Noticias Sanidade Pública
 
 

Hoxe hai Mesa Sectorial: exiximos a recuperación das prazas desaparecidas desde o 2009 e convocatoria de OPE coa oferta do 100%

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

sergaspe1Esta tarde hai Mesa Sectorial extraordinaria, convocada cun único punto na orde do día: planificación da estabilidade do emprego e a provisión de prazas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

A estas alturas, a Administración segue a aplicar a taxa de reposición, e nalgunha categoría a Oferta de Emprego é igual a “cero” desde o ano 2009, mentres que a outras categorías obrígaselles a presentarse a diversas OPE con ofertas de prazas moi reducidas.

Desde a CIG-SAÚDE seguimos exixindo a eliminación da taxa de reposición e a recuperación das prazas perdidas desde o ano 2009, e que o SERGAS negocie un Plan de Emprego que permita unha convocatoria de OPE co 100% das prazas. Isto xa se fixo durante o goberno bipartito, e como consecuencia convocáronse ofertas de emprego coa TOTALIDADE das prazas.

→Convocatoria OPE 2006: 2722 prazas convocadas. (DOG 14 de agosto de 2006)

→Convocatoria OPE 2008: 3913 prazas convocadas. (DOG 26 de febreiro de 2009)

Esta política de persoal, e a falta de estabilidade laboral, incrementa a precariedade laboral. Non só NON convocan prazas a OPE, senón que tampouco autorizan contratos estables de interinidade. Isto implica que o persoal, para cubrir o mesmo posto, asine contratos cada 15 días, por días soltos, ou outras modalidades perversas. E a isto chámanlle “estabilidade orzamentaria”. Con esta modalidade de contratación, obrigan ao persoal a facer unha xornada maior que a xornada SERGAS, posto que non se lle computa a diminución de xornada en función das noites realizadas.

Esta é a política de persoal do Partido Popular: precariedade, precariedade e máis precariedade, laboral e retributiva.

Non llo podemos permitir, o diñeiro público é para dar uns bos servizos públicos, non para que determinados sectores sigan obtendo beneficios a costa da saúde de tod@s.

Eliminación da taxa de reposición, recuperación das prazas perdidas!

Plan de Emprego para o SERGAS XA!

Convocatoria do 100% das prazas! Contratos estables pola causa que motiva a contratación!

 

Carta aberta ao Sr. Feijóo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

feijoo2O Sr Feijoo acaba de prometer no seu discurso de investidura a creación de miles de postos de traballo, supoñemos que se está a referir a emprego estable de calidade. Mais a primeira oportunidade que ten de demostrar que isto é certo, é agora, na Lei de Orzamentos de Galiza para o ano 2017.

E que ten que facer? Eliminar na devandita Lei a taxa de reposición do SERGAS. Ou mellor dito, eliminar a fórmula de computo da taxa de reposición. Xa sabemos que a Lei de Orzamentos do ano 2016 permite convocar o 100% das prazas vacantes. Mais é certo que só permite convocar o 100% das prazas vacantes do ano 2015.

Cal e o efecto da eliminación da taxa de reposición? Permitiría que todas as prazas estruturais xeradas desde o ano 2009, e cubertas con contratos eventuais, se puidesen transformar en prazas vacantes, para ser cubertas por persoal con vínculo de interinidade. Con posterioridade estas prazas serían convocadas a concurso de traslados e OPE.

Que vai pasar se o Sr. Feijoo non elimina a taxa de reposición? Que serán as/os xuízas/es quen declaren estas prazas coma vacantes por fraude de Lei.

É de recibo que un Presidente da Xunta de Galiza deixe que sexa o xulgado o que lle ordene o cadro de persoal do SERGAS, cando el é o máximo responsable de garantir unha prestación sanitaria de calidade?

Tampouco nos vale que siga a utilizar a desculpa de que a taxa de reposición se aplica por decisión do goberno de Madrid, goberno do Partido Popular, por certo. O Sr Feijoo, se quere, debe exercer a súa influencia no PP estatal, para, cando menos, dicirlle ao goberno do estado que a taxa de reposición non pode ser normativa básica estatal. Se Galiza ten as competencias en materia sanitaria, estas competencias deben ser íntegras.

Por iso, Sr. Feijoo, se o que importa é GALIZA, GALIZA, GALIZA, isto non pode ser só un lema de campaña electoral. E que mellor oportunidade que a de dotar a Sanidade Pública dun cadro de persoal estable, que garanta a continuidade dos coidados, e acabar dunha vez por todas coa precariedade laboral.

Asdo: María Xosé Abuín, Secretaria Nacional da CIG-Saúde

CIG-Saúde exixe ao SERGAS que asuma o mantemento do equipamento médico con persoal propio

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Alerta dos problemas provocados tras da súa adxudicación a Ibermansa

monitor-2-1242535O 30 de novembro de 2016 remata o contrato de mantemento de equipos electromédicos adxudicado polo SERGAS, en xuño de 2013, á empresa IBERMANSA por un importe de 33.892.225€. A CIG-Saúde exixe do SERGAS que dea as instrucións necesarias ás EOXI para que sexa asumido, con persoal propio, para evitar situacións anteriores. Considera que é a única solución que lle permitiría á sanidade pública galega reducir custes e garantir a calidade do mantemento.

CIG-Saúde lembra que xa desde o primeiro momento alertou de que ese contrato fora adxudicado a dedo e que na práctica suporía incrementar os custes e empeorar a calidade do mantemento. “Non faltou tempo á nosa denuncia para que desde as direccións das distintas EOXI protestaran pola falta de cumprimento do contrato por parte de IBERMANSA”, sinala a CIG-Saúde, quen engade que “a falta de compromiso por parte da adxudicataria provocou ter que suspender intervencións cirúrxicas, trasladar doentes entre hospitais por falta de garantías nas reparacións dos equipos, baixas masivas de equipos sen xustificacións, falta de persoal e un sen fín de situacións que comprometeron o mantemento de equipos, con graves repercusións para a calidade asistencial”.

CIG-Saúde lembra que a Conselleira tivo que responder en sede Parlamentaria para xustificar o por que deste contrato e cal era o motivo para que a pesar dos reiterados incumprimentos do mesmo por parte desta empresa non se lle rescindira. “Os argumentos da Conselleira foron do máis estrafalarios e inconsistentes  para defender unha adxudicación que non había por onde collela”, sinala.

Se naquel momento o SERGAS optou por centralizar a contratación do mantemento electromédico adxudicándollo a unha soa empresa, agora vira 180º e deixa liberdade as EOXI para que sexan estas as que contraten pola súa conta este servizo. “A xustificación dada no seu momento: reducir custes, e mellorar a calidade no mantemento, catro anos despois queda en papel mollado, e polo que parece nada do defendido daquela polos responsábeis do SERGAS se cumpriu”.

Para a CIG-Saúde esa decisión foi un grande erro que supuxo “un verdadeiro caos” no mantemento de equipos electromédicos, por iso advirte que o que pretende agora a dirección do SERGAS “é sacarse de enriba un problema creado no seu día e trasladarllo ás EOXI para que estas fagan o que lles pete sen ningún tipo de control.  Se antes a situación foi un caos agora antóllasenos que non vai ser mellor”.

Por iso reclama que se dean as instrucións necesarias ás EOXI para que  sexa asumido con persoal propio.

A noticia en Avantar

Mesa Sectorial 27 de xullo. Temas tratados.

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG INFORMA

Temas tratados na Mesa Sectorial do pasado día 27 de xullo

  • Procedemento de selección temporal do persoal da Lei 17/1989. Desde a CIG non aceptamos este procedemento dado que a Admón non recolleu a nosa alegación de igualar o baremo deste proceso co resto de baremos de selección temporal do SERGAS, recollendo como elemento a valorar a formación, que co baremo proposto non se ten en conta.
  • Cómputo de xornada PACS. Este tema ten solera. Trátase de que ao persoal de PAC que ten xornada complementaria, se lles están a aplicar os permisos e licenzas sobre esta xornada en lugar de sobre a xornada ordinaria, e de resultas, descóntaselles o salario de parte da xornada complementaria que fan. Na reunión houbo moito debate e ante a imposibilidade de chegar a un entendemento,  a directora de RRHH quedou en convocar unha reunión dun grupo de traballo, para ver con calma este tema.
  • Aprobación dos temarios OPE correspondente a diversas categorías.  Os temarios de FEAS das categorías de anestesia, trauma e odontoloxía están pendentes da revisión por parte de asistencia sanitaria. No referente ao temario das/os Técnicas/os Superiores de Prevención de Riscos, a Admón aceptou algunha das nosas alegacións e non recolleu outras. Enviarán os temarios definitivos.
  • Carreira profesional. A directora de RRHH comunícanos que neste momento está vixente a Lei de Orzamentos do ano 2016 que impide negociar incrementos retributivos, e que non saben o que vai pasar coa Lei do ano 2017.  Xusto, iso é o que queremos nós, que a Lei de orzamentos do ano 2017 levante esta restrición é permita que o SERGAS poida negociar a carreira profesional e a recuperación dos acordos suspendidos; e isto só depende da vontade política da Consellaría de Sanidade e do goberno do PP. O actual Conselleiro na primeira e única reunión que mantivo coa representación sindical da Mesa Sectorial, comprometeuse a negociar nese foro os temas pendentes, e a facilitar a recuperación dos dereitos do persoal do SERGAS. Mais isto no sucedeu, estamos na mesma situación que coa Conselleira anterior, que é unha situación de desprezo cara as/os traballadoras/es públicos. O que importa é a colaboración público-privada e gastar o diñeiro público de xeito irresponsable, só hai que ver os informes de fiscalización que fai o Consello de Contas, que están a hipotecar a sanidade pública no presente e no futuro. A directora de RRHH quedou en transmitir as nosas peticións.
  • Decreto sobre a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación.  Este decreto foi rexeitado pola CIG-SAÚDE e outra central sindical, neste caso corporativa. Sorprendentemente foi apoiado polo resto de OOSS, agás unha delas, que se abstivo. Non acabamos de entender como se pode estar en contra da privatización da sanidade pública e apoiar un decreto que non garante o interese público e que permite ceder a terceiros a explotación dun fármaco de xeito que limite a súa gratuidade, cando a investigación está feita con finanzamento público e o investigador que o descubriu tamén é público. Este, entre outros, é un dos motivos polo que a CIG-SAÚDE non apoiou este decreto. Na nosas alegacións solicitabamos que a Titularidade dos resultados da investigación fosen do SERGAS ou da Consellaría de Sanidade, posto que a axencia do coñecemento só fai tarefas de xestión, e é unha intermediaria, polo que non debería ter dereitos de titularidade sobre a propiedade intelectual. Para garantir o ben común e o interese público deberíase recoller neste decreto, obrigatoriamente, que cando as licenzas van ser explotadas por terceiros debe de haber, previamente, un recoñecemento de interese público, emitido pola Consellaría de Sanidade ou o SERGAS. Do contrario a empresa que explota impón os prezos de mercado, situación coñecida por todas/os no caso do medicamento da hepatite C. Desde a CIG consideramos necesario para evitar enganar ao persoal investigador que os acordos de titularidade dos dereitos de explotación se realicen ao principio dos proxectos e só se poidan modificar posteriormente mediante acordo de todas as partes co visto e prace das persoas investigadoras. Trátase de evitar que os/as traballadores/as públicos/as estean a realizar prestación de servizos a terceiros sen o seu coñecemento. Estas alegacións tampouco foron aceptadas. Este decreto está en consonancia coa creación da axencia galega do coñecemento, cuxo obxectivo é favorecer o lucro das empresa privadas..
  • Rogos e preguntas.
    • Informa a directora de RRHH: o SERGAS vai permitir que os LD ordinarios e os LD adicionais se poidan gozar até o 31 de marzo.
    • O SERGAS está a elaborar un documento sobre as/os titores/as, que enviarán á Mesa Sectorial. No devandito documento pretenden incorporar algunha condición ou limitación no concurso de traslados para garantir que haxa titores/as sobre todo en Médicas/os de Familia. Veremos que documento presentan.
    • Puntos formulados pola CIG-SAÚDE:
      • Grupo de traballo de permisos e licenzas. A directora de RRHH comenta que están a traballar no documento, convocarannos na primeira quincena de outubro.
      • Grupo de traballo Enfermeira/o Especialista. Convocarannos na segunda quincena de setembro.
    • Outros temas:
      • Concurso de traslados FEAS. Setembro.

Informacións varias da Mesa Sectorial do 27 de xullo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

info importante webAlgunhas das cuestións das que se informou ou se trataron na Mesa Sectorial celebrada onte día 27 de xullo:

  • OPE 2013/15 de Enfermeira/o e Médico/a de Familia: publicación das listas definitivas da fase de concurso na segunda quincena de setembro.
  • OPE 2014/2015 de Técnicos/as superiores e de grado medio, e diplomados/as sanitarios/as: non achegan previsión de publicación das listas definitivas da fase oposición, porque están a espera de reunir os tribunais. Tentarán telas publicadas antes do 31 de outubro.
  • Oferta de emprego 2015/2016 de FEAS, licenciados/as sanitarios/as e Técnico/a superior en Prevención de Riscos Laborais: reunión da Comisión técnica en setembro para a negociación da convocatoria.
  • Resto de categorías da oferta de emprego 2015/2016, trataranse no último trimestre do 2016.
  • Comisión técnica para tratar criterios interpretativos de permisos e licenzas: primeira quincena de outubro.
  • Comisión sobre as especialidades de enfermaría: segunda quincena de setembro.
  • Concurso de traslados de FEAS: tratarase no mes de setembro.
  • Acordouse a ampliación do prazo para a solicitude de LDs (ordinarios e por antigüidade) do 2016 ata o 30 de marzo de 2017.

A realidade virtual do SERGAS, 25 anos despois

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

SL12C4F3Estes días inaugurouse en Santiago a exposición sobre os 25 anos do SERGAS, que ademais coordina a ex-conselleira Rocío Mosquera.

Esta exposición, cuxa pretensión debería ser facer un percorrido por 25 anos de historia do SERGAS, resulta ser ao final un acto propagandístico máis dos que este goberno nos ten xa afeitas/os. É curioso como nos paneis da exposición intentan desmontar, unha por unha, as denuncias feitas por sindicatos, asociacións de defensa da Sanidade Pública, asociacións de doentes, partidos políticos ou persoas a título individual sobre as políticas de recortes e privatización emprendidas polo goberno de Núñez Feijóo. Así, venden motos coma a marabillosa Plataforma Loxística (privatizada e que tantos problemas deu e dá na súa xestión diaria e que mesmo o Consello de Contas recoñece que é unha hipoteca para o futuro), a cantidade de recursos humanos e as condicións laborais (aquí xa nos dá a risa), ou o Novo Hospital de Vigo (outra hipoteca na que nos meteu Feijóo, hospital privatizado e con tantas eivas que sería imposíbel enumeralas todas nun artigo da web). Nos vídeos que se poden ver durante a exposición amósase mediante escenificacións a felicidade de doentes mentres reciben tratamentos moi duros e o ben que está todo en comparación con hai 25 anos (non sería lóxico que seguira igual ou que empeorara, mais hai cuestións nas que, certamente, a Sanidade Pública retrocedeu a moitos anos atrás).

Esta exposición, pagada con cartos das persoas que contribúen cos seus impostos, semella non ser máis que outro buraco no que marchagafasp unha chea de diñeiro fundamentalmente para facer propaganda deste goberno. Á entrada da exposición entregan a cada persoa uns lentes como os da fotografía, para ver unha parte da mostra en realidade virtual. E, efectivamente, toda a exposición amosa a "realidade virtual" que é o SERGAS e que é a Sanidade Pública para o PP e o goberno de Feijóo. Pretenden que vexamos a realidade virtual en lugar da realidade verdadeira, a real, a que padecemos todos os días nos centros de saúde e nos hospitais.

Xa imos fartas/os de realidade virtual, de contos, de propaganda e de mentiras. Xa imos fartas/os de ver como desmantelan a Sanidade Pública para entregala a empresas que o único que buscan é facer negocio a costa da nosa saúde.

Gustaríanos que Alberto Núñez Feijóo, Jesús Vázquez Almuíña, Antonio Fernández-Campa, Rocío Mosquera e toda esta tropa do PP se deixaran de tanta realidade virtual e baixaran ao mundo real, á realidade que viven todos os días as persoas que por mor da súa saúde se ven obrigadas a facer uso da Sanidade Pública. Menos propaganda e máis Sanidade Pública.

Milleiros claman contra o desmantelamento do hospital Meixoeiro e a privatización da sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Unha manifestación convocada pola xunta de persoal e SOS Meixoeiro percorreu os arredores do centro médico para reclamar a dimisión do xerente e do conselleiro
Máis de 3000 persoas participaron esta tarde na manifestación convocada pola xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro para rexeitar o desmantelamento do hospital vigués. Durante a marcha, que percorreu os arredores do centro médico, denunciouse a política de privatizacións da sanidade pública que está a aplicar a Xunta do PP e reclamouse a berros a dimisión do xerente da EOXI e do conselleiro de Sanidade.

(Galería de imaxes)

2016 06 22 ManifaContraDesmantelamentoMeixoeiro11.grandeA mobilización arrincou pasadas as oito da tarde da porta principal do Meixoeiro, onde minutos antes varios milleiros de persoas permanecían concentradas agardando o inicio da dunha marcha que se desenvolveu polos arredores do centro médico e na que as consignas máis repetidas foron “O Meixoeiro querémolo enteiro”, “Feijóo, bandido, “A privatización é corrupción”, “Queremos un hospital e non unha sucursal”, “Vigo é a tumba do PP” ou “Feijóo, atende, a sanidade non se vende”.

Á cabeza da manifestación, unha faixa recollía o lema da protesta: “O Meixoeiro tamén existe”. Unha frase que resume o empeño de profesionais e usuarios/as por reivindicar o papel que esta infraestrutura ten que xogar na sanidade pública da área viguesa.

En concreto, reclaman que se manteña como un hospital xeral programado para diferentes especialidades, para o que é necesario recuperar as camas pechadas e os recursos recortados. “Para facer posíbel o proxecto estratéxico de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía débese potenciar a súa actividade neste eido, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñíbel para atender estas patoloxías, convertendo o Chuvi en referencia oncolóxica para o sur de Galiza”, tal e como se recolle no manifesto que se leu ao final da marcha.

Outras das demandas do persoal pasan por situar no centro médico todos os recursos de Cirurxía Programada (maior ambulatoria e con ingreso) e abrir unha Unidade de Coidados Críticos. Ademais, apostan por que se manteñan activas un total de 422 camas. “A plena utilización do Meixoeiro é vital para o futuro da sanidade pública da nosa área sanitaria”, rematan.

A nova en Avantar

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto