CIG Saúde, a nosa forza

O SERGAS discrimina a unha traballadora embarazada ao reducirlle o salario durante o permiso da 37 semana

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde e a Secretaría da Muller reclaman á administración unha rectificación da norma e que se adapte do xeito necesario para rematar con esta gravísima discriminación
A Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde da CIG denuncian a discriminación que padecen as traballadoras do SERGAS que se acollen ao permiso retribuído a partir da semana 37 do embarazo, xa que ven reducido o seu salario ao non pagárselles o complemento retributivo de Atención Continuada. Unha penalización que conculca o dereito á igualdade, pois ningún traballador do SERGAS sufrirá esta redución de salario polo feito de ser pai.
RecursoMulleres

O pasado 31 de outubro de 2015 publicouse no BOE o texto refundido do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a, que, entre outras cuestións, modificaba o seu texto para recoller a posibilidade de que as mulleres xestantes puidesen gozar dun permiso retribuído a partir da semana 37 de embarazo.

O texto da disposición adicional décimo sexta desa publicación di o seguinte:

Permiso retribuído en estado de xestación.

Cada Administración pública, no seu ámbito, poderá estabelecer  para as funcionarias en estado de xestación un permiso retribuído a partir do día primeiro da semana 37 de embarazo até a data do parto.

No suposto de xestación múltiple, este permiso poderase iniciar o primeiro día da semana 35 de embarazo até a data de parto.

Desde a CIG-Saúde xa sedenunciou no seu momentoque o SERGAS estaba a ocultar ás mulleres traballadoras da Sanidade Pública a posibilidade de acollerse a este permiso e, agora, hai que denunciar unha nova discriminación ás mulleres.

As mulleres que se acollan a este dereito son penalizadas durante a duración do mesmo, ao non pagárselles o complemento retributivo de Atención Continuada, que retribúe a disposición durante as 24 horas e durante as xornadas festivas. E esta discriminación é máis grave se cabe, porque a retribución que as mulleres perciben durante as 16 (agora 17) semanas de descanso maternal é calculada no INSS en función da retribución do mes anterior ao descanso. Isto supón que no caso das mulleres que se acollen ao dereito a gozar do permiso a partir da 37 semana, a merma retributiva alcanza a todo o período de descanso maternal.

Desde a Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde denuncian a grave discriminación que isto supón, posto que un home nunca verá reducidas as súas retribucións por ser pai, mentres que unha muller traballadora, que xa está prestando servizos nunhas condicións gravosas (quendas, grandes cargas de traballo, etc…), ve diminuídas as súas retribucións (e tamén as súas bases de cotización) por mor da súa maternidade. Algo que, a todas luces, conculca o dereito á igualdade.

Pola súa banda, o SERGAS ampárase, para levar a cabo esta discriminación, en que a norma non recolle expresamente que se debe pagar a retribución completa. A CIG exixe do SERGAS, da Consellaría de Sanidade e do Goberno da Xunta unha rectificación e que se adapte a norma do xeito necesario para rematar con esta gravísima discriminación.

A noticia en Avantar.

Información da Mesa Sectorial do 29 de novembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

CIG INFORMA

Mesa Sectorial celebrada o 29 de novembro de 2016

Onte pola tarde houbo reunión de Mesa Sectorial cun único punto da orde do día: Plano de Estabilidade do emprego e provisión de prazas do persoal estatutario do SERGAS.

Nesta reunión contamos, na 1ª parte, coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. A Administración fíxonos entrega dun borrador de Plano de Estabilidade, que segundo a directora de RRHH, a súa intención é rematar coa eventualidade no SERGAS, e que as prazas vacantes se oferten polas listaxes do pacto de contratacións, vacantes que serán limitadas se non desaparece a taxa de reposición. O devandito plano é unha declaración de intencións, ao que temos prazo de alegacións ate o día 14 de decembro de 2016. Contén, entre outras, as seguintes intencións:

  • Unha proposta de converter en interinidades as prazas cubertas con nomeamentos de servizos determinados, de duración igual ou superior aos dous (2) anos.
  • Un compromiso para facer unha análise das necesidades das coberturas mediante nomeamentos por acumulación de tarefas que de forma sucesiva e ininterrompida veñan prestado o mesmo servizo por un período igual ou superior aos dous (2) anos.

Isto é desenvolver o artigo 9 da Lei 55/2003, do Estatuto Marco, sen tempo non era. O estudo destas necesidades faríase en cada xerencia e trataríase coas Xuntas de persoal. As prazas resultantes destes procesos, xa convertidas en prazas de cadro, convocaríanse a traslados e OPE. Non sabemos como vai ser o procedemento de negociación destas prazas, xa que esta pendente de desenvolver a ferramenta que nos permita identificar todas as prazas do sistema. Esiximos unha vez máis a negociación dun sistema identificativo das prazas ou Cadro de Persoal.

Outros temas do plano de estabilidade.

Punto Cuarto do Plano de Estabilidade . Taxa de reposición. Recolle unha declaración de intencións de que se desaparece da normativa básica estatal a fórmula de computo da taxa de reposición, o SERGAS comprométese a incluír na oferta pública de emprego as interinidades resultantes deste proceso. A desaparición da forma de computo da taxa de reposición, é soamente unha cuestión de vontade política. Desde CIG-SAÚDE esiximos ao Conselleiro de Sanidade esa vontade política para que a taxa de reposición e a fórmula de cómputo desaparezan. Non ten ningún sentido que se o SERGAS é o responsable de prestar a asistencia sanitaria, sexa Madrid quen lles limite o número de profesionais. Se non desaparece a taxa de reposición, que vai pasar coas 2652 prazas vacantes? Estas prazas son o resultado entre a prazas producidas polas xubilacións entre os anos 2010/16, e as 1.730 prazas convocadas nas ofertas públicas de emprego dos anos 2012 ao 2016.

Punto sexto: Concurso de traslados aberto e permanente. O caramelo da reunión, para que esteamos content@s e felices.  Ofertan a negociación das bases dun procedemento de concurso de traslados aberto e permanente.

Punto sétimo: Unificación de baremos para selección temporal e definitiva, que xa estaba previsto.

Punto oitavo: Desenvolvemento do procedemento de selección temporal de FEAS, xa acordado no pacto de contratacións.

Punto noveno: Incorporar a FIDES os procesos de selección de xefaturas e coordinacións.

En resumo, o que hai no documento eran cousas xa previstas ou agardadas, agás o carameliño do concurso de traslados, que está moi ben, levamos tempo pedíndoo, pero ofértano agora para que o resto pase por alto. E non imos pasar por alto que se non se elimina a taxa de reposición nin a fórmula de cómputo, e se non se estabelece un sistema para identificar as prazas estruturais existentes, este documento é papel mollado.

Faremos as nosas alegacións e veremos como vai andando a negociación.

Exiximos que se garantan os dereitos lingüísticos na Sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

amesa

Nas datas previas ao Día das Letras Galegas, tivemos coñecemento dunha grave discriminación lingüística na sanidade, denunciada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Unha persoa tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non dispoñer o centro privado ao que foi derivado desde o SERGAS do documento de consentimento informado en galego. Non é a primeira vez que acontece, por iso, diriximos este escrito ao Xerente do SERGAS e ao Conselleiro de Sanidade, para exixir que se garantan os dereitos lingüísticos das persoas usuarias da sanidade (preme para agrandar)

20170515 escaneado escrito discriminación lingüística

A noticia en Avantar

Atrásase unha proba diagnóstica no Juan Cardona por non facilitarse documentación en galego

CIG-Saúde denuncia a discriminación lingüística que sofren as persoas usuarias na sanidade pública galega

CIG-Saúde vén de dirixirse ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e ao Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, para denunciar a discriminación lingüística sufrida por unha persoa usuaria da Sanidade Pública, que tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non serlle facilitado o documento de consentimento informado en lingua galega, tal e como esta persoa requiriu, conforme ao seu dereito.

A CIG-Saúde explica que nesta ocasión, trátase da negación dun dereito a unha persoa derivada desde a Sanidade Pública a un centro concertado de Ferrol, o hospital Juan Cardona, que xa noutra ocasión negara a posibilidade de entregar a documentación en galego, é dicir, “un caso reincidente de negación de dereitos a unha persoa que está accedendo a un servizo prestado pola Administración Sanitaria Pública”. Con todo, asegura que isto non é a primeira vez que sucede, nin este é o único centro onde se ten producido.

Lembra que o artigo 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua". O artigo 6.1 da mesma lei, estabelece o dereito dos/as cidadáns/ás ao emprego do galego, tanto oralmente como por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública. Así mesmo, e en desenvolvemento destes artigos da LNL, a Consellaría de Sanidade emitiu o 8 de novembro de 2005 as instrucións 11/2005 sobre "Emprego do galego nos documentos da Consellaría de Sanidade e do SERGAS".

Por iso insta a que, dunha vez por todas, se tomen medidas para que todos os centros dependentes desta Consellaría, e todos aqueles centros que atenden persoas derivadas da Sanidade Pública dispoñan de toda a documentación na nosa lingua propia, o galego, e garantan a non discriminación de ninguén por razón de lingua.

Exixe ademais que desde o Servizo Galego de Saúde se estabelezan as medidas oportunas para que todo o persoal dispoña das ferramentas necesarias para a garantía dos dereitos lingüísticos, tanto a nivel material como de formación, entendendo que a Administración Sanitaria Galega non pode continuar a consentir casos graves de discriminación como o que aconteceu estes días.

CIG-Saúde denuncia a dobre penalización salarial do persoal do SERGAS nos meses de xullo e decembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nin no salario nin na paga extraordinaria cobran o complemento específico que correspondería

A CIG-Saúde denuncia que nos meses de xullo e decembro o persoal do SERGAS sofre unha dobre penalización salarial no seu complemento específico ao incumprirse os acordos salariais asinados en 2008, co goberno bipartito, que foron conxelados polo goberno do PP coa chegada de Feijóo á Xunta de Galiza.

O complemento específico retribúe as especificidades do posto de traballo atendendo á  dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade  e penosidade, tal e como se establece no artigo 43.2 do Estatuto Marco.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín incide en que é a Xunta de Galiza quen ten as competencias para negociar a súa contía. Porén, denuncia que o goberno do PP penaliza o persoal estatutario de SERGAS, que ten un complemento específico inferior que o resto das/os traballadoras/es da Xunta de Galiza.

 

Abuín lembra que co goberno bipartito asinárase en 2008 un acordo retributivo que contemplaba unha suba salarial para que o persoal do SERGAS puidera superar “o agravio histórico” que viña padecendo.

A secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que porén, en canto Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta de Galiza no ano 2009, “o primeiro que fixo foi suspender, entre outros, este acordo” que se mantén desde aquela conxelado e que se nega a negociar na mesa sectorial, tal e como veñen demandando desde que o propio presidente da Xunta se subiu un 7,5% o seu salario.

Abuín denuncia, ante isto, que “o goberno do PP segue a condenar ao persoal do SERGAS a ter unha retribucións inferiores ao resto das/os traballadoras/es da Administración Pública Galega, mentres Feijóo presume de que as/os traballadoras/es da Xunta de Galiza no ano 2017, e desde o mes de xaneiro, recuperaron parte do salario que eles veñen roubando desde o 2010”.

Perda acumulada

Na extra do mes de xullo devolveuse o complemento específico “roubado” desde o ano 2012, pero sen os incrementos que se deberían aplicar atendendo ao acordo retributivo que o Sergas incumpre. No seguinte cadro pódese comprobar “o que nos rouban nas extras e mes a mes”, afirma María Xosé Abuín:

Especifico  Persoal Xunta de Galiza

Especifico Persoal do SERGAS

Roubado ao persoal do SERGAS mes a mes, e nas pagas extras

Nivel 22

626.99 €

Grupo A2

392.70 €

234.29 €

Nivel 18

465.15 €

Grupo C1

273.81 €

191.34 €

Nivel 16

451.34 €

Grupo C2

278.84 €

172.50 €

Nivel 12

423.71 €

Grupo E

306.36 €

117.35 €

 

Ver noticia en Avantar

Descarga aquí o noso panfleto

20170703FEIJOO-Paga-extra-xullo-2017 3

8 de marzo Mulleres en FOLGA

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

folga 8 marzo 18

A CIG convoca folga no marco do paro internacional de mulleres que o 8 de marzo secundarán máis de 50 países, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.A CIG fai un chamamento a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres. Que o noso papel na sociedade non é subsidiario. Que somos a metade de Galiza, a metade do mundo. Imos demostrar que o mundo non xira igual se paramos as mulleres. Sóbrannos razóns para ir á folga.

Paros parciais en cada unha das quendas

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

* de 00h-02h da madrugada

* de 12h a 14h

* de 19:30h a 21:30h

Rexistramos a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas durante o vindeiro 8 de Marzo, dando cobertura legal a todas as traballadoras galegas de todos os sectores produtivos e de todos os centros de traballo, para participarmos neste día de protesta, reivindicación e mobilización: folga no traballo asalariado, folga de consumo, folga de brazos cruzados nas tarefas de coidado, boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista, e a mobilizarse canda nós este 8 de Marzo, coas feministas, coas sindicalistas, participando de xeito activo na xornada.

Facemos un chamamento a que, nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos a facer e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. Visibilizaremos o traballo achegado polas mulleres nun día normal para o seu recoñecemento.

Marcharemos xuntas en mobilización amosando o poder da nosa unidade.

Maís información en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto