Noticias Persoal Outras novas
 
 

A Consellaría publica o Plan de Ordenación de Recursos Humanos sen previo aviso e con cambios

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Consellaría de Sanidade ven de publicar no DOG do pasado venres 18 o Plan de Ordenación de Recursos Humanos. Malia terse celebrado no martes anterior a reunión da Mesa Sectorial, en ningún momento se informou ás Organizacións Sindicais alí presentes da inminente publicación desta norma que tanto afecta ás condicións laborais do persoal do SERGAS. É máis, nesta publicación introdúcense novidades que non figuraban no borrador do que dispoñiamos as Organizacións Sindicais, como a ordenación organizativa das xerencias da provincia de Lugo.

Cómpre lembrar que desde CIG-Saúde xa temos analizado e rexeitado contundentemente o Plan de Ordenación de Recursos Humanos, na versión borrador que se nos fixo chegar no seu momento, por aumentar a incerteza nas condicións laborais ao introducir sistemas de mobilidade permanente que só achegan novos elementos de conflitividade. Presentáronse alegacións a este borrador, pero no Plan finalmente publicado, lonxe de aceptarse as nosas alegacións, parece que se introducen novos elementos que imos analizar, inda que nunha primeira visión non parecen ir no camiño da mellora, senón no de afondar máis nos problemas do modelo.

Podedes ver os nosos posicionamentos ao respecto do PORRHH nestas ligazóns:

* Información da CIG-Saúde sobre os novos decretos do SERGAS

* Alegacións de CIG-Saúde aos novos decretos do SERGAS

* Información Mesa Sectorial Xullo 2010

* Información Mesa Sectorial 27 xullo 2010

A nosa posición na Mesa Sectorial sobre o PORRHH

Convocatoria exprés proba ECOE: modelo para recurrir

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Agrupación Médica de CIG-Saúde quere manifestar o seu desacordo co xeito no que foi convocada a proba ECOE para o acceso ao título de Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.

Aos/ás máis de 300 profesionais galegos/as implicados/as, comunicáselles, mediante carta certificada, o día 29 de novembro que realizarán a proba ECOE o día 6 de decembro en Madrid, data que corresponde ás persoas de Galiza que deben facer a proba.

Parece difícil de xustificar que o Ministerio de Sanidade comunique ás comunidades autónomas o día 28 de novembro que o inicio da realización da proba ECOE será para algunhas persoas cinco días despois, o 3 de decembro, tendo en conta, ademais, que as e os profesionais teñen presentado a documentación para acceder a ela hai máis de tres anos.

A situación resulta aínda máis intolerable cando se introducen cambios na proba ECOE, que difire en canto ao contido, coa xa realizada nas anteriores convocatorias, introducindo un test escrito do que non se explica nin a súa extensión, nin a súa forma de puntuación, nin os coñecementos teóricos que abarca, polo que se xera unha privación do dereito á información, que é básica á hora de afrontar a proba en condicións, e se atenta contra o dereito de igualdade que lle debe equiparar cos anteriores compañeiros para a obtención do mesmo título de Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.

A Agrupación Médica de CIG-Saúde pon a disposición das afectadas e afectados un modelo de recurso de alzada presentado por algúns compañeiros por se estiman oportuno presentalo.

CIG-Saúde denuncia a transferencia de competencias do persoal do SERGAS ao persoal da concesionaria de limpeza do CHUS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que se prepara o camiño para privatizar servizos, como facer camas ou axudar no aseo aos doentes

CIG-Saúde vén de remitir un escrito dirixido á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, Esperanza Fernández Lago, no que reclama que, de inmediato, se proceda á retirada do prego de prescricións técnicas particulares da contrata de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), de funcións que se atribúen ao persoal da concesionaria que, até o de agora, eran propias de persoal do SERGAS.

O prego de prescricións técnicas particulares que ha de rexer a contratación, polo procedemento aberto, do servizo de limpeza para los centros integrantes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (EXPEDIENTE AB-CHS1-11-002) recolle, na  guía de procedementos de limpeza no medio hospitalario-Protocolos Intercentros, como funcións atribuídas ao persoal da concesionaria “a preparación da cama do doente, utilizando sabanas, mantas e colchas limpas”, así como tarefas de asistencia, subliñando que “os doentes deben ducharse e cambiarse de roupa”.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que “esta transferencia de funcións ten o obxectivo de iniciar a privatización de certas tarefas e a diminución do cadro de persoal estatutario”.

Por iso, solicita no escrito que de inmediato, a Administración proceda a “retirar deste prego as funcións que se describen e todas as relativas ás funcións que na actualidade son competencia do persoal estatutario”.

Do mesmo xeito, sinala que o tema das competencias profesionais debe ser abordado na Mesa Sectorial, xa que son condicións de traballo do persoal. “Exiximos transparencia na política de persoal;  non é boa práctica intentar colar cousas ás agachadas”, conclúe.

Folga das/os traballadores da limpeza

Esta é, entre outras, unha das razóns polas que as/os traballadoras/es da concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria do CHUS están en folga. Alén de reducir en case que 700.000 € a contrata, consideran inadmisíbel que no prego de condicións se incluíran conceptos que vulneran o convenio colectivo, como cambios de horarios, de zonas de traballo que non se corresponden coas que teñen encomendadas ou que se eliminen as especificacións das funcións do persoal, que si aparecen delimitadas polo miúdo no actual convenio.

CLECE adebédalles, desde hai máis de ano e medio, polo concepto de carreira profesional, uns 120 euros mensuais a cada traballador/a. Malia o TSXG ter emitido, hai catro meses unha sentenza que obriga a efectivizar o seu pagamento, nin a empresa o asumiu, nin o SERGAS a obrigou a cumprila.

A folga que teñen convocada repetirase nas xornadas dos días 25 e 30 de novembro e 12 de decembro. A CIG-Saúde manifesta a súa solidariedade coas súas xustas reclamacións, que agarda que sexan atendidas, polo ben das/os traballadoras/es e polo ben da sanidade pública.

A nova en Avantar.
 

O SERGAS modifica condicións laborais pola porta de atrás e sen tratalo en Mesa Sectorial - Escrito á Directora de RRHH

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Escrito dirixido á Directora de Recursos Humanos, Esperanza Fernández Lago: 


Esperanza Fernández Lago


Directora de RRHH.

SERGAS.

     

 O prego de prescricións técnicas particulares que ha de rexer a contratación, polo procedemento aberto, do servizo de limpeza para los centros integrantes do  Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (EXPEDIENTE AB-CHS1-11-002) recolle:

  Anexo: guía de procedementos de limpeza no medio hospitalario-Protocolos Intercentros.

1.1  Técnicas Xerais de Limpeza .

.- A preparación da cama do doente, utilizando sabanas, mantas e colchas limpas .

.- Así como tarefas de asistencia aos doentes “OS DOENTES DEBEN DUCHARSE E CAMBIARSE DE ROUPA”.

  
Desde CIG-SAÚDE consideramos que isto é transferir á empresa de limpeza tarefas do persoal do SERGAS, co obxectivo de iniciar a privatización de certas tarefas e a diminución do cadro de persoal estatutario. Solicitamos que de inmediato a Admón proceda a retirar deste prego as funcións que se describen no parágrafo anterior e todas as relativas ás funcións que na actualidade son competencia do persoal estatutario.

O tema das competencias profesionais debe ser abordado na Mesa Sectorial, xa que son condicións de traballo do persoal, esiximos transparencia na política de persoal;  non é boa práctica intentar colar cousas ás agachadas.


            Agardando que se tomen en conta as nosas reivindicacións.

                                                                                                 Un saúdo.

 


Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2011.

 
Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

Convocatoria proba Acceso excepcional ao título de Médico Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
ATENCIÓN: Acceso excepcional ao título de Médico Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria

INFORMACIÓN PROBA E.C.O.E. 2011

Está previsto que a proba de avaliación de competencias se desenvolva durante os días 3, 4, 5, 6, 9, 10, 17 e 18 de decembro de 2011 nas cidades de Madrid, Sevilla e Barcelona.

O luns 28 de novembro, o órgano responsable de cada Comunidade Autónoma notificará a convocatoria oficial dos aspirantes do seu ámbito territorial. A partir desta data, cada aspirante recibirá por correo postal a notificación oficial de convocatoria a exame, remitida desde o órgano competente da súa Comunidade Autónoma. A Convocatoria oficial desta proba anunciarase tamén nos taboleiros de anuncios das delegacións e subdelegacións do Goberno.

Co obxecto de dar a máxima difusión posible a esta convocatoria, a partir do día 28 de novembro de 2011, a páxina web do Ministerio de Sanidade tamén ofrecerá información sobre as datas, horas e lugares de celebración da proba dos aspirantes de cada Comunidade Autónoma.

En cumprimento das previsións establecidas no Real Decreto 1753/1998, de 31 de xullo e da Resolución de 17 de decembro de 2001, da Secretaria de Estado de Educación e Universidades, nos que se establecen as características comúns desta proba, as seis competencias obxecto de avaliación son:

      a) Habilidades clínicas básicas: anamnesis e exploración clínica.

      b) Habilidades comunicativas.

      c) Habilidades técnicas: diagnosticas e terapéuticas.

      d) Xestión do plan diagnóstico, terapéutico e de seguimento.

      e) Abordaxe familiar e/ou comunitario.

      f) Actividades preventivas.

O formato desta proba, de carácter eminentemente práctico e unha duración aproximada de sete horas, está orientado á avaliación dos coñecementos, habilidades e aptitudes propios da especialidade de Medicamento Familiar e Comunitaria. Dentro do circuíto de estacións ou situacións que integran a proba poden atoparse, en diferente orde de presentación:
  • Entrevista con paciente simulado e estandarizado.
  • Avaliación de coñecementos e habilidades mediante preguntas con resposta de elección múltiple.
  • Valoración de habilidades clínicas mediante aparellos simuladores.
  • Proba de razoamento clínico ("Scrip Concordance Test").
  • Casos clínicos avaliados mediante preguntas con resposta curta.

Os aspirantes deberán asistir á proba provistos do documento nacional de identidade ou pasaporte, bata branca, fonendoscopio e bolígrafo azul.
  

Carta dirixida a Pilar Farjas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Pilar Farjas Abadía.

Conselleira de Sanidade.


           
Unha vez máis as/os traballadoras/es do Servizo Galego de Saúde son noticia nos medios de comunicación. O tratamento da noticia ven motivado polo informe, sensacionalista e desprestixiador, que Vde. presentou no Consello da Xunta celebrado o día 6 de outubro do 2011.

Parécenos lamentábel, que unha vez máis, nos teñamos que dirixir a Vde. para esixirlle que, en aras ao cargo que ostenta, deixe de facer campañas publicitarias co gallo de intentar desprestixiar as/os profesionais da Sanidade Pública. Co seu sensacionalismo non só acusa as/os traballadoras/es do SERGAS de facer fraude na prestación do I.T, senón que sen ningún pudor tilda de malos profesionais as/os médicas/os de atención primaria.

Ademais disto, pode que os seus datos sexan, intencionadamente, erróneos, e desde a CIG-SAÚDE preguntámonos: a súa afirmación de que “na actualidade, disponse de 82.400 días máis de empregados públicos no seu posto”, non será por que non se están a realizar correctamente os cómputos de xornada ao persoal do SERGAS?

Asemade é preocupante que o seu informe non recolla nin unha soa medida para mellorar as condicións de saúde laboral dos profesionais do SERGAS.

Desde a CIG-SAÚDE querémoslle lembrar, que as/os traballadoras/es do sistema sanitario son un dos alicerces máis importantes do Sistema Sanitario, sen este persoal non sería posible prestar unha asistencia pública e de calidade; lamentablemente non se pode dicir o mesmo dos responsables políticos.

Sra. Conselleira, se necesita un titular de prensa sensacionalista contrate unha asistencia técnica externa, das que tanto lle gustan, e deixe tranquilas/os as/os traballadoras/es; bastante teñen con soportar a xestión que realiza a consellaría que Vde preside.


Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2011.
 
Asdo:   Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

O ministerio de sanidade, coa colaboración das comunidades autónomas, impide a promoción profesional de tcae e celadoras/es

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
→ Na reunión do Consello Xeral da Formación Profesional celebrada o día 30 de setembro de 2011, quedaron aprobadas as cualificacións profesionais e os niveis de:
           • Traslado e mobilización de usuarios e/ou doentes, documentación e material sanitario en centros sanitarios (Nivel 1).
           • Coidado Auxiliar Sanitario (Nivel 2).

CIG-SAÚDE solicitou que as cualificacións aprobadas deberían ser:
           • Traslado e mobilización de usuarios e/ou doentes, documentación e material sanitario en centros sanitarios (Nivel 2).
           • Coidado Auxiliar Sanitario (Nivel 3).

O Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas opuxéronse á nosa proposta sindical de adecuar as cualificacións profesionais á clasificación profesional recollida no Estatuto básico do Empregado Público.

→ No único punto no que cedeu o Ministerio de Sanidade foi en englobar a celadoras/es na rama sanitaria de Formación Profesional, xa que a súa pretensión inicial era encadralos en Traballos Para a Comunidade, co obxectivo de desvinculalas/os da Asistencia Sanitaria.

→ Nesta reunión a CIG amosou o seu rexeitamento á proposta do Ministerio de Sanidade, xa que nela as cualificacións non están directamente relacionadas co nivel formativo que deben ter estes colectivos, nin co desenvolvemento da súa actividade profesional. Desde o ano 2005, estas cualificacións profesionais foron retidas polo Ministerio de Sanidade e polas Comunidades Autónomas até que conseguiron o seu obxectivo, xa que para ser aprobadas as cualificacións profesionais é preceptivo o informe favorable do Ministerio de Sanidade.

Rebaixan cualificacións profesionais para rebaixar salarios, pero con estas cualificacións non se rebaixa nin o currículo formativo, nin as responsabilidades e cargas de traballo posteriores.

→ A Administración en lugar de facer un recoñecemento laboral e profesional destes colectivos, estase a comportar como unha patronal reaccionaria que o único que pretende é abaratar custes a cargo dos salarios das/os seus traballadoras/es. Ademais con estas cualificacións a Administración está a facer unha interpretación perversa da lexislación vixente, xa que non está a aplicar correctamente nin o artigo 3 da Lei 44/203, do 21 de novembro, “Profesións da área Sanitaria de Formación Profesional”, nin o artigo 76 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público.



A CIG-SAÚDE seguirá reivindicando que TCAE teñan unha cualificación profesional de nivel 3, e celadoras/es teñan unha cualificación profesional de nivel 2.

A Administración non pode perpetuar a súa postura de ter persoal persoal cualificado a prezo de saldo.


Descarga e difunde !
     
      

O persoal facultativo que non asine os obxectivos debe ser obrigatoriamente avaliado e percibir o CPV correspondente

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nunha xuntanza con CIG-Saúde, a Directora Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS recoñeceu esta realidade.

 

Algúns directivos das xerencias de AP e AE empéñanse en seguir afirmando que quen no asine os obxectivos non cobrará o CPV, e utilizan este argumento para presionar aos facultativos, as veces de maneira claramente excesiva, para conseguir que asinen os obxectivos que lles están a propoñer. Algúns, como fixo recentemente o Director de RR.HH. dun hospital do sur do país, chegan incluso a reproducir por escrito que “os facultativos non subscribintes quedarán automaticamente excluídos da percepción do CPV”, cando saben ou deberían saber que isto é falso.

 

Como xa temos explicado desde a AgM-CIG, existen sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que deixan rotundamente claro que a avaliación dos obxectivos e o pagamento do CPV é independente de que se teña asinado ou non o documento de obxectivos proposto pola Xerencia. Esas sentenzas declaran ilegal o apartado do texto orixinal do acordo do CPV de 1996, no que se incluía o parágrafo arriba entrecomillado, e deixan absolutamente claro que a avaliación do nivel de cumprimento dos obxectivos de cada facultativo, e o pagamento do CPV correspondente, é obrigatorio para as xerencias independentemente de que o facultativo teña ou non asinado o documento no que establecen os obxectivos.

 

O pasado 24/06/2011 unha delegación de CIG-Saúde, a súa Secretaria Xeral e os portavoces da Agrupación Médica do sindicato, mantiveron unha xuntanza coa Directora Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS. O tema central da xuntanza foi a actual problemática do CPV entre os facultativos. Nesa xuntanza a Directora Xeral de Asistencia Sanitaria:

1.- manifestou a disposición do SERGAS a acatar e cumprir a legalidade establecida en  sentenzas firmes dos tribunais de xustiza no relativo a avaliación e pagamento do CPV;

2.- recoñeceu a plena legalidade e vixencia da posición defendida pola AgM-CIG de que os directivos dos SERGAS teñen a obriga legal de avaliar o nivel de cumprimento de obxectivos de todos e cada un dos facultativos, independentemente de que asinaran ou non o documento de obxectivos que lles propoña a xerencia respectiva, así como de pagarlles o CPV correspondente que desa avaliación se conclúa;

3.- desculpou aos directivos das xerencias que seguen afirmando que quen non asina non é avaliado nin vai cobrar o CPV, e achacou a persistencia desa actitude a problemas de comunicación entre os servizos centrais do SERGAS e os equipos directivos das xerencias.

 

Por outra banda, a Directora Xeral, mostrou o seu desacordo coa interpretación feita desde a AgM-CIG de que, en función das sentenzas anteditas, o SERGAS ten tamén a obriga de seguir pagando os adiantos mensuais a conta do CPV independentemente de que o facultativo afectado tivera asinado o non o documento de obxectivos presentado pola xerencia. A Directora Xeral afirmou que é legal que ese pagamento non se realice, mentres que, desde CIG-Saúde, lle reiteramos o noso convencemento da ilegalidade desa posición, baseándonos no Informe do Gabinete Xurídico do sindicato, así como a nosa disposición de defender o dereito dos facultativos a seguir percibindo os adiantos mensuais a conta do CPV, independentemente de que teñan asinado ou non os obxectivos.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto