Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

Seguen as saturacións nos servizos de urxencias. Exiximos solucións e dimisións!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde esixe a dimisión do xerente da Área Sanitaria de Vigo pola súa falta de resposta ante a epidemia de gripe

A central acúsao de “incapacidade manifesta” para organizar os recursos asistenciais
 
A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de reclamar a dimisión do xerente da Área Sanitaria ante a falta de capacidade de resposta fronte aos colapsos sufridos nos servizos de urxencias polo incremento de patoloxías relacionadas coa gripe e outros procesos virais.
2015 01 07 ColapsoUrxenciasMeixoeiroVigo02Dende a CIG-Saúde explican que estes repuntes de actividade nos servizos de urxencias son perfectamente previsibles e, con variacións de unha ou dúas semanas, “podemos saber cando se van a producir, e en función das cepas de virus dominantes tamén podemos adiantar a poboación que será máis afectada, que neste caso, ao tratarse do Virus H3N2, afecta máis a persoas maiores, polo que era de agardar unha maior demanda en urxencias por tratarse de poboación máis fráxil e con patoloxías crónicas”.

Diante desta situación, a Xerencia decide pechar camas e reducir recursos asistenciais, xerando demoras inadmisibles e condicións asistenciais intolerables para os pacientes e para o persoal que traballa nos servizos de urxencias.

Nestas circunstancias “só nos queda pedirlle ao Xerente que presente a dimisión por incapacidade manifesta de organizar os recursos asistenciais, garantindo a seguridade dos pacientes”. De non producirse, reclámanlle á conselleira de Sanidade o seu cese inmediato, “xa que de non facelo estaría demostrando que este xerente cumpre as súas ordes: desmantelar a sanidade pública a calquera prezo”.

 

A falta de persoal e o peche de camas provoca novas saturacións das Urxencias do Meixoeiro e do HULA

Ducias de persoas teñen que agardar nos corredores do centro vigués para recibir asistencia médica

 

A falta de persoal durante as vacacións de Nadal e a política de recortes e de peche de camas da Xunta están a provocar colapsos constantes nas urxencias médicas dos hospitais galegos. No caso do Meixoeiro de Vigo, nestes momentos ducias de persoas teñen que agardar nos corredores para recibir asistencia médica, mentres que o HULA ten sete doentes ingresados/as nos boxes de urxencias, xa que Observación permanece chea e boa parte das camas pechadas.

 

No caso da Área Sanitaria de Vigo, nestes momentos ducias de persoas teñen que agardar nos corredores do hospital do Meixoeiro para recibir asistencia médica, algo que tamén foi unha constante na tarde do martes e esta pasada noite.

Dende a federación de Saúde da CIG denuncian que o persoal do Meixoeiro non dispoñía nin de padiolas para atender os pacientes, que tiñan que agardar de pé nos corredores a seren atendidos/as.

Esta nova situación de colapso coincide cun repunte dos casos de gripe e coa escaseza de persoal com motivo das festas de Nadal é consecuencia da política de recortes e de peche de camas da Xunta, o que fai que algúns doentes teñan que ser derivados a outros centros médicos da cidade.

Ao mesmo tempo, dase a circunstancia de que os médicos/as de Urxencias do Meixoeiro manteñen unha folga dende hai un mês, “aínda que a protesta está a ter pouca incidencia na situación do centro porque os servizos mínimos están a ser do 100%”.

Por outra banda, dende a CIG-Saúde critican que o centro tampouco conta com roupa de cama suficiente a causa dos problemas no servizo de lavandería. “En novembro estropeouse unha das máquinas e o pasado sábado a outra, polo que mandaron as traballadoras/es para a casa”.

Boxes cheos e camas pechadas no HULA

Pola súa banda, a Sección Sindical da CIG-Saúde no HULA remitiu esta mañá un escrito á dirección de Procesos Asistencias denunciando o caos que se está a vivir no servizo de urxencias, mentres boa parte das camas do Hospital permanecen pechadas.

Así, sinalan, hoxe houbo sete doentes ingresados/as nos boxes de Urxencias (debido a que a Observación estaba chea), a pesar das necesidades asistenciais dalgunhas persoas, como un doente con orde de transfundir varios concentrados de hematíes e outro con controis constantes, polo que ocupaba un box de críticos.

A Sección Sindical sinala que as poucas camas libres que quedan no centro se atopan en Unidades Cirúrxicas, porque  hai poucas  intervencións programadas, mentres noutras unidades “están xa máis doentes que camas permanecían abertas”.

Esta situación, explica Carme Aira, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde,  provoca que os doentes que permanecen nos boxes sexan trasladados/as aos corredores, xa que estes espazos se precisan para ver novos doentes que acudan ás urxencias. Ademais, estes enfermos/as non teñen médico/a asignado/a xa que non son pacientes de urxencias senón de  hospitalización, e teñen que permanecer nunha cama á espera de ingreso “co mínimo confort e sen ápice de intimidade”.

O resultado, advirte, é que nalgún caso “a/o propia/o doente pide a alta voluntaria porque non se sente atendida/o”.

A CIG-Saúde critica a falta de actuacións da dirección para pór remedio a unha situación que se repite “con excesiva frecuencia para a frustración de doentes e persoal”.  “A única cuestión que parece clara e indiscutíbel é que hai que pechar camas e paralizar o HULA. Con respecto ao resto o único interese é cronificar a desorde, de modo que ás  doentes lles custe acudir á urxencia e ás profesionais traballar nela”.

As novas en Avantar:

Saturación nas urxencias do HULA e do CHUVI

Exiximos a dimisión do xerente do CHUVI

 

CIG-Saúde recorre a resolución de privatización do persoal de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde ven de iniciar a vía administrativa para recorrer a resolución da Área de Xestión Integrada de Vigo que dá un prazo de 20 días para que o persoal decida se quere integrarse na concesionaria do Novo Hospital ou quedar na Pública, mais cambiando de categoría.

Velaquí o recurso de alzada interposto hoxe (preme nas imaxes para ampliar):

recurso privatización persoal vigo1recurso privatización persoal vigo2

Señora Mosquera: ante o ébola, menos triunfalismos e mellor planificación

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Esta mañá tivo lugar unha rolda de imprensa de CIG-Saúde, na que denunciabamos a improvisación coa que se está a xestionar a formación do persoal ante o ébola, e o triunfalismo co que se fala desde a Consellaría de Sanidade, cando a día de hoxe inda falta moitísima formación práctica sobre o tema. Exiximos unha planificación fonda e eficaz contra o ébola, con formación práctica impartida por persoas con experiencia, e que esta formación sexa considerada xornada efectiva. Tamén exiximos que a Consellaría se implique na erradicación do problema de raiz, poñendo todo o que estea da súa man para axudar a paliar a situación en África.

 

A consellaría de Sanidade destina 228.600 euros a contratar unha empresa privada para impartir formación ás/aos profesionais do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde denuncia que esta formación xa é impartida pola FEGAS

fegasA CIG-Saúde vén de denunciar que nos orzamentos para 2015 a consellaría de Sanidade destina unha partida de 228.600€ para contratar unha empresa privada que imparta formación continuada a profesionais en “mellora da calidade e seguridade e redución de custos”. Para a CIG-Saúde este gasto está enmarcado na política da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, de detraer dos orzamentos públicos diñeiro para empresas privadas sen xustificación algunha.

A CIG-Saúde explica que até o de agora a formación das e dos profesionais era impartida pola Fundación Pública de Formación Sanitaria (FEGAS) e a formación a usuarios/as a través da Escola de Cidadáns.

Ademais disto, engade que agora a consellaría de Sanidade vai crear a Axencia Galega de Formación e Innovación Sanitaria que “entendiamos que era para mellorar o servizo público e a formación das e dos profesionais –e non só para incrementar o número de directivos designados a dedo- cando, ao final, semella que non vai ser así porque prima o interese por seguir privatizando”, afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Neste sentido, a CIG-Saúde lembra que desde a chegada do PP ao goberno da Xunta fóronse reducindo os orzamentos destinados a formación e pregúntase se o obxectivo último, á vista desta nova partida orzamentaria, non sería precisamente a de” ir reducindo a formación desde o sistema público para finalmente derivala a empresas privadas”.

Redución de custos

A CIG-Saúde alerta ademais dos obxectivos concretos desa formación que se pretende impartir desde a empresa privada, nomeadamente no que se refire e “redución de custos”. Neste sentido sinala que até o de agora para o Partido Popular “reducir custos foi e é recortar dereitos e prestacións sanitarias o que vai en detrimento da calidade do sistema público de saúde, castigando ás persoas con menos recursos”.

A nova en Avantar

Orzamentos 2015: máis recortes na asistencia sanitaria, máis perda de postos de traballo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

OUTUBRO 2014, ORZAMENTOS 2015:

RECORTES NA ASISTENCIA SANITARIA, PERDA DE POSTOS DE TRABALLO,

CONXELACIÓN DOS RECORTES RETRIBUTIVOS

EN DEFINITIVA: AUMENTO DA PRECARIEDADE LABORAL E DO SUFRIMENTO DAS PERSOAS ENFERMAS

               

A Xunta de Galiza, como é habitual cada ano, convocou no día de onte ás organizacións sindicais con representación na mesa xeral da Función Pública para transmitirnos, de forma verbal, o CAPÍTULO I, dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

Este Capitulo I recolle as condicións laborais e retributivas das/os traballadoras/es públicas/os onde está incluído o persoal do SERGAS

               orzamentos 2015 E qué di  CAPÍTULO I?

  • Que a Xunta de Galiza vai seguir castigando as/os empregadas/os públicas/os mantendo a conxelación dos recortes. Non é verdade o que din de que nos conxelan os salarios, o que nos conxelan é os recortes.
  • Di a Xunta de Galiza que acordaron devolvernos  a parte devengada da extra que nos quitaron ilegalmente no ano 2012. A quen queren enganar? Estannos a devolver o que gañamos en múltiples sentenzas xudiciais firmes. Agora devólvena en cómodos prazos.
  • A taxa de reposición vai ser do 50% nos servizos públicos esenciais, agás na sanidade. Pois como ben indicou a Sra. Mosquera, Conselleira de Sanidade, no noso sector a taxa de reposición do 50% aplicarase nos centros e categorías profesionais que as necesidades o requiran. Con que criterios se determinan estas necesidades? cos criterios da privatización?
  • Non hai ningún compromiso de estabilidade laboral, nos procesos selectivos convocaranse as prazas que as súas necesidades determinen, non as que demande a asistencia sanitaria. Non van a  convocar OPE  de todas as categorías
  • Unha das partidas orzamentarias máis importantes do SERGAS é a destinada a pagar as privatizacións dos servizos: baixa calidade a un alto prezo. Estas partidas orzamentarias detráense do orzamento xeral, máis cartos para as empresas e menos camas na sanidade pública, máis copagamentos polos servizos sanitarios,  e menos traballadoras/es públicas/os.

Aquí a conxelación dos salarios é superior ao resto do estado: as pagas extras van ser incompletas, imos seguir sen percibir a retribución do complemento específico. Levamos 3 anos percibindo as pagas extras incompletas, mentres o goberno do estado recolle as pagas completas na Lei de orzamentos do Estado.

NON SEXAS CÓMPLICE DO DESMANTELAMENTO DA SANIDADE PÚBLICA

POR UNHAS CONDICIÓNS LABORAIS E SALARIAIS DIGNAS

MOBILÍZATE!

O SERGAS limítase a colgar un protocolo na súa Intranet para informar ao persoal sobre como actuar fronte ao ébola

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia que practicamente en ningún caso se fixeron simulacros prácticos de cómo pór ou quitar un traxe, nin sequera no centro de referencia, o Meixoeiro, a onde se remitiu unicamente un vídeo
A CIG-Saúde denuncia que existe unha total falta de formación e adestramento do persoal no que se refire a todo o relacionado co virus do Ébola. “A percepción do persoal é que o único que fixo a Consellería ao respecto foi colgar os protocolos na intranet do SERGAS e cando algún persoal se interesa pola cuestión, remiten a estes protocolos”, afirman.  A isto engade que “sabemos que o papel o aguanta todo, mais por colgar un protocolo na intranet non significa que o persoal estea xa formado. Precísase adestramento ademais de palabras escritas nun papel”.
Logo CIG-Saúde

A CIG-Saúde asegura que practicamente en ningún caso se fixeron simulacros prácticos de cousas tan evidentes como poñer ou sacar o traxe de protección e que o persoal do 061 conseguiu que se lles ofrecera unha xornada técnica “porque presionaron á dirección con non atender estes casos se non se lles formaba ao respecto”. Unha xornada que, en todo caso, aínda non foi impartida.

Sinala que se están facendo pequenas charlas sobre o Ébola nalgúns centros, pero asegura que mesmo entre a charla dun centro e a doutro, “existen informacións contraditorias”.

Denuncia que cando se supón que o Meixoeiro é o centro de referencia en Galiza para casos de Ébola, o persoal deste centro “non foi formado ou adestrado con xornadas prácticas”, e que cando o requiriron, “envióuselles un vídeo sobre cómo colocar o traxe de protección”.

A este respecto, matiza, moitos expertos coinciden en que a operación de poñer e quitar o traxe require de, cando menos, 2 semanas de adestramento por profesionais cualificados/as nun centro adecuado, algo moi lonxe do que está a acontecer. A isto engade que, ademais, tamén está recomendado que no momento  da retirada do traxe haxa dúas persoas con adestramento suficiente, unha axudando nesta tarefa e a outra supervisando e comprobando que se está a facer correctamente.

Asegura que no resto dos centros da rede SERGAS, nomeadamente centros de saúde e PACs, que poden recibir un caso en calquera momento,” non só non se formou e adestrou ao persoal, senón que en moitos casos non se dispón de espazos habilitados para o manexo destes casos”. A este respecto indican, a modo de exemplo que en moitos centros os boxes de urxencias (sexan hospitalarias ou extrahospitalarias) teñen como única separación entre eles e o corredor de acceso unha cortina, e en caso de ter que poñer ou quitar un traxe de protección tería que facerse dentro do propio box ou no corredor por onde está a pasar todo o mundo. “Xa non digamos os centros de saúde, que na súa maioría non dispoñen de ningún habitáculo que poida ser destinado a illar un posíbel caso de ébola”.

A isto engaden que tampouco se sabe qué protocolo van seguir aqueles centros privados que poden ser susceptíbeis de recibir un caso deste tipo, nin se o persoal deses centros vai dispoñer das medidas de protección adecuadas ou do adestramento necesario.

Tamén se descoñece qué indicacións se lle deron ao persoal da limpeza, clave neste tipo de casos, e que, como é ben sabido e a CIG-Saúde denunciou sempre, está privatizado, sendo prestado este servizo por distintas contratas nos distintos centros. “Este persoal debe de ser tamén adestrado convenientemente, cousa que, ata este momento, non se fixo”.

Alertan de que a día de hoxe, en moitos centros aínda non se dispón dos equipamentos de protección necesarios, ou o que se está a enviar como paquete anti-ébola “consta de material de uso diario que para nada responde ao recomendado para casos de protección biolóxica como do que estamos falando.  O que é máis, o material que se está enviando non é nin sequera impermeábel”.

A CIG-Saúde pregúntase “se a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén lle vai botar a culpa ao persoal ante un posíbel caso. En vista do ben que se están a facer as cousas, sería algo moi grave, tal e como é o que está a acontecer en Madrid, onde a vítima se converte en culpábel porque o goberno do PP elude responsabilidades”. Lembran as últimas declaracións da Conselleira, nas que incidía en que “o protocolo está colgado a disposición de todo o persoal” e ante isto consideran que “resoan ecos de querer xustificarse despois nisto para non asumir a súa responsabilidade ante calquera situación e dirixir directamente a culpa ao persoal”.

A CIG-Saúde advirte de que nos centros sanitarios galegos traballan moitas persoas, profesionais formados/as e que co seu traballo diario manteñen a flote a Sanidade Pública, suplindo en moitos casos as carencias ás que se ven sometidos/as por mor dos recortes e políticas de desmantelamento e privatización que este goberno ten por norma aplicar. “Calquera persoa que acuda a un centro sanitario galego pode estar segura de que o darán todo para axudar á súa curación. Mais tamén é necesario que se saiba que o están a facer, no que respecta ao Ébola, mais non só, en condicións indignas, e sen a máis mínima seguridade para a súa saúde”.

Desde a CIG-Saúde, e recollendo o sentir do persoal “temos a percepción de que existe unha total e absoluta improvisación no tocante á actuación ante o Ébola. Existe sensación de caos, e así o están a contar desde os distintos centros moito do persoal que alí traballa”.

Manifestan en todo caso a esperanza de que non se dea ningún caso de infección por Ébola na Galiza, mais para o caso en que así fora, “agardamos que desde xa se empece a tomar en serio esta cuestión e se empece a difundir adecuadamente a información e a formar e adestrar convenientemente, con xornadas prácticas, ao persoal da sanidade, que vai expor a súa propia saúde para atendelo e quere facelo cunhas mínimas garantías”.

A nova en Avantar

Ébola: crónica dun caos anunciado

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

meixoeiro_vigoVimos de coñecer a noticia de que unha profesional da sanidade do Hospital Carlos III, onde se atendeu aos dous relixiosos infectados que foron repatriados para acabar morrendo en Madrid, deu positivo nas probas do Ébola. As informacións son variadas e confusas, mais parece ser que esta profesional comezou as súas vacacións xusto o día seguinte de que falecera o dr. García Viejo e que cando comezou con febre non moi alta o pasado día 30 de setembro, comunicouno ao Servizo de Prevención de Riscos, mais non se tomaron medidas de prevención nin foi ingresada ata este luns día 6 de outubro, cando as probas deron positivo a Ébola.

Descoñecemos cómo se estabeleceu o dispositivo e protocolos de atención ao Ébola na comunidade de Madrid, mais na Galiza desde a CIG-Saúde, xa no mes de agosto denunciabamos a improvisación coa que se estaba levando a cabo o procedemento:  o persoal do SERGAS enterouse pola prensa de que se decidira que o Hospital do Meixoeiro sería o centro de referencia para estes casos na Galiza, e tampouco tivo coñecemento do protocolo estabelecido ate despois de ser anunciado á prensa con toda pompa. A día de hoxe, inda que existe un protocolo e pautas de actuación ante un caso sospeitoso desta enfermidade, non se trasladou esta información con amplitude ao persoal nin se adestrou adecuadamente con casos prácticos, malia termos insistido desde a CIG-Saúde para que se forme e se informe correctamente a todo o persoal, nomeadamente ao persoal do Meixoeiro que será o encargado de atender estes casos. Tampouco se está a formar sobre o correcto emprego dos Equipos de Protección Individual para casos deste tipo.

Tamén na Comisión Central de Seguridade e Saúde se falou do tema, actuando a Administración con soberbia e condescendencia, sen decatarse de que estamos a falar dun andazo que, segundo podemos albiscar agora, a mala planificación e a improvisación das autoridades sanitarias veñen de trasladar a Europa. A modo de exemplo, e como caso máis paradigmático, o Comité de Seguridade e Saúde da Área de Vigo non foi convocado previamente ao estabelecemento do protocolo e nomeamento do Meixoeiro como centro de referencia, e só se reuniu cando xa fóra anunciado á prensa, malia as delegadas de prevención da CIG-Saúde solicitalo insistentemente por escrito.

Insistimos en que o SERGAS ten grandes profesionais, formados nos seus respectivos campos, que día a día dano todo para manter a flote a Sanidade Pública malia os costantes ataques que sofre desde os gobernos do PP, mais ante unha patoloxía desta entidade, que precisa duns equipos de protección e unha actuación non habitual no procedemento cotián da sanidade, cómpre máis información e formación, e, por suposto, cómpre unha planificación adecuada feita desde a humildade, que non estamos libres de que se dea na Galiza un caso entre usuarios/as da sanidade ou entre profesionais, como moi ben se acaba de comprobar en Madrid.

Contra a privatización da Sanidade e do persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

vigo_8Esta mañá tivo lugar en Vigo unha concentración convocada pola CIG-Saúde para rexeitar unha vez máis a privatización da Sanidade Pública, nomeadamente o Novo Hospital de Vigo, e para exixir que dunha vez, a Xerencia desta Área explique qué pensa facer co persoal estatutario (fixo, interino, eventual) afectado polas privatizacións, posto que ata agora o único que hai é silencio. Exiximos a marcha atrás do proceso privatizador, que se retome o anterior proxecto do Hospital e que se manteña e incorpore o persoal estatutario necesario para atender á poboación de Vigo. 

Continuamos defendedo a Sanidade Pública contra as políticas privatizadoras do PP! 


vigo_4vigo_7vigo30_4vigo30_14

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto