Noticias Sanidade Pública
 
 

Persoal do Sergas mobilízase nas diferentes áreas sanitarias de Galiza en defensa da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde chama a traballadores/as e usuarios/as a participar nas manifestacións comarcais convocadas para o mércores 26 de marzo
.
Coa celebración de concentracións, esta mañá, nos centros de saúde das diferentes áreas sanitarias de Galiza culminaba a primeira semana de asembleas abertas convocadas polas organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM, OMEGA. Con estas mobilizacións demandan do Sergas un xiro radical nas súas políticas sanitarias, que sente a negociar coas organizacións sindicais e a paralización da privatización do servizo de esterilización. Ante a actitude inmobilista do Sergas confirman a convocatoria de manifestacións en todas as comarcas para o vindeiro día 26 de marzo.
14-03-14 Manifestacion CHUAC

Galería de imaxes

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que participou na concentración convocada no Hospital Clínico, na Área Sanitaria de Santiago,  explicou que con estas mobilizacións o persoal da sanidade pública manifesta a súa disconformidade coas políticas privatizadoras emprendidas polo PP e a súa disposición a plantarse diante do desmantelamento e descapitalización da sanidade pública.

Abuín acusou ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo de intentar manipular á opinión pública ao dicir que non se está a privatizar a sanidade porque cando unha persoa é atendida nun centro sanitario privado non vai ter que pagar. “O problema é que a sanidade pública, que se financia cos impostos de todas e todos nós si vai ter que destinar parte do seu orzamento a financiar a sanidade privada en lugar de investir eses cartos en garantir a atención na sanidade pública”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde é “lamentábel” que Feijóo poña ao mesmo nivel sanidade pública e privada e que defenda que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é sanidade pública, cando o que isto significa “desmantelar a pública en beneficio da privada”.

Denunciou, xunto a isto, o incremento das partidas orzamentarias destinadas a financiar a privatización dos servizos, pagando un custe maior por eles cunha peor calidade e destruíndo ademais emprego público.

Reclamou a inmediata paralización do proceso de privatización  do servizo de esterilización e a reversión ao Sergas de todos os servizos privatizados. “Gañariamos en calidade e aforrariamos en orzamento”.

A CIG-Saúde lembra que a sanidade pública e patrimonio de todos/as os galegos/as e fai un chamamento a participar masivamente nas manifestación convocadas o vindeiro día 26 de marzo na súa defensa.

A nova en Avantar.

Tod@s xunt@s podemos. A razón lexitímanos para defender a Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ante as agresións continuadas e reiteradas que tanto á Sanidade Pública como as/os súas/seus traballadoras/es estamos a sufrir nas prestacións sanitarias e nas nosas condicións laborais, é necesario dar unha resposta unitaria e contundente, para que o goberno galego, dunha vez por todas, escoite as nosas demandas, reconduza a política sanitaria, paralice as privatizacións, e negocie coas organizacións sindicais, entre outros temas, o decreto de xestión clínica.
As privatizacións das distintas áreas ou servizos sanitarios e non sanitarios aféctanos a todas/os:

  • Como usuarias/os da sanidade, pola perda de calidade deste servizo, pola descapitalización do sistema sanitario público, e polo encarecemento do servizo polo lucro que a empresa privada vai percibir.
  • Como traballadoras/es polo aumento da precariedade laboral, polo empeoramento das condicións de traballo, pola destrución de emprego público.
  • Como cidadanía deste País: non podemos consentir que se privaticen servizos para que co diñeiro público se enriquezan cada día máis os mesmos a cambio de condenar as/os traballadoras/es a ter salarios miserábeis. Non podemos permitir nin tampouco contribuír ao empobrecemento das/ostraballadoras/es e á ineficiencia no gasto público.

A Admón. e o Goberno enganáronnos coas súas mentiras: dixeron que “nunca ían privatizar a bata branca”. Xa tiñamos precedentes de privatización de varios servizos, contra a que loitamos no seu momento, agora intentan privatizar os servizos de esterilización coa oposición de todas/os as/os profesionais afectados.


Se non o paramos, cada día irán mais lonxe. Cal será o próximo servizo en privatizar?
Captura

Asembleas, concentracións e manifestacións en defensa da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As organizacións sindicais do sector non desbotan mobilizacións máis contundentes se o SERGAS publica finalmente a privatización de esterilización
.
CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM, OMEGA e SAE anuncian a convocatoria de asembleas abertas en todos os centros de traballo entre os días 6 e 13 de marzo e concentracións, tamén nos centros de traballo, o venres 14. Xunto a isto aseguran que se o SERGAS non paraliza a privatización do servizo de esterilización, muda a súa política sanitaria e senta a negociar coas organizacións sindicais na mesa sectorial convocaranse manifestacións en todas as comarcas para o día 26 de marzo, ás que chaman a participar a traballadores/as e usuarios/as.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín explicou que as organizacións sindicais chegaron ao acordo de convocar este calendario de mobilizacións porque “non imos parar até que a administración cambie de política; non imos permitir a descapitalización da sanidade pública e non imos consentir a perda do coñecemento porque o coñecemento está na sanidade pública, así como a eficacia e a eficiencia na xestión”.

Abuín sinalou que o que está a facer o PP é fragmentar a sanidade pública en pequenas parcelas para facilitar a súa privatización. “Comezou por privatizar  os servizos non sanitarios coas consecuencias tan negativas que está a ter” explicou, e agora comeza cos de “bata branca”, denunciou. E isto malia a oposición das/os profesionais que traballan directamente no servizo, das/os de medicina preventiva, encargados de controlar a calidade dese traballo, e de todas as organizacións sindicais.

As organizacións sindicais demandan, con estas mobilizacións, que se recuperen todos os servizos de titularidade pública porque “esta administración, malia dicir que as privatizacións son boas para o sistema, en ningún momento presentou un informe que xustifique a súa medida”.

Fronte a isto si que detectaron, e así o denunciaron, que cada día hai un maior encarecemento dos servizos públicos con todos os canons a pagar dentro do orzamento de Sanidade e alertaron de que “en breve si que vai ser inviábel a prestación sanitaria porque o orzamento do SERGAS vai ter que destinar máis ao canon das privatizacións e a pagar a privatización dos hospital de Vigo que o que se destine a pagar as nóminas das traballadoras e traballadores do SERGAS para incorporar no sistema novas tecnoloxías ou para dar unha sanidade de calidade”.

A débeda do SERGAS triplicada con Feijóo

Neste sentido aseguraron que desde a chegada de Feijóo ao goberno da Xunta case se triplicou a débeda do SERGAS, que pasou dos daquela 3.600 millóns de euros aos 9.400 millóns actuais. Subliñaron que as privatizacións “xa se comen practicamente a metade dos orzamentos” do Servizo Galego de Saúde e denunciaron que o que se está a facer é “hipotecar o futuro da sanidade pública”.

Lembraron que o propio Consello de Contas dixo que os gastos na xestión privada se dispararon un 100% respecto á pública, achacábel a un aumento das exploracións, e que, desde 2009, se privatizou a construción do hospital de Vigo, os plans directores dos complexos hospitalarios de Ourense e do Salnés, a central telefónica de cita previa,  a alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica, o mantemento de equipos a plataforma loxística de medicamentos, o arquivo de historias clínicas a atención so accidentados leves d e tráfico, as telecomunicacións e agora están a piques de facer o mesmo co servizo de esterilización.

A respecto da plataforma loxística do SERGAS chamaron a atención a respecto de que a adxudicataria era unha empresa familiar de mudanzas que, desde aquela, pasou de ser unha pequena empresa a empregar agora a 156 traballadores/as “o que significa que é un negocio moi importante” e preguntáronse por que o SERGAS “non destina eses beneficios, en lugar de a unha empresa, a mellorar a calidade sanitaria”.

Aseguraron que as externalizacións e privatizacións “son a demostración da incapacidade manifesta para xestionar o público” e consideraron que se o actual goberno non é capaz de xestionar ten que marchar.

Ante este panorama, as organizacións sindicais aseguraron que hai que frear estas políticas de desmantelamento da sanidade pública. Un desmantelamento que entenden que está planificado e do que é boa proba que en maio de 2013 o Director de Recursos Económicos do SERGAS, Pablo Torres Arrojo, participara nunhas xornadas en Cartaxena cunha ponencia baixo o título “Modelo do SERGAS de externalización da esterilización”.

En todo caso, subliñaron que a privatización de esterilización é o paso seguinte ás áreas de xestión clínica que, lembraron, “dixeron que ían publicar e que seguen a dicir que van publicar pero aínda non o fixeron e que se non hai acordo cos profesionais están abocadas ao fracaso”.

Por iso reiteraron o seu chamamento a todo o persoal do SERGAS, mais tamén á poboación no seu conxunto, a paralizar estas políticas e defender a sanidade pública, única que garante a atención sanitaria gratuíta e universal.

A nova en Avantar

Unha marea humana percorre as rúas de Vigo para amosar o seu rexeitamento á “descapitalización” da área sanitaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Milleiros de persoas participan na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública contra a redistribución de pacientes, as privatizacións e os recortes
O pobo de Vigo saíu masivamente á rúa unha vez máis para amosar a seu compromiso coa defensa da sanidade pública e para rexeitar os últimos anuncios feitos pola Xunta con respecto á redistribución de pacientes. Milleiros de persoas percorreron as rúas da cidade convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública para denunciar tamén a perda de calidade asistencial como consecuencia da política de privatizacións e recortes que está a aplicar o Partido Popular.

A marcha arrincou da Praza dos Cabalos ás 20.00 horas e rematou pouco máis dunha hora despois na Porta do Sol, onde o voceiro da plataforma foi o encargado de ler o manifesto. O punto final do acto púxoo a interpretación do himno galego.

Durante o percorrido, no que participaron organizacións sindicais, políticas e sociais, berráronse consignas como “Non, non, non á privatización”, “Os que recortan e privatizan teñen contas en Suíza”, “Sanidade pública e gratuíta”, “A privatización é corrupción” ou “Hai que recortar ao Partido Popular”.

Xas na lectura do manifesto incidiuse en que a decisión do Sergas de reasignar pacientes persegue a potenciación do Complexo Hospitalario de Santiago, a expensas do detrimento do de Vigo. “Esta medida descapitaliza a sanidade pública da área de Vigo, de Pontevedra e do Salnés, molesta á cidadanía e atenta contra os intereses profesionais, o nivel científico, a docencia e a investigación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo”.

Tras a intervención do voceiro de SOS Sanidade Pública tomou a palabra o secretario comarcal da CIG de Vigo, que salientou a capacidade mobilizadora da cidade e aproveitou para chamar de novo á solidariedade cos dous traballadores condenados a tres anos de prisión por teren participado nun piquete durante a folga do transporte na provincia de Pontevedra en 2008. Serafín Otero anunciou que o vindeiro xoves hai convocada un acto fronte ao Marco para reclamar a concesión do indulto.

Documentos
Manifesto que se leu ao final da mobilización

Artigo en Avantar

Información Mesa Sectorial 31 de xaneiro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 31 DE XANEIRO DE 2014

Nesta reunión abordáronse todos os temas: os recollidos na orde do día oficial enviada pola Admón, e os temas presentados polas organizacións sindicais.

Malia que a reunión durou até pasadas as 17hs, non tivemos ningunha resposta ás nosas demandas.

Só chegamos a algo nun punto: acordamos que para os procesos de mobilidade interna os cursos non caduquen. Nas áreas nos que os procesos están convocados, e xa se resolveu a convocatoria dalgunha categoría, mantense a caducidade dos cursos. Nas áreas que ainda non se iniciou o proceso, os cursos non caducarán. E tamén a Admón aceptou a nosa alegación no referente ao proceso de integración do persoal do 447, funcionarios e laborais das deputacións. Este persoal, unha vez integrado, ademais do CPT, manterá a base de cotización do ano 2010

No resto dos temas a Admón segue a falar da súa vontade de diálogo, pero cando entramos a concretar os temas o diálogo esfúmase porque todo o que plantexamos ten custe. O SERGAS e o goberno do PP están instalados no discurso de que non se pode conceder nada ao persoal do SERGAS porque ten custe. No seu discurso engloban os nosos salarios na prestación sanitaria, como se desta só fosemos responsábeis o persoal estaturario. O resto de traballadoras/es da Admón Pública si que teñen dereito a que se recoñezan os seus dereitos, xa que para a Admón estes non teñen custe, e tampouco deben ser usuarios/as da sanidade pública, como o resto da poboación. Só se  negan os dereitos das/os traballadoras/es da sanidade pública, xa que se nos responsabiliza no custe global do gasto sanitario de toda a poboación, incluído o sobre custe que estamos a pagar polas súas privatizacións.

 As súas incoherencias non teñen límites.

As contradicións desta Admón son insultantes, que teñamos os mesmos días libres, permisos e licencias , a mesma regulación no disfrute das vacacións, ou que teñamos que presentar o parte de baixa por enfermidade o 3º día como fan en Función Pública, e así non se desconta o 50% do salario nos primeiros 3 días, non pode ser por que ten custe.

Cando solicitamos que se nos aboe a parte da paga extra que estamos a gañar en vía xudicial con sentenzas firmes non recorribles, isto non pode ser. Para que nos paguen a extra, ou non, están esperando a que Función Pública tome unha decisión global.  Iso si, defenden a mesa sectorial como órgano de negociación, a quen queren enganar?

Temas presentados pola Admón.

.-  Táboa de xornada que inclúe o 4º LD .na_defensa_dos_servizos_pblicos

.- Criterios de derivación de doentes. O director de Asistencia Sanitaria fixo unha defensa desta derivación en base a que  as 3 áreas sanitarias, Vigo, Coruña e Compostela, que son unidades de referencia para patoloxías de 3º nivel, co mesmo desenvolvemento tecnolóxico e de alta especialización, teñan a mesma poboación de referencia. No debate reprochámoslle que sempre fan o mesmo, nunca nos informan deste cambios, veñen a mesa sectorial a tempo pasado a contarnos o seu discurso, sen darnos información sobre os datos que xustifican a medida, e sobre todo o máis importante sen que poidamos facer ningunha alegación. Cuestionamos que esta medida estea unicamente baseada na mellora da asistencia, como ben saben estas medidas obedecen a outras cuestións que detallamos na reunión e que todas/os sabemos.

.- Especialidades de enfermaría. Durante este semestre constituirase un grupo de traballo que aborde este tema dun xeito integral, creación das categorías, incorporación das/os especialistas, acceso do  resto de profesionais a estas prazas...

.- Procesos de integración.  Como se recolle nesta información aceptaron manter as bases de cotización do ano 2010. Fixéronnos entrega das táboas de clasificación do persoal. Solicitamos información sobre a OPE do CTG, que está anulada por termos gañado unha sentenza xudicial que recoñece que esta OPE estaba pragada de irregularidades, apoiada polo actual xerente da área de Pontevedra cando era conselleiro. Segundo a Admón están traballado nela. Desde CIG-SAÚDE solicitamos que non poida participar nos tribunais ningunha persoa que participara na convocatoria anterior; os sindicatos xa non poden participar por mandato do EBEP.

Temas presentados polas organizacións sindicais.

.- Xestión Clínica. A Admón propón crear unha comisión de traballo para falar da participación do persoal nas unidades de xestión clínica. Do resto do articulado do decreto non queren falar, para eles o decreto esta pechado. Desde CIG-SAÚDE nunca nos negamos a participar en ningunha comisión, pero non imos participar nunha comisión con temas pechados.

.- Supresión do copagamento hospitalario. Segundo o director de asistencia sanitaria non se pode suprimir algo que non está activado. Cando lle reprochamos que a plataforma informática e os temas burocráticos van ter máis custe que a propia medida, este infórmanos de que teñen a obriga de implantar un sistema para a facturación dos doentes transfronteirizos; e xa que o teñen tamén lle cobran aos autóctonos. Esiximos a retirada da medida.

.- Plano de estabilidade laboral. Demandamos que a Admón remate dunha vez coa precariedade e que garanta a estabilidade laboral. A Administración di que reduciron a contratación, pero non nos niveis que nós denunciamos.

.- Recuperación dos acordos suspendidos e da carreira profesional. Segundo a Administración non toca falar disto, non logran que entendamos que isto ten custe, e que as/os traballadoras/es da sanidade pública temos que soster o sistema, incluído o custe das súas privatizacións. Sobre a carreira profesional ordinaria están a elaborar un novo texto, pero de momento non terá efectos económicos.

.- Sistema de identificación de prazas. A Admón mantén o compromiso de crear este instrumento que nos permita identificar o cadro de persoal de cada xerencia, as vacantes, as prazas cubertas... A ver cando empezamos a negociar isto.

 .- Selección de FEAS e Itinerarios Profesionais. Están a traballar nun novo documento que modifica varios artigos do decreto 206/2005, neste novo decreto incorporarán estes temas. Polo que comentan este documento está avanzado, a ver cando ven a mesa, e o máis importante, a ver o seu contido.

.- Privatización de Esterilización. O director de Asistencia Sanitaria infórmanos de que o que saíu publicado no DOUE foi só un anuncio. Non me digas! A Admón está explorando outras vías nas que están a contar cos/as profesionais. E nós que pensabamos que cando se publicaba un anuncio no DOUE, que é algo serio, era por que xa estaba feito o prego do contrato e case a empresa elixida. E que agora o que estaba a facer o SERGAS era intentar que os/as profesionais colaborasen co seu proxecto privatizador, xa que as/os profesionais foron convocadas/os a unha reunión unha vez que publicaron unha escrito en contra da medida. Que mal pensados somos, ou é que a Admón pensa que somos tan inxenuos que imos crer as súas milongas. Se o anuncio no DOUE era só un anuncio, que paralicen o proxecto.

             

Concentración en diversas áreas sanitarias contra o copago dos medicamentos hospitalarios

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Convocadas por SOS Sanidade Pública e a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade
.
As plataformas SOS sanidade Pública e a Iniciativa galega pola Gratuidade da Sanidade Pública concentrábanse esta mañá diante dos centros hospitalarios de diversas áreas sanitarias para seguir demandando ao Presidente da Xunta de Galiza que retire a medida do copago dos medicamentos de dispensación en farmacia hospitalaria. Con este motivo entregaron no rexistro das distintas xerencias un escrito explicando as súas demandas e en defensa da sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade.
14-01-27 Concentracion HULA

María Xosé Abuín denuncia que a Xunta de Galiza vai ser a única comunidade na que se poña en marcha esta medida que alerta “terá graves consecuencias para as/os doentes e non se corresponde con ningún criterio nin asistencial, nin técnico, nin recaudatorio, xa que a burocracia necesaria e os gastos derivados da súa posta en marcha serán superiores aos efectos recaudados”.

Para Abuín é imprescindíbel que a Xunta de Galiza e a consellaría de Sanidade escoiten dunha vez as voces e opinións cualificadas dos colectivos profesionais que rexeitan esta medida.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lamentou ademais “as desafortunadas declaracións de Feijóo referidas a que estes medicamentos poidan ser de dispensación en farmacias non hospitalarias cun custo onde a/o doente tería que abonar até o 50% do seu custo. Unha barbaridade”.

As plataformas exixen que se rectifique e que esta medida nunca chegue a aplicarse para evitar as graves consecuencias e sufrimentos que provocará nas/os doentes xa castigados/as pola enfermidade que padecen.

Reproducimos de seguido o escrito presentado nas xerencias, polo seu interese.

Carta aberta ao Sr Nuñez Feijoo Presidente da Xunta de Galicia

Desde as Plataformas Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública que agrupan concellos de diferente signo político, organizacións veciñais e de pacientes, organizacións de profesionais sanitarios/as, ONGs, Colectivos de Inmigrantes, sindicatos, organizacións políticas, etc., queremos amosar o noso rexeitamento á introdución en Galicia do copago por medicamentos de dispensación hospitalaria.

1.- Porque a consideramos unha medida irracional e inxusta xa que 

  • Na maior parte dos casos a perda do posto de traballo afecta a pacientes con enfermidades graves como o cancro, esclerose múltiple, artrite reumatoidea, que teñen unha elevada mortalidade, e que se asocian con graves molestias para os pacientes e en moitos casos discapacidade permanente. 
  • A aplicación desta medida provocará para estes/as enfermos/as crónicos/as máis dificultades das que xa teñen para acceder aos medicamentos necesarios. As persoas e familias afectadas por estas enfermidades adoitan incrementar os seus gastos entre 400 e 600 euros e supoñen na maior parte dos casos a perda do posto de traballo propio ou dos/as familiares (caso de que a enfermidade afecte a un menor que necesita en moitos casos a presenza dalgún dos pais)

2.- Non cumpre ningún dos criterios argumentados pola administración sanitaria para xustificar os copagamentos: O carácter disuasorio e o recaudatorio dos mesmos, e neste caso non se cumpre en ningún dos dous supostos. 

  • Non ten carácter disuasorio dado que a indicación da prescrición corre a cargo de especialistas clínicos e a súa administración contrólase polos servizos de farmacia hospitalarios, polo que os/as pacientes non teñen ningunha capacidade de decisión nin de opción para acumular este tipo de fármacos.
  • Tampouco é esperable un efecto recaudatorio dado que os gastos en persoal e equipamento administrativo necesarios para garantir o cobro compensarán os ingresos polo mesmo. 

3.- O argumento da Consellaría de Sanidade de garantir a cohesión e a harmonización do sistema sanitario, tampouco se sostén dado que a maior parte das Comunidades Autónomas, incluídas as gobernadas polo Partido Popular (como Castela a Mancha presidida pola Secretaria Xeral deste partido), anunciaron que non a aplicarán ou que asumirán o pago dos devanditos medicamentos con cargo aos seus orzamentos públicos, dadas a súa dureza social e as súas repercusións sanitarias.

4.- Por todo iso esiximos á Xunta de Galicia que recapacite e non aplique esta medida que prexudica gravemente os colectivos afectados pola enfermidade e que en moitos casos non poderán facer fronte aos pagos pola súa vulnerabilidade económica e social.

5.- Facemos un chamamento aos traballadores sanitarios e á sociedade galega para que semobilice en apoio desta solicitude.

SOS Sanidade Pública

Iniciativa galega pola Gratuidade da Sanidade

 

A nova en Avantar.

 

Na defensa da sanidade pública “non hai maiorías silenciosas”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A masiva participación do persoal na folga e nas manifestacións, ás que se sumaron miles de persoas, demostra que o PP non ten lexitimidade para impor as súas políticas sanitarias
.
A CIG-Saúde manifesta o seu recoñecemento ao traballo sindical desenvolvido, con toda intensidade, en todas as comarcas de Galiza; a implicación da inmensa maioría das traballadoras e traballadores tanto nas dúas xornadas de folga como nas manifestacións e o apoio da poboación en xeral, consciente de que o que está en xogo é a supervivencia da sanidade pública e, en consecuencia, a súa propia saúde.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que a folga e as manifestacións de onte “debemos consideralas como unha vitoria máis do traballo de denuncia constante e mobilización que vimos realizando desde o ano 2009 contra as políticas privatizadoras do goberno do PP”.

Entende ademais que con esta folga “conseguimos que as/os traballadoras/es e a poboación no seu conxunto tomase conciencia das graves consecuencias que terá, e que de feito xa está tendo, o desmantelamento do sistema sanitario público”.

A isto engade que “xa sabíamos que tiñamos toda a razón, pero nestes días as/os traballadoras/es nos revalidaron a lexitimación que xa tiñamos, para seguir defendendo os servizos públicos, universais, gratuítos e de calidade”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, “xa non hai maiorías silenciosas”, porque a folga foi secundada masivamente pola persoal do Sergas e apoiada nas mobilizacións polo conxunto da poboación. Xunto a isto, lembrou que tamén unha maioría de traballadoras e traballadores que estaban traballando como servizos mínimos levaban pegatinas identificándose como tal, manifestando así que non podían sumarse ao persoal que participaba na folga en cumprimento do decreto de mínimos, mais que compartían todas e cada unha das causas que motivaban a convocatoria.

Abuín advirte ao PP “que non pense que isto remata aquí” e engade que “non imos parar até que cambien a súa política sanitaria e social ou até que os expulsemos do goberno”. Para Abuín “polas boas ou pola malas teñen que entender que o Partido Popular está no goberno para xestionar ben os servizos públicos. Son depositarios temporais da xestión dos servizos e estar no goberno non significa que a poboación lles transferiu a titularidade do sistema público e que por iso poden vendela aos seus amigos/as para que fagan negocio”.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto