CIG Saúde, a nosa forza

Información sobre a reunión da Mesa Sectorial do venres 17

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG INFORMA

Temas tratados na Mesa Sectorial do 17 de marzo de 2017:

  • Traslados FEAs: 
    -Sobre medidas de conciliación: Desde a CIG-SAÚDE propoñiamos que coa finalidade de conciliar a vida familiar e laboral, as parellas (matrimonio ou parella de feito) que solicitaran destino na mesma localidade, e un dos membros non o acadara, poideran renunciar ao destino acadado. Isto é unha medida de conciliación, pero o SERGAS no seu texto recolleu, para este suposto, unha medida de penalización, xa que estableceu unha participación condicionada a que se unha das persoas non acada destino na mesma localidade, o destino da outra queda sen efecto. É dicir, na solicitude vai aparecer un recadro para que cubras voluntariamente a participación condicionada a que a túa parella tamén acade destino nesa localidade. Se cobres o recadro, e a túa parella non acada destino, a túa solicitude queda anulada, independentemente do destino que acadaras. Isto non é conciliación familiar e laboral.
    -Rexeitamos que se reserven prazas no CHUAC, e polo tanto non se convoquen neste concurso de traslados, co argumento da alta especialización, sen máis información. A actividade destes servizos é semellante a do resto de complexos hospitalarios. Esiximos o tratamento das prazas de alta especialización na mesa sectorial, segundo recolle o Decreto de selección e provisión 206/2005.
    -Solicitamos a incorporación no anexo das seguintes prazas:
    1 praza de ciruxía torácica en Vigo, na que a persoa eventual que a está a ocupar leva asinados 78 vínculos nos últimos anos; se isto non é unha praza estrutural, que alguén nos explique que é.
    Prazas nos hospitais de Monforte, O Barco e Hospital de Cee.

             -Non foron aceptadas ningunha das nosas alegacións.

  • Previsión sobre os próximos actos de eleccións de destino da OPE:
    -Presentaron un cadro de prazas cos mesmos erros que na OPE anterior. Malia de que hai prazas vacantes nas áreas nas que aprobou o persoal, van ofertar prazas á elección de destino para que o persoal faga turismo. Ou para que se soliciten comisións de servizo, que é a forma natural de ordenar o cadro de persoal. Parece que queren recoñecer o esforzo do persoal que aproba ofertándolle un destino fora da súa localidade. Desde a CIG-SAÚDE imos esixir que o SERGAS mude esta proposta para que o persoal poida elixir destino na súa localidade.
    -Na oferta de prazas de TEF para OPE, inclúen 7 prazas cubertas con 7 TCAEs interinas. Non quixeron falar das TCAE fixas que foron ubicadas nas farmacias con posterioridade á entrada en vigor do Decreto da creación da categoría de TEF. Din que isto non é de OPE, senón que hai que resolvelo nos concursos de mobilidade interna.
    -Dos criterios de cesamento non entraron a falar.

  • Decreto de Itinerarios Profesionais.
    O informe do Consello Consultivo, do que non nos entregaron copia, seica recolle que os servizos prestados non se poden puntuar coma se fosen prestados na praza de destino. Ao ser categorías diferentes a puntuación dos servizos prestados debe ser diferenciada, sendo esta decrecente, se participas desde outra categoría. Como o Consultivo non di en que proporción se deben baremar os servizos prestados, cando se publique o decreto, que agardemos sexa en breve, isto terá doada solución na negociación do baremo.

  • Comisións Técnicas:
    O SERGAS presentounos o seguinte calendario, para a convocatoria de Comisións Técnicas pendentes:
    31 de marzo de 2017:    Especialidades de enfermaría.
    6 de abril de 2017:         Adaptación a TIS.
    21 de abril de 2017:       Concurso de traslados aberto e permanente.
    28 de abril de 2017:       Selección temporal de FEAs.

    Desde a CIG-SAÚDE solicitamos o cumprimento deste calendario, e se por algún motivo hai que modificar algunha data, que sexa para adiantala sobre a data prevista. Tamén solicitamos que se poña data ás comisións de traballo pendentes, entre a que se atopa a negociación dunha orde de vínculos. Para garantir que o persoal sexa contratado pola causa que motivou o contrato.

  • Plano de Estabilidade.
    Como xa informamos o pasado venres, rexeitamos o Plano presentado pola Administración. O SERGAS vai convocar unha reunión na próxima semana.
    No plano de estabilidade recóllese o baremo de selección de FEAS, tamén se recolle que este baremo establecerase segundo o artigo 67 do decreto 206/2005. Neste artigo recóllese unha puntuación pola entrevista persoal de 30 puntos. Se o baremo recolle 22 puntos de experiencia profesional, de manterse así, a puntuación da entrevista superaría todo o mérito da experiencia profesional. Isto non ten sentido. Desde a CIG-SAÚDE imos facer unha proposta de baremo.
  • Outros temas tratados:
    Desde a CIG-SAÚDE preguntamos cando se van celebrar os cursos de manipulación de instalacións radioactivas. A celebración destes cursos, gratuítos, está acordado na acta de sinatura do pacto de contratacións temporais. Dinnos que xa están incluídos na programación do PEF (plano estratéxico de formación) que elabora a antiga FEGAS, quedaron en darnos información.

Rexeitan a entrega do 'Vigueses distinguidos' ao dono de Povisa por despedir 80 persoas e precarizar as condicións laborais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Na CIG-Saúde pregúntanse cales son os méritos de José Silveira Cañizares que o fan merecedor desta distinción

A CIG-Saúde de Vigo vén de amosar o seu rexeitamento á entrega do título de 'Vigués dinstinguido' a José Silveira Cañizares, propietario do hospital privado Povisa. Dende a federación lembran que o empresario despediu máis de 80 traballadores/as dende 2009 e precarizou as condicións laborais no hospital viguésm, polo que din non entender cales son os méritos que xustifican esta distinción.

Dende a CIG-Saúde din non entender como é posíbel que se lle faga esta distinción a unha persoa que ten despedido máis de 80 traballadoras/es desde o ano 2009, ademais de reducirlle a xornada a 35 horas a todo o colectivo de auxiliares de hospitalización, limpadoras/es, celadores/as e administrativos/as.

Ademais, lembran que en os salarios do persoal do centro médico permanecen conxelados dende o 2011, ao tempo que ten aumentado a carga de traballo e fixado quendas penosas especialmente no colectivo de auxiliares (TECAES). Tamén subcontratou o servizo de limpeza tras despedimento de 27 limpadoras/es. “En definitiva, esta persoa é responsábel do empeoramento das condicións de traballo, incrementando a precariedade laboral na empresa”.

Ao mesmo tempo, dende a central denuncian que todo isto sucede mentres o consello de administración de Povisa subiuse o salario un 74.91% no ano 2010, un 13.02% en 2012, un 0.37% en 2013 e un 10.75% en 2015, segundo datos do Rexistro Mercantil.

Diante disto, dende a CIG-Saúde pregúntanse que é o que lle debe a veciñanza de Vigo para que se lle conceda tal distinción e consideran que “hipotecar o desenvolvemento da sanidade pública da área sanitaria precarizando as condicións de traballo do seu persoal non debera ser obxecto de ningunha distinción”.

A noticia en Avantar

Manifestación nacional pola lingua: En galego sen límites!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Un ano máis, a Plataforma Queremos Galego, da cal a CIG forma parte, convoca unha grande manifestación nacional en Santiago de Compostela a prol da lingua e contra os ataques e discriminacións que sufre o noso idioma e as persoas que queren vivir a súa vida plenamente en galego. Inda estes días se denunciaba unha grave discriminación por razón de lingua na sanidade, algo que, en pleno 2017 non debería acontecer, pero que si acontece e máis do que pensamos.

Queremos vivir en galego, sen límites. Por iso, convidamos a todo o mundo a participar na manifestación de Queremos Galego, que sairá da Alameda de Santiago mañá mércores 17 ás 12h.

Cartaz QG 17M-731x1024

A CIG denuncia o fomento da mercantilización do corpo das mulleres na axenda para estudantes da USC

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Leva publicidade dunha clínica privada que anima a doar óvulos

Na axenda para estudantes da USC do ano 2017 aparece unha publicidade da Unidade de Reprodución Asistida do Rosaleda, na que aparece unha muller vestida de super heroína e o lema “Tes un superpoder, axudar a outra muller a ser nai. Úsao, doa os teus óvulos”. Baixo o eufemismo da doazón agóchase a discriminación de xénero, dado que non é o mesmo doar esperma que doar óvulos, e tamén unha discriminación de clase, xa que a meirande parte de mulleres que aceptan o procedemento fano por motivos económicos.

E non é casual que se faga a publicidade nunha axenda universitaria, xa que é un estupendo nicho de mercado para a industria da biotecnoloxía, máis co incremento dos prezos das matrículas universitarias e os custes derivados do curso escolar.

Non debemos esquecer que o Estado español é un dos destinos preferidos para miles de mulleres europeas (por diante de outros como Creta, Kiev, Eslovenia, Romanía e incluso India) que demandan técnicas de reprodución asistida prohibidas ou difíciles de obter nos seus países.

O Estado español é un dos destinos preferidos para miles de mulleres europeas que demandan técnicas de reprodución asistida prohibidas ou difíciles de obter nos seus países

Tampouco é casualidade que se centre a publicidade en aspectos tan simbólicos como a xenerosidade, sinalando as doantes como mulleres que van facer posíbel a outras mulleres seren nais, un tipo de altruísmo que non se apela no caso dos homes.

Certo é que estamos a falar de procedementos ben diferentes en canto as consecuencias das intervencións. Mentres que no caso do esperma os homes non precisan someterse a ningún tipo de tratamento, no caso dos óvulos a doante ten que someterse a varias probas invasivas e mesmo dolorosas, para as cales non soen administrar anestesia, tan só analxesia posterior.

Sométese á muller a unha hiperestimulación ovárica mediante un tratamento hormonal (que pode provocar innumerábeis efectos secundarios como náuseas, vertixe, quistes ováricos, problemas de visión, etc.) que terá que administrarse diariamente a través de inxeccións, someténdose a un férreo control médico durante todo o proceso (ecografías, análises de sangue, etc) e que finalizará coa extracción dos óvulos inserindo unha agulla aspiradora pola vaxina até extraer o óvulo mediante unha punción no ovario.

Para este procedemento si se aplica anestesia, co consecuente risco para a doante. En definitiva, non é un proceso inocuo para a muller. E ademais dos riscos do presente, pode supor nun futuro unha redución da vida fértil da muller ou provocarlle unha menopausia precoz.

A doazón de óvulos está prohibida en países da Unión Europea como Alemaña, Austria, Suíza ou Italia,  e é considerada un procedemento perigoso para a saúde das doantes en Dinamarca e Suecia, onde só se permite empregar gametos sobrantes de pacientes que se sometan a unha fecundación in vitro por necesidades propias.

Desde a CIG unímonos ás voces críticas como a de Inma Alonso, quen interveu na sesión do xoves do Claustro Universitario da USC en representación do colectivo estudantil Erguer- Estudantes da Galiza,  denunciando que nunha universidade pública se fomente publicidade relacionada coa mercantilización dos corpos das mulleres.

Avantar

Acordos da Mesa xeral de Madrid insuficientes

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

201711 BoAcordoSindical

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto