Noticias Sanidade Pública
 
 

A CIG-Saúde pide explicacións pola empresa de formación con enderezo social no que parece ser o domicilio do Director do 061

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A empresa imparte a formación do propio 061, mais tamén da FEGAS e a formación continuada nas áreas de xestión
.
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á consellaría de Sanidade para que esta dea as explicacións pertinentes respecto da “Empresa de Simulación Médica Avanzada SL”, que segundo a información que recibiu a central sindical foi creada por unha persoa con vínculo directo co Director da Fundación Pública 061, ten o enderezo social no que parece ser o seu domicilio familiar e imparte a formación, entre outros, do propio 061.
.
Ambulancia do 061A CIG-Saúde, que está a examinar toda a documentación relativa a este asunto, entende que poderían existir incompatibilidades entre o cargo institucional que ostenta o director do 061 e a actividade empresarial. Considera que sería moi grave que se confirmara que esta empresa está efectivamente impartindo toda a formación organizada pola FEGAS, 061 e a formación continuada polas áreas de xestión integrada.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, entende que é a propia conselleira quen ten que dar explicacións respecto deste asunto, toda vez que ela é a Presidenta do Padroado da Fundación Pública 061.

Información Mesa Sectorial 9 de outubro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nesta reunión abordáronse os seguintes temas.

  • Plan parcial de RRHH.

Neste tema a Admón pretendía centrar o debate exclusivamente na prolongación da vida laboral, apelan á renovación xeneracional para non prolongar máis alá dos 65 anos a vida laboral, iso si, sempre dentro da taxa de reposición. Desde CIG-SAÚDE centramos o debate en todo os artigos do documento (xa enviaramos as alegacións).

a.- Non podemos das por validos os datos que contén o documento pois non existe no SERGAS un sistema de enumeración (identificación unitaria das prazas) que nos permita contrastar os datos. Este sistema de identificación do cadro de persoal esta recollido no artigo 14 do Estatuto Marco e na Lei de Saúde de Galiza.  Con este sistema permitiríanos poder identificar, por exemplo, cantos/as celadores/as hai, cantos/as se xubilan, cantos/as se amortizan e cantos/as se repoñen, tipo de vínculos... Despois do debate a Directora de Recursos Humanos comprometeuse a desenvolver isto, agardamos que o fagan. Este tema tamén o presentamos nas alegacións á Lei do emprego de Galiza, artigo 38. A ver se é verdade que por fin imos ter un sistema de identificación das prazas. Verémolo?

b.-No referente á prolongación da vida laboral propoñemos que só se prolongue a vida laboral ao persoal que non acadase a cotización máxima. A taxa de reposición ten que ser do 100% en todas as categorías. Non poden utilizar o PORRHH como unha ferramenta de chantaxe, non poden desestimar a prolongación da vida laboral ao persoal que teña solicitado a exención de gardas a partires dos 55 anos se non ten o tempo máximo de cotización.

  • Decretos de integración no réxime estatutario. 

1. INTEGRACIÓN DO PERSOAL APD E DO PERSOAL LABORAL E FUNCIONARIO QUE PRESTA SERVIZOS EN INSTITUCIÓNS SANITARIAS.

Como sabedes a Lei 16/2012 recollía obrigatoriamente a integración no réxime estatutario do persoal APD e o persoal laboral e funcionario que presta servizos nas institucións sanitarias. En posteriores instrucións flexibilizaron esta obrigatoriedade e agora volve ser voluntario. Antes do 31 de decembro este persoal terá que manifestar, se quere, a opción de estatutarizarse. Se non o fan agora, o decreto vai establecer un sistema aberto e permanente para que se poidan estatutarizar cando queiran: agora, cando se convoque concurso de traslados, cando haxa traslados a postos da Admón...

O debate produciuse por que a Admón e outras organizacións sindicais defendían que esta situación máis beneficiosa só era de aplicación ao persoal APD. Desde a CIG opuxémonos a isto, se o ámbito de aplicación do artigo 10 e o da disposición adicional decimosexta da Lei 16/2012 é para o persoal APD e para o persoal funcionario e laboral das institucións sanitarias, o SERGAS se aplica unha condición máis beneficiosa non pode limitar o ámbito de aplicación; á carta para todos ou para ninguén. A Admón recoñeceu que tiñamos razón. Enviarán un novo documento.

A estatutarización aberta e permanente non é de aplicación ao persoal das fundacións e empresas públicas. A estatutarización deste persoal réxese polo Decreto 91/2007, do 26 de abril. Este persoal deberá estatutarizarse agora cando publiquen a súa orde de integración.

 Desde CIG-SAÚDE solicitamos o recoñecemento da carreira profesional. Segundo a Admón a carreira está suspendida e retomarase cando toque.

2. INTEGRACIÓN DO PERSOAL DA LEI 17/1989.

O decreto de integración deste persoal publicarase conxuntamente co resto dos decretos, non será nin aberto nin permanente. No texto do Decreto, e nun acordo de Mesa, recóllese que no prazo máximo dun ano convocarase o 3º proceso selectivo para os/as farmacéuticos inspectores de saúde pública; este é o único colectivo que ten pendente de convocar a derradeira OPE segundo a normativa de función publica.

  • XESTIÓN CLÍNICA.

Rexeitamos unha vez máis o sistema de implantación da xestión clínica que está a levar o SERGAS sen ter publicado o decreto, e sen ter pasado por Mesa Sectorial o desenvolvemento do mesmo como se comprometeron. Lamentamos que non estivese presente o Director de Asistencia Sanitaria. Desde CIG-SAÚDE centramos o debate en dous artigos do borrador do decreto galego.

a.- Artigo 7º.- Designación do/a director/a da área de xestión clínica. Solicitamos que se publique a norma que regule a convocatoria destes/as directores/as. Que haxa unha convocatoria regrada como a que recolle o decreto 206 para as/os xefes/as de servizo, con requisito de exclusividade no sistema público. Agardamos que a xestión clínica non sexa a escusa para encher o SERGAS de xefes por libre designación. Asemade débese regular normativamente as competencias deste persoal: dependencias xerárquicas...

b.- Artigo 8º .- Persoal adscrito ás unidades de xestión clínica. Solicitamos que se regule mediante Orde ou Resolución a participación do persoal  estatutario nas unidades de xestión clínica; presente e de futuro, de xestión pública ou de entidades con personalidade xurídica propia. A directora de RRHH repite, constantemente, que na Galiza as unidades de xestión serán públicas. A CIG-SAÚDE parécenos ben a idea de xestión clínica da directora, pero a Admón regúlase por documentos non por compromisos de boas intencións.

 Desde CIG-SAÚDE solicitamos que a norma que se publique de participación do persoal estatutario na xestión clínica debe conter:

                .- O réxime xurídico do persoal será estatutario.

                .- A participación voluntaria do persoal.

                .- A permanencia na praza, centro, unidade, independentemente da participación ou non na unidades de xestión clínica.

                .- A posibilidade de reversión na participación na U.X.C.

                .- Se de futuro a Consellaría de Sanidade modifica o decreto galego e permite que as unidades de  X.C  teña entidade xurídica propia, isto non modificará o réxime estatutario do persoal. A modificación das U.X.C non suporá ningún cambio nos dereitos laborais do persoal estatutario.

                A Admón amosouse receptiva a publicar unha norma de participación nas U.X.C, enviarán documento.

  •  Contrato de privatización de RX, Intervencionismos, Medicina Nuclear e Radioterapia.

 A información deste tema foinos facilitada polo Director de Recursos Económicos, que é quen convocou o concurso. O Sr Torres respondeu con certa agresividade verbal ás alegacións presentadas por CIG-SAÚDE, xa sabemos que as verdades doen, pero os cargos públicos están para dar información.       A información que se nos facilitou confirma que este contrato é unha privatización destes servizos sanitarios. A empresa só vai a achegar solucións técnicas, as solucións económicas ponas o SERGAS, e a empresa recibirá beneficios.

Desde CIG-SAÚDE  manifestámonos en contra desta medida, as alegacións son a que xa fixemos públicas. Ademais disto advertímoslle que esperamos que con este contrato a Admón no estea entrando na porta xiratoria, é dicir, que non pase como en Madrid, que responsables que antes privatizaron servizos agora traballan para as empresa privadas.  

  • Formación continuada nos procesos de mobilidade interna.

Este tema, caducidade da formación nos procesos de mobilidade interna, quedou pendente da reunión anterior. A Admón solicitara que para modificar o anterior pacto debería existir unanimidade das organizacións sindicais, mais houbo disparidade de criterios. CIG-SAÚDE: que este tema se decida nas comisións de centro, xa que hai comarcas que xa convocaron mobilidade interna para algunhas categorías e os cursos caducaban. As comarcas que aínda non iniciaron os procesos de mobilidade que o decidan na comisión de centro. Este tema segue pendente até que as organizacións sindicais enviemos por escrito o noso posicionamento. Tratarase na próxima mesa.

Información Mesa Sectorial 1 de agosto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 1 DE AGOSTO

Mesa Sectorial monográfica sobre a proposta de Decreto de Xestión Clínica.

Antes de iniciar a reunión a directora de RRHH volveu repetir o discurso de agradecemento ás/aos profesionais pola súa actuación o día do accidente. Desde CIG-Saúde solicitamos que modificasen agradecemento por recoñecemento. Agradecemento soa a "que ben se portaron as/os profesionais esa noite", como se o resto do tempo non o fixeramos. Recoñecemento quer dicir que a Admón recoñece que así se traballa todo o ano pero de xeito anónimo, e a necesidade de manter uns servizos públicos e de calidade. Esperamos que isto o teñan en conta nos próximos orzamentos.

            Orde do día:

            * Decreto de Xestión Clínica.

            Esta reunión celebrouse a petición de CIG-SAÚDE, na anterior M.S. a Admón quería dar por pechada a negociación. Fíxéronnos entrega dun novo documento no que se recollen algunhas das nosas alegacións referentes ao articulado que regula a creación das unidades de Xestión Clínica, non se recollen as alegacións referentes á xestión dos RRHH e as referentes aos incentivos económicos. A Admón comprometeuse a que estes temas se desenvolverían en normativas posteriores. Ditas normativas serán materia de negociación na M.S.

             Desde a CIG insistimos nas nosas alegacións que se concretaron en:

            - A CIG-SAÚDE apoia a Xestión Clínica como ferramenta de xestión de mellora da sanidade pública, pero non podemos compartir o modelo deste Decreto. Que o desenvolvemento normativo deste Decreto se negocie con posterioridade na M.S. non é garantía de que academos acordos nos temas de RRHH e sistema retributivos.

            - Á CIG-SAÚDE preocúpanos deste Decreto:

                                        -Que se rompa a igualdade no acceso ao sistema sanitario.

                                        -Que se modifique o sistema retributivo.

                                        -Que só contemplen incentivos económicos baseados nos aforros.

                                        -Que non se recolla como requisito a dedicación exclusiva do/a directora/or da área de xestión clínica.Neste tema comprometéronse a que no desenvolvemento normativo a dedicación exclusiva se poida valorar como mérito. Igual que se recolle no decreto 206.

Comentamos que  a excelencia profesional xa se retribúe mediante a carreira profesional, polo que a Admón debería volver a activala.

Ao final do debate pediron o posicionamento das organizacións sindicais. Desde a CIG-SAÚDE tendo de partida unha posición favorable á “Xestión Clínica” non podemos amosar a nosa conformidade con este Decreto até que coñezamos o desenvolvemento normativo das cuestións que máis nos preocupan e que este Decreto non recolle.

Se a Admón presenta este Decreto como un documento aberto a unha futura negociación, agardamos por esa negociación, na que esperamos se estableza unha verdadeira negociación na que se recollan as nosas alegacións.

Á marxe deste tema a Admón infórmanos de que na próxima semana recibiremos os decretos de estatutarización do persoal de APD, Fundacións, persoal laboral e funcionario... Neste tema manifestamos o seguinte: días atrás publicouse unha información referente a que no acordo asinado polo Ministerio de Sanidade e os sindicatos corporativos se recolle que queda sen efecto o apartdo do R.D 16/2012 sobre a perda da condición de funcionarios deste persoal. Se isto é así, o borrador de Decreto que nos envíen vai ser un paripé. Pero desde a CIG-SAÚDE congratulámonos de que as medidas recollidas nos RD se poidan modificar por pactos e acordos, xa que non se pode impor mediante unha Lei cambios normativos no réxime xurídico das/os profesionais; as condicións laborais negócianse pero non se impoñen. E instamos á Admón a negociar no ámbito da M.S. as das medidas que se recollen nestes RD como son: a universalidade da sanidade, o repago sanitario, o complemento da IT, a perda dos días libres... Se o RD se pode modificar por un acordo sectorial, máis lexitimado estará un ámbito de negociación para modificalo.

Como CIG-SAÚDE denunciamos os cambios de criterio na aplicación dos dereitos das/os traballadoras/es en concreto nas situacións de excedencias. O Estatuto Marco recolle nos seu artigo 64 a excedencia por servizos especiais cando o persoal accede a unha praza de formación sanitaria MIR o EIR. Até agora para a concesión desta excedencia aplicábase o criterio de persoal de cadro,  é dicir, persoal fixo e interino. Agora só as conceden ao persoal fixo en aplicación do artigo 62 do devandito estatuto, xa que nel se recollen as situacións administrativas do persoal fixo. Coma sempre quedaron en miralo.

Información Mesa Sectorial 5 de Xullo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

1. A.  PROCESOS DE SELECCIÓN E PROVISIÓN.

OPE FEAs: Houbo 2223 solicitudes das que xa está validado o 70%,  a fin de mes contan con ter rematada a validación pero por mor das vacacións de moitos/as solicitantes non sacarán ata setembro as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as. No Fides poderase comprobar previamente o estado da solicitude de inscrición na convocatoria. Haberá unha reunión da Comisión Técnica de OPE o día 12 de xullo.

CONCURSO DE TRASLADOS: Convocarase no último trimestre para as categorías sanitarias, as prazas ofertadas irán axustadas á taxa de reposición e sairán as prazas vacantes ocupadas. No ano 2014 convocarase o resto de categorías (persoal de xestión e servizos), pero non todas.

NOVA OPE: Posteriormente ao concurso de traslados das categorías sanitarias haberá convocatoria de OPE, coa restrición da taxa de reposición. O SERGAS ve complicada, case imposíbel, unha nova OPE para as categorías de xestión e servizos debido á taxa de reposición. A CIG pide unha OPE para todas as categorías e o 100% das prazas vacantes e non facer pagar as privatizacións, que rexeitamos unha vez máis, ligándoas á OPE ou aos traslados.

LEI 17

Informan que rematou a oposición, estase na fase de destino provisional e que queda pendente o concurso de traslados para outubro (nas clases en que houbo OPE).

1.B. PLAN PARCIAL DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DA LAVANDERÍA DE LUGO. AVALIACIÓN DA EXPERIENCIA LABORAL PREVIA

A Administración non pode facer pagar ás persoas aspirantes a política sanitaria de privatizacións. A CIG propón valorar os servizos prestados destas categorías reclasificadas como se foran de pinche (non só os/as reclasificados/as titulares da praza senón tamén a todos/as os/as inscritos/as nas listas de contratación). Consensúase valorar os servizos prestados en calquera das categorías reclasificadas como pinches, tanto titulares como listado de contratación, e cando se convoque OPE (segundo o falado no primeiro punto, non o veremos por mor das privatizacións) discutirase a baremación nesa mesa de OPE.

2.- PROXECTO DE ORDE DE PROLONGACIÓN NO SERVIZO ACTIVO DO PERSOAL DA ESCALA DE SAÚDE PÚBLICA E ADMINISTRACIÓN SANITARIA ( Lei 7/1989)

A CIG manifesta a súa negativa a este proxecto. En caso de haber parados/as, pedimos contratar e non prolongar (agás o que contempla a lei para o persoal que non ten o tempo de traballo necesario para xubilarse) e de aplicarse a orde, baixo a xustificación da ausencia de persoal a contratar.

3.- PROCESOS DE INTEGRACIÓN NO RÉXIME ESTATUTARIO

Actualmente hai dous procesos: os de funcionarios da lei 17 e o de afectados pola disposición RDL 16 que afecta a persoal de APD e persoal de cota.

Segundo o SERGAS reproduciríanse as mesmas condicións que nos procesos de integración que hai en Galiza dende hai anos, mantendo o status funcionarial. Con respecto o RDL 16 determinarase que o persoal afectado seguirá non mesmos postos de traballo (APD). Para o persoal laboral manteranse as mesmas condicións (5ª oferta de integración) e para o persoal das antigas fundacións o D 91. Na rolda de intervencións a CIG pide que ao persoal da Lei 17 recollido na adicional 10ª se lle respecte a 3ª convocatoria e se lle ofreza a incorporación unha vez rematado o proceso.

4.- PROXECTO DE DECRETO DE XESTIÓN CLÍNICA

Despois de pasado un ano desde que enviamos alegacións ao borrador deste decreto, presentan un novo texto, bastante modificado, e pretenden que lle deamos o visto e prace na propia Mesa. Solicitamos un novo prazo de alegacións, que se acepta. Haberá unha Mesa Sectorial extraordinaria e monográfica sobre este tema en xullo.

5.- INSTRUCIÓNS  SOBRE A APLICACIÓN AO PERSOAL ESTATUTARIO DA XORNADA DERIVADA DO REAL DECRETO LEI 20/2012 SOBRE A FLEXIBILIZACIÓN DO GOCE DAS VACACIÓNS REGULAMENTARIAS.

Manifesta o SERGAS que o documento vai ser útil para o ano que ven e que para este serviu de base para os acordos entre xerencias e xuntas de persoal. Manifesta tamén que non houbo problemas na aplicación este ano. Non hai novidades co último texto presentado como borrador e non incluíron alegacións xa que, segundo eles, calquera introdución incorpora dúbidas de interpretación. Di o SERGAS que tal como manifestara a CIG, a posibilidade de días de vacacións soltos máis aló do 31 de decembro debe ter amparo xurídico con acordo do documento en mesa sectorial e publicación en DOG. A CIG non asina este acordo e segue defendendo a proposta presentada como alegacións, lembrámoslle á Administración que si que houbo problemas de aplicación. Asinan o documento CEMS-W, SATSE e CSIF.

 6.- CUESTIÓNS RELATIVAS AOS ACORDOS DE ATENCIÓN PRIMARIA

O SERGAS quere eliminar o incentivo á voluntariedade e reformular o complemento J de intersubstitución. Desde a CIG esiximos a convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos. Desde que se asinaron os acordos cambiaron moito as condicións polas que se introduciu a voluntariedade, desde a CIG non vemos necesidade de voluntariedade habendo profesionais no paro. Este tema queda para a seguinte Mesa Sectorial.

 7.- PLAN PARCIAL DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS (PROLONGACIÓN DE SERVIZO ACTIVO)

O plan actual remata o 31/12/2013 polo que a revisión vai ser de carácter parcial e só vai abranguer a xubilación e a prolongación. Enviarásenos o documento e tratarase na seguinte Mesa Sectorial.

8.- ROGOS E PREGUNTAS

  • A CIG presenta 3 puntos:

* Lei do emprego de galiza Ínstase ao Sergas a que se persone no debate  sobre a Lei do Emprego Público da Xunta. Educación e Función Pública presentaron alegacións e o SERGAS non. Pedímoslle que fagan uso das facultades que teñen. A Administración respostou que si que fixeron alegacións no mes de maio e van pola liña de manter unha redacción similar a da Lei de Saúde de Galiza para persoal estatutario, e que están mantendo reunións.

* Bases de acoplamentos internos. Tanto no baremo de OPE como no de contratacións (son o mesmo baremo) a formación que se valora non caduca, pero na acta de bases de acoplamentos internos si que está especificada unha caducidade, polo que pedimos que se acorde na mesa sectorial que en cada comisión de centro ou xunta de persoal se poida modificar esa parte das bases para permitir que se valore toda a formación sen caducidade. A Administración resposta que non ten problemas en que non caduque ao igual que na OPE pero con acordo unánime na próxima Mesa.

*Xestión integrada, prazas con perfil ou de alta especialización en enfermaría. Consideramos que hai que tratar este tema no ámbito da Mesa Sectorial. Non pode ser que o xefe/a de servizo teña a decisión de qué persoa entra nestas prazas. Estas prazas deben ser cubertas por un procedemento regrado, no que poida participar todo o mundo sabendo de antemán as condicións que require o posto. Deben ser prazas con competencias determinadas e non con perfil determinado. O SERGAS resposta que se debe facer unha modificación normativa do D 206. Aceptan falalo na Mesa.

Previsións OPE e Traslados

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Hoxe na reunión da Mesa Sectorial trasladóusenos a seguinte previsión sobre concurso de traslados e OPE:

Categorías sanitarias, convocatoria de traslados no último trimestre de 2013. Posteriormente haberá OPE, coa restricción de prazas da taxa de reposición.

Categorías de xestión e servizos, traslados no 2014, e non para todas as categorías. Posiblemente non haberá OPE.

O luns publicaremos a información completa da Mesa Sectorial.

Recortes salariais no CTG

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Escrito remitido pola CIG-Saúde á Conselleira de Sanidade sobre os recortes salariais que se están a producir no persoal laboral do Centro de Transfusións de Galiza:



 Rocio Mosquera Álvarez.

Conselleira de Sanidade.

As/os traballadoras/es, persoal laboral, do Centro de Transfusión de Galiza están a recibir unha comunicación da dirección desta fundación referente á suspensión do acordo de equiparación salarial 2004-2006. É polo que a dirección desta fundación vai proceder eliminando das súas nóminas as cantidades correspondentes ao devandito acordo.

O 20 de decembro do ano 2005, publicase no DOG a Resolución do 29 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de equiparación salarial dos traballadores da Fundación Centro de Transfusión de Galicia con aquelas que rexen para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Acordo asinado polo director do centro, Sr Roberto García-Villaescusa Collazo co comité de empresa, e as/os delegadas/os de persoal. No devandito acordo recóllese:

Manifestan:

A) Que, tras ser sometido a estudo e aprobación pola Dirección de Recursos Humanos do Sergas así como polo Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia.

B) Que, tras os trámites anteriores se solicitou informe favorable ás consellerías de Economía e Facenda así como á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, (artigo 22 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004).

Emitiuse informe favorable o 12 de maio de 2005. Como pode alegar agora a directora do CTG que o recorte salarial ven motivado por que na Consellaría de Facenda non consta a documentación pertinente relativa ao informe favorable do 12 de maio de 2005? Se non consta a documentación requirida pola Consellaría de Facenda, que a Dirección do CTG lla remita na maior brevidade posible. O que non é de recibo que as/os traballadoras/es teña que pagar as consecuencias da mala xestión desta fundación desde a súa constitución.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos da Conselleira de Sanidade que de inmediato lle comunique á dirección do CTG que paralice o recorte salarial que pretende aplicar as/os traballadoras/es. E que inste a dirección do CTG a resolver as posibles irregularidades neste e noutros temas que teña pendente.

Unha vez máis ponse de manifesto a falla de transparencia e a nefasta xestión das fundacións sanitarias, que lonxe de acadar o obxectivo propagandístico co que foron creado, o único que demostraron ao longo do tempo foi a oscurantista xestión.

Desde CIG-SAÚDE queremos lembrarlle que na fundación CTG está pendente de convocar o proceso selectivo anulado por sentenza xudicial por conter este múltiples irregularidades e que foi convocado na mesmas datas do acordo salarial.

Agardamos que se solucione este problema, e que non se trate de imputar, unha vez máis, a mala xestión dos/as directivos ás/aos traballadoras/es.  Que non se agarde por que sexa a vía xudicial a que solvente os problemas da mala xestión. Que dunha vez por todas cada quen asuma as súas responsabilidades.

            Atentamente.

Compostela, 7 de maio de 2013.

Asdo: Mª Xosé Abuín  Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE

Descargar o escrito .

Mesa Sectorial 30 de abril

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Celebrouse hoxe reunión da Mesa Sectorial. Isto foi o que alí se tratou:

1. OPE FEAS.                                                                                        

Quedou aprobado o decreto de oferta, sen modificacións con respecto aos borradores presentados na comisión de OPE.

As novidades desta OPE con respecto ao anterior proceso son:                   

* As/os aspirantes deberán presentar os requisitos e méritos dentro do prazo de presentación de solicitudes. Os méritos presentaranse segundo o Anexo V da convocatoria.

* O formulario de inscrición, una vez confirmado, deberá ser imprimido e presentado por rexistro de entrada conxuntamente co resto de documentación; informe de requisitos e méritos que figuran no Expedient-e.

* A documentación será dirixida á Dirección de RRHH do SERGAS. Unha vez confirmado o formulario de inscrición este non se pode modificar. As modificacións realizaranse por escrito dirixido á Dirección de RRHH do SERGAS.

* Computaranse todos os servizos prestados no espazo común europeo e en Suíza, xa que existe un acordo de libre circulación de traballadoras/es.

* As/os aspirantes que accedan pola quenda de discapacidade poderán solicitar a adaptación de tempo e medios necesarios. Isto deberán presentalo no prazo de presentación de solicitudes.

* A promoción interna será do 25% das prazas convocadas.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos:

Que se desglosasen as prazas convocadas por centros hospitalarios. Respostan que NON.

Que se negociasen os itinerarios profesionais e o pacto de selección temporal de FEAS. No referente ao pacto de selección temporal de FEAS a directora comentou que estaban disposta a facelo conxuntamente cunha modificación do decreto 206/2005. 

Que antes do período vacacional convocasen o grupo de traballo de OPE e traslados do resto de categorías para que despois do verán se poidan publicar as convocatorias.

2. Proxecto de Orde de Vínculos.

Con esta Orde o único que pretenden é precarizar máis as condicións laborais do persoal contratado.

O máis grave deste documento é o Artigo 11. Neste artigo reproducen o artigo 60 do Estatuto Marco, que recolle que as Comunidades Autónomas no ámbito das súas competencias determinarán a xornada a tempo parcial cun límite máximo do 75%. Isto quer dicir que para a cobertura de xornadas completas poderán realizarse vínculos de xornada parcial. O que están a facer é normativizar os contratos por picos de actividade para substituír as xornadas completas. Exiximos a retirada deste artigo. 

Outro dos artigos estrela é o artigo 9.- Cláusulas particulares. Segundo a Admón isto é garantista para a traballadora/or. Segundo a CIG isto é para aplicarlle os artigos do plano de ordenación de RRHH, en especial o da mobilidade xeográfica.

Temos até o día 10 de maio para enviar alegacións.

3. Documento de Xornada e Flexibilidade no goce de Vacacións

Lamentamos profundamente que non tivesen en conta as nosa alegacións. Do documento que hoxe se sometía a debate propuxemos:

Que para a determinación da xornada se tivese en conta a xornada real efectiva que realiza o persoal, con isto estámonos a referir a computar o tempo que o persoal emprega nos cambios de quenda.

Que engadiran no punto 2 da páxina 6 o seguinte: 11 días hábiles consecutivos computados de luns a venres.

Que no punto 3 desta páxina, 6 días co procedemento de LDs engadir: que segundo a definición do acordo de concertación social para a determinación da xornada anual xa se tiveron en conta os 30 días de vacacións. Polo que se estes días se solicitasen en quenda de noite, esta ten que computarse como noite realizada.

Que con carácter xeral se poidan disfrutar 3 semanas de vacacións en período ordinario.

Se na norma se recolle que os 6 días vacacións, con procedemento de LD, se poderán solicitar até o 15 de xaneiro, isto deberían publicalo no DOG, xa que a normativa actual estatutaria recolle que as vacacións se gozarán dentro do ano natural, non podendo acumularse a outro distinto. Unha instrución é de rango inferior á norma actual.

A Admón quedou en revisar o texto, enviarán un novo .

Como CIG-SAÚDE presentamos os seguintes temas.

a.- Lei de Emprego de Galiza. Presentámos na M.S  a seguinte proposta de resolución: O persoal estatutario rexerase pola normativa estatutaria propia da C.A e pola normativa sectorial do ámbito estatal, presente e de futuro,  sendo a M.S o noso ámbito negociador. A presente Lei do emprego público terá carácter supletorio en ausencia de normativa propia. Isto foi ben recibido pola Admón e apoiado por algunha das OOSS presentes.

b.- Comisións de centro e xuntas de persoal das áreas de xestión integrada. Solicitamos da Admón que lles lembrase ás/aos seu xerentes que as comisións de centro e as xuntas de persoal están vixentes como órganos de interlocución e negociación. 

c.- Solicitamos a convocatoria dunha reunión urxente para abordar o tema da privatizacións e o tema da mobilidade do persoal dos hospitais comarcais integrados nas áreas de xestión integrada.

d.- Solicitamos a publicación das ordes de integración do persoal laboral e funcionario; a isto dixeron que si. Están traballando no tema conxuntamente coa integración do persoal funcionario da Lei 17. Pedimos que se teñan en conta as nosas alegacións para as prazas da OPE da Lei 17.

Información da Mesa Sectorial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nesta reunión abordáronse os seguintes temas:

1.- Presentación da equipa directiva. A Conselleira presentounos ao novo equipo, parte coincide co anterior e os cambios prodúcense en RRHH, cambios que xa coñeciamos.  Na súa intervención a Conselleira comportouse como se estivera dando unha rolda de prensa, deunos datos da mellora producida na actividade asistencial.  Datos que en absoluto coinciden coa nosa valoración. A única coincidencia co seu discurso foi que o mantemento da calidade debese en exclusiva ao traballo das/os traballadoras/es.

Desde a CIG-SAÚDE  lamentamos que o seu discurso público non coincida coa súa práctica, xa que fan todo o contrario do que pregoan.  Se queren falar de actividade que convoquen unha reunión para abordar este tema con rigor.

Malia a súa xestión, desde a CIG-Saúde estamos dispost@s a traballar conxuntamente se o obxectivo que se persegue é a mellora da sanidade pública (PÚBLICA) e a mellora das condición laborais d@s profesionais.

Ao remate deste tema a Conselleira anunciounos que se tiña que ausentar, e que non ía participar no punto da orde do día que aborda os orzamentos. Esta ausencia foi cualificada por nós como impresentable, só veu a cubrir expediente.

2.- Anteproxecto de orzamentos. Neste punto a información que nos transmitiu a directora de RRHH foi que este anteproxecto estábase a debater no Parlamento, e que na M.S non ían reproducir o debate parlamentar. Sendo incapaz de darnos ningún dato de como ía a afectar o artigo 21 as/os profesionais do SERGAS; a estas alturas do debate parlamentar son incapaces de presentar as táboas salariais do 2013; ou é que non queren presentalas?

Desde CIG-SAÚDE agradecemos a información recibida, pero non imos á M.S a que se nos informe sobre o calendario do parlamento, este xa o coñecemos pola prensa. Tampouco queremos reproducir o debate do parlamento. O que queremos e debater e negociar as nosas retribucións que son competencia da M.S. Finalízase o debate sen máis.

3.- Flexibilización do goce das vacacións. Están a elaborar un documento sobre flexibilización das vacacións para poder empregar unha parte como días para asuntos particulares. Enviarannos ese documento e convocarannos a unha comisión de traballo sobre ese documento. Na CIG-Saúde xa tiñamos valorado que a flexibilización das vacacións implicaba unha certa renuncia ao dereito (adquirido e consolidado despois de moitas loitas) ao descanso anual d@s traballador@s, mais ante a situación actual (coa redución de LD) facíase case necesario establecer algún xeito de poder conciliar a vida laboral e familiar. Esta flexibilización debería ser temporal, en función dunha eventual recuperación dos días de libre disposición.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos que se tamén se aborde o seguinte:

- Aplicación directa da sentenza da UE sobre vacacións despois dunha IT, quedaron en enviar unha instrución aos centros para que se aplique; ademais regularán o seu goce que deberá ser inmediatamente despois da incorporación.

- Que o permiso sen soldo non estea limitado cun mínimo dunha semana.

-  Que se nos imos rexer pola normas de Función Pública, os día 24 e 31 deberan ter a consideración de festivos e que desconten xornada. Así como que o 1º día de ausencia por enfermidade non produza desconto en nómina.

- Que o tema das vacacións ten que quedar resolto neste mes, xa que en marzo fanse os calendarios. A ver o que dá de si esta comisión.

4.- Orde de vínculos. Quedaron en enviar un documento que vai recoller 3 tipos de vínculos e un para promoción interna. Este novo modelo de vínculos levará incorporadas as cláusulas de mobilidade que se recollen no Plan de Ordenación de RRHH. Desde CIG-SAÚDE plantexamos os temas debatidos na organización.

5.- SATSE, CEMS-OMEGA solicitaron a súa adhesión ao pacto de vinculacións: concedida.

6.- Procesos de selección e provisión.

- OPE lei 17. Pendente de revisar as reclamacións presentadas. En breve publicarán a puntuación definitiva e os listados do persoal que superou o proceso selectivo. Con posterioridade publicarase a relación de destino. Na Lei 17 os destinos son provisorios e o persoal ten a obriga de participar no 1º concurso de traslados que se convoque.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos que se negocie o proceso de selección temporal desta categorías.

- FEAS. En breve  enviarannos o borrador de convocatoria de OPE. Convocarán a comisión de OPE para analizar baremos, acreditación de méritos...  Desde CIG-SAÚDE solicitamos que se nos envíe o estudo que estaba a realizar asistencia sanitaria sobre as especialidades que se ían convocar nesta OPE.

- Traslados FEAS. Toma de posesión conxuntamente coa OPE, pero como se vai a retrasar un pouco, poden conceder algunha comisión de servizo. Desde CIG-SAÚDE non nos opoñemos a que se concedan comisións de servizo sempre que estas se concedan seguindo a listaxe da resolución do concurso de traslados, que isto non é máis que adiantar o traslado, pero á Admón parécelle que isto non pode ser viable en todos os casos. Non logramos entender por que os sistemas regrados sempre presentan dificultades.

Hai unha persoa que participou no concurso de traslados que vai ser avaliada pola  comisión  técnica de capacidade funcional.

            A gran pregunta, cando imos ter un proceso regrado para a selección temporal de FEAS?  

            Os temas de contratacións abordarémolos na reunión do día 5.

- OPE e traslados resto categorías. A pesares do anuncio realizado pola Conselleira en sede parlamentar de que no ano 2013 o SERGAS ía convocar un proceso selectivo para todas as categorías, hoxe o único compromiso da directora de RRHH foi que están a estudar a posibilidade de convocar un concurso de traslados, para algunhas categorías, no último semestre.

7.- No apartado de varios preguntamos pola privatización do servizo de mantemento, responde que nos informaran ao seu debido tempo, que non nos precipitemos.            

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto