CIG Saúde, a nosa forza

Convocatoria cursos preparatorios CELGA

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

Onte publicábase no DOG a convocatoria para as probas CELGA, e hoxe publícase a resolución que convoca cursos preparatorios para as probas, ademais de cursos de linguaxe administrativa. Os cursos son gratuítos. O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día seguinte á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 9 de setembro de 2016, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro); e desde o 12 de decembro de 2016 ata o 2 de xaneiro de 2017, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

  • ORDE do 4 de agosto de 2016 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia. Descargar PDF

Lembramos que estes cursos de preparación da proba CELGA non dan dereito a titulación, senón que se formulan para que as persoas que así o desexen poidan prepararse con profesorado de cara á celebración das probas, que son as que dan o dereito a titulación se son superadas.

CIG, UGT e CCOO iniciarán mobilizacións se a patronal da sanidade privada segue a obstaculizar a negociación do convenio

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O convenio regula as condicións das traballadoras e traballadores do sector na provincia da Coruña
Dende primeiros de ano estase a negociar o Convenio da Sanidade Privada da provincia da Coruña. Durante o curso da negociación, explican dende CIG-Saúde, CCOO e UGT, a parte sindical foi modificando a súa proposta inicial, “facendo importantes concesións en aras de conseguir avances e acordos. Non obstante, en ningún momento observamos esta mesma disposición por parte da patronal".
Protesta Sanidade privada en A Coruña

De feito, engaden, a patronal sentou a negociar un convenio colectivo, pero a súa proposta inicial “xa descartaba calquera modificación e/ou mellora das condicións laborais reguladas polo mesmo”. Só ofertaba “a esmola” dun incremento salarial dun 0,625% “e iso si, demandaba  unha vixencia do convenio de tres anos, hipotecando así as condicións laborais dos traballadores/as durante este tempo”.

A representación sindical de CIG-Saúde, UGT e CCOO acudirá a reunión coa patronal prevista para este martes “co mesmo espírito de diálogo” co que acudiu a  todas as reunións previas. “Pero despois de meses e meses sen que se producira ningún avance por parte da patronal, que mesmo obstaculizan a negociación, se nesta reunión continúa sen mover a súa proposta inicial, conducindo a situación a un punto insostíbel, as organizacións sindicais que forman parte da Mesa Negociadora teñen acordado realizar mobilizacións coa fin de impulsar este proceso negociador”, aseguran.

As organizacións sindicais consideran que a Consellería de Sanidade debería comprometerse neste proceso “instando a patronal a unha negociación real, posto que cando a Consellería concerta servizos sanitarios públicos cos centros sanitarios privados, tamén asume  as responsabilidades políticas que deriven das condicións laborais ás que se somete ao persoal destes centros”.

De non producírense avances, o calendario de mobilizacións acordado comezaría o próximo mércores, 21 de setembro.

A noticia en Avantar

Hoxe hai Mesa Sectorial: exiximos a recuperación das prazas desaparecidas desde o 2009 e convocatoria de OPE coa oferta do 100%

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

sergaspe1Esta tarde hai Mesa Sectorial extraordinaria, convocada cun único punto na orde do día: planificación da estabilidade do emprego e a provisión de prazas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

A estas alturas, a Administración segue a aplicar a taxa de reposición, e nalgunha categoría a Oferta de Emprego é igual a “cero” desde o ano 2009, mentres que a outras categorías obrígaselles a presentarse a diversas OPE con ofertas de prazas moi reducidas.

Desde a CIG-SAÚDE seguimos exixindo a eliminación da taxa de reposición e a recuperación das prazas perdidas desde o ano 2009, e que o SERGAS negocie un Plan de Emprego que permita unha convocatoria de OPE co 100% das prazas. Isto xa se fixo durante o goberno bipartito, e como consecuencia convocáronse ofertas de emprego coa TOTALIDADE das prazas.

→Convocatoria OPE 2006: 2722 prazas convocadas. (DOG 14 de agosto de 2006)

→Convocatoria OPE 2008: 3913 prazas convocadas. (DOG 26 de febreiro de 2009)

Esta política de persoal, e a falta de estabilidade laboral, incrementa a precariedade laboral. Non só NON convocan prazas a OPE, senón que tampouco autorizan contratos estables de interinidade. Isto implica que o persoal, para cubrir o mesmo posto, asine contratos cada 15 días, por días soltos, ou outras modalidades perversas. E a isto chámanlle “estabilidade orzamentaria”. Con esta modalidade de contratación, obrigan ao persoal a facer unha xornada maior que a xornada SERGAS, posto que non se lle computa a diminución de xornada en función das noites realizadas.

Esta é a política de persoal do Partido Popular: precariedade, precariedade e máis precariedade, laboral e retributiva.

Non llo podemos permitir, o diñeiro público é para dar uns bos servizos públicos, non para que determinados sectores sigan obtendo beneficios a costa da saúde de tod@s.

Eliminación da taxa de reposición, recuperación das prazas perdidas!

Plan de Emprego para o SERGAS XA!

Convocatoria do 100% das prazas! Contratos estables pola causa que motiva a contratación!

 

O TSXG declara ilegal a cobertura do posto de xerente da ACIS cun contrato de alta dirección

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A sentenza limita por primeira vez a contratación de persoal directivo externo á Administración.

Nunha novidosa sentenza ditada o pasado 18 de xaneiro, a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) estimou parcialmente o recurso interposto pola CIG-Saúde contra os estatutos da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), dependente da Consellaría de Sanidade, declarando «a nulidade dos incisos do art. 36 dos estatutos en tanto que estabelecen a posibilidade de contratación en réxime laboral de alta dirección da persoa designada como xerente da Axencia».

cigsaudesergaspNo seu recurso, a CIG-Saúde pedía a nulidade da provisión mediante persoal laboral de alta dirección non só do posto de xerente, senón tamén dos postos de dirección das áreas de Xestión do Coñecemento e Talento e Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, alegando que as funcións asignadas a tales postos implican a «participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais das administracións públicas», nos termos do artigo 22.1 da Lei do emprego público de Galiza, polo que só poden ser realizadas por persoal funcionario ou estatutario.

Tras un exame das atribucións de cada un dos postos, o alto tribunal galego conclúe que o posto de xerente non pode proverse mediante persoal laboral de alta dirección, pois varias das súas funcións implican o exercicio de autoridade, a intervención directa na instrución e resolución de procedementos administrativos e  a realización de actividades de intervención e tesouraría; todas elas propias e exclusivas da función pública.

Valoración positiva

 A CIG-Saúde fai unha valoración positiva da sentenza, aínda lamentando que a Sala non aplicase o mesmo razoamento aos outros postos obxecto de impugnación. Por primeira vez, a Xustiza limita a potestade do poder político de seleccionar persoal laboral de alta dirección da súa confianza, alleo á estrutura de Administración, para a realización de funcións da máxima responsabilidade administrativa, que a lei reserva ao persoal funcionario ou estatutario precisamente como garantía de imparcialidade e obxectividade nas súas tarefas, ao non seren empregos cuxa estabilidade dependa da satisfacción de quen exerza a dirección política en cada momento.

A sentenza, aínda sendo recorríbel en casación perante o Tribunal Supremo, deixa sen habilitación legal a continuidade no posto da actual xerente da ACIS, polo que a CIG-Saúde solicitará ao conselleiro de Sanidade o seu cesamento e a provisión do posto mediante persoal funcionario ou estatutario.

Para María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde resulta “un paradoxo que a actual xerenta da Axencia Galega do Coñecemento bloqueara a creación da categoría de persoal investigador público do SERGAS impedindo que os actuais investigadores e investigadoras con máis de 10 anos de vínculo co Servizo Galego de Saúde puideran estabilizar a súa praza como persoal fixo, como o resto de traballadores/as e agora sexa a xustiza a que ditamine que é ela quen non pode ocupar o posto de xerenta porque non é persoal do SERGAS”.

Desde a CIG-Saúde veñen de remitir un escrito ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para que proceda ao cesamento inmediato da persoa actualmente designada como xerente e a súa substitución no cargo por outra ou outro profesional que teña a condición de funcionaria ou estatutaria do subgrupo A1, "posto que, contra o que a propia xerenta actual afirmou nunha ocasión durante unha reunión da Mesa Sectorial, no sistema si que hai profesionais con coñecemento e formación suficientemente acreditados para ocupar eses postos".

A noticia en Avantar

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

 

Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Federacións de Administración, Ensino e Saúde) realizaron unha concentración este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña, para reafirmar o rexeitamento aos orzamentos estatais que veñen de ser aprobados e que "non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e, pola contra, afondan no desmantelamento dos servizos públicos".

Pero con esta mobilización tamén se quere ratificar a oposición ao "Acordo para a mellora do emprego público" asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no ámbito das administracións públicas, cuxa parte dispositiva  non vai máis alá "dun lavado de cara para o Partido Popular", ante o incremento das taxas de precariedade no emprego público e as reiteradas sentenzas xudiciais que cuestionan as taxas de reposición impostas nos últimos anos a través da lexislación básica estatal.

 

Santamariña destacou que este acordo non só non elimina as taxas de reposición (que se manteñen na Lei de Orzamentos do estado para 2017 nun 50% con carácter xeral e no 100% para servizos esenciais), senón que se consolidan "agora co parabén dos sindicatos estatais". A limitación nas taxas de reposición, engadiu, "son a causa principal da extensión da precariedade nas administracións públicas". Unha precariedade da que López Santamariña responsabilizou “á política destrutiva” do PP e que afecta a entre un 30 e un 40% do seu cadro de persoal.

Imposibilidade de crear de novas prazas

Neste senso, explicou que o único que se recolle nese acordo é a posibilidade de incluír nas ofertas de emprego as prazas estruturais vacantes ou con sentenzas de indefinidos non fixos xa existentes nos cadros de persoal, pero non posibilita a creación de novas prazas en ningunha das administracións. "O acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF supón unha renuncia expresa a recuperar todo o emprego público perdido durante estes anos e a incorporar prazas estruturais que permitan recuperar a prestación directa de servizos esenciais que foron privatizados", advertiu Santamariña.

"En realidade, continuou, estes sindicatos estanlle dando un balón de osíxeno aos gobernos para regularizar os cadros de persoal, dotando supostamente de estabilidade aos postos de traballo que na realidade xa están ocupados. Pois o acordo non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan".

Non se recuperan os dereitos roubados.

Xunto a isto, dende a CIG-Área Pública denuncian que ese publicitado acordo tampouco contempla a recuperación dos dereitos laborais suprimidos nin das condicións salariais recortadas, iniciadas polo goberno de Zapatero en 2010 cunha rebaixa do 5% da masa salarial e que seguiron recortando tanto o goberno de Mariano Rajoy como de Feijoo na Xunta de Galiza. "Nada se di no acordo da recuperación do poder adquisitivo (nos Orzamentos estatais só se contempla un incremento do 1% para este ano), nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral anterior, nin tampouco da recuperación do complemento do 100% nos casos de IT", censuran.

A este respecto, a voceira da Área Pública da CIG, valorou que o principal interese do goberno español por acadar ese pacto "é solucionar o problema que teñen as administracións públicas coas numerosas sentenzas que declaran a fraude de lei nas contratacións temporais". Unhas resolucións que a xurisprudencia do contencioso administrativo está  estender ao persoal funcionario interino, fixando incluso indemnizacións por despedimentos semellantes aos da xurisdición social, a causa da transposición das directivas da UE.

"Con este acordo, o goberno dálle forma de pacto cos sindicatos ao que en realidade é un imperativo legal para non ter que chegar a pagar indemnizacións", sinalan.

Xestión pública do Plan de Pensións da Administración Xeral

Nun momento no que se está cuestionando a viabilidade do sistema público de pensións e que se prevé que o PP tente meter un novo retallo nas pensións nos vindeiros meses, a CIG volveu demandar que se mude a xestión privada do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado e que pase a ser de xestión pública.

"Que este fondo, que se nutre basicamente coas achegas que se detraen dos incrementos retributivos estabelecidos nos Orzamentos do Estado para o persoal da Administración, estea depositado e sexa de xestión pública, ofrece maiores garantías e ademais, supón que os beneficios da xestión revertan nos ingresos patrimoniais das arcas públicas", explicou Santamariña.

A noticia en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto