Noticias Persoal Outras novas
 
 

A CIG oponse ao proxecto de Real Decreto que regulará a entrada de ETTs na Administración Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

As Federacións da Área Pública da central sindical apelan á responsabilidade da Xunta para que deixe sen aplicación a medida en Galiza. A CIG manifestou hoxe en rolda de prensa a total oposición ao Proxecto de Real Decreto presentado polo goberno español ás organizacións sindicais, polo que se regulará a entrada de empresas de traballo temporal nas administracións públicas para desenvolver tarefas que até agora realizaba persoal laboral da Función Pública. As Federacións da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) valoraron moi negativamente esta normativa por canto supón un avance no proceso de privatización e desmantelamento progresivo dos servizos públicos e unha agresión ás condicións laborais dos/as empregados/as.

 

Ler máis

Avaliación das Xefaturas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Recibimos este correo do SERGAS:

 

Boa tarde:

De conformidade co  Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, os aspirantes nomeados para o desempeño de postos de xefatura e coordinación de licenciados sanitarios, polo procedemento de avaliación colexiada, obteñen un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Engade o Decreto que, antes da finalización do referido período, os profesionais serán avaliados para os efectos da súa prórroga por idéntico período ou remoción.

 

Neste intre, no que se está próximo o momento en que proceden as primeiras reavaliacións,  temos constatado que se trata dunha materia que precisa desenvolvemento. Por iso foi elaborado un borrador de Orde pola que establecen as bases do procedemento para a reavaliación de determinadas xefaturas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde.


Achegamos dito borrador, coa finalidade de que ata o venres 28 de xaneiro nos poidan facer chegar as alegacións que consideren oportunas.

 

Pola nosa parte remitiremos tamén o borrador ás institucións sanitarias do Sergas, así como a outras entidades que poidan ter a condición de interesadas.


O Tribunal de Xustiza da UE recoñece o dereito do funcionariado interino a cobraren trienios con efectos retroactivos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Esta sentenza tamén afectaría ao persoal estatutario. Artigo recollido da páxina web de CIG-Ensino.

 

O Tribunal de Xustiza da UE recoñece o dereito do funcionariado interino a cobraren trienios con efectos retroactivos, nunha demanda presentada pola CIG-Ensino, por medio da nosa avogada María Costas Otero

 

Resolve un pedido de decisión prexudicial presentado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 3 de Pontevedra, nun procedemento iniciado por unha afiliada da CIG-Ensino e dirixido pola asesoría xurídica do noso sindicato, ao través da nosa avogada, María Costas Otero. Única avogada que presentou alegacións tal como recolle a propia senteza.

 

Nunha sentenza publicada onte, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), con sede en Luxemburgo, declarou que os funcionarios interinos da Comunidade Autónoma de Galiza teñen dereito a percibir trienios de antigüidade por aplicación directa da Directiva 1999/70, sen que tal dereito poida verse prexudicado polo feito de que os efectos retroactivos do cobro de trienios estean excluídos por unha norma de dereito interno, como é o artigo 25.2 da Lei 7/2007, do Estatuto básico do empregado público (EBEP).

 

Antecedentes do caso

En 2007, o EBEP recoñeceu o dereito do funcionariado interino a cobrar os trienios correspondentes aos servizos prestados antes da súa entrada en vigor, con efectos económicos desde o 13 de maio de 2007 (data inicial de vixencia da Lei).

Posteriormente, a sentenza do TXUE do 13 de setembro de 2007 abriu a porta a que se puidesen reclamar as contías dos trienios anteriores á entrada en vigor do EBEP, baseándose no principio de non-discriminación aos traballadores temporais en relación con aqueles que teñen un vínculo de duración indefinida. Esta fundamentación baséase no acordo-cadro sobre o traballo de duración determinada (que figura como anexo da Directiva 1999/70/CE do Consello, de 28 de xuño de 1999).

A partir de tal sentenza, a CIG promoveu entre a reclamación de trienios polo período anterior a 2007, nos diferentes xulgados do contencioso-administrativo. A actual sentenza do TXUE trae causa dunha desas demandas, ao entender a maxistrada do Xulgado do Contencioso-Administrativo  n.º 3 de Pontevedra que debía formular unha cuestión prexudicial por existiren dúbidas sobre a interpretación do acordo-cadro anexo á Directiva 1999770/CE á luz da xurisprudencia comunitaria.

Agora o Tribunal de Luxemburgo vén a resolver definitivamente a cuestión, avalando a posición que a asesoría xurídica da CIG mantivo desde o principio do proceso e confirmando que o trato dado pola Xunta de Galiza aos seus funcionarios interinos foi discriminatorio (Aquí podes ver a sentenza).

 

Criterio errático dos tribunais galegos

O criterio sentado polo TXUE é exactamente o contrario ao fixado pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na súa recente sentenza do 26 de maio de 2010, que revogou unha sentenza anterior do Xulgado do Contencioso-Administrativo  n.º 3 de Pontevedra que recoñecera a un funcionario interino o dereito ao cobro de trienios con efectos retroactivos.

A existencia de criterios xudiciais discrepantes á hora de resolver casos idénticos é unha situación ordinaria e habitual nos tribunais, que se resolve mediante a función unificadora dos recursos. Porén, a CIG lamenta a actuación de varios xulgados do contencioso-administrativo e do propio TSXG, que non atenderon o pedido dos servizos xurídicos do sindicato de suspenderen a tramitación dos recursos entanto non se coñecese o criterio final do Tribunal de Luxemburgo. Esta falta de cautela xudicial provocou que un número elevado de demandantes teñan a día de hoxe sentenzas desestimatorias firmes, con importantes prexuízos económicos.

Aviso para persoal de PACs

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Na nómina do mes de xaneiro, a xerencia regularizará a xornada complementaria do ano 2010. Como ben vimos informando, esta regularización presentará erros de cómputo do aplicativo informático de PACs para o pago da chamada “xornada complementaria”.

 

CIG-Saúde continúa a denunciar o cómputo incorrecto que fai o aplicativo informático para o pago da xornada complementaria, sobre todo no caso do cómputo que fai dos permisos oficiais e ITs. Nestes casos, por cada día ausente, o programa non computa as horas de garda recollidas en calendario –como para o resto do persoal do SERGAS-, senón 4.6 horas con independencia do horario de garda (7 horas se a garda é de 15 a 22 horas, 10 horas se a garda é de 22 a 8 horas, 12 horas se a garda é de 8 a 22 horas). Polo tanto, isto fai que todo aquel que disfrutou das súas 63 horas de días de libre disposición no ano 2010, lle acabe debendo xornada á empresa, e moita máis débeda presentarán os que tiveron baixas repetidas e curtas durante este ano.

 

Por este motivo, dependendo das ausencias, esta regularización nalgúns casos dará un negativo nese concepto das vosas nóminas; noutros casos, a regularización dará un positivo, positivo resultante do pago da xornada complementaria, que non diferenza se ese pago é de xornada voluntaria ou horas de vacacións, días de libre disposición ou horas de exceso de xornada non desfrutadas durante o ano 2010.

 

É dicir, por unha banda o programa informático non computa correctamente os días de ausencia (4,6 horas no trocante de 7 horas normais dunha garda de 15 a 22 horas) e, por outra banda, chámalle xornada complementaria a toda aquela xornada realizada por riba da efectiva para o ano 2010 (1430 horas), sen diferenciar se ese pago é de xornada voluntaria ou vacacións / LDs / exceso de xornada non desfrutadas.

 

Por todo o anterior, recomendámosvos que solicitedes a vosa ficha de xornada realizada durante o ano 2010, e que revisedes as vosas nóminas e fagades contas.

 

Deixámosvos aqui un modelo de solicitude da ficha de xornada .

 

Escrito sobre os orzamentos dirixido á Directora de RRHH

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Esperanza Fernández Lago.

Directora de RRHH SERGAS

 

 

 

Neste momento estase a tramitar a Lei de Orzamentos da C.A para o ano 2011, o orzamento do SERGAS, capítulo I, vén desglosado por centros de xestión e o cadro de persoal de cada un deles.

Como non podería ser doutra maneira, e así o esperabamos, o incremento do cadro de persoal é tan mínimo, que case máis que mínimo é nulo, e o incremento no nº de persoal está motivado pola transferencia do persoal dos hospitais dependentes da deputación de Lugo.

 

Con este orzamento rómpese definitivamente o acordo de Mesa Sectorial do ano 2006, referente á estabilidade do persoal. O devandito acordo recolle o compromiso da Administración de aflorar en cada exercicio presupostario as vacantes dese ano, para que con posterioridade puidesen ser ofertadas na oferta pública de emprego OPE .

 

Se non se consolidan as devanditas prazas no orzamento correspondente, estas prazas estarán suxeitas ao xogos da Administración, é dicir, agora existen, agora non existen. Con esta situación non sabemos como a Administración vai defender a continuidade asistencial e a continuidade dos equipos.

 

Cabe sublimar como feito chamativo, que en este orzamento non se consolide nin unha soa praza do anunciado crecemento do cadro de persoal do hospital Lucus Agusti de Lugo. Condenando ao persoal a unha perpetua situación de precariedade laboral, ou a que nun prazo razoable poida desaparecer o persoal contratado eventualmente.

 

Consideramos que ante a gravidade destes feitos, a Administración sanitaria e o SERGAS deben de realizar unha política activa na consolidación do cadro de persoal, na eliminación da precariedade laboral e na garantía da calidade asistencial; e non deixar que sexa exclusivamente a Consellaría de Facenda quen decida que persoal hai ou non no SERGAS.

Agardando desta Administración que se corrixan os cadros de persoal que recolle o proxecto de Lei dos Orzamentos 2011, e que nel se recolla a consolidación dos cadros de persoal coa correspondente transformación en praza de cadro orzamentada de toda praza que exista nos centros con carácter estructural, e que se veña desempeñando durante o ano 2010, ao igual que o orzamento do ano 2011 debe recoller como prazas orzamentadas o incremento do cadro de persoal do novo Hospital de Lugo.

 

Agardando se teñan en consideración as presentes alegacións.

 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2010.

 

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

 

 

 

Unha sentenza xudicial establece que o tempo de residencia debe contar como tempo traballado para Médicos de Famillia

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Con data 7 de outubro de 2010 o SERGAS ven de publicar unha resolución para executar a sentenza do xulgado do contencioso-administrativo nº1 de Santiago de Compostela, onde se estima a demanda presentada por 3 medicas/os de familia para que se lles recoñeza no apartado de experiencia profesional, como servizos prestados en institucións sanitarias públicas, os 3 anos do período MIR.
  • A CIG-Saúde sempre defendeu que, o tempo de residencia debía contar como tempo traballado a todos os efectos, incluídos os procesos selectivos do SERGAS.

  • Na mesa sectorial na que se estableceu o baremo da OPE-2006 para os Médicos de Familia, a proposta da CIG foi que por ter feito a residencia, os médicos de familia via MIR recibiran:

    • 7,5 puntos no apartado de formación especializada e que, ademais,

    • 3,5 puntos no apartado de experiencia profesional, correspondentes aos 3 anos que, daquela, duraba a residencia.

  • Na mesa sectorial aceptouse puntuar con 7,5 puntos a formación especializada dos médicos de familia e, sen embargo, rexeitouse puntuar a experiencia profesional, debido a oposición frontal do SERGAS e dos outros sindicatos presentes na mesa sectorial. Agora, a sentenza xudicial que comentamos ven demostrar que a posición mantida pola CIG durante a negociación do baremo da OPE-2006 era non só razoábel senón tamén legal..

  • Por outra banda, na negociación na mesa sectorial do baremo de médicos de familia da OPE 2008, actualmente en curso (e da que xa finalizou o período de recurso), a CIG-Saúde mantivo a mesma posición e, esta vez, chegouse ao acordo de recoller parcial e indirectamente as nosas posicións, incrementándose a puntuación do apartado de formación en 3,5 puntos (até un total de 11).

  • Aínda pendentes dun estudo máis profundo, pode considerarse que a recente sentenza xudicial da que falamos, abre a posibilidade de que en futuros procesos selectivos (OPEs e Concursos de Traslados), o tempo da residencia sexa considerado como tempo traballado no apartado de experiencia profesional. Ao respecto das repercusións da sentenza sobre a carreira profesional, aínda é demasiado cedo para tirarmos conclusións legais, mais a CIG-Saúde sempre defendeu e defende que o tempo da residencia debe ser tido en conta a efectos de carreira profesional.

  • As persoas que presentaron a demanda, afiliadas/os de CIG-SAÚDE, fixérono en base ao exercicio do seu dereito individual, non conformes co acordo unánime da Mesa Sectorial na aprobación dos baremos de OPE, acordo ratificado polo Consello Nacional de CIG-SAÚDE, e a través da asesoría xurídica da CIG inician a demanda xudicial. Prestación á que teñen dereito como afiliadas/os.

Cualificación de celador@s

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Podedes descargar aqui o escrito que nos remite a xefa de servizo de deseño e acreditación das cualificacións, da Consellaría de Traballo. No devandito escrito aceptan a proposta que fixo CIG-SAÚDE de incluir a cualificación profesional deste colectivo dentro da familia profesional de sanidade. Daranlle traslado da mesma ao Instituto Nacional de Cualificacións.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto