Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

Previsións OPE e Traslados

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Hoxe na reunión da Mesa Sectorial trasladóusenos a seguinte previsión sobre concurso de traslados e OPE:

Categorías sanitarias, convocatoria de traslados no último trimestre de 2013. Posteriormente haberá OPE, coa restricción de prazas da taxa de reposición.

Categorías de xestión e servizos, traslados no 2014, e non para todas as categorías. Posiblemente non haberá OPE.

O luns publicaremos a información completa da Mesa Sectorial.

Recortes salariais no CTG

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Escrito remitido pola CIG-Saúde á Conselleira de Sanidade sobre os recortes salariais que se están a producir no persoal laboral do Centro de Transfusións de Galiza:



 Rocio Mosquera Álvarez.

Conselleira de Sanidade.

As/os traballadoras/es, persoal laboral, do Centro de Transfusión de Galiza están a recibir unha comunicación da dirección desta fundación referente á suspensión do acordo de equiparación salarial 2004-2006. É polo que a dirección desta fundación vai proceder eliminando das súas nóminas as cantidades correspondentes ao devandito acordo.

O 20 de decembro do ano 2005, publicase no DOG a Resolución do 29 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de equiparación salarial dos traballadores da Fundación Centro de Transfusión de Galicia con aquelas que rexen para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Acordo asinado polo director do centro, Sr Roberto García-Villaescusa Collazo co comité de empresa, e as/os delegadas/os de persoal. No devandito acordo recóllese:

Manifestan:

A) Que, tras ser sometido a estudo e aprobación pola Dirección de Recursos Humanos do Sergas así como polo Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia.

B) Que, tras os trámites anteriores se solicitou informe favorable ás consellerías de Economía e Facenda así como á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, (artigo 22 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004).

Emitiuse informe favorable o 12 de maio de 2005. Como pode alegar agora a directora do CTG que o recorte salarial ven motivado por que na Consellaría de Facenda non consta a documentación pertinente relativa ao informe favorable do 12 de maio de 2005? Se non consta a documentación requirida pola Consellaría de Facenda, que a Dirección do CTG lla remita na maior brevidade posible. O que non é de recibo que as/os traballadoras/es teña que pagar as consecuencias da mala xestión desta fundación desde a súa constitución.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos da Conselleira de Sanidade que de inmediato lle comunique á dirección do CTG que paralice o recorte salarial que pretende aplicar as/os traballadoras/es. E que inste a dirección do CTG a resolver as posibles irregularidades neste e noutros temas que teña pendente.

Unha vez máis ponse de manifesto a falla de transparencia e a nefasta xestión das fundacións sanitarias, que lonxe de acadar o obxectivo propagandístico co que foron creado, o único que demostraron ao longo do tempo foi a oscurantista xestión.

Desde CIG-SAÚDE queremos lembrarlle que na fundación CTG está pendente de convocar o proceso selectivo anulado por sentenza xudicial por conter este múltiples irregularidades e que foi convocado na mesmas datas do acordo salarial.

Agardamos que se solucione este problema, e que non se trate de imputar, unha vez máis, a mala xestión dos/as directivos ás/aos traballadoras/es.  Que non se agarde por que sexa a vía xudicial a que solvente os problemas da mala xestión. Que dunha vez por todas cada quen asuma as súas responsabilidades.

            Atentamente.

Compostela, 7 de maio de 2013.

Asdo: Mª Xosé Abuín  Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE

Descargar o escrito .

O Consello de Contas confirma o que CIG-Saúde ven denunciando: os servizos de urxencias adoecen de graves deficiencias, entre elas unha grande falla de persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O Consello de Contas de Galiza, órgano fiscalizador da xestión económico-financeira do sector público, ven de emitir un informe demoledor que ven dar a razón á CIG-Saúde nas súas denuncias de que os servizos de urxencias presentan graves deficiencias e unha máis que evidente falla de persoal. Este informe é o resultado dunha serie de auditorías realizadas nos servizos de urxencias de dous hospitais comarcais (Valdeorras e Monforte) e tres complexos hospitalarios (CHUAC, CHUS e CHOP), e non deixa lugar a dúbidas: a xestión destes servizos deixa moito que desexar e o SERGAS debería empezar a cambiar certas cousas, a comezar pola política de contratacións.

Os resultados destas auditorías reflíctense en varios informes: un informe xeral sobre os servizos de urxencias do SERGAS e cadanseu informe respectivo aos centros analisados.

consellodecontasPara empezar, o informe xeral indica que "o aumento da demanda asistencial urxente, a saturación dos Servizos de Urxencias Hospitalarios e a inadecuada utilización destes servizos obedecen a diversas causas", entre as que cita "un dispositivo asistencial de primaria escasamente resolutivo que xera a consecuente desconfianza dos usuarios respecto a que no dito nivel poida ser satisfeito con rapidez o seu problema de saúde", algo que CIG-Saúde xa apuntou no seu momento: coa chegada ao goberno da Xunta do PP de Feijoo iniciouse o desmantelamento da Atención Primaria, empezando pola paralización do Plan Mellora de Atención Primaria, eliminando os incrementos en dotación técnica e de persoal que estaban previstos, e avocando á Atención Primaria a un negro futuro, de porta de entrada da Sanidade a dispositivo pouco resolutivo, tal e como hoxe comprobamos e tal e como recolle o informe de Contas.

Outra das deficiencias que recolle o informe, e que veñen dar a razón ás denuncias que reiteradamente ten feito a CIG, é  que "a estrutura física dos cinco SUH fiscalizados presenta deficiencias e disfuncionalidades que repercuten no seu correcto funcionamento, sendo o máis afectado o CHUAC no que a dimensión e distribución do servizo imposibilitan, na práctica, a prestación dunha adecuada atención". O pasado 1 de agosto, sen ir máis lonxe, CIG-Saúde na Coruña emitía unha nota de prensa que viña afondar nas denuncias previas sobre a situación de caos no servizo de urxencias do CHUAC.

Critica tamén o informe que á data de realización das auditorías (2010), só un servizo de urxencias tiña implantada a triaxe, que o propio informe describe como "alicerce básico sobre o que debería xirar a atención en urxencias, como medio de asignar o nivel de prioridade e de fixación dos tempos de resposta máximos en función da mesma". A día de hoxe está implantado o modelo de triaxe Mánchester nalgún outro centro, mais ainda quedan moitos servizos de urxencias que non clasifican pacientes á entrada en urxencias, algo básico para ofrecer unha atención adecuada. É máis, nalgún caso, e tal e como recolle o informe, a clasificación previa faina "persoal non sanitario que desenvolve funcións administrativas na área de admisión de urxencias".

Ademais disto, o informe fai unha análise dos recursos humanos dos servizos de urxencias auditados, e recolle que no 2010 ainda había dous servizos dos estudados que non dispoñían de Plan Funcional, e nos que si o había ou ben a dotación de persoal que estaba implementada no servizo era menor que a que se recollía neles, ou ben existía certa variabilidade e desorganización na distribución do persoal, polo que a cobertura non era axeitada. Para alén desta cuestión, recolle tamén o informe que "a dotación de efectivos para cubrir a infraestrutura organizativa prevista é deficitaria nas distintas institucións, de forma máis acusada no estamento de persoal facultativo dalgúns dos centros, que chega a alcanzar o 39% menos". E engade que esta falla de persoal vense cubrindo con xornada complementaria (horas extras, deixémonos de eufemismos), en moitos casos excesiva, superando mesmo o 50% da xornada ordinaria.

Algo que tamén sabemos e viñamos denunciando desde CIG-Saúde, e que tamén foi recollido polo Consello de Contas nun informe anterior, é que "nas distintas institucións analizadas, vense recorrendo, de forma desproporcionada, á contratación eventual (prevista en situacións de carácter temporal, conxuntural e extraordinario) para a cobertura de necesidades estruturais ou para a substitución de persoal en supostos de ausencia, non adecuándose tal modalidade contractual á natureza da prestación de servizos. No primeiro suposto prolifera esta contratación en detrimento dos procesos selectivos para a cobertura das necesidades con persoal fixo. No segundo, en lugar de formalizarse o correspondente nomeamento de substitución de carácter nominativo tipificado respecto diso, recórrese aleatoriamente á formalización dun contrato por un prazo determinado coa finalidade de cubrir diversas continxencias de varios traballadores".

Sobre os tempos de espera en urxencias, o informe tamén é demoledor: "respecto dos pacientes para os que se acordou o ingreso, a prolongación da súa permanencia en urxencias representa unha das causas fundamentais da saturación do servizo, apreciándose nos complexos hospitalarios en maior grao, con especial incidencia no CHUAC. (...) a asignación de cama para urxencias non está debidamente priorizada nin protocolizada, nin existe unha programación que permita xestionar a presión asistencial urxente coas debidas garantías, o que constitúe unha das causas de saturación da área de urxencias debido ao fluxo de entrada de pacientes e ao estar ocupados os recursos polos enfermos xa atendidos". Como se ve, e tal e como CIG-Saúde ven denunciando, a situación dos servizos de urxencias é caótica, sendo o caso do CHUAC o máis grave dos estudados.

O Consello de Contas, para rematar o informe, emite unha serie de recomendacións a respecto dos aspectos analizados nas auditorías, recomendacións que poden verse no propio texto do informe. Nós, desde CIG-Saúde, tamén temos unha recomendación para o SERGAS: póñanse as pilas e empecen a cambiar de actitude no que a xestión de recursos humanos e organización do traballo respecta. Xa está ben de vendernos medidas coma se foran a panacea, cando todos os indicadores, todas as análises din o mesmo: a súa xestión é nefasta, a asistencia sanitaria de peor calidade a cada pouco, as urxencias un caos, a Atención Primaria está cada vez máis desmantelada, e inda non lles chega, queren acabar completamente co noso Sistema Sanitario. NON VOLO IMOS PERMITIR!!!

Remata o proceso de impugnación da convocatoria de OPE do Centro de Transfusión tras 7 anos de periplo xudicial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG-Saúde congratúlase da súa anulación definitiva e de que quede evidenciado o irregular funcionamento das fundacións sanitarias públicas de Feijoo

Tras da publicación no DOG –ano 2005- da convocatoria do proceso de oposición da fundación pública Centro de Transfusión de Galiza (CTG), CIG-Saúde solicitaba da consellaría de Sanidade a paralización do proceso ao apreciaren irregularidades manifestas no mesmo. Foron necesarios 4 xuízos e 7 anos para a anulación definitiva desta convocatoria de Oferta Pública de Emprego (OPE), que pon en evidencia o irregular funcionamento das fundación sanitarias públicas impulsadas polo PP sendo Alberte Núñez Feijoo secretario xeral da consellaría de Sanidade.

Autobús Centro de Transfusións <No ano 2005, cando na consellaría de Sanidade gobernaba o PP, CIG-Saúde remitiu varios escritos denunciando as irregularidades que se apreciaban na convocatoria da OPE do Centro de Transfusións de Galiza e solicitando a paralización e subsanación dos erros.

Alertábase de que, entre outras irregularidades, a convocatoria non se rexía pola Lei 10/96, de 5 de novembro, que obriga a preservar os principios de igualdade, mérito e capacidade nos procesos de selección de persoal e que os/as membros dos tribunais foran nomeados/as por unha das persoas que se presentaba ao proceso.

Xunto a iso, CIG-Saúde advertía de que o 22 de febreiro de 2005 o Padroado do CTG aprobara as prazas a convocar: un total de 81 correspondentes a 12 categorías. Porén, na convocatoria que aparecía no DOG, de 10 de xuño de 2005, había modificacións a esta oferta de prazas, sen constar expediente remitido para ter autorización do Padroado da fundación, ou sexa, que se trataba dunha decisión unilateral da dirección técnica que participaba neste proceso.

Ademais incumpríase a orde do ministerio de Sanidade de 14 de xullo de 1984 na que se recolle que é requisito indispensábel ter a titulación de técnico superior en análises clínicos para acceder ás prazas de técnico de laboratorio. “Nesta convocatoria valía calquera titulación de técnico superior de FP mesmo algunha que está catalogada na familias de formación profesional como rama de Metal”, subliña María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.

Puntuábanse tamén cursos de formación continuada non relacionados co posto de traballo, mesmo máis que a experiencia profesional acreditada polo SERGAS, cando “para a valoración da formación é requisito imprescindíbel que teña unha relación directa co posto ao que se opta”, especifica Abuín, quen engade que alén disto, as persoas que se presentaron tamén fixeron saber á CIG que o persoal do centro podía levar feita a memoria da casa, cando nas bases se recollía que a memoria se desenvolvería durante o proceso selectivo nun prazo máximo de dúas horas.

Ante estas irregularidades na propia sentenza afírmase que, dadas as posibilidades que se ofrecían na convocatoria “quérese beneficiar a quen durante estes últimos anos estiveron vinculados  a postos de técnico de laboratorio mediante contratos laborais de carácter temporal, premiando a súa experiencia, permitindo con iso, e sen amparo legal algún que, sen contar coa titulación axeitada pasen a ocupar postos de traballo para os que carecen de titulación suficiente; cando non se pode esquecer que a aptitude para o desempeño dun posto de traballo está directamente ligada e vinculada coa titulación que se lle exixe para o desempeño dos servizos de que se trate”.

Porén, malia comunicárselle ao PP esta situación e solicitar a subsanación das evidentes irregularidades este mantivo o proceso, celebráronse as probas e publicáronse as listas de persoal seleccionado, que coincidía, nalgúns casos, cos propios responsábeis da Fundación.

Coa chegada do goberno bipartito e xa iniciada a vía xudicial, a CIG dirixiuse novamente á consellaría de Sanidade para solicitar a paralización da incorporación deste persoal.

Con data de 26 de outubro de 2005, o bipartito publicou o informe da asesoría xurídica da Xunta de Galiza, no que se recoñecen estes feitos, instando ao goberno a revisar de oficio a devandita convocatoria, de non haber unha resolución xudicial.

En novembro de 2005 o novo padroado da Fundación CTG, nomeado polo goberno bipartito acordaba agardar a resolución do contencioso administrativo e recoñecía que unha vez analizado o informe da asesoría xurídica, dadas as irregularidades poderíase incorrer na nulidade de pleno dereito do proceso.

Sentenza definitiva

Transcorridos 7 anos desde aquela, o pasado 16 de xullo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu a derradeira sentenza pola que queda definitivamente anulado o proceso.

Ante isto, CIG-Saúde dirixiuse á dirección de recursos humanos do SERGAS comunicando o fallo e instando a que se negocie no ámbito da mesa sectorial a nova convocatoria de OPE. Un proceso no que a federación insiste en que “non pode participar, como parte do Tribunal, ninguén que tivese participado no proceso anterior, ten que ser tutelado escrupulosamente polo SERGAS”.

CIG-Saúde lembra que o actual presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, era secretario xeral da consellaría de Sanidade cando se crearon as fundacións sanitarias públicas presentadas e publicitadas de forma entusiasta como fórmulas de xestión que ían solucionar os problemas do sistema sanitario. Porén, lonxe de mellorar a calidade do sistema sanitario público galego, “o único que se conseguiu foi crear entes públicos que o PP pretendía xestionar á marxe das normas estabelecidas  e en función dos seus intereses”, denuncia Abuín.

A secretaria Nacional de CIG-Saúde lamenta a situación na que quedaron os traballadores e traballadoras afectados que si cumprían os requisitos legais que, afirma “teñen que agradecerlle estes sete anos de incertidume ás políticas do Partido Popular e a algunha organización sindical que se prestou a este xogo”.

Artigo extraído de Avantar

Carta enviada ao Director de Asistencia Sanitaria sobre o novo protocolo para pacientes de cancro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 Félix Rubial Bernárdez.

Director de Asistencia Sanitaria.

Servizo Galego de Saúde.

Diante das noticias aparecidas na prensa sobre un novo protocolo para pacientes de cancro, que retrasa as súas revisións e remite a estes pacientes para o seu seguimento á Atención Primaria:

CIG-Saúde solicita información sobre este “novo Protocolo” que está a aplicar o  Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), “aínda non aprobado, que dilatará no tempo as revisións dos enfermos de cancro cualificados de baixo risco”.

No establecemento de prioridades na atención médica (“En oncoloxía teñen prioridade os que están en tratamento e as urxencias”) CIG-Saúde pregunta que papel xogan os criterios científicos e cal os económicos, relacionados coa infradotación de recursos humanos e materiais en patoloxías emerxentes, como o tratamento continuado dos procesos de cancro que evolucionan á  cronicidade.

No traslado de pacientes para o seu seguimento en Atención Primaria, CIG-Saúde quere saber cales foron os criterios elixidos para definir o perfil de pacientes a remitir, cales foron os grupos de traballo onde se definiron estes perfiles e que papel xogaron os profesionais da Atención Primaria no seu establecemento. En todo caso, como CIG-Saúde, preocúpanos que co remate do Plan de Mellora, e coa diminución e a precarización dos recursos humanos, se sobrecargue o traballo destes profesionais, co conseguinte deterioro da calidade do servizo prestado a un colectivo de pacientes con patoloxías tan complexas e que tanto repercuten na súa calidade de vida.

            Agardando se nos remita a información solicitada.

Un saúdo.

Compostela, 20 de xuño de 2012.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.     

Sobre o peche de consultorios periféricos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ante o peche do Consultorio Periférico de Atención Primaria da Graña, en Ferrol, e o conflito que está a xerar, CIG-Saúde ven de enviarlle este escrito á Conselleira:

Rocio Mosquera Álvarez.

Conselleira de Sanidade.


CIG-SAÚDE  solicita da Consellaría de Sanidade que solucione, de inmediato, o conflito creado  no centro de saúde   da Graña- Ferrol,  polo peche do consultorio de Atención Primaria.

A CIG-SAÚDE lamenta, que unha vez máis, o discurso da Conselleira de Sanidade sobre o modelo de prestación sanitaria que este goberno ofrece a poboación non coincida coa súas actuacións, xa que as medidas que se toman deixan fora ao doente como o eixo central do sistema.

Desde a CIG-SAÚDE apostamos por un  modelo sanitario que garanta os niveis de asistencia. Solicitamos da Consellaría que en vez de pechar, sen criterio, os consultorios periféricos   de Atención Primaria, se realice unha análises rigorosa  e individualizada de cada un deste consultorios tendo en conta, entre outros,  os criterios de accesibilidade e de dispersión.

A Admón non pode deixar de   de prestar unha sanidade accesible á poboación  pechando os consultorios de Atención Primaria, só por criterios económicos, sen facer unha avaliación individualizada de cada un destes centros.

CIG-SAÚDE demanda, unha vez máis, que exista  diálogo entre a Admón sanitaria e os representantes sindicais; o peche dos dispositivos sanitarios é, a demais de asistencial,  un tema laboral.              

Agardamos unha solución negociada ao peche do consultorio da Graña- Ferrol, onde se restableza o funcionamento normalizado desde dispositivo sanitario. Reiteramos a nosa solicitude de que antes de proceder ao peche dos dispositivos asistenciais se proceda a unha avaliación individualizada dos mesmos.

Un saúdo

Compostela, 6 de marzo de 2012.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

O servizo de Urxencias do CHUS mobilízase para reclamar máis persoal e medios para garantir a calidade asistencial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncian as longas esperas das/os doentes, a falta de espazo e a falta de material
O persoal de Urxencias do Hospital Clínico, en Compostela, concentrábase esta mañá diante da entrada de acceso ao servizo para reclamar máis persoal e medios para atender axeitadamente aos doentes. Denuncian que os pacientes teñen que agardar durante horas antes de ser atendidos, os atrasos nos traslados a planta, a falta de espazo e a falta de persoal.
12-02-27 Urxencias CHUS 4

Os recortes que están a padecer os servizos públicos comezan a ter xa consecuencias na atención sanitaria. Por iso o persoal de Urxencias se concentraba ás 14:00 horas deste luns diante da entrada ao servizo, para logo facer un breve percorrido arredor do edificio do hospital Clínico e rematar finalmente diante da Xerencia do CHUS.

Denuncian o aumento do tempo de espera para os resultados das probas analíticas e diagnósticas, co conseguinte atraso para o seu ingreso en planta ou alta ao domicilio e que os cubículos, habilitados para un doente, son ocupados por 2, sen ningunha privacidade, mesmo chegando a verse obrigados a espirse uns diante dos outros. Xunto a iso, explican que a sala de espera de resultados é utilizada como sala de filtro, sen ter sido habilitada ao efecto.

Aseguran que o persoal vese obrigado a ocupar dous postos de traballo á vez, o que supón unha sobrecarga laboral, co conseguinte atraso na atención aos usuarios/as e que mesmo se dan altas forzadas ás 24 horas, para non priorizar os ingresos hospitalarios.

Hai xa unha semana denunciaran o deterioro na calidade asistencial por mor da restruturación do servizo, xa que, alén dunha mala xestión, abriuse unha nova sala de observación sen que se producira antes un incremento de persoal.

Esta nova sala, de 500 metros cadrados e que custou medio millón de euros, ten capacidade para 28 doentes. Porén, 14 das 28 camas non están operativas por falta de persoal. Isto tradúcese en esperas de horas para os usuarios.

Tamén recolleron sinaturas entre o persoal denunciando esta sobrecarga laboral, aínda que desde a dirección non se lle deu resposta algunha ás súas demandas.

Galería de imaxes

A nova en Avantar

Diálise de Barbanza, a que quería privatizar o SERGAS, primeira unidade do Estado en acadar a certificación do sistema de xestión de riscos para a seguridade dos pacientes

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Na páxina web do SERGAS anuncia a "bombo e platillo" a concesión á unidade de Diálise da Barbanza da certificación do sistema de xestión de riscos para a seguridade dos pacientes segundo a norma UNE 179.003, sendo a primeira unidade do Estado Español en conseguilo.

Tén a súa graza que agora a Consellaría de Sanidade se faga copartícipe deste logro, cando hai pouco menos dun ano a súa intención era privatizar este servizo do Hospital da Barbanza. Foi por abril do 2011, cando, ante as intencións privatizadoras da Consellaría, traballadores/as e cidadanía tiveron que unirse para denunciar esta medida, constituindo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza, que grazas á mobilización social conseguiu frear a privatización do servizo de Diálise.

Resulta cando menos curioso como, ao concedérselle esta certificación precisamente a ese servizo, recoñéceselle unha calidade na asistencia que viña prestando, tal e como CIG-Saúde xa expoñía na carta que se envíou no seu día á Conselleira denunciando esta privatización, o que indica que o intento privatizador non se debía a outra cousa que a favorecer a empresas "amigas", e non a unha busca da mellora na prestación de servizos nin na eficiencia da mesma.

Desde CIG-Saúde queremos felicitar a todo o persoal do Servizo de Diálise da Barbanza por teren acadado esta certificación, que non é máis que a constatación do seu traballo ben feito desde sempre. Tamén queremos felicitar a este persoal e a toda a cidadanía usuaria deste Hospital por teren conseguido frear a privatización de Diálise, un éxito que nos segue alentando para loitar contra as políticas rácanas, privatizadoras e recortadoras da Consellaría do goberno de Feijoo. Os nosos parabéns.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto