Noticias Política Sanitaria
 
 

A CIG-Saúde ve confirmadas as súas denuncias sobre nomeamentos de cargos de alta dirección na Axencia do Coñecemento en Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Lembra que xa alertara de que se producirían estes nomeamentos confirmados no DOG do pasado venres, no ano 2014
En novembro de 2014 a CIG-Saúde alertaba de que, co regulamento da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Sanidade pretendía dar cobertura legal a quen estaba en situación irregular na consellaría. O pasado venres día 22 de abril confirmábanse todas as sospeitas ao publicarse no DOG o nomeamento da persoa á que daquela se apuntaba, cun contrato de alta dirección, como director da Área de Xestión do Coñecemento e Talento.
09-11-19 SERGAS

A CIG-Saúde denunciaba, en concreto, que unha persoa –auxiliar administrativa- figuraba no organigrama da consellaría como Xefe do Servizo de Innovación Sanitaria, cando para ese cargo é preciso ser do grupo A1.

O propio Consello de Contas avalaba esta denuncia no seu informe de fiscalización da FEGAS publicado en xuño de 2015. Nese informe sinalaba que había persoas, entre elas esta á que apuntaba a CIG-Saúde, que percibían unhas retribucións anuais “equiparadas coas retribucións dun posto de Xefatura de Servizo”. Neste concepto retribuíase o desempeño do posto de Xefatura que, doutra forma, non podería percibir ao non se corresponder coa súa categoría profesional.

A CIG-Saúde alertaba ademais de que, todo parecía indicar, que a única preocupación da consellaría de Sanidade era regular, no Decreto de Creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde, a designación de cargos directivos polo método de “libre designación”, con contratos de alta dirección ou similares, sen especificar cal ía ser a súa remuneración, nin se esas xefaturas sería de persoal sanitario ou non. Por iso sospeitaba que detrás das imprecisións dese decreto se  agochaban outras intencións.

“Temíamos que logo se convocaran as prazas para esta Axencia cun perfil adaptado a esta persoa en concreto. Porén foi aínda peor porque na convocatoria nin sequera especificaron os méritos a valorar para cada un dos cargos”, explica María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.

Abuín lembra que esta persoa ocupa o posto 100 das listaxes de promoción interna para o grupo A, polo tanto, a CIG-Saúde anima aos traballadores e  traballadoras do SERGAS a que deixen de facer esforzos para acadar un posto de grupo A1 polo sistema de concurso-oposición e que lle demanden ao goberno galego un contrato de alta dirección tal e como conseguiron outros que mesmo acreditan menos méritos nas listaxes públicas de selección temporal.

CIG-Saúde lembra que ten impugnado xudicialmente a designación dos cargos directivos da Axencia por saltarse toda a normativa estatutaria e agarda ter unha sentenza favorable en breve. Máis agora que todas as súas denuncias se ven confirmadas.

A noticia en Avantar

CIG-Saúde pregúntase a onde foron os 73 millóns € destinados ao concurso para dotación de alta tecnoloxía os hospitais do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Lamenta que o sistema sanitario público galego dependa de doazóns de fundacións para equipar os centros
 
O 13 de setembro de 2013 publicábase no BOE o anuncio da “contratación de colaboración entre o sector público e o sector privado para dispor duna solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia” cun valor estimado do contrato de 73 millóns de euros. Cartos que a CIG-Saúde denuncia que no se sabe onde foron parar.
20100127sanidadeHoxe mesmo publicábase na prensa que en breve comezará a funcionar a área de oncoloxía radioterápica do HULA con equipamentos de última xeración doados pola Fundación Amancio Ortega.

A finais de 2015 anunciábase tamén, que esta mesma fundación viña de facer outra doazón, nese caso de 17 millóns de euros, para a adquisición de novos mamógrafos dixitais en 16 centros do SERGAS.

A CIG-Saúde pregúntase que se fixo logo cos 73 millóns de euros da contratación anunciada no BOE, hai menos de tres anos; que parte dese contrato se cumpriu; que se contratou e con que empresas e que pasou cos equipamentos pendentes de adxudicar dado que “os aceleradores lineais de máis de 10 anos, por exemplo, terían que ser renovados, entre outros equipamentos de alta tecnoloxía”, afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.

Lembra que no seu momento este investimento foi anunciado polo propio Presidente da Xunta como o maior investimento –e sen precedentes na historia- na sanidade pública galega.

Abuín lamenta que “para dotar os centros do SERGAS do equipamento de alta tecnoloxía necesario haxa que depender de doazóns benéficas que, aínda por riba, veñen dunha multinacional á que se lle lava a cara con estas accións de carácter humanitario, mentres non se lles obriga a tratar con dignidade ao seu persoal e a tributar o que lle correspondería se houbese un sistema fiscal e redistributivo realmente progresivo”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde dese xeito o SERGAS disporía dun financiamento suficiente para poder dotar de todo este material aos centros hospitalarios para atender as necesidades sanitarias da poboación.

Publicada no DOG a data de posta en marcha das Axencias que a CIG impugnou

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

dogPublícanse hoxe no DOG senllas resolucións que dán publicidade á data de posta en marcha da Axencia Galega de Sangue, Tecidos e Órganos e da Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde.

Como é sabido a CIG-Saúde impugnou os decretos de creación destas dúas axencias, por mor das irregularidades que vimos denunciando, como por exemplo a libre designación nos postos directivos. No seu momento pedimos a retirada dos textos propostos, que nin sequera foron remitidos ao Consello Consultivo, mais finalmente a Consellaría fixo ouvidos xordos e publicou estes decretos. Hoxe, anúnciase a data de posta en marcha para o vindeiro día 1 de xaneiro.

  • RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2015 pola que se publica a data da posta en funcionamento da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Descargar PDF
  • RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2015 pola que se publica a data da posta en funcionamento da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. Descargar PDF

Desde a CIG-Saúde agardamos que a xustiza poña fin a esta absoluta irregularidade e teima da Consellaría de Sanidade. O tempo e os xulgados dirán.

A CIG-Saúde denuncia que a campaña de captación de 'clientes' iniciada por Povisa sáltase os procedementos establecidos polo Sergas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde sostén que o hospital vigués está a recoller datos persoais e de tarxeta sanitaria de persoas que non teñen vinculación co centro
 
A CIG-Saúde denuncia que o hospital Povisa de Vigo está a facer unha "agresiva campaña de captación de pacientes/clientes" que desborda os límites dos procedementos establecidos polo Sergas, chegando a recoller datos persoais e de tarxeta sanitaria de persoas que non teñen vinculación co centro médico privado. Dende a central solicítanlle á cidadanía que aposte pola defensa da sanidade pública e reclame que sexa dotada de todos os recursos humanos e materiais necesarios para que poida prestar un servizo de calidade.
2015 03 19 ManifaDelegadosCIGPovisa10Dende a central lembran que tal e como recolle a Instrución 7/ 2014 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, do 1 ao 30 de novembro está aberto o período anual de elección de hospital para a poboación dos concellos e centros de saúde que actualmente teñen asignado Povisa como hospital de referencia.

Mais o centro médico está a facer "unha agresiva campaña de captación de pacientes/clientes" que desborda os límites desta instrución do Sergas, chegando a recoller datos persoais e de tarxeta sanitaria de persoas que non teñen vinculación con este centro médico privado e saltándose o procedemento regrado para solicitar o cambio: os centros de saúde.

Sosteñen que diante das criticas da cidadanía ao modelo de financiamento e xestión do novo hospital de Vigo e dos problemas detectados coa súa posta en marcha, Povisa intenta tirar máis rédito económico incrementando o número de pacientes asignados, incrementando así o seu volume de ingresos, pois o pago do concerto é capitativo.

Ademais, critican que o hospital privado non aposte por incrementar o número de profesionais para equiparar os seus “ratios” coa sanidade pública.

Inciden tamén en que os problemas asistenciais e organizativos detectados no novo hospital soluciónanse coa súa recuperación para a sanidade pública “e non derivando máis cartos de todos/as á sanidade privada”.

Diante disto, solicítanlle á cidadanía que aposte pola defensa da sanidade pública e reclame que sexa dotada de todos os recursos humanos e materiais necesarios para que poida prestar un servizo de calidade.

CIG-Saúde denuncia nos xulgados á Consellaría de Sanidade por presunta prevaricación e malversación de caudais públicos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Os datos nos que se basea figuran no informe do Consello de Contas aprobado en xuño deste ano
 
A Executiva de CIG-Saúde compareceu este venres, en rolda de prensa, para dar conta da denuncia presentada no xulgado de Instrución de Compostela contra a consellaría de Sanidade por presunta malversación de caudais públicos ou prevaricación. CIG-Saúde entende que Sanidade está a beneficiar a determinados/as empregados/as públicos/as co pagamento de retribucións superiores ás propias da súa categoría profesional, que para iso incumpriuse a legalidade vixente e que, mentres se gastan os cartos de forma irregular, falta persoal para atender as necesidades asistenciais na sanidade pública galega.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, deu conta desta denuncia salientando que os datos que a avalan veñen recollidos no informe de fiscalizacións da FEGAS do Consello de Contas, aprobado en xuño deste ano. Segundo este organismo tres efectivos do Grupo C2 –auxiliares administrativos-, dous deles xefes de grupo e un condutor de instalacións, e os outros dous do Grupo A1 estiveron cobrando un complemento por programas especiais. “Os importes anuais (aboados mensualmente) son inferiores a 1.500 € para os perceptores do grupo A1, achegándose aos 3.000€ no caso do condutor de instalacións e situándose en 15.892 €anuais para os dous perceptores xefes de grupo”.

O Consello de Contas sinala ademais que no caso dos xefes de grupo, as súas retribucións anuais situáronse “na zona alta das percibidas polos grupos A1, permitindo unha equiparación retributiva co posto de xefatura de servizo” e que  “estes efectivos desempeñan as funcións de responsábeis das unidades de Xestión e Apoio Tecnolóxico e Desenvolvemento e Innovación, polo que os importes percibidos por este concepto veñen retribuír o desempeño destes postos que, doutra forma, non poderían percibir por non corresponder coa súa categoría profesional”.

En todo caso,  a denuncia non é nova. Tal e como sinalou Abuín, a CIG-Saúde xa presentou un escrito perante a consellaría de Sanidade -e con posterioridade e referido á mesma cuestión a CIG-Administración- perante a Dirección Xeral de Función Pública, denunciando que no directorio do Persoal do Sergas aparecía unha persoa auxiliar administrativo que figuraba como Xefe de Servizos da Unidade de Xestión de Tecnoloxía, Desenvolvemento e Innovación.

“A resposta da administración foi negar a evidencia”, lembrou Abuín quen denunciou que xunto ás citadas irregularidades “non aparece ningunha das retribucións que perciben na Orde de Confección de Nóminas, nin consta informe favorábel da Dirección Xeral de Función Pública e de Orzamentos, tal e como está previsto no artigo 25 na Lei de Orzamentos de Galiza”.

Para a CIG-Saúde é grave que a consellaría de Sanidade non fixera caso algún ás denuncias que fixo a CIG e moito máis aínda que non adoptara medida algunha malia coñecer o contido do informe do Consello de Contas desde o 15 de xuño deste ano.

“Unha fraude”

A CIG-Saúde entende que isto é unha fraude e que se incumpren tanto a Lei de Función Pública Galega como a Lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde, porque nesta normativa “recóllese expresamente que postos son xefaturas do grupo A1 ás que non se pode acceder como auxiliar administrativo”.

Abuín entende ademais que estas prazas terían que ter sido convocadas por procedemento público. Por iso conclúe que “se están a vulnerar os principios de igualdade, mérito e capacidade e, sobre todo, estase cometendo unha fraude porque se permite que se estean ocupando xefaturas de servizo a auxiliares administrativos de postos que terían que estar no grupo A1”.

Orde de confección de nóminas paralela

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que nunha recente xuntanza co conselleiro de Facenda, este chamara a atención sobre o incremento de gastos de persoal no SERGAS en 20 millóns de euros nos últimos anos.

Ante isto, Abuín sinalou que se os gastos de persoal do SERGAS se incrementaron en 20 millóns a pesar de terse amortizado máis de 3.000 prazas, do peche de camas no verán para non cubrir as ausencias de persoal, temos a maior taxa de precariedade laboral; contratos por horas, ausencias que non se cobren, peches de axendas en Primaria para non cubrir axendas de médicos e enfermeiras cando se van de vacacións, recortes salariais e demais “seguramente se publicasen esa orde de confección de nóminas paralela ao mellor atopabamos estes 20 millóns de € que se deberían destinar a gastos de persoal, pero para cubrir realmente as demandas asistencias na Sanidade Pública galega.”

A noticia en Avantar

“O novo hospital de Vigo semella un centro comercial da saúde”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Persoal e pacientes de distintos servizos do Álvaro Cunqueiro denuncian o modelo de xestión, as deficiencias e a situación caótica que se vive no centro dende a súa posta en marcha
 
Traballadores/as e usuarios/as de distintos servizos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ofreceron hoxe unha rolda de prensa para denunciar o modelo de xestión, as numerosas deficiencias detectadas e o caos que se vive no centro dende a súa posta en marcha, situación que segundo advirten pon en risco tanto aos pacientes como ao propio persoal. Unha das persoas que participaron na comparecencia, enferma oncolóxica, chegou a definir a infraestrutura recentemente estreada como “un centro comercial da saúde”.
2015 09 16 RoldaPrensaPersoalPacientesDeficienciasNovoHospitalVigo02Os distintos/as profesionais de servizos como Radioloxía, Cardioloxía, Hematoloxía, Obstetricia, Oncoloxía ou Anatomía Patolóxica relataron durante case dúas horas e media os numerosos problemas cos que conviven dende que se iniciou o traslado ao novo hospital a causa da falta de recursos e de espazos axeitados e alertaron sobre o risco que isto supón para a seguridade dos pacientes e dos propios traballadores/as. En concreto, denunciaron as deficiencias existentes nas novas instalacións e a falta de equipamento e de persoal e acusaron os responsábeis do Sergas de “mirar cara a outro lado con tal de cumprir os prazos”.

A primeira intervención correu a cargo dun médico de Radioloxía, que detallou algunhas das máis de 500 incidencias rexistradas no servizo e que foron comunicadas verbalmente ou por escrito aos seus superiores, “sendo desestimadas sistematicamente”. Diante disto, optaron por remitir un informe asinado por 160 compañeiros/as no que se detallan as máis importantes e se reclama a paralización do traslado -que segundo vén de confirmar a Xerencia da EOXI se reanudará este luns 21- até que non se dote axeitadamente o servizo de Radioloxía.

O facultativo tamén indicou que nestes momentos o centro só conta con dous TAC (escáner necesario para a realización de probas diagnósticas), un deles de moi baixas prestacións, e que a instalación do novo equipo máis avanzado aínda non comezou. Con todo, advertiu que cando remate o traslado non haberá capacidade suficiente para atender a todos os pacientes e que, ao darse prioridade aos ingresados/as e aos de Urxencias, produciranse demoras nas probas de pacientes ambulatorios. Diante disto, reclamou un compromiso público de que se axilizará a instalación de equipamento e lembrou que a pesar de que o servizo conta con 23 radiólogos/as “só hai tres postos funcionando”.

Non cumpre os requisitos mínimos

A continuación tomou a palabra unha matrona con máis de 30 anos de experiencia no hospital Xeral para relatar que ao longo de toda a súa carreira profesional os cambios que viviu sempre foron para mellorar o servizo, algo que non foi así cando visitou por primeira vez o novo centro médico e detectou que “non cumpre os requisitos para garantir a calidade asistencial”. Indicou que o anterior proxecto de hospital tiña unha zona de partos “excelente” pero que despois optaron por eliminar dúas salas, aínda que o máis grave na súa opinión é que entre o hospital de día onde repousan as embarazadas mentres agardan e o quirófano está a catro andares de distancia.

“As urxencias obstétricas son de pena, con seis habitacións sen baño, polo que as usuarias teñen que atravesar a sala de agarda para ir ao baño. A zona de reanimación dos recén natos está fóra do bloque cirúrxico, cando a lóxica di que ten que estar no mesmo bloque; o que si está no bloque cirúrxico é o 'cuñero', onde se lavan as cuñas sucias, compartindo espazo coa zona onde se lavan os cirurxiáns/ás antes da practicar unha cesárea”. Estas e outras cuestións levan á matrona a dubidar de que o deseño do centro fose realizado por profesionais da sanidade e a reclamar unha comisión de profesionais en activo para solucionar estas deficiencias “porque aínda que o novo hospital foi mal construído está claro que non se pode dinamitar”.

Tamén se queixou da escaseza de persoal para facer posíbel que as mulleres que dan a luz permanezan vixiadas na mesma habitación durante a dilatación, o parto e o posparto tal e como se recomenda, para o que sería necesario “unha ou dúas persoas máis por quenda”. Lembrou que diariamente atenden unha media de nove partos e que o servizo conta con 26 matronas.

Caos, desorganización e abandono

Despois foi a quenda dunha enfermeira de Cardioloxía que desenvolveu o seu labor no Meixoeiro dende 1990, concretamente na unidade de coidados intermedios. Caos, desorganización e abandono foron as tres palabras que utilizou para definir o que está a padecer xunto ás súas compañeiras/os. “Preguntas por cousas e ninguén sabe nada, mandas escritos de queixa e non responden”, lamentou, para a continuación denunciar que aos responsábeis sanitarios “só lles interesan os prazos e cumprir o cronograma do traslado”.

De feito, cando chegaron a planta seguía en obras e “non había practicamente de nada: medicación, desfibrilador, carro de parada, cuñas...” polo que optaron por baixar ao Meixoeiro e traer “o que puidemos, medicación de urxencia” en coches particulares. O primeiro paciente non puido ser monitorizado e o desfibrilador chegou co último paciente, cando é vital neste tipo de unidades. “Puido morrer alguén, e se por desgraza tivese acontecido, botaríanlle a culpa a calquera antes de admitir a súa responsabilidade”, explicou antes de laiarse de non ter chamado ao Xulgado, a un notario/a ou aos medios de comunicación. Na súa opinión, este risco aínda non rematou porque os pacientes non están ben monitorizados.

Tras ela, tomou a palabra unha técnica de Anatomía Patolóxica, que criticou que o traslado se tivese feito sen unha avaliación previa de riscos e sen protocolos de prevención. Contar con salas de traballo máis pequenas que as que tiñan no Xeral ou o feito de que tivesen que conectar os aparatos vellos porque os novos aínda están embalados son algunhas das cuestións que puxo enriba da mesa antes de asegurar que o que está a acontecer amosa “o pouco respecto que teñen á dignidade dos profesionais e dos pacientes”. Denunciou que están a desenvolver o seu labor en condicións de hai 40 anos e que existe inseguridade porque “incumpren os protocolos”, para rematar lembrando que “seguimos agardando a que se presente a Inspección de Traballo”.

“Aquí desaprendín todo o que sabía”

O testemuño máis emocionado foi o doutra técnica de laboratorio que falou a continuación e que desenvolve o seu labor en Hematoloxía. “Sei facer o meu traballo porque levo dende 1974 no Xeral, pero aquí creo que desaprendín todo o que sabía”, asegurou con bágoas nos ollos. No teño sitio físico onde traballar aquí, no contemplaron a citoquímica de medula ósea, e hai un habitáculo de 3x6 metros sen fiestras no que van meter tres camas con enfermos/as”. Ademais, asegurou que todo o material que viu do Xeral está almacenado en caixas de cartón.

“Levo 20 días así e a resposta dos xefes/as é 'búscate la vida'. Non calo, xa non podo calar, levo 40 años no Xeral e vivín moitas obras, algunhas tan importantes como quitar as escaleiras, e nunca pasou o que pasa aquí”, critica. Engade que a sala onde se van a facer as doazóns non é una sala, é un almacén, e que”o mellor hospital de Europa” non ten enchufes. Ademais, denuncia que durante o traslado desconectaron os tanques onde estaban as células de medula ósea.

“Un centro comercial da saúde”

A indignación e a rabia tamén se deixaron ver na intervención dunha paciente oncolóxica, que resumiu o que pensa da nova infraestrutura médica asegurando que “semella un centro comercial da saúde”, en alusión ao elevado prezo do aparcamento, o que lle obriga a desembolsar 12 euros cada 21 días, que é a frecuencia coa que ten que acudir ao hospital a recibir medicina alternativa tras rematar a quimioterapia. Con todo, rexeita que o aparcadoiro sexa gratuíto ou máis barato unicamente para este tipo de doentes e reclamou a gratuidade para todos os pacientes e usuarios/as.

Tamén fixo fincapé no estado do centro, onde os baños están “de pena” e hai “cabichas polo chan porque a xente fuma nas escaleiras”, e tamén lamentou a falta de intimidade: “tiñan que pincharme e non había cama, así que me levaron a unha cadeira e tiveron que pincharme detrás dunha columna”. Lembra que é a segunda denuncia que fai tanto pola demora de servizos como pola custe do parking, “pero por non haber nin había follas de reclamación”.

Este extremo foi corroborado por Pilar Rodríguez, enfermeira que prestou servizos en Oncoloxía e no hospital de día, que incidiu sobre todo na repercusión que ten para as persoas a problemática que se vive neste servizo. “Son pacientes moi especiais, inmunodeprimidos/as, e que teñen que pasar moitas horas aquí, cos gastos que iso supón, para que ademais non contén coa máis mínima intimidade; por ter non ter non temos nin cortinas tras as que poder practicar probas para as que é necesario espirse”.

Segundo puido constatar, a xente está moi enfadada e son os profesionais os que reciben as queixas, “a pesar de que somos os que poñemos de manifesto as carencias que logo non se solventan, como reclamar puntos de luz, espazos amplos de traballo, ventilación, etc”. Outra problemática é a comida:no Xeral había até 60 dietas distintas a disposición dos pacientes e aquí haberá sobre 10. Para rematar, recoñece que os traballadores/as que coma ela non teñen praza fixa teñen medo de denunciar todas estas cousas, mais considera que “non podemos calar”.

Denuncia xudicial por intrusismo

O derradeiro en falar foi un celador, que o fixo en representación dos máis de 450 compañeiros/as que traballan na área sanitaria viguesa. Anunciou que o colectivo presentará denuncia nos Xulgados por intrusismo laboral porque a empresa que xestiona o novo hospital vaise facer cargo das súas funcións: traslado de pacientes e transporte interno, o que inclúe manexar documentación sensíbel como os historiais clínicos dos pacientes. Entenden tamén que isto contradí o estatuto marco.

Así, criticou que o persoal da compañía asignado a estas labores non ten a formación axeitada para este tipo de traballo e preguntouse de que xeito vai afectar estes cambio as listas de contratación dos celadores/as. Ademais, revelou que tamén está previsto que os traballadores/as desta compañía privada desenvolvan tamén estas funcións en centros totalmente públicos como o Meixoeiro.

A nova en Avantar

CIG-Saúde denuncia que o recorte de horarios no servizo de helicópteros do 061 limita a súa operatividade para atender urxencias

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O helicóptero non estivo dispoñíbel por ter rematado o seu horario, ao longo do verán, para avisos de afogamentos, paradas, accidentes ou o tráxico suceso no rally de Carral

Os helicópteros da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 teñen recortada, desde o mes de marzo deste ano, a súa operatividade a tan só 12 horas. A CIG-Saúde denuncia que isto está a limitar a súa dispoñibilidade para atender urxencias nas que, se cadra, non se evitaría un fatal desenlace pero para as que si se porían ao alcance todos os medios dispoñíbeis. Segundo persoal do propio 061, o recorte da operatividade a determinadas horas do día vense repetindo ao longo deste verán para avisos de urxencias como paradas cardíacas, afogamentos ou mesmo no recente accidente do rally de Carral.
Rosario Rúa, representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061, lembra que desde o ano 1990 os dous helicópteros sanitarios galegos viñan funcionando todas as horas de luz do día (de Orto a Ocaso). Porén, co novo contrato o período de servizo é de orto +12 horas, ocaso -12 horas. É dicir, o helicóptero con base na provincia da Coruña (Santiago) comeza a funcionar á saída do sol e está operativo 12 horas e o outro, con base na de Ourense, está operativo 12 horas antes do solpor.

Rúa explica que desde o 19 de marzo até o 27 de setembro o orto sitúase ás 8:00 horas, o que implica que o helicóptero de Santiago funciona desde esa hora até ás 20:00 horas (12 horas en total).

A consecuencia deste recorte, afirma, é que “ a primeira hora da mañá toda a zona de Ourense está descuberta e a última hora da tarde é a costa e o eixo atlático os que están descuberto”.

Segundo a representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061 “isto foi o que ocorreu no accidente de Carral. Non houbo helicóptero porque o de Santiago xa rematara o seu horario e o de Ourense está a 35 minutos e, polo tanto, non é operativo”.

O caso de Carral non é o único para o que non houbo helicóptero dispoñíbel, pero si o que tivo un desenlace máis dramático, que “se cadra, neste caso, tería sido o mesmo de dispor deste medio”, especifica. “No decurso do verán houbo avisos doutras urxencias pasadas as 20:00 horas e non houbo helicóptero. A xente non o sabe porque ao final se solucionan con outros recursos máis lentos ou menos adecuados e así tápase esta irresponsabilidade”.

A CIG-Saúde considera grave que se recorte nestes medios que poden ser vitais en certos casos e subliña que o aforro pretendido é “unha miseria”. “Se dixeramos que se aforra unha barbaridade de cartos…, pero non, o certo é que só é o aforro do soldo dun piloto e un copiloto durante seis meses”, matiza Rúa.

A representante da CIG sinala ademais que as chamadas dos avisos quedan todas rexistradas e que hai constancia, polo tanto, de que hai servizos aos que non se pode ir por mor dese novo horario: un afogamento, un accidente de tráfico, unha parada en Ribeira, non sae na prensa… malia ser aínda de día.”

Respecto do dramático accidente de Carral matiza ademais que os propios técnicos das ambulancias din o mesmo, “botamos moito de menos un helicóptero porque estaba colapsado o tráfico”.

Rúa entende que de estar o helicóptero operativo “tería chegado primeiro, pero non se puido”, e por iso reitera que non se pode permitir que se manteñan ou se repitan estes recortes.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto