Noticias Sanidade Privada
 
 

Continúa a folga de fame en POVISA. Mañá manifestación contra os despedimentos.

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

povisa

Continúa a folga de fame iniciada por tres membros do Comité de Empresa de POVISA contra o anuncio por parte da empresa de despedir 13 traballador@s. Esta mañá, a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, xunto con outr@s membros da Executiva Nacional visitaron o "campamento" improvisado no vestíbulo do centro sanitario, transmitindo o apoio da CIG-Saúde ás persoas que decidiron manter unha folga de fame para reclamar a readmisión das 13 persoas despedidas.

povisafolgadefamefolgadefamepovisa

Desde a CIG-Saúde exiximos da Consellaría de Sanidade que non mire para outro lado e tome cartas no asunto, xa que se trata dun centro que atende primordialmente pacientes da Sanidade Pública logo dun concerto millonario que, polo visto, serve para financiar os despedimentos que desde a empresa deciden acometer. Exiximos da Conselleira, Rocío Mosquera, que asuma a súa responsabilidade e inste a POVISA a readmitir as 13 persoas despedidas e rematar coa política laboral de recortes, despedimentos, arbitrariedades e represión.

Mañá, día 13 de marzo, está convocada unha manifestación, con saída ás 20h da Praza de América (Praza dos cabalos) en Vigo, para exixir a readmisión d@s 13 despedid@s. CIG-Saúde estará alí.

1662071 1611058472462229 77575791246980137 n

 

A dirección de Povisa intenta que as folguistas de fame abandonen as instalacións do hospital no primeiro día de protesta

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Gardas de seguridade do centro médico vigués advertíronlles de que serían desaloxadas/os e obrigáronas/os a retirar carteis e pancartas
.
A dirección do hospital Povisa de Vigo intentou sen éxito que as tres traballadoras/es de Povisa que hoxe iniciaron unha folga de fame para reclamar a readmisión de 13 compañeiros/as abandonasen as instalacións do centro médico. Varios gardas de seguridade advertíronlles de que serían desaloxadas/os e obrigáronas/os a retirar a mesa na que teñen as bebidas, así como carteis e pancartas alusivas ao conflito laboral.

(Galería de imaxes)

Nada máis comezar a folga de fame indefinida contra os despedimentos, arredor das 10.00 horas, a seguridade do hospital vigués comunicoulles que non tiñan permiso para pemanecer no interior do recibidor e anuncioulles que serían desaloxadas/os.

Pero non sería até pouco antes das 15.00 horas cando varios axentes de seguridade privada se dirixiron de novo ás folguistas para instalas a abandonar o edificio, ao que se opuxeron lembrándolles que son representantes sindicais no exercicio dos seus dereitos.

Entón optaron por esixirlles que retirasen tanto a mesa na que teñen as bebidas -o único alimento que teñen pensado inxerir até que a dirección non dea marcha atrás aos despidos- como os carteis e pancartas alusivas ao conflito laboral. Do contrario procederían eles mesmos á súa retirada.

Compañeiros/as dos folguistas optaron por colocalas entón no exterior do hospital, aínda que posteriormente volveron introducir a mesa para poder ter a man tanto as analíticas dos folguistas e as tomas de constantes como o tensómetro e damais utensilios para o control do pulso. Diante disto, o novo xefe de seguridade de Povisa optou por retirar el mesmo a mesa a pesar de que foi advertido de que presentarían denuncia, optando por devolvela pouco tempo despois.

As tres traballadoras/es en folga de fame, que teñen previsto pasar a noite nas instalacións do hospital, están a recibir constantes mostras de apoio e solidariedade por parte tanto de compañeiros/as do centro médico como de cidadáns en xeral. Tanto o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, como o da federación de Saúde, Manuel G. Moreira, así como varios membros da Executiva Confederal da central nacionalista achegáronse até Povisa.

A nova en Avantar

A CIG-Saúde denuncia que Feijóo é quen está a financiar os despedimentos de Povisa

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Exixe a inmediata readmisión de todas as traballadoras e traballadores despedidos e que se dea a coñecer a conta de beneficios
 
A CIG-Saúde vén de denunciar “ a hipocrisía de Feijóo”, por “financiar” a unha empresa como Povisa coa escusa da prestación sanitaria, para que esta “se lucre con cartos públicos e despida aos traballadores/as”.  Demanda que se faga público o destino deses cartos e exixe da Xunta de Galiza, e nomeadamente da consellaría de Sanidade, que obriguen a Povisa á inmediata readmisión de todo o persoal despedido.
2013 02 17 Povisa Vigo (9)A CIG-Saúde considera que a administración sanitaria –consellaría de Sanidade e a Xunta de Galiza- está a facer un “abandono das súas funcións” e denuncia a súa “complicidade” pola “lamentábel situación” que se esta a vivir no centro sanitario de Povisa.

Lembra que Povisa recibe a maior cantidade de diñeiro público para prestar asistencia sanitaria a máis de 130.000 persoas da área de Vigo, e denuncia que “o que está a facer co beneplácito do PP é incrementar a súa cota de beneficios a custo de despedir traballadores/as e diminuír en consecuencia,  a calidade da prestación sanitaria”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que Povisa tiña anunciado un ERE para reducir o seu cadro de persoal e considera que“desistiu desta fórmula porque senón tería que presentar as súas contas, e iso poría de manifesto o seus suculentos beneficios”.

Para Abuín tanto a Xunta, como Feijóo están a consentir que esta empresa, co diñeiro público que recibe, “sanee a economía do resto de empresas que ten este grupo” no canto de exixirlle que os cartos públicos os destine á prestación sanitaria da poboación de Vigo.

“Feijóo confúndese cando anuncia que vai crear postos de traballo porque o que está a facer día a día é aumentar o paro no sector sanitario, situación que non se está a dar só en Povisa, senón tamén na sanidade pública galega”, afirma a secretaria nacional para a que “a precariedade laboral, a falla de persoal e a perda de calidade asistencial son as máximas do goberno do PP”.

Desde a CIG-Saúde solicítase que dunha vez por todas a administración sanitaria asuma a súa responsabilidade; que exixa da empresa Povisa que “pare a sangría de despedimentos de persoal”;  que lles obrigue a publicar os beneficios que obtiveron e a que destinan os cartos públicos que a administración lles paga por asistencia e que readmita xa a todos os traballadores/as despedidos. 

Xunto a isto demanda que se obrigue á empresa a adaptar o cadro de persoal ás necesidades asistenciais da poboación que atenden, con ratios de persoal por paciente atendido equiparables aos da sanidade pública, e “que deixen de destinar os cartos públicos para encher os cartos dos seus amigos porque se consenten isto, temos que pensar que é porque o PP obtén algún beneficio a cambio de permitir esta situación”.

A noticia en Avantar

Persoal de Povisa iniciará unha folga de fame indefinida contra o despedimento de 13 compañeiros/as

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A asemblea de traballadores/as apostou hoxe por convocar un calendario de mobilizacións
.
Membros do comité de empresa do hospital Povisa de Vigo acompañarán a un dos traballadores despedidos na folga de fame indefinida que ten previsto iniciar o vindeiro 16 de marzo, un día despois de que se faga efectiva a rescisión de 13 contratos que vén de anunciar a dirección. Os empregados/as do centro médico apostaron hoxe en asemblea por iniciar un calendario de mobilizacións que tivo a súa primeira cita nada máis rematar a xuntanza, cunha concentración na entrada do servizo de Urxencias.

O persoal do hospital vigués abarrotou o salón de actos onde tivo lugar a asemblea na que se abordaron os 13 despidos (10 celadores/as e 3 traballadores/as de arquivo) que vén de comunicar a dirección e a convocatoria de distintas mobilizacións para rexeitar “as chantaxes e as coaccións” que está a facer a empresa para lograr “un convenio colectivo favorábel que diferencia entre os traballadores/as fixos/as e os eventuais”, segundo denuncian dende o comité.

A representación dos empregados/as informou que un dos celadores/as despedidos amosouse disposto a iniciar unha folga de fame indefinida, que será secundada nun primeiro momento por tres membros do comité, dous da CIG -incluída a presidenta, María Xesús Neira- e un do SGPS. “Aínda que varios membros das seccións sindicais da UGT e da CGT tamén amosaron a súa disposición a participar nunha protesta que sería indefinida e que daría comezo o 16 de marzo, ao día seguinte de que se faga efectiva a rescisión dos contratos”, indican.

Durante a asemblea tamén se puxo enriba da mesa un calendario de mobilizacións que inclúe unha mobilización no interior da policlínica da Gran Vía este mércores ás 15.30 horas; unha protesta no andar baixo de Povisa o xoves de 10.00 a 11.30 horas; e unha concentración diante da delegación da Xunta na cidade o venres de 10.00 a 12.00 horas. Ademais, convocarán unha manifestación o venres día 13 que partirá da Praza dos Cabalos ás 20.00 horas e rematará na Porta do Sol.

De xeito paralelo, o comité de empresa manterá xuntanzas coa Xunta de Persoal do Chuvi para informarse do número de celadores/as existentes noutros centros médicos e coa representación dos traballadores/as do 061 “para que non axuden a meter as padiolas cos enfermos/as cando chegan a Urxencias”. Tamén acordaron enviar cartas explicando o conflito laboral e a situación interna de Povisa a pacientes e usuarios/as, aos traballadores/as do centro médico e ás distintas canles de televisión de ámbito estatal.

Nada máis rematar a asemblea, que se prolongou de 15.15 a 15.45 horas, os empregados/as concentráronse ás portas do servizo de Urxencia, onde despregaron unha faixa “en defensa dos postos de traballo” e berraron consignas contra a dirección do centro médico e a Xunta.

A nova en Avantar

Povisa esgrime a previsión de que terá perdas de 5 millóns de euros en 2015 para xustificar o despido de 56 traballadores/as

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O comité de empresa do hospital vigués rexeita o ERE extintivo e anuncia a convocatoria de mobilizacións
 
A dirección de Povisa anunciou hoxe que aplicará un ERE extintivo que vai a afectar a 56 traballadores/as e argumentou a decisión asegurando que prevé perdas de 5 millóns de euros este ano. O comité de empresa do hospital vigués rexeita os despedimentos e anuncia mobilizacións, como a celebrada esta mesma tarde ás portas do centro médico.

O anuncio foi feito durante a xuntanza mantida esta mañá coa representación do cadro de persoal, tras a que os traballadores/as celebraron unha asemblea e desenvolveron unha concentración de protesta ás portas do hospital mentres o comité de empresa (a excepción do sindicato médico Omega e de CCOO) ofrecía unha rolda de prensa.

Na comparecencia, a presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, detallou o contido da proposta que horas antes lles trasladara a empresa. Así, explicou que das 56 persoas que Povisa pretende despedir, 34 serían por supostas causas económicas (a dirección esgrimiu unha previsión de perdas de 5 millóns de euros para este ano) e 22 por causas organizativas, técnicas e produtivas.

O primeiro grupo inclúe as 14 empregadas/os da limpeza que quedaban vinculadas/os a Povisa, servizo que ficará completamente externalizado; os 5 telefonistas; os 5 empregados/as de control de visitas; e un total de 10 fisioterapeutas, sendo este o único servizo que non desaparece, aínda que fica sensiblemente mermado.

Das restantes 22 persoas afectadas -por causas organizativas, produtivas e técnicas- 10 serían por baixa carga de traballo (3 administrativos/as de arquivo e 7 de recepción, entre eles/as os 4 da secretaría clínica, servizo que tamén desaparece) e 12 por reordenación das quendas e dos horarios de celadores/as e auxiliares. “Deste xeito, o centro médico contará unicamente con 24 celadores/as, polo que as auxilares deberán de asumir estas funcións”, sostén Neira.

O comité rexeita as cifras da empresa

A representante sindical indicou que os criterios que utilizará a empresa para prescindir do persoal serán titulación, polivalencia, especialización, formación, sancións e dispoñibilidade e adiantou que a partir de agora ábrese un período de consultas que remata o vindeiro 21 de febreiro. Ao mesmo tempo, anunciou que as partes xa concretaron tamén o calendario das primeiras xuntanzas: 28 de xaneiro ás 16.00 horas, 30 de xaneiro ás 10.00 horas, 4 de febreiro ás 16.00 horas e 6 de febreiro ás 10.00 horas.

Neira quixo deixar claro que o comité non está de acordo coas cifras que manexa a empresa, que segue sen xustificar debidamente os datos que aporta. “En 2014 tivo 1,4 millóns de euros de beneficio e agora de súpeto din que van perder 5 millóns este ano, algo que non cadra porque van cobrar da Xunta unha cantidade fixa a pesar da baixada de usuarios/as”.

Para a presidenta do comité, detrás desta decisión atópase o interese de Povisa en liquidar o actual convenio colectivo para precarizar as condicións laborais dos traballadores/as de nova incorporación, “tal e como demostra o feito de que anuncien despidos mentres contunúan a facer contratacións vinculadas ao concerto co Sergas”.

Finalmente, adiantou que non van ceder nada do actual convenio e que intentarán que o ERE non se chegue a aplicar, “para o que solicitaremos o apoio de todos os partidos político e da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e convocaremos mobilizacións porque estamos seguros de que a empresa vai seguir despedindo persoal”.

A noticia en Avantar

A CIG rexeita o ERE e a modificación das condicións de traballo que vén de anunciar a dirección de Povisa

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A central denuncia que o centro médico vigués segue a despedir e a precarizar emprego a pesar de obter 11 millóns de beneficios en 2013

Responsábeis da CIG-Saúde, coa secretaria nacional, María Xosé Abuín, á cabeza, compareceron esta mañá xunto a mebros do comité de empresa de Povisa para rexeitar o ERE e a modificación das condicións de traballo que vén de anunciar a dirección do hospital vigués. Dende a central nacionalista lembran que o centro médico obtivo 11 millóns de euros de beneficios grazas ao concerto co Sergas e que aínda está pendente de ingresar 19 millóns máis polo incremento de actividade.
2015 01 19 RoldaPrensaEREPovisa01
 

Os representantes da federación de Saúde da CIG e do comité de empresa de Povisa ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para amosar a súa posición contraria ao anuncio que vén de facer a dirección do hospital vigués segundo o que nos vindeiros días presentará un ERE e modificará substancialmente as condicións de traballo do cadro de persoal.

Dende a central nacionalista explican tras a comunicación da empresa a semana pasada, hoxe mesmo tivo lugar a constitución da mesa negociadora , mentres que para o xoves está prevista a primeira xuntanza coa empresa, “onde se supón que xa nos van trasladar pos detalles do ERE e das modificacións das condicións de traballo”.

A presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, criticou o feito de que a decisión chegue catro meses despois de que asinasen un concerto co Sergas “que teoricamente garantía a estabilidade económica e laboral” e que se produza cando a empresa vén de obter 11 millóns de euros de beneficios e aínda está pendente de ingresar 19 millóns máis polo incremento de actividade entre os anos 2005 e 2008.

“E isto a pesar de que o centro tivo redución de pacientes, pois segundo nos confirmaron (sen aportar datos) a mediados de decembro solicitaran o cambio de hospital un total de 4500 persoas”, indica. Segundo manifestou, detrás destes abandonos agóchase o feito de que a xente está a percibir a precariedade coa que os traballadores/as do centro teñen que desenvolver o seu labor.

Diante disto, adiantou que a central oporase ao ERE á modificación das condicións e fará todo o posíbel porque finalmente non se cheguen a aplicar “xa que consideramos que o ERE é unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que os novos/as traballadores/as entren en peores condicións”.

Finalmente, dirixiuse ao presidente da Xunta para lembrarlle que é o responsábel de velar pola correcta utilización dos cartos públicos, en resposta ás delaracións de Feijóo nas que eludía calquera responsabilidade sobre o xeito que ten a dirección de Povisa de xestionar o centro médico.

Desmantelamento da sanidade pública

Pola súa banda, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quixo deixar claro que a central nacionalista non vai permitir que a Xunta continúe a “discriminar” a veciñanza de Vigo e o persoal da sanidade pública e rexeitou a política do Sergas de “culpabilizar os profesionais e a poboación dos problemas sanitarios”.

Neste senso, rexeitou a política de desmantelamento da sanidade pública e de precarización do emprego que está a aplicar o Goberno galego e denunciou que mentres o Goberno galego incrementa os cartos que lle dá a Povisa a dirección do hospital continúa a despedir a a precarizar as condicións laborais do persoal.

“A Xunta debe de intervir e pedirlle explicacións a Povisa, xa que hai un mes solicitámoslle información ao Xerente do Sergas e díxonos que o concerto estaba vinculado ao mantemento do emprego”. Para rematar, Abuín fixo un chamamento á cidadanía para que se mobilice en defensa da sanidade pública porque “o problema non é só dos prefesionais”.

Protesta contra o colapso de Urxencias

Por outra banda, a Xunta de Persoal do Chuvi convocou mobilizacións este martes e o mércores no Meixoeiro e no Xeral para denunciar o colapso dos servizos de Urxencias. As concentracións terán lugar o martés ás 12.00 horas no Meixoeiro e o mércores ás 10.00 horas no Xeral baixo o lema “Contra a nefasta xestión do Sergas. Por unha atención digna e de calidade”.

A noticia en Avantar

O persoal de Povisa apraza a folga até que a Inspección de Traballo non garanta o cumprimento dos servizos mínimos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O paro continuará vixente até as 22.00 horas deste mércores, xornada na que os empregados/as trasladarán as protestas á autoridade laboral
O cadro de persoal do hospital vigués Povisa decidiu hoxe en asemblea aprazar a folga indefinida iniciada onte até que a Inspección de Traballo non garanta o cumprimento dos servizos mínimos, que dende o comité cualifican de “abusivos”. O paro continuará vixente até as 22.00 horas deste mércores, xornada na que os empregados/as trasladarán as protestas á autoridade laboral a primeira hora da mañá.

A decisión de aprazar -non supender nin desconvocar- a folga contra a perda de dereitos laborais foi adoptada na asemblea celebrada ás portas do centro médico vigués ás 15.00 horas. Foi o propio comité de folga o que trasladou a proposta de aprazar o paro ante os constantes incumprimentos dos servizos mínimos por parte da empresa, “o que fai imposíbel manter a folga”.

Nun principio a idea era que o paro quedase aprazado esta mesma noite, pero os empregados/as preferiron mantelo até a noite do mércores para poder ir pola mañá á Inspección de Traballo. 

E que está previsto que a partir das 9.30 horas acudan á sede da autoridade laboral para facer chegar as súas queixas sobre os incumprimentos dos servizos mínimos e a falta de resposta da Inspección. Neste senso, a presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, explicou hoxe na rolda de prensa celebrada tras a asemblea que solicitaron a presenza dun inspector/a en Povisa ao comprobar que a dirección estaba a incumprir os “abusivos” servizos mínimos.

Neira lembrou que o centro médico ten 700 dos 1300 empregados/as adscritos ao servizos mínimos, “ao que hai que sumarlle os 300 médicos/as”. Deste xeito, unicamente 300 persoas poden optar por secundar a folga, o que está a facer algo máis da metade. Isto fai que o seguimento do paro supere o 50% xa dende a xornada inicial do luns. 

Denuncia contra a Inspección de Traballo

Dende o comité de folga adiantaron a posibilidade de presentar unha denuncia contra a propia Inspección de Traballo, “á espera do que suceda este mércores”, porque consideran que non se pode tolerar que a autoridade laboral “mire constantemente para o outro lado a pesar dos graves incumprimentos”.

En concreto, citaron o feito de que Povisa estea a contratar a persoal para substituír os integrantes do comité de folga. “Trasladámoslle o asunto á Inspección pero dixeron que non temos razón nas nosas queixas; o único que nos recoñeceron foron os incumprimentos na clínica de día -onde os servizos mínimos en celadores/as están ao 100% cando teñen que estar á metade- e no caso dunha enfermeira da UCI que foi trasladada á clínica de día (polo que aumentan os mínimos na clínica e diminúen na UCI)”.

Outras das irregularidades sinaladas polo comité de folga son a utilización de alumnos/as para desenvolver labores de celador/a ou para instrumentar quirófanos ou a apertura do servizo de Extracción con persoal de Laboratorio “cando se trata dun departamento que debera estar pechado.

A nova en Avantar.

Comeza a folga indefinida convocada en Povisa contra a perda de dereitos laborais e de calidade asistencial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A decisión adoptouse en asemblea despois de que a empresa anunciase 13 novos despidos ao rematar sen acordo a negociación da modificación das condicións de traballo
.
Este luns día 17 comezou unha nova folga indefinida no hospital vigués Povisa para rexeitar a constante perda de dereitos laborais por parte do cadro de persoal e a rebaixa da calidade asistencial no centro médico que está a afectar xa a pacientes e usuarios/as. A decisión foi adoptada en asemblea despois de que a empresa anunciase 13 novos despedimentos ao rematar sen acordo a negociación da modificación substancial das condicións de traballo.

Os sindicatos presentes no comité CIG, CGT, UGT e SGPS -CCOO e Omega decidiron non convocar nin apoiar a folga- compareceron este mediodía para explicar motivos detalles da convocatoria de paro indefinido que dará comezo a partir das 0 horas do luns día 17 de marzo. 

Entre eles citaron a constante perda de dereitos laborais, o que está a repercutir negativamente na calidade da asistencial. “Non podemos seguir tolerando a perda das nosas condicións laborais (xornada, promoción interna...), os incumprimentos das sentenzas por parte da empresa, as conxelacións salariais dende o ano 2010 ou as reducións de xornada obrigatorias”, indican.

Neste senso, aseguran que o cadro de persoal leva anos desenvolvendo o seu labor “baixo a coacción e a ameaza de despedimentos que finalmente se foron cumprindo, como foi o caso de Consuelo Martínez, das 15 persoas que traballaban no arquivo ou das 27 limpadoras/es; e agora poñen enriba da mesa 13 novos despidos como represalia por non ter aceptado a modificación das condicións laborais”.

Ao mesmo tempo, denuncian que a dirección de Povisa logrou reducirlle a xornada laboral a 550 traballadores/as (do total de 1350 empregados/as) de servizos como quirófano, UCI, radioterapia, consultas, hospitalización ou administración. “Esta decisión provoca que haxa menos persoal en determinadas horas do día, como son de 8.00 a 10.00, de 14.00 a 16.00 e de 21.00 a 23.00 horas”.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto