Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

A CIG-Saúde denuncia que as 407 prazas anunciadas polo SERGAS non son de nova creación

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

SERGAS con bandeiras CIG

Considera que é un anuncio unicamente propagandístico

Compostela 21 de outubro de 2019.

A CIG-Saúde vén de denunciar que o anuncio do SERGAS é puramente propagandístico, xa que as 407 prazas que contemplan os orzamentos para 2020 non son de nova creación. “Son prazas que na actualidade xa existen vacantes amortizadas coa taxa de reposición e que agora estaban cubertas con contratos eventuais e o que fan é recuperalas para que computen no cadro de persoal”.

Así o afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín que lembra que no sistema sanitario público galego hai máis de 5.000 prazas cubertas por persoal con contratos eventuais e precarios que deberían ser as que estes orzamentos recollesen como persoal interino para rematar coa precariedade laboral existente.

Para Abuín esta consolidación de prazas que fai SERGAS “segue a condenar ás/aos profesionais á precariedade laboral, obrigando a presentarse ás distintas ofertas de emprego por non poder acceder a un posto de traballo de carácter fixo”.

Neste sentido explica que destas 407 prazas, 133 son, segundo se anuncia, para persoal facultativo. “Se dividimos o número de prazas entre as diversas especialidades estamos falando de 3 prazas por especialidade médica para todo o sistema sanitario público de Galiza”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde indica ademais que as 274 prazas restantes “se as dividimos entre o número de categorías profesionais, todas elas con persoal contratado en precario, non chegan nin a 5 en todo o SERGAS”.

Por iso non entende “de que está presumindo o SERGAS” e “cal é o anuncio novidoso destes orzamentos” e asegura, por iso, que se trata unicamente de “máis propaganda da Xunta de Galiza”.

Abuín lamenta ademais que esta información chegue a través dos medios de comunicación e non se dea conta dela nin na mesa sectorial do SERGAS, nin na mesa xeral de empregadas e empregados públicos “onde deberían darnos os datos xerais destas 407 prazas e os datos desagregados por categorías profesionais”.

Por iso a CIG-Saúde segue a exixir que na mesa sectorial do SERGAS se negocie un sistema identificativo de prazas, tal e como recolle a lexislación, para coñecer a situación real do cadro de persoal identificando claramente cal é persoal fixo, cal é interino, eventual e cantas prazas vacantes hai cubertas con contratos temporais que se renovan cada mes, dous, seis…

Neste sentido Abuín subliña que ten que ser un plan de recursos humanos que identifique necesidades para achegar solucións, que nos permita coñecer o número de vacantes por xubilacións que se van producir nos próximos anos”.

Xunto a isto exixe a eliminación inmediata da taxa de reposición e un plan de emprego que permita recuperar os máis de 5.000 postos de traballo amortizados nestes anos. “En síntese, un cambio nas políticas de persoal do SERGAS, afastado da propaganda que permita rematar coa precariedade e garantir unha asistencia sanitaria pública e de calidade”.

CIG-SAÚDE reúnese coa Plataforma de Técnicos sanitarios pola reclasificación profesional conforme ao EBEP

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Foto con plataforma técnicos

A federación de Saúde de CIG, vén de reunirse en Santiago de Compostela no día de onte coa Plataforma estatal de técnicos. Puxéronse en común as reivindicacións no referente ao desenvolvemento da disposición transitoria do EBEP, co obxectivo de que nos orzamentos do Estado do ano 2020 se inclúa a reclasificación profesional do persoal técnico sanitario no grupo de clasificación que lle correspondería polo súa cualificación profesional.

Dende CIG-Saúde vímolo demandando dende o ano 2008 e reiteramos o noso compromiso de seguilo facendo ata que o Goberno do Estado o desenvolva.

As Fundacións de Investigación Biomédica néganse a negociar un convenio digno para o seu persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nin sequera aceptan a demanda de retribucións equiparadas a un Grupo E da Xunta

Nacional - 09 Out 2019

 

As e os presidentes dos comités de empresa das Fundacións Biomédicas de Investigación Sanitaria de Galiza, Paula Cerezo Álvarez, da Fundación Biomédica Galicia Sur; Alejandro Lamelo Alfonsín, da Fundación Prof. Novoa Santos e Ezequiel Álvarez Castro, da Fundación IDIS compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a negativa destas fundacións a negociar un convenio digno que permita que o persoal investigador -440 traballadores/as- teña, cando menos, unhas retribucións equiparadas ás que percibe un Grupo E (nivel formación ESO) da Xunta de Galiza, que equivalería a uns 16.000 €.

Os Comités de Empresa das tres Fundacións Sanitarias de Galiza, que engloban a gran parte do colectivo investigador a nivel hospitalario en Galiza, representan ás traballadoras e traballadores de investigación sanitaria, constituídos en plataforma (PLAGTIS). O seu obxectivo era a negociación do convenio laboral específico que, segundo denunciaron, está nun punto morto “pola negativa de patronal a incluír ao persoal que consegue financiación en convocatorias externas para o seu contrato”.

Ao seu entender, deixar a este persoal investigador, ao que se lle exixe ser licenciado, ter un mestrado e estar matriculado nos cursos de doutoramento, sen definición dunha categoría profesional dentro das fundacións, e sen o amparo dunha retribución mínima de acordo coa súa categoría, “é inasumíbel”.

Subliñan que a definición dunha categoría profesional, a súa retribución mínima e a estabilidade contractual “é a forma de visibilizar a dignidade do persoal traballador en calquera entidade”. Lembran ademais que estas tres condicións están protexidas polas leis ou os convenios laborais. Por iso entenden que o convenio laboral de organismos da relevancia das Fundacións de Investigación Sanitaria Galegas “non pode renunciar a ningunha delas”. Máis cando, tal e como explicaron, son millóns de euros os que se conseguen para os proxectos e a compensación económica para que as compañeiras e compañeiros completara os seus salarios, até chegar ao mínimo do convenio non suporía, atendendo aos seus cálculos, nin o 1%.

Neste sentido, o portavoz da PLAGTIS e presidente da Fundación IDIS, Ezequiel Álvarez Castro, considerou que a negativa a asumir esta demanda é consciente e ten como obxectivo inviabilizar a sinatura do convenio porque “eles saben que para nós é inadmisíbel e queren que rompamos as negociacións”.

Ademais Álvarez Castro denunciou a responsabilidade da consellaría de Sanidade e da propia Xunta de Galiza xa que, como indicou, “transmitíronos que a decisión vén de arriba”.

En punto morto

O portavoz da plataforma denunciou as precarias condicións de traballo deste colectivo, tanto pola alta temporalidade dos contratos como as carencias en seguridade e hixiene laboral. Para eles/as a inexistencia dunha carreira investigadora que garanta unha continuidade na investigación é unha demanda que “a nivel global que non foi escoitada até a data”. A isto engadiu os recortes en investimento para investigación, o que “fai que a situación sexa xa insostible”. Por iso Álvarez Castro asegurou que así “é imposible reter o talento e ser competitivos”.

A negociación do convenio comezou o 28 de maio de 2019 coa constitución dunha “Mesa de contidos” a través da apertura dun expediente no Consello Galego de Relación Laborais impulsado polos/as traballadores/as das fundacións sanitarias. Desde aquela celebráronse cinco xuntanzas, a última o pasado venres 4 de outubro, salpicadas de “atrancos, falta de ritmo e de fluidez no aporte de información”, o que provocou que os avances foran “escasos”.

De feito, o portavoz da plataforma asegurou que os poucos avances que se produciron foron “grazas á nosa vontade” porque mesmo aceptaron que se recollera en convenio unha xornada laboral flexíbel na que estarían dispoñíbeis de 7:00 da mañá a 19:00 horas todos os días da semana, incluídos os fins de semana e sen ningunha compensación.

Sobre a mesa de negociación deixaron claras as súas demandas, que se resumen en que se garanta a “igualdade”. Para acadala defenden que se recoñeza que o persoal que gaña convocatorias externas forma parte das fundacións “en igualdade de dereitos que o resto dos/as traballadores/as. O noso convenio debe acoller ao cen por cen dos/as traballadores/as contratados”.

Xunto a isto, rexeitan calquera caste de “discriminación”, partindo de que a participación nunha convocatoria externa e a consecución de financiamento “non pode supor un detrimento para o/a traballador/a que a consiga. Se a axuda conseguida é inferior á retribución mínima proposta, debemos suplementala por convenio”.

Tamén reclaman “autonomía” entendendo que a definición das categorías profesionais e as súas retribucións compete ás fundacións a través do convenio coa parte sindical, con independencia das condicións propostas polas convocatorias de financiación externas. “Non podemos supeditalas á caprichosa variabilidade da oferta externa: debemos ser autónomos”, sinalan.

Con todo, consideran que as fundacións “nunca tiveron interese real en negociar o convenio” porque se limitaron a traer a unha persoa dunha consultoría de Madrid, para imporlles un convenio idéntico ao que teñen alí e denuncian que a negativa da patronal “non se fundamenta nun estudio económico de viabilidade”.

Por iso demandan da patronal “que reflexione sobre a nosa proposta: igualitaria, inclusiva, coherente e viábel”, de cara a conseguir un convenio laboral “único” para todo o persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria galegas, non condicionado ás múltiples variedades de convocatorias de financiamento que “defina, dignifique e unifique as nosas condicións laborais”.

En diante, teñen previsto recorrer á Valedora do Pobo e aos grupos parlamentarios para que se force desde estas institucións á Xunta a garantir condicións dignas ao persoal investigador “porque isto beneficia a Galiza”. En todo caso advirten de que “se a súa resposta non chega, valoraremos mobilizacións”.

Xestión integral da investigación e innovación

As Fundacións Sanitarias, que naceron nos anos 90-2000, teñen encomendada pola consellaría de Sanidade da Xunta, a xestión integral da investigación e innovación que as e os profesionais de Galiza desenvolven, así como a promoción dos resultados que a actividade investigadora xera. Desde a Plataforma lembran que a misión de todas elas é impulsar a investigación, a docencia, a innovación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico no ámbito sanitario galego.

ATENCIÓN PRIMARIA: Non existe xestión eficiente sen planificación

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

A Consellaría de Sanidade ten que por fin as políticas de improvisación e recortes

Durante o nadal vanse producir ausencias de persoal motivadas polas vacacións e días libres que o persoal ten dereito a desfrutar. Esta situación vai coincidir coa onda da gripe, que tamén afecta as/os profesionais. Non se pode reproducir a situación xerada no verán.

CIG-SAÚDE esixe do SERGAS e da Consellaría de Sanidade que, de inmediato, convoque en cada EOXI, unha comisión técnica para planificar as medidas a tomar no mes de decembro na atención primaria. CIG-SAÚDE esixe que as organizacións sindicais formen parte das devanditas comisións.

Nas comisións técnicas, entre outros factores, haberá que analizar:

  • Nº de traballadores/as que van desfrutar as vacacións.
  • Nº de traballadores/as que van desfrutar os días libres.
  • Previsión de I.T. dos/as profesionais.
  • Incidencia da gripe no nº de consultas dos anos anteriores: nos Centros de saúde, nos PACs e nos domicilios.
  • Outros temas que teñan relevancia na planificación dos Recursos.
  • Oferta dun contrato continuado, de afectación a todos os colectivos, para cubrir as ausencias desde o 1 de decembro até que descenda a onda da gripe.
  • De non existir persoal suficiente, nalgún colectivo, ofertar prolongación da súa xornada. As ofertas de traballo en PACs levarán implícita a retribución da nocturnidade e a festividade.
  • A prolongación nas unidades e servizos de atención primaria, retribuirase como xornada extra. O obxectivo é evitar a intersubstitución. Está demostrado que a intersubstitución colapsa e xera listas de agarda.

Unha vez analizada a situación, desde a CIG-SAÚDE propoñemos que se tomen, entre outras, as seguintes medidas:

 

Un ano máis non podemos recibir da Administración Sanitaria a resposta de que non hai persoal dispoñible. E do que si hai, non contratar pola política de recortes.

O SERGAS non pode agardar a ofertar a cobertura das ausencias cando xa non haxa persoal dispoñible, porque os profesionais teñen ofertas na sanidade privada que melloran as condicións de traballo da sanidade pública.

Improvisar non é xestionar, a planificación é garantía dunha boa asistencia

Descarga a nota de pensa en cig.gal

XORNADAS DE DEBATE DE ATENCIÓN PRIMARIA: PROPOSTAS PARA O CAMBIO.

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

ESCOITARNOS ENTRE TOD@S

Organiza: Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia.

Colaboran: Todas as organizacións profesionais que traballan, ou deberían facelo, nos Equipos de Atención Primaria.

Coordina Xosé María Dios Diz.

1.- Presentación de cada colectivo (5 minutos por colectivo): máximo 60 minutos

  • Papel e perfil profesional dos integrantes dos Equipo da AP.
  • Situación actual, problemas, carencias e necesidades de cada colectivo, para desenvolver as súas funcións e actividade profesional nos Centros de Saúde.
  • Propostas para a súa integración nos Equipos de AP.

2.- Información do tema, por parte dos 3 Sindicatos: CIG, UGT e CCOO (5 minutos cada un).

3.- Manuel Martin, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia (10 minutos)

  • Situación actual da Atención Primaria en Galicia: problemas carencias e necesidades.
  • Os Equipos de Atención Primaria: modelo teórico e real.
  • Garanten na actualidade unha atención integrada e continuada?
  • O Actual modelo dá resposta ás necesidades de saúde da poboación e @s pacientes?

3.- Debate Xeral co público (30 minutos).

4.- Elaboración consensuada de propostas prioritarias (30 minutos).

Colexio de Médicos de Santiago, xoves 3 de outubro 17 horas

Pola negociación dun Plan de Ordenación de RRHH de Atención Primaria xa

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

CIG-SAÚDE esixe a inmediata negociación na Mesa Sectorial do SERGAS dun Plano de Ordenación de Recursos Humanos (PORRHH) de Atención Primaria, que conteña os aspectos que teñen que ver directamente coa indispoñibilidade de persoal, coas xubilacións que se van producir nos próximos 5 anos, coa reordenación ou reasignación de persoal e coa incorporación de novos profesionais en función das necesidades asistenciais.

Se non hai un diagnóstico das necesidades mal pode haber propostas de solución. A Consellaría de Sanidade debe abordar este tema con rigor e transparencia, xa que até o momento o único que persegue é lexitimar as súas políticas con medidas erradas.

CIG-Saúde esixe un Plano de Ordenación de Recursos Humanos que recolla:

Prazas vacantes por xubilación no período 2010/19. Disgregadas por EOXI, Centro de Saúde e PACs

Como foi a cobertura destas prazas:

  • Con persoal fixo de OPE ou traslado.
  • Con persoal interino.
  • Con persoal eventual en praza estrutural.
  • O goberno é o responsable da taxa de reposición, mais hai outros actores que serviron de colaboradores neste obxectivo:
    • Os colexios médicos, até hoxe cómplices co seu silencio.
    • Os sindicatos asinantes dos acordos que lexitiman a taxa de reposición até o 2020.
    • Os partidos políticos que nunca presentaron ningunha iniciativa, e seguen sen presentala, para eliminar a taxa de reposición.
  • Non se convocarán o 100% das prazas vacantes a OPE e traslados.
  • Non se poderán cubrir as prazas vacantes con interinidades.
  • O persoal seguirá con encadeamentos sucesivos de contratos para cubrir postos estables.
  • Non se poderán crear novas prazas estables para dar resposta ás novas necesidades asistenciais.

Prazas vacantes que se van a producir por xubilación no período 2020/25

Persoal que estea en prolongación da vida laboral e que accederá á xubilación forzosa ao cumprir 70 anos.

Datos do nº de persoas que neste período cumprirán 65 anos.

Composición dos cupos por grupos de idade

Nº de TIS dos cupos agrupados por idade.

Estudo de novas necesidades de persoal

Nº de prazas MIR e EIR a convocar nos vindeiros anos.

Resto de información que sexa de interese: previsión de ITs, ausencias do persoal ...

Paralelamente á elaboración deste plano o goberno galego ten a obriga de rematar coa taxa de reposición. Unha taxa que leva aplicando dese o ano 2010, impedindo a cobertura das prazas vacantes producidas nestes anos.

Mentres exista taxa de reposición seguirá a precariedade laboral:

  • Non se convocarán o 100% das prazas vacantes a OPE e traslados.
  • Non se poderán cubrir as prazas vacantes con interinidades.
  • O persoal seguirá con encadeamentos sucesivos de contratos para cubrir postos estables.
  • Non se poderán crear novas prazas estables para dar resposta ás novas necesidades asistenciais.

A Sanidade Pública necesita unha Atención Primaria que dea resposta ás necesidades de saúde, e as/os profesionais necesitan traballar en condicións dignas e de estabilidade para ofertar unha asistencia sanitaria de calidade, dedicando o seu tempo a por os seus coñecementos ao servizo da poboación, e non a resolver as trabas que a Administración lles impón.

Unha Atención Primaria de Calidade cunhas condicións laborais dignas é posible!

A CIG-Saúde exixe un Plano de Ordenación de Recursos Humanos en Atención Primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde exixe un Plano de Ordenación de Recursos Humanos en Atención Primaria

Demanda a supresión da taxa de reposición e unha previsión das xubilacións que se van producir

Nacional - 27 Set 2019

A CIG-Saúde reclama ao SERGAS o cumprimento do compromiso adquirido o pasado día 8 de abril de negociar en mesa sectorial as materias que lle afectan ao persoal de Atención Primaria, coa elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que identifique as necesidades de persoal para dar solucións.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín denuncia que non se está dando unha solución real ao déficit de persoal porque “o SERGAS non facilita a información necesaria para saber cales son, en concreto, os déficits de persoal e as previsións de cobertura dos próximos anos tendo en conta as xubilacións que se van a producir”.

Por iso entende que “se non hai un diagnóstico de necesidades mal pode haber propostas de solución ás mesmas” e exixe que se aborde este tema “co rigor e a transparencia que merece a cuestión, porque até o de agora o que fixo o SERGAS foi lexitimar as súas políticas con medidas erradas”.

Vacantes por xubilación previstas

Para a CIG-Saude ese Plan de Ordenación debe contemplar, entre outras cuestións, as prazas vacantes por xubilación, no período 2010-2019, desagregadas por EOXI, Centro de Saúde e PACs. “Temos ademais que saber previamente cantas destas prazas están cubertas con persoal fixo, interino ou eventual e cantas seguen vacantes ou están amortizadas, porque non sabemos sequera iso”, indica Abuín.

Xunto a isto demanda que se dea conta do número de prazas vacantes que se van producir por xubilación no período 2020-2025 e tamén o número de persoas que está a prolongar a súa vida laboral e que nos vindeiros anos accederá á xubilación forzosa ao cumprir os 70 anos.

Para facer un estudo de necesidades real, ademais deste datos, reclama que se informe do número de tarxetas sanitarias que ten cada profesional agrupados por idades, porque “non é igual quen teña un determinado número de crónicos ou de persoas de maior idade, que quen non e iso tamén ten que ser planificado”.

Con todo isto Abuín entende que si se podería saber cales son as necesidades reais do sistema, tanto agora, como no futuro para poder planificar axeitadamente. “A improvisación non pode seguir sendo un mérito porque só leva á precariedade laboral e a unha desatención da poboación”, asegura a secretaria nacional da CIG-Saúde.

Supresión da taxa de reposición

Parello a isto a CIG-Saúde considera que o goberno galego ten que rematar coa taxa de reposición para que se podan convocar o 100% das prazas vacantes en OPE e traslados. “Con esta medida evitaríase que o persoal seguira encadeando contratos sucesivos para cubrir postos estables e poderíanse crear novas prazas estables para dar resposta ás novas necesidades asistenciais”.

A CIG-Saúde lembra que o goberno galego “é o responsable da taxa de reposición” e fai un chamamento a quen colaboraron na decisión de mantela. “Estamos a falar dos colexios médicos que, co seu silencio permitiron que se mantivera; os sindicatos asinantes que, coa súa sinatura, lexitiman a taxa de reposición até 2020 e os partidos políticos que nunca presentaron ningunha iniciativa –e seguen sen presentala- para eliminar a taxa de reposición”.

A este respecto María Xosé Abuín exixe que “alén das declaracións públicos en defensa da sanidade pública precísase de accións que sexan verdadeiramente acordes co discurso que se esgrime”.

A CIG-Saúde insiste en que a sanidade pública necesita dunha Atención Primaria que dea resposta ás necesidades de saúde da poboación e que as/os profesionais necesitan traballar en condicións dignas e de estabilidade para ofertar unha asistencia sanitaria de calidade “dedicando o seu tempo a pór os seus coñecementos ao servizo da poboación e non perdelo resolvendo as trabas que lle pon a administración”.

A CIG-Saúde reclama a recuperación dos acordos retributivos do persoal do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

imaxe concentracion

Delegados/as concentráronse hoxe diante da consellaría de Sanidade

Nacional - 25 Set 2019

 

Delegados e delegadas de CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade para reclamar a apertura dun proceso de negociación no que se acorde un calendario que permita a recuperación dos acordos aprobados en mesa sectorial en 2008 e suspendidos coa chegada do goberno Feijóo en 2010. Previa a concentración solicitárase ser recibidos pola consellaría para tratar esta cuestión. Porén foi un policía o que comunicou que non había ninguén hoxe para atendelos. “Preguntámonos se este é o novo modelo de relacións laborais da Xunta, que o noso único interlocutor sexa o policía da porta”.

Así o manifestaba, con indignación, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, para quen “esta non é forma de tratar á representación do sindicato maioritario no SERGAS” nin pode servir como escusa para que non se atendan as demandas do persoal “malia termos reiterado esta petición desde o ano 2013”.

Abuín lembrou que “daquela tanto o Presidente da Xunta como o conselleiro de Facenda falaban de que estabamos na senda da recuperación e do crecemento, pero seguiron castigando ao persoal do SERGAS. O único que demandamos é que se recuperen eses acordos”.

Abuín explica que neses acordos contemplábase que o persoal do SERGAS que traballa a quendas rotatorias de mañá, tarde e noite, os 365 días se lle recoñecera este complemento específico. Porén, ademais de suspender eses acordos, a secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia a “discriminación salarial” existente con respecto ao resto do persoal da administración autonómica “que superan os 250€ mensuais”.

Segundo explicou, para igualar as retribucións por categorías ao mesmo nivel entre o persoal do SERGAS e o persoal traballador/a da administración autonómica que traballa en quenda de mañá, de luns a venres, “o persoal do SERGAS ten que traballar en quenda rotatoria de mañá, tarde e noite cunha prestación efectiva de servizo de 3 noites e un festivo mensual”.

Por iso se cuestionou que clase de apoio se lle está a dar ás traballadoras e traballadores da sanidade pública “se nos condenan a ter unhas retribucións precarias e situarnos case á cola dos servizos de saúde”.

Orzamentos 2020

María Xosé Abuín exixiu ademais que estas demandas se teñan en conta á hora de elaborar os orzamentos para 2020 e que previo a iso se negocie en mesa sectorial un calendario para que ano a ano esa recuperación salarial se vaia facendo efectiva. “Non exiximos máis que o que el mesmo demanda do resto das administracións, que cumpra os compromisos”.

Ademais cuestionou que se utilicen “os 700 millóns do Estado” para xustificar que non se inclúe esta recuperación. “Non nos valen as desculpas de Feijóo, porque cando goberna en Madrid o PP todo está ben e a economía vai de marabilla e en 6 meses resulta que é un caos. Pois algunha responsabilidade tamén ten el”.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto