Noticias Persoal Outras novas
 
 

Información sobre a reunión mantida co SERGAS o pasado 20 de marzo sobre flexibilización de vacacións

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O SERGAS INTRODUCE MODIFICACIÓNS NO RÉXIME DE VACACIÓNS MAIS NÉGASE A FALAR DE PERMISOS

Na reunión celebrada o pasado mércores sobre xornada, vacacións e permisos, o SERGAS introduciu modificacións no réxime de vacacións, algunha dela perigosa, ao noso ver, mais, malia o amplo documento de alegacións que lles enviamos, non recolleron practicamente ningunha. Limitáronse a introducir no texto algunha aclaración sobre as vacacións despois de IT ou con IT sobrevida, case textualmente como veñen no documento de Función Pública que saíu esta semana no DOG.

Non recollen, nin teñen intención, o dereito a goce de vacacións en días hábiles, non recollen (isto xa o esperabamos) os días adicionais de vacacións por antigüidade, non retiran a prohibición de coller vacacións no mes de decembro nin a regulación dos días soltos de vacacións baixo o réxime xurídico dos LD, non fan ningunha aclaración ou proposta das equivalencias de naturais e hábiles, e, por suposto, non recollen absolutamente ningunha das propostas que desde CIG-Saúde formulamos (regulación dos LD, días de libranza por exceso de xornada, permiso para acudir a consulta propia, permiso sen soldo por días soltos, días especiais non recuperables…).

O que si que engadiron no texto é unha perversidade (ao noso modo de ver) que é a de permitir que os 6 días de vacacións que se poden coller por solto (outra perversidade: baixo o “réxime xurídico” dos LD) se poidan coller ata o 15 de xaneiro, co conseguinte risco de perder os días de vacacións que non se gocen (porque poden denegalos por necesidades do servizo, por exemplo), e unha vez pasado o 31 de decembro… voaron. As vacacións por lei non poden gozarse máis alá do ano natural. Introducindo isto xunto co réxime xurídico dos LD o que fan é reducir as vacacións como tais a 3 semanas e poñer en perigo o goce dos outros 6 días.

Nin as nosas peticións, nin as nosas argumentacións, nin as nosas esixencias, serviron de nada. Respostas vagas, baleiras, estrañas… Argumentos como que todo o que comporte gasto non pode ser abordado. Unha absoluta falta de poder de decisión.

Van dar instrucións ás xerencias para que informen de que o persoal poderá coller 6 días soltos (así, sen unha maior regulación), mentres ultiman o texto final das instrucións.

Ampliarán o prazo de petición de vacacións ata o 15 de abril cando menos.

Instruccións Eleccións ao Parlamento Galego 2012

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O SERGAS ven de remitirnos as instruccións para o persoal estatutario de cara ás eleccións do vindeiro 21 de outubro. Podedes descargalas aquí .

Mobilidade Interna CHUAC

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

No día de onte publicouse no DOG a resolución que dá publicidade á convocatoria de mobilidade interna no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC):

  • ANUNCIO do 18 de xullo de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, polo que se procede a dar publicidade á Resolución do 13 de xullo de 2012 que convoca procedemento de mobilidade interna para ocupar vacantes correspondentes ao persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e persoal de xestión e servizos do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. Descargar PDF

Prepárase o procedemento para os despedimentos colectivos nas administracións públicas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Inclúese no decreto lei que prepara o goberno para adaptar á reforma laboral o despedimento colectivo, de suspensión de contratos e redución de xornada
O PP ten preparado xa o borrador do “Proxecto de Real decreto polo que se aproba o regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada”.  Un texto co que se pretenden incorporar as modificacións aprobadas na reforma laboral ao Estatuto dos Traballadores/as e que afecta a todos os sectores, incluídas as administracións públicas e, xa que logo, á Xunta de Galiza.

O documento inclúe, no Capítulo I do seu Título III as “Normas específicas dos procedementos de despedimento colectivo do persoal laboral ao servizo dos entes, organismos e entidades que forman parte do sector público”. E no Capítulo II o “Procedemento de despedimento colectivo aplicábel nas Administracións Públicas”.

Para o primeiro caso, o procedemento será igual que o previsto para os despedimentos colectivos en calquera empresa privada. Para o segundo, as causas serán tamén económicas, técnicas, organizativas ou de produción, pero delimítanse os criterios para entender que concorren esas causas.

Respecto das causas económicas, entenderase que concorren:

A)    Cando as subvencións nominativas do Departamento, consellaría ou entidade local, ente ou organismo teñan diminuído, cando menos un 10% respecto do exercicio anterior”.

B)    Cando as transferencias de capital correspondentes ás citadas entidades teñan diminuído un 10% respecto do exercicio anterior.

C)    Cando a aportación orzamentararia do convenio ou contrato programa que tivera concertado o ente, organismo ou entidade de que se trate teña diminuído, cando menos un 10%, respecto do exercicio anterior

D)    Cando se teña adoptado un acordo de non dispoñibilidade que afecte ao departamento, consellaría, entidae local, ente ou organismo de que se trate.

Entenderase que concorren causas técnicas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos medios ou instrumentos da prestación do servizo público ou actividade de interese xeal de que se trate e que concorren causas organizativas cando se produzan cambios no ámbito dos sistemas e métodos de traballo do persoal adscrito ao servizo público ou actividade de interese xeral.

Para a CIG-Administración o feito de que se desenvolva esta regulamentación é un elemento “devastador” que vai afectar a todo o persoal, non só temporais e indefinidos, senón mesmo ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos para o acceso a tal condición.

Segundo o procedemento previsto, denuncia que será a propia administración quen decida sobre despedimentos colectivos na administración. Para iso, advirte, abóndalle con infradotar orzamentariamente cun 10% a calquera ente para que se entre nun proceso de despedimento colectivo para xustificar as causas económicas previstas.

No caso de causas organizativas, alerta de que abondará con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos e de que o único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser o ter pasado un proceso selectivo. “A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non”.

Do mesmo xeito, denuncia que este decreto lei constituirá unha referencia para a modificación do EBEP de cara a rematar coa permanencia dos/as empregados/as públicos/as, “especialmente dos funcionarios/as de carreira, que poderían ver como no futuro desaparece calquera garantía neste sentido”, afirman.

Considera que “é un paso máis, non só para reducir a administración, senón tamén para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados públicos”.

Denuncia que “un borrador desta importancia para a xeneralidade dos empregados públicos”, non fose posto no seu coñecemento. Lembra que soubo da súa existencias “durante a rolda de intervencións da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, o pasado mércores 1 de agosto, cando a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que estaba en trámite esta disposición a nivel do Estado”.

Considera inadmisíbel que non se lle facilitara ningún documento, malia teren a consideración de sindicato máis representativo e con presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas en Madrid. Máis cando outras organizacións sindicais dispoñen deste borrador como mínimo desde o 27 de xullo, data do documento do que hoxe se fai eco a prensa e que xa a está a circular por internet.

En todo caso, rexeita que se veñan de facer alegacións por parte dalgunhas centrais sindicais “no canto de oporse de plano este aberrante Real Decreto”.

Por iso, fai un chamamento a todos/as empregados/as publicos/as a continuar mobilizándose contra todas as medidas de destrución das Administracións Públicas e dos Servizos Públicos.

A CIG está estudando o conxunto do borrador para ver como afecta aos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada en todos os sectores.

Noticia extraída de Avantar.

O SERGAS para o que lle parece é moi eficiente...

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O SERGAS ven de remitir unha nota informativa, na que se comunica que se están a facer as adaptacións técnicas precisas para proceder á regularización dos descontos do IRPF en función dos novos importes anuais de retribucións a percibir, ao establecerse no Decreto de Recortes de Rajoy a supresión da paga extra de decembro. Está claro que cando quere, o SERGAS é ben eficiente e rápido. Cando se trata de aplicar unha norma que elimina dereitos dos/das traballadores/as, enseguidiña se fan as “adaptacións técnicas” necesarias para poñelo en marcha, mais a CIG-Saúde o que nos gustaría é que a Administración, a Xunta, fose igualmente eficiente e rápida para facer unha reforma fiscal que fixera pagar máis a quén máis ten, ou igualmente eficiente na vixilancia da fraude e das evasións fiscais que nos fan perder miles de millóns de euros cada ano, por poñer só algunhas medidas que aplicadas farían innecesario seguir a recortar máis e máis á clase traballadora e aos servizos públicos esenciais.

Descargar nota informativa IRPF

A estratexia do SERGAS de edulcorar a implantación das medidas recollidas no Plan de Ordenación de Recursos Humanos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Este ano no período de vacacións, que o SERGAS vai prolongar até o mes de outubro, vanse pechar o maior número de camas hospitalaria dos últimos anos. Como a cantidade de camas a pechar e a duración da medida é maior que os anos anteriores, ao persoal de enfermaría que traballa habitualmente nestes servizos, as Xerencias Integradas estalles a ofertar poder prestar servizo no ámbito de atención primaria.

As/os enfermeiras/os reciben, polo xeral, con agrado esta medida, pois durante un período de tempo poderán deixar a penosidade do traballo a quendas. A Administración está contenta de que a medida sexa recibida con tanta alegría, xa chegará o momento de que o traslado sexa forzoso.

Esta medida, en aparencia inocente, que parece que só pretende beneficiar ás/aos traballadoras/es, non é nin máis nin menos que a aplicación do plan de ordenación de RRHH publicado polo SERGAS.

Que pretende o SERGAS con esta medida?  algo moi simple, que desaparezan os niveis de asistencia, o persoal a pesares do seu nomeamento poderá prestar servizo indistintamente en primaria ou especializada, segundo as necesidades asistencias.

Que consecuencias vai ter de futuro? Que a Administración non vai respectar os nomeamentos do persoal, dá igual que sexas de primaria ou de especializada, estarás obrigada/o a prestar servizos na túa área de xestión integrada, en TODA a área, na totalidade da súa extensión.

Isto significa para a Administración mellorar a calidade da asistencia. Non queren falar das necesidades de persoal que ten o sistema, nin de presente nin de futuro, é moito máis doado mover ao persoal. Tampouco importa o elevado número de camas que se pechan, ou que o traslado de persoal de especializada a primaria limite a contratación de persoal nos meses de vacacións. Cada ano a contratación é máis reducida e máis precaria. Total, qué importa unha persoa en paro? é unha desgraza, mais para a Administración as/os miles de paradas/os son simplemente unha estatística.

De que calidade estamos a falar?

Que ninguén se deixe enganar, agora o traslado é voluntario de especializada a primaria, xa chegará o momento do traslado forzoso entre os dous ámbitos de asistencia.

28 de xuño, Xornada de Loita Comarcal en Ferrol

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Xornada de loita en Ferrol o 28 de xuño na defensa da comarca porque “sen traballo, non hai presente nin futuro”

A CIG ten convocada folga de 09:00 a 15:00 horas con marchas de traballadores/as, asembleas e manifestación central ás 12:30 dende o Inferniño
 
“Pola comarca. Sen traballo, nin presente, nin futuro”, é a consigna baixo a que se desenvolverá a xornada de folga xeral parcial convocada pola CIG de Ferrol para este xoves 28 de xuño. A xornada de loita realizarase entre as 09:00 horas e as 15:00 horas e afectará a todas as actividades desenvolvidas polos/as traballadores/as de empresas privadas e polos empregados/as do sector público dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, San Sadurniño, As Somozas, Cedeira, As Pontes, Pontedeume, A Capela, Ares, Mugardos, Cabana, Moeche, Cerdido, Monfero, Miño, Mañon, Vilarmaior, Valdoviño, Neda, Ortigueira e Cariño.
 
A xornada de loita terá como eixo visíbel central a manifestación convocada para ás 12:30 horas, dende o Inferniño. Porén, previamente haberá marchas de traballadores e traballadoras dende os principais polígonos industrias e centros de traballo para visibilizar nas rúas as reivindicacións da central sindical e animar a toda a cidadanía á participar da mobilización.
 
Toda a información sobre esta xornada de loita en Ferrol tédela na web www.cig-saude.org/ferrol
 

CIG-SAÚDE rexeita, unha vez máis, o Plan de Ordenación de Recursos Humanos, que ven de ser publicado no DOG o venres 18 de maio

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Para a CIG-SAÚDE este documento non é nin de lonxe un PORRHH (Plan de Ordenación dos RECURSOS Humanos). Un PORRHH é un instrumento vinculado directamente a un proxecto de adecuación de persoal, utilizable cando as necesidades e as dispoñibilidades non se corresponden entre si.  Esixe por tanto a realización previa dun diagnóstico de necesidades, actuais ou futuras, globais ou para ámbitos determinados, que non aparece por ningures no PORRHH do SERGAS.

Se non hai diagnóstico de necesidades mal pode haber proposta de solucións ou medidas a adoptar, agás que do que se trate por parte do SERGAS non sexa outra cousa que lexitimar a través dun PORRHH impropio unha serie de medidas de flexibilidade para logo dispoñer delas cando e como lle conveña. Este é o único obxectivo deste plan.

Rexeitamos este plan porque un PORRHH non é un convenio colectivo ou un acordo regulador de condicións de traballo. Non debe recoller materias de regulación ordinaria de condicións de traballo, que deben seguir sometidas á negociación colectiva na MS.

*    Por exemplo, a Carreira Profesional non é materia dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos. Nin por normativa, nin por contidos; a CP non está vinculada de ningunha maneira á reordenación ou á dispoñibilidade de efectivos, e debe ser unha negociación autónoma. O SERGAS parece utilizar esta materia (como outras) para engordar o seu PORRHH e facelo máis atractivo para a venda.

Similares consideracións cabería facer respecto doutras medidas enunciadas no borrador, como as referidas á conciliación ou á saúde laboral, nos aspectos que non teñen que ver directamente con reordenación, con reasignación, ou con indispoñibilidade de persoal.

*     Outra cuestión sen sentido deste PORRHH é o tratamento do concepto da xestión clínica. Repite o que xa di a lei sobre a funcionalidade e a organización das unidades de xestión clínica, pero non di absolutamente nada sobre o único que é importante para un PORRHH: cómo tales unidades afectarían ao persoal dende o punto de vista organizativo, xerárquico, de mobilidade, de competencia para a contratación, etc.

O que si debería contemplar este PORRHH, pero ao que neste documento non se fai ningunha referencia, son as condicións específicas e as compensacións vinculadas a calquera das medidas de reasignación de efectivos: por flexibilización do nomeamento ou do contrato ou por mobilidade forzosa. O documento publicado non entra para nada nesa materia: non fala de indemnizacións, non fala de retribucións, non fala de tempos, non fala de criterios de selección. Todo queda para a trampa dun “desenvolvemento posterior”, vinculado á negociación na Mesa Sectorial. Todas/os sabemos que a negociación colectiva desapareceu da M.S, agora hai “información das medidas de RRHH que vai a adoptar esta Administración”.

Entre as medidas máis lesivas que contempla este plan cabe subliñar:

►        O tratamento que se fai do Absentismo laboral reflexa a “preocupación” do SERGAS pola saúde das/os súas/seus traballadoras/es. Define como obxectivo “avanzar na integración da prevención de riscos laborais na xestión xeral do Sergas”, para logo establecer que tal integración consiste en adaptarse á nova estrutura das Xerencias de Xestión Integrada, así como en converterse nos perseguidores do absentismo do persoal dos centros.  Anuncian máis prevención e logo receitan máis extorsión.

►        A prestación de servizos en dous ou máis centros con “alianzas estratéxicas” só pode basearse na voluntariedade dos profesionais que acepten participar no concreto proxecto compartido.

►        A flexibilidade das condicións dos nomeamentos fixos e dos contratos temporais non pode en modo algún resolverse coa mera autorización que establece este borrador de PORRHH: necesariamente deberán establecerse nel as concretas condicións e supostos en que se podan producir e os dereitos específicos do persoal afectado.

►        Debemos denunciar a flexibilidade respecto da mobilidade forzosa (comisións de servizo forzosas) e da reclasificación por necesidades organizativas.

.     

Desde a CIG-SAUDE lamentamos a oportunidade desperdiciada pola Administración de facer un verdadeiro Plan de Ordenación de Recursos Humanos que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario e aos/ás seus/súas profesionais. Este Plan é simplemente unha nova norma encamiñada a recortar dereitos laborais, enmarcada nunha estratexia xeral desta Administración de debilitar a Sanidade Pública para proceder á súa privatización e venda ao mellor postor.

Descarga e difunde !


 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto