Noticias Sanidade Pública
 
 

Información Mesa Sectorial do 3 de abril

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

1. Concurso de traslados e Decreto de oferta pública de emprego de persoal facultativo de atención especializada e medicas/os de urxencias hospitalarias.

  • TRASLADOS: A Admón vai convocar o concurso de traslados de persoal facultativo de atención especializada, a devandita convocatoria sairá publicada no mes de abril, e nela ofertaranse un total de 220 prazas. Quedaron en enviar o cadro das prazas. Das alegacións presentadas por CIG-SAÚDE aceptaron:

- Convocar conxuntamente , como en convocatorias anteriores, as prazas de Laboratorio para que se poida acceder desde as dúas especialidades: análises clínicos e bioquímica clínica.

- Desde CIG-SAÚDE solicitamos que nesta convocatoria se respectase o criterio de convocar en 1º lugar as comisións de servizo, a Admón afirmou que nesta convocatoria ían sair as prazas cubertas en comisión de servizo, temos que esperar a ver o cadro de prazas.

- Que a convocatoria se publicase coincidindo co ano da toma de posesión da OPE de Psiquiatría, isto xa se garante ao convocarse no mes de abril.

Non aceptaron a nosa alegación referente a que os hospitais comarcais de Barbanza e Salnés sexan considerados centros de espaciais dificultade de cobertura. Polo que deberían ser incluídos, coa puntuacións correspondente de 0,5 puntos por cada ano completo.

  • Decreto de oferta Pública. Desde CIG-SAÚDE rexeitamos que o Decreto de oferta pública de emprego que vai publicar o SERGAS sexa o Decreto de oferta 2012. Isto quere dicir que durante o ano 2012 só se vai convocar a oferta de emprego de persoal facultativo de especializada e de médicas/os de Urxencias Hospitalarias. A Admón concentra o 10% que marca a lei como taxa de reposición nestas categorías. Nesta convocatoria ofertaranse 164 FEAS e 12 de MUH.

No ano 2013, se o permite a lei de Orzamentos,  a Admón podería convocar enfermeiras/os e medicas/os de atención primaria.

A Admón “dí” que no último trimestre podemos analizar o concurso de traslados do resto de categorías non vinculado a oferta de emprego.

Desde CIG-SAÚDE esiximos unha convocatoria de concurso de traslados e OPE para todas as categorías co 100% das prazas.

2. Orde  que regula o procedemento de autorización para prolongar a vida laboral e manterse no servizo activo. CIG-SAÚDE fomos a única organización sindical que non presentamos alegacións á devandita Orde, posto que defendemos que só se conceda a prolongación da vida laboral cando a Admón detecte a imposibilidade de incorporar novos profesionais ao sistema, por ser superior a demanda ao nº de titulados dispoñibles. Para o resto de organizacións o persoal en activo ten dereito a prolongar a súa vida laboral, sen ter en conta a bolsa de paradas/os existentes. O escrito de posicionamento de CIG-Saúde pódese consultar aqui .

3. Decreto Xestión Clínica. Desde a CIG-SAÚDE tiñamos solicitado que se paralizase o prazo de alegacións ao Decreto de Xestión Clínica até que na Mesa Sectorial a Admón nos explicase o modelo de X.C que quere implantar no SERGAS. A nosa preocupación está motivada por que unha das competencias das que se dotan ás unidades de X.C é a competencia de xestionar os RRHH, a transcendencia que isto pode ter de futuro é que se modifique a normativa actual de provisión e selección (OPE, traslados, mobilidade interna, selección temporal) adaptándose esta aos requisitos de acceso que poidan determinar estas unidade. A verdade é que nesta reunión a Admón non despexou ningunha das nosas dúbidas. A normativa será flexible e desenvolverase de futuro, a descentralización será para a aquelas unidades que acaden un nivel de autonomía. Adaptaranse os procesos á nova realidade. Negociarase na M.S o marco regulador do cal se desprenderan os diversos procesos. Segundo a directora de RRHH a Admón vai garantir que estas unidades non se convirtan en reinos de taifas.

4. Temas varios. A Admón informa de que vai colgar na intranet do SERGAS os procedementos dos procesos que se deben de tramitar fora do SERGAS: licencias de maternidade e paternidade,xubilacións... Tamén sobre que teñen asinado un protocolo coa axencia tributaria para que o persoal poida ver a través do FIDES o seu borrador da declaración de facenda . Só se vai poder ver, non se pode modificar nada.

            Temas formulados por CIG-SAÚDE:

Ø  Solicitamos que se convoque unha reunión para abordar a negociación do anexo do Decreto 206. Existe unha sentenza que anula a convocatoria mediante libre designación dos postos de xefe de cociña, xefe de grupo administrativo e xefe de persoal subalterno. Quedaron en convocar.

Ø  Solicitamos que se adapten á Orde de confeccións de nóminas do ano 2012 as retribucións do persoal de enfermaría do traballo. Quedaron en valoralo .

Ø  Rexeitamos a intención da xerencia de Compostela de unificar as comisión de primaria e especializada. Solicitamos que este tema se aborde nunha M.S, porque a desaparicións destas comisións supón mudar o marco de relacións laborais, limitando a nosa actuación sindical e a capacidade de abordar os temas en profundidade. 

Información Mesa Sectorial: Lei de Medidas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Información da reunión da Mesa Sectorial celebrada o día 9 de marzo de 2012.

 

ORDE DO DÍA:  LEI 1/2012, DO 29 DE FEBREIRO DE MEDIDAS TEMPORAIS DO EMPREGO PÚBLICO. “LEI DE RECORTES DOS DEREITOS DAS/DOS TRABALLADORAS/ES”.

 

A Lei de Medidas é de aplicación desde o día 3 de marzo de 2012, incluíndo as disposicións adicionais, transitorias e derrogatorias. A Administración vai explicando punto por punto a Lei e a súa aplicación no SERGAS:

  • ARTIGO 2.- Incapacidade Temporal: I.T. Esta medida é de aplicación desde o día 3 de marzo. A Dirección Xeral de Función Pública está a elaborar unhas instrucións de desenvolvemento deste artigo: modalidades de hospitalización,  1ª, 2ª e posteriores baixas... Con posterioridade a que función pública elabore as instrucións, estas pasarán pola Mesa Sectorial para, se cabe, modificar algo.

Desde CIG-SAÚDE rexeitamos a Lei e a posterior instrución. Solicitamos a retirada da norma e a recuperación deste dereito establecido desde o ano 72. Esta medida non pretende mellorar o sistema sanitario, nin a prestación de servizos,  senón aplicar políticas  dirixidas a cebarse cos máis débiles en beneficio dos poderosos. O que está a facer a Admón. e aplicar un imposto sobre a enfermidade, imposto que tamén pretende aplicar ao persoal que este goberno entende que non ten dereito á prestación sanitaria, cando a sanidade debe ser gratuíta e universal.

  • ARTIGO 3.- Acción Social.  A Admón. non vai recoñecer novos complementos de pensións. O persoal que o está a percibir en aplicación do artigo 151 do Estatuto do Persoal Sanitario Non Facultativo seguirá percibindo o devandito complemento, pero non haberá novos recoñecementos.

O persoal laboral e funcionario deixará de percibir os complementos de acción social.

Desde CIG-SAÚDE lamentamos que o SERGAS retire a acción social destinada ao pago de garderías ou escolas infantís,  pois como diría o Sr. Gallardón, isto vai a contribuír a fomentar a “violencia de xénero estrutural” que presiona ás mulleres para que aborten. Se retiran as poucas axudas que hai para a conciliación, cómo pretenden que as mulleres teñan fillos/as?

Xubilación Forzosa. Isto xa está recollido no plan de ordenación de RRHH , na próxima semana enviarán as instrucións do SERGAS que desenvolven este tema.

As contías que se percibían por Acción Social deixarán de percibirse desde o mes de abril.

  • XORNADA LABORAL. A Admón. recoñece que no SERGAS xa se está a facer unha xornada de 37,5 hs semanais. Vanse respectar as xornadas especiais establecidas, redución de xornada en función do nº de noites realizadas. O que si se vai incrementar, a todo o persoal, son as 21 hs correspondentes á redución de 3 días de LD.

A xornada complementaria de medicas/os de urxencias e do persoal de PACs empezará a retribuírse a partires das 132 hs, pola aplicación do incremento das 21 horas de xornada: Xornada complementaria: pasa de 130 a132 hs. Resto da xornada non se modifica. Mantense que a xornada complementaria operará a partires das 190 hs. Para o persoal con Xornada fixa noctuna a xornada pasará a ser de 1451hs. Para o persoal de quenda rotatoria que inclúe noites, vaise publicar unha nova táboa de xornada ponderando o aumento das 21 hs.

CONCLUSIÓN: Respéctanse os acordos vixentes, mais co incremento das 21 hs. Publicarán unha nova táboa de xornada ponderando este aumento de horas.

Desde CIG-SAÚDE rexeitamos o incremento de xornada, isto só vai servir para incrementar a bolsa de parados,  reducindo a contratación. Ademais, o persoal que fai quenda rotatoria complexa con cambios de quenda, xa leva anos facendo máis xornada que a estipulada, polo que xa ten esas 21 hs máis de xornada contabilizadas no tempo que dedica aos relevos nos cambios de quenda.

Desde CIG SAÚDE solicitamos que se recolla en acta un acordo de Mesa Sectorial, coa conseguinte publicación, de que o recorte do 1/3 da xornada non é de aplicación ao persoal do SERGAS. Consecuentemente con isto, a Admón. publicaría unha Orde na que se recollera a desaparición definitiva de: contratos a media xornada, contratos de luns a venres e resto de modalidade de contratacións respectando sempre o principio de causalidade que motiva a contratación. Este tema foi rexeitado pola Admón., argumentando que os contratos a tempo parcial fanse en aras a unha “xestión eficaz”. Unha vez máis van facer o contrario do que anuncian.

INFÓRMATE E MOBILÍZATE!

O QUE NOS QUITAN NON SON PRIVILEXIOS,

SON CONQUISTAS!

Sobre o peche de consultorios periféricos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ante o peche do Consultorio Periférico de Atención Primaria da Graña, en Ferrol, e o conflito que está a xerar, CIG-Saúde ven de enviarlle este escrito á Conselleira:

Rocio Mosquera Álvarez.

Conselleira de Sanidade.


CIG-SAÚDE  solicita da Consellaría de Sanidade que solucione, de inmediato, o conflito creado  no centro de saúde   da Graña- Ferrol,  polo peche do consultorio de Atención Primaria.

A CIG-SAÚDE lamenta, que unha vez máis, o discurso da Conselleira de Sanidade sobre o modelo de prestación sanitaria que este goberno ofrece a poboación non coincida coa súas actuacións, xa que as medidas que se toman deixan fora ao doente como o eixo central do sistema.

Desde a CIG-SAÚDE apostamos por un  modelo sanitario que garanta os niveis de asistencia. Solicitamos da Consellaría que en vez de pechar, sen criterio, os consultorios periféricos   de Atención Primaria, se realice unha análises rigorosa  e individualizada de cada un deste consultorios tendo en conta, entre outros,  os criterios de accesibilidade e de dispersión.

A Admón non pode deixar de   de prestar unha sanidade accesible á poboación  pechando os consultorios de Atención Primaria, só por criterios económicos, sen facer unha avaliación individualizada de cada un destes centros.

CIG-SAÚDE demanda, unha vez máis, que exista  diálogo entre a Admón sanitaria e os representantes sindicais; o peche dos dispositivos sanitarios é, a demais de asistencial,  un tema laboral.              

Agardamos unha solución negociada ao peche do consultorio da Graña- Ferrol, onde se restableza o funcionamento normalizado desde dispositivo sanitario. Reiteramos a nosa solicitude de que antes de proceder ao peche dos dispositivos asistenciais se proceda a unha avaliación individualizada dos mesmos.

Un saúdo

Compostela, 6 de marzo de 2012.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

O servizo de Urxencias do CHUS mobilízase para reclamar máis persoal e medios para garantir a calidade asistencial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncian as longas esperas das/os doentes, a falta de espazo e a falta de material
O persoal de Urxencias do Hospital Clínico, en Compostela, concentrábase esta mañá diante da entrada de acceso ao servizo para reclamar máis persoal e medios para atender axeitadamente aos doentes. Denuncian que os pacientes teñen que agardar durante horas antes de ser atendidos, os atrasos nos traslados a planta, a falta de espazo e a falta de persoal.
12-02-27 Urxencias CHUS 4

Os recortes que están a padecer os servizos públicos comezan a ter xa consecuencias na atención sanitaria. Por iso o persoal de Urxencias se concentraba ás 14:00 horas deste luns diante da entrada ao servizo, para logo facer un breve percorrido arredor do edificio do hospital Clínico e rematar finalmente diante da Xerencia do CHUS.

Denuncian o aumento do tempo de espera para os resultados das probas analíticas e diagnósticas, co conseguinte atraso para o seu ingreso en planta ou alta ao domicilio e que os cubículos, habilitados para un doente, son ocupados por 2, sen ningunha privacidade, mesmo chegando a verse obrigados a espirse uns diante dos outros. Xunto a iso, explican que a sala de espera de resultados é utilizada como sala de filtro, sen ter sido habilitada ao efecto.

Aseguran que o persoal vese obrigado a ocupar dous postos de traballo á vez, o que supón unha sobrecarga laboral, co conseguinte atraso na atención aos usuarios/as e que mesmo se dan altas forzadas ás 24 horas, para non priorizar os ingresos hospitalarios.

Hai xa unha semana denunciaran o deterioro na calidade asistencial por mor da restruturación do servizo, xa que, alén dunha mala xestión, abriuse unha nova sala de observación sen que se producira antes un incremento de persoal.

Esta nova sala, de 500 metros cadrados e que custou medio millón de euros, ten capacidade para 28 doentes. Porén, 14 das 28 camas non están operativas por falta de persoal. Isto tradúcese en esperas de horas para os usuarios.

Tamén recolleron sinaturas entre o persoal denunciando esta sobrecarga laboral, aínda que desde a dirección non se lle deu resposta algunha ás súas demandas.

Galería de imaxes

A nova en Avantar

Diálise de Barbanza, a que quería privatizar o SERGAS, primeira unidade do Estado en acadar a certificación do sistema de xestión de riscos para a seguridade dos pacientes

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Na páxina web do SERGAS anuncia a "bombo e platillo" a concesión á unidade de Diálise da Barbanza da certificación do sistema de xestión de riscos para a seguridade dos pacientes segundo a norma UNE 179.003, sendo a primeira unidade do Estado Español en conseguilo.

Tén a súa graza que agora a Consellaría de Sanidade se faga copartícipe deste logro, cando hai pouco menos dun ano a súa intención era privatizar este servizo do Hospital da Barbanza. Foi por abril do 2011, cando, ante as intencións privatizadoras da Consellaría, traballadores/as e cidadanía tiveron que unirse para denunciar esta medida, constituindo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza, que grazas á mobilización social conseguiu frear a privatización do servizo de Diálise.

Resulta cando menos curioso como, ao concedérselle esta certificación precisamente a ese servizo, recoñéceselle unha calidade na asistencia que viña prestando, tal e como CIG-Saúde xa expoñía na carta que se envíou no seu día á Conselleira denunciando esta privatización, o que indica que o intento privatizador non se debía a outra cousa que a favorecer a empresas "amigas", e non a unha busca da mellora na prestación de servizos nin na eficiencia da mesma.

Desde CIG-Saúde queremos felicitar a todo o persoal do Servizo de Diálise da Barbanza por teren acadado esta certificación, que non é máis que a constatación do seu traballo ben feito desde sempre. Tamén queremos felicitar a este persoal e a toda a cidadanía usuaria deste Hospital por teren conseguido frear a privatización de Diálise, un éxito que nos segue alentando para loitar contra as políticas rácanas, privatizadoras e recortadoras da Consellaría do goberno de Feijoo. Os nosos parabéns.

Uns 150 traballadores/as dos Puntos de Atención Continuada protestan diante do Sergas polo incumprimento dos acordos laborais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A mobilización, convocada pola CIG, desenvolveuse en Santiago de Compostela por espazo dunha hora
Arredor de 150 traballadores e traballadoras dos Centros de Atención Continuada (PAC) participaron hoxe na concentración convocada pola CIG en Santiago de Compostela para denunciar os incumprimentos dos acordos de Atención Primaria por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
2012 02 07 ProtestaSergasPACSantiago1
 
A protesta, na que participaron empregados/as dos PAC´s de todas as áreas sanitarias do país, desenvolveuse fronte á sede central do Sergas na capital galega entre as 11.00 e as 12.00 horas para reclamar o cumprimento dos acordos asinados polo departamento autonómico coas organizacións sindicais. CIG-Saúde considera prioritaria a defensa do emprego público, que se respecten os dereitos do persoal e que se fagan as contratacións a través das listas.

A CIG-Saúde demanda a inmediata convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria. María Xosé Abuín, secretaria nacional da federación, reclama da administración “unha actitude negociadora para desbloquear esta situación e que non aconteza como na xuntanza anterior, á que chegaron coa negativa absoluta a abordar ningún dos problemas expostos”.

Abuín fai este chamamento ao SERGAS, logo de ter fracaso a anterior xuntanza coa administración, convocada a instancias da CIG e avalada coa sinatura de máis de 400 profesionais.

Con estas concentracións CIG-Saúde segue a reclamar:

1.- Cómputo de xornada. Reclamamos unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual na que se penaliza aos traballadores cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído.

2.- Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadores e construídos con criterios de equidade. Neses calendarios, a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos.

3.- Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na súa aplicación en cada área reclamamos que, de quedar horas suficientes (1623 horas/anuais), se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.

4.- Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpran os apartados do acordo que establecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións. Lembran que na área de Vigo, por exemplo, hai máis de 70 médicos nas listas.

Finalmente, advirten que esta situación está a provocar a precarización das condicións de traballo do persoal dos PAC's, “o que repercute moi negativamente no servizo prestado aos cidadáns”. 

A nova en Avantar.

Información Mesa Sectorial Sanidade 2 de febreiro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

1.- Constitución formal da Mesa Sectorial. O venres da semana anterior constituíuse a Mesa Xeral de Negociación, que é a que dá paso á constitución das Mesas Sectoriais. No SERGAS presentamos a mesma alegación que na Mesa Xeral de Negociación: que para a constitución das mesas se deben computar todas/os as/os delegados estatutarios, laborais e funcionarios do ámbito da Consellaría e do SERGAS, xa que todo o persoal é empregado público. Na reunión da Mesa Xeral o director de Función Pública comprometeuse a negocialo na reforma da Lei de Función Pública. A CIG-Saúde é a primeira forza sindical en número de delegados/as, se todos/as estivesen representados/as na Mesa Sectorial, a súa composición sería diferente.

Durante a reunión viñéronse presentar a nova Conselleira e o seu equipo, inda que xa os coñecíamos, aquí non cambiou nada. Desde CIG-SAÚDE fixémoslle entrega dun escrito solicitándolle a retirada da taxa de reposición. Reivindicamos a convocatoria de OPE e Traslado co 100% das prazas vacantes para todas as categorías.

2.- Concurso de traslados. O SERGAS informou verbalmente, sen presentar documento, que os traslados e a OPE de persoal facultativo especialista e do persoal medico/a de urxencias sairán convocados nun mesmo Decreto de OFERTA, que nos será remitido a próxima semana. O devandito Decreto englobarase dentro da taxa de reposición do 10%, polo que na oferta de oposición serán convocadas 176 prazas, que, segundo a Admón., calcúlanse tomando como referencia todas as vacantes do sistema (de todas as categorías) que o resto dos colectivos “cederon” solidariamente; non sabemos a quén lle preguntaron para a cesión solidaria.

No concurso de traslados poderían convocar algunha praza máis. Comprometéronse a enviarnos un cadro de prazas a ofertar. Nin se convocarán todas as especialidades, nin sairán prazas en todos os centros. A oferta de prazas determinaraa Asistencia Sanitaria.

O Decreto de oferta, sen coñecer o texto, e aplicando a taxa de reposición foi respaldado por todas as organización sindicais, agás pola CIG-SAÚDE.

Desde a CIG-SAÚDE solicitamos unha convocatoria de OPE e traslado para todas as categorías co 100% das prazas. Rexeitamos a taxa de reposición e solicitamos do SERGAS que traslade esta petición ao goberno central. A taxa de reposición afecta negativamente  ao sistema sanitario e ás/aos seus profesionais:

  • Elimina postos de traballo do sistema sanitario público.
  • Cómo non se convocan todas as prazas, o persoal vai ver frustrado o seu dereito á estabilidade no emprego.
  • Vulnérase o dereito a se poder trasladar dentro do sistema sanitario. No concurso de traslados non se convocarán todas as especialidades, nin se convocarán prazas en todos os centros. Isto tamén sucederá na OPE.
  • Como a taxa de reposición tamén afecta ás interinidades, o persoal que resulte cesado por mor deste proceso pasará a englobar a listaxe de persoal contratado en precario do SERGAS.

Dentro deste proceso convocaranse 8 prazas de alta especialización, que curiosamente 7 prazas son no CHUAC e unha praza no CHUVI. Tamén convocarán unha praza de inmunoloxía no  CTG.  A Admón. informa que a próxima convocatoria de OPE e Traslados será para persoal facultativo de primaria e para persoal de enfermaría. E desde a CIG-Saúde preguntámonos: Con qué prazas? E o resto de categorías?

3.- Orde de integración do persoal da Deputación de Lugo. Foi aprobado por unanimidade o decreto de integración do persoal da Deputación de Lugo. A Admón. aceptou parte das alegacións presentadas.

4.- Plan de Ordenación de Recursos Humanos: PORRHH. A Admón. lembra que este plan xa foi aprobado sen apoio das OO.SS. na Mesa Sectorial celebrada o día 20/07/2010. O texto do PORRHH estaba sometido a revisión por Función Pública, que lles propuxo modificacións de redacción. Na próxima semana enviarán o novo texto, que inclúe unha disposición final na que se recolle que as instrucións de aplicación serán negociadas na Mesa Sectorial; estamos a falar de:

  • Mobilidade forzosa
  • Prolongación da vida laboral
  • Exención de gardas do persoal facultativo

5.- Sistema de selección temporal do persoal Facultativo Especialista de ÁreaEste proxecto xa foi aprobado no comité de dirección do SERGAS, é dicir, xa conta co visto e prace da Conselleira. Non se vai  crear un grupo de traballo, cando teñan o texto definitivo pasarano pola mesa sectorial. Previsiblemente o sistema valorará os seguintes parámetros:

  • 50% baremo
  • 20% dispoñibilidade
  • 30% perfil do posto

Traballadores/as dos Puntos de Atención Continuada convocados pola CIG-Saúde péchanse en protesta polo incumprimento dos acordos co Sergas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As mobilizacións foron convocadas pola CIG para reclamar cambios na xornada, calendarios anuais e contratación de persoal das listas

Centos de traballadores e traballadoras dos Centros de Atención Continuada (PAC) participaron hoxe nas mobilizacións convocadas pola CIG para denunciar os incumprimentos dos acordos de Atención Primaria por parte do Sergas. No caso de Vigo, cerca de 50 persoas concentráronse no centro da rúa Bolivia por espazo de media hora e a continuación iniciaron un peche no interior das instalacións que teñen previsto manter até mañá.
No decurso da mañá deste martes 31 de xaneiro celebráronse concentracións ante as xerencias Integradas de Atención Primaria e xerencias de área de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Compostela, entre outras, para reclamar o cumprimento dos acordos asinados polo Sergas coas organizacións sindicais. CIG-Saúde considera prioritaria a defensa do emprego público, que se respecten os dereitos do persoal e que se fagan as contratacións a través das listas.

A CIG-Saúde demanda a inmediata convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria. María Xosé Abuín, secretaria nacional da federación, reclama da administración “unha actitude negociadora para desbloquear esta situación e que non aconteza como na xuntanza anterior, á que chegaron coa negativa absoluta a abordar ningún dos problemas expostos”.

Abuín fai este chamamento ao SERGAS, logo de ter fracaso a anterior xuntanza coa administración, convocada a instancias da CIG e avalada coa sinatura de máis de 400 profesionais.

Con estas concentracións CIG-Saúde segue a reclamar:

1.- Cómputo de xornada. Reclamamos unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual na que se penaliza aos traballadores cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído.

2.- Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadores e construídos con criterios de equidade. Neses calendarios, a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos.

3.- Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na súa aplicación en cada área reclamamos que, de quedar horas suficientes (1623 horas/anuais), se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.

4.- Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpran os apartados do acordo que establecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións. Lembran que na área de Vigo, por exemplo, hai máis de 70 médicos nas listas.

Finalmente, advirten que esta situación está a provocar a precarización das condicións de traballo do persoal dos PAC's, “o que repercute moi negativamente no servizo prestado aos cidadáns”. 

Artigo en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto