan a 670. En 2012 houbo un novo incremento, até chegar ás 787 camas pechadas e o ano pasado xa se elevaran a 1.105, chegando este ano ás 1.200.

CIG-Saúde denuncia que o SERGAS xa non publica datos sobre as contratacións realizadas nos centros sanitarios. “Temos o índice máis baixo de contratación e o máis alto de precariedade. Non contratan, pero si provocan que a xente faga horas aumentando a súa xornada ordinaria”.

A CIG-Saúde entende que deste xeito mesmo se está a defraudar á Seguridade Social, “como os peores empresarios non contratan para non ter que pagar as cotizacións correspondentes”, denuncia a secretaria nacional.

A non cobertura de persoal tamén se produce no ámbito da atención primaria. Pechan as axendas de consultas provocando listas de espera e obrigando á poboación a recorrer aos servizos de urxencias.

Ante isto, a CIG-Saúde fai un chamamento á poboación a denunciar as situacións de retraso no acceso á sanidade e a participar conxuntamente cos traballadores e traballadoras nas mobilizacións que en defensa dunha sanidade pública, gratuíta e universal se convoquen.

A nova en Avantar

Está na nosa man parar o Decreto de Áreas de Xestión Clínica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

ESTÁ NA NOSA MAN PARAR O “DECRETO DE ÁREAS DE XESTIÓN CLÍNICA”

As “Áreas de Xestión Clínica” deseñadas polo SERGAS supoñen un paso importante na fragmentación da sanidade pública e non teñen como principal obxectivo mellorar a calidade senón aforrar cartos en persoal, materiais, farmacia e exploracións complementarias e con ese “aforro” financiar incentivos económicos para as e os profesionais que decidan participar nesas Áreas.
Para crear máis incerteza, a proposta de creación desas “Áreas” faise nun contexto económico e político de recortes e privatizacións da sanidade pública, no que chegan da Unión Europea directivas que pretenden a liberalización dos servizos públicos. A súa vez, no Parlamento español modifícase o Estatuto Marco para facilitar a súa privatización.

FAGÁMONOS VALER

 

  • defendamos a democratización e a participación nos Servizos
  • defendamos o traballo por procesos para lograr unha mellor integración de niveis e servizos
  • denunciemos as imposicións e recortes e defendamos a utilización da mellor evidencia científica na práctica clínica

 

NON ACEPTES PARTICIPAR NAS "ÁREAS DE XESTIÓN CLÍNICA"

Descarga e difunde!

CIG-Saúde alerta das consecuencias que está a ter a externalización do servizo de electromedicina

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Reclama o rescate urxente do servizo para garantir o correcto funcionamento dos equipos e evitar os adversos efectos que isto ten na asistencia sanitaria
.
A CIG-Saúde compareceu esta mañá en rolda de prensa para advertir dos constantes fallos que se están a producir nos equipos de electromedicina desde que se produciu a privatización do servizo. Segundo María Xosé Abuín, Secretaria Nacional, IBERMAN S.A non ten a solvencia que se precisa para asumir o seu mantemento o que está a provocar importantes problemas nos distintos centros sanitarios de Galiza. Lembra que a CIG-Saúde xa o denunciou en numerosas ocasións sen que o SERGAS adoptara medida algunha e reclama o rescate urxente do servizo.

Na rolda de prensa, a Secretaria Nacional da Federación, María Xosé Abuín, estivo acompañada por Xoana Zamudio, Xosé Vázquez, Xermán Rouco, Rafael Pérez, e Fernando Rivas, da CIG-Saúde.

A CIG-Saúde considera que IBERMAN S.A. está a incumprir o contrato. Denuncia que non respecta os protocolos dos fabricantes, non emprega pezas orixinais e non hai nin garantía das reparacións, nin protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos.

Abuín advertiu de que todos os informes técnicos recollen que para garantir a seguridade de doentes e usuarios/as na xestión da tecnoloxía sanitaria “é necesario que o seu mantemento sexa efectuado por persoal con cualificación específica que siga os protocolos do fabricante e que empregue pezas orixinais con validez demostrada na avaliación da conformidade realizada no proceso de certificación para o marcado CE”.

Xunto a isto sinala que está constatado que o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento e alerta das consecuencias que pode ter manter o servizo en mans desta empresa. “Polos datos que temos IBERMAN está a incumprir en toda a súa extensión as recomendacións cualificadas”.

A CIG-Saúde xa denunciou fallos en equipos médicos, incubadoras, arcos cirúrxicos, equipos de esterilización, mesas de quirófano, mamógrafos, berces térmicos, equipos de citoscopias, de raios, insufladores endoscópicos, electrocardiógrafos e camas eléctricas en diferentes centros hospitalarios.

Ante isto Abuín concluíu que se os mantementos preventivos e técnico legais non están ao día e a empresa incumpre o Prego de Prescricións Técnicas contemplado para estes equipos no contrato, o SERGAS ten que recuperar o servizo. “É un grande negocio para as empresas privadas e unha ruína para o sistema público, que está a pagar por un servizo que non ten”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde afirma ademais que esta sangría está a ter graves consecuencias e sinala entre outras a descapitalización de todo o equipamento existente nos servizos, o incremento no custe para o erario público e un servizo de pésima calidade con incidencias directas sobre as e os pacientes.

Problemas en todas as Áreas Sanitarias

Durante a comparecencia fíxose un relato minucioso a respecto todas as irregularidades que se están a producir nas distintas Áreas Sanitarias por parte da adxudicataria deste servizo.

CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña): Non hai presenza física as 24 h. Os mantementos preventivos non están ao día. Non hai equipos en depósito para substitucións por avaría. O inventario non está ao día. Un electrobisturí leva varias semanas fóra de servizo.

Materno Infantil da Coruña: Non se fan as revisións de quirófanos. Non hai presenza física diaria e moito menos as 24 h.

CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago): Graves problemas cun dializador (ardeu mentres se dializaba a un paciente, como consecuencia de empregar pezas usadas doutros equipos que levaban bastante tempo retirados). Os mantementos preventivos non están ao día. Non hai presenza física as 24 h. Non existen equipos en depósito para substitucións por avaría. O inventario non está ao día. As reparacións non se fan con pezas orixinais. A telemetría leva varias semanas sen reparar.

Hospital Gil Casares: Varios equipos de endoscopias levan tempo se reparar.

HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti): Problemas cos equipos de endoscopias. Non están ao día os mantementos preventivos. Non existen equipos en depósito para substitucións por avaría. O inventario non está ao día. Non hai presenza física as 24 h.

Hospital da Costa (Burela): Non hai presenza física todos os días e menos as 24 h. O inventario non está ao día. Non existen equipos para substitución en caso de avaría. As reparacións non se fan con pezas orixinais. Reiteradamente está habendo problemas cos equipos de radioloxía. Hai equipos coas revisións caducadas. Atrasos nas reparacións de aparellos endoscópicos. Non se fan as revisións dos aparellos de electroterapia: ultrasóns, microondas, onda corta, etc. Os protocolos de actuación no relativo á coordinación de tarefas son inexistentes.

Hospital de Monforte: Non hai presenza física todos os días e menos as 24 h. O inventario non está ao día. Non existen equipos para substitución en caso de avaría. As reparacións non se fan con pezas orixinais.Hai equipos coas revisións caducadas.

CHOU (Complexo Hospitalario de Ourense): Non teñen presenza física as 24 h. Non teñen equipos para substitucións en caso de avaría. As reparacións non se fan con pezas orixinais (graves consecuencias para os equipos, réstalles vida útil).

Hospital do Barco: Non hai presenza física as 24 h. Problemas cun esterilizador, 15 días parado,  houbo que chamar a outra empresa Utilizan recambios de propiedade do Hospital e sen ningún control. Hai equipos coas revisións caducadas. Non está ao día o inventario. Non hai equipos para substitucións por avaría. Sala de raios X (telemando) de Philips, leva 4 semanas parada.

CHOP (Complexo Hospitalario de Pontevedra): Non hai presenza física as 24 h. Hai equipos con revisións caducadas. O inventario non está ao díaProblemas cos mesturadores de osíxeno de neonatos, levan tempo sen células de osíxeno, descoñécese o motivo. Ventiladores e respiradores fóra de servizo (semanas) Non hai equipos para substitucións por avaría. Non están a facer as revisións de quirófanos

Hospital do Salnés (Vilgarcía de Arousa): A reparación das camas eléctricas estaas facendo outra empresa, e descoñécese o motivo. O contrato recolle como equipos a reparar pola adxudicataria do contrato de electromedicina, IBERMAN, S.A.

EOXI Ferrol (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada): Non entregaron o Inventario. Non fan os mantementos preventivos. Non entregaron informe previo. Non hai presenza física as 24h. Hai problemas cos servizos que teñen a norma ISO xa que non fan os mantementos dos equipos.

En conxunto, na maioría dos hospitais está habendo problemas para implantar a norma ISO, xa que isto implica ter os mantementos preceptivos actualizados.

A CIG-Saúde ten constancia de que existen máis incidencias,  pero en moitos casos as Direccións están facendo caso omiso ás denuncias que dende os propios servizos lles están achegando.

A noticia en Avantar

Outro día de Libre Disposición que o goberno nos "agasalla"?

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

No día de onte, no Congreso dos Deputados, o Ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, anunciou que coa entrada en vigor da Lei de Racionalización da Administración que se está a tramitar no parlamento español se ía repoñer outro día de libre disposición dos que foron roubados ao persoal das Administracións Públicas cos decretazos de Rajoy.

Desde CIG-Saúde queremos lembrar a todo o persoal que este Día de Libre Disposición non é un agasallo que nos queiran facer chegar desde a Administración, posto que previamente se nos retiraron 3 días de Libre disposición do EBEP e outros tres da lexislación galega. Perdimos no seu momento 6 días de Libre Disposición (ademais daqueles por antigüidade) e agora pretenden calarnos devolvendo un. 

Tendo en conta que no mes de decembro se publicou unha norma que devolveu un Día de Libre Disposición, e agora, 3 meses despois, anuncian a devolución doutro LD, queda patente a estratexia de despiste que está a seguir a Administración Rajoy, parecen pensar: "vaiámoslles devolvendo días de 1 en 1, para que vaian estando contentos/as  e non molesten demasiado exixindo os outros dereitos roubados".

 Non caiamos na trampa. Non nos están dando nada que non sexa noso, é a devolución do que antes nos roubaron.

Seguimos exixindo que se nos restitúan os dereitos que tiñamos, tanto de xornada e permisos como retributivos.

CIG-Saúde exixe da consellaría de Sanidade a retirada inmediata do decreto de xestión clínica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O Consello Consultivo considera o texto contrario ao ordenamento xurídico

13 12 10 Manifestacion A Corunha_022A CIG-Saúde exixe a inmediata retirada do Decreto de Xestión Clínica aprobado polo Consello da Xunta e publicado no DOG número 57 do día 24 de marzo. Considera que non se pode impor un modelo de xestión que conta co rexeitamento das organizacións sindicais, as/os profesionais da sanidade pública e da cidadanía en xeral. Rexeitamento ao que se suma ademais o Consello Consultivo de Galiza que mesmo o considera contrario ao ordenamento xurídico.

A CIG-Saúde congratúlase de que o informe do Consello Consultivo coincida, no substancial, coas denuncias presentadas por escrito pola central sindical na mesa sectorial, nomeadamente a consideración de que o texto “está cheo de ambigüidades e de aspectos claramente negativos”. Ambigüidades que a central sindical entende que “son especialmente rechamantes no relativo a Recursos Humanos, ao manexo de recursos económicos e nos sistemas avaliación”.

A este respecto, o Consello Consultivo coincide en sinalar que o documento ten un “grao de indefinición do sistema e falla de claridade nas previsións” e fai referencia ademais á “pouco clara” regulación dos incentivos económicos.

Nese sentido, a CIG-Saúde denunciaba, e denuncia, que os incentivos económicos están baseados nos recortes nas prestacións e non en indicadores de saúde e sobre isto o Consello Consultivo recolle que non hai unha regulación expresa dos indicadores que deberán terse en conta para a fixación dos incentivos e coincide tamén coa valoración da central sindical respecto da libre designación do xefe/a da área de xestión clínica.

Para a CIG-Saúde é “inadmisíbel” que a pesar de ter coñecemento da valoración do Consello Consultivo, en contra do proxecto de creación das áreas de xestión clínica, o goberno galego no seu conxunto, aprobara o Decreto sen ter en conta ningunha das observacións xerais que sobre a legalidade do proxecto fai este organismo.

Por iso considera que debe ser retirado de forma inmediata e devolto á mesa de negociación para así corrixir as deficiencias denunciadas polas organizacións sindicais que se ven avaladas polo Consello Consultivo.

A nova en Avantar

Publicado no DOG o Decreto de Xestión Clínica, inda co rexeitamento maioritario

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Publicouse hoxe no DOG o Decreto de Xestión Clínica que o PP aprobou no Consello da Xunta do xoves pasado.

  • Decreto de Xestión Clínica: DECRETO 36/2014, do 20 de marzo, polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde. Descargar PDF

A CIG-Saúde, que xa manifestou en reiteradas ocasións a súa rotunda oposición ao mesmo, remitiu un escrito á consellaría informando da súa decisión de non participar na Comisión Técnica creada para o deenvolvemento do Decreto. Considera que “non ten sentido ningún sentar a negociar unha norma xa aprobada a pesar das numerosas alegacións presentadas, que non foron sequera escoitadas pola administración”.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia que o decreto foi aprobado “cando aínda se supoñía que estaba sobre a mesa de negociación e cando onte mesmo nos envían unha mensaxe na que nos anuncian que nos van convocar para continuar a falar sobre o modelo de Xestión Clínica que se pretende implantar”.

Ante isto, Abuín anuncia que a CIG-Saúde non vai ser cómplice da consellaría diante da opinión pública e, polo tanto non vai participar en negociación algunha que se convoque co obxectivo de desenvolver un Decreto como o de Xestión Clínica que considera “lesivo para o sistema sanitario, para o persoal do SERGAS e para as usuarias e usuarios”.

Seguiremos loitando por unha Sanidade Pública de calidade e non ao servizo dos intereses das empresas privadas, como quere facer o goberno de Feijóo, tamén con este Decreto de Xestión Clínica.

Rexeitemos o Decreto nas mobilizacións convocadas para o 26 de marzo. Sanidade Pública Sempre!

 

1780021_809852395710451_628125713_o

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto