Inicio
 
 

Información Mesa Sectorial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nesta reunión abordáronse os temas que estaban incluídos na orde do día e outros temas que plantexamos coma CIG-SAÚDE.

 

Orde do día:

1.- Decreto de Xestión Integrada.

2.- Decreto de Ordenación de Recursos Humanos.

3.- 4º grao réxime extraordinario de carreira, pendente de convocar.

 

 

1.- Xestión Integrada.

A Administración fíxonos entrega dun novo documento que mantén integramente o modelo de xestión recollido no anterior, as pequenas modificacións son de redacción. Despois do debate e de reiterar as alegacións xa presentadas esta foi a nosa conclusión sobre o Decreto de Xestión Integrada:

 

O debate que hoxe trouxo a Administración a esta Mesa Sectorial sobre o Decreto de Xestión Integrada é a maior farsa sen precedentes. O documento que hoxe se presentou xa foi aprobado e presentado perante a opinión pública o día 6 de xullo no acto que o presidente da Xunta fixo do plano estratéxico do SERGAS 2014. Ademais , as liñas xerais deste decreto están recollidos no devandito documento.

Non imos entrar no xogo da Admón de debater os cambios de redacción. Para a CIG-SAÚDE o debate débese centrar no modelo sanitario que este decreto nos quere impor. Este Decreto pretende criar un marco normativo que supere os límites xeográficos das actuais áreas sanitarias: encubertamente está a mudar o mapa sanitario, xa que pode acoller, baixo unha única Xerencia Integrada, dispositivos integrados territorialmente en áreas diferentes do actual mapa sanitario de Galiza. Este Decreto condiciona de xeito negativo o futuro desenvolvemento da Atención Primaria, de modo que perda autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e vai quedar funcionalmente subordinada ás estratexias de xestión do centro hospitalario de referencia.

 

Debemos facer unha mención específica ao modelo que esta Administración sanitaria pretende facer do tratamento dos doentes crónicos , remitindo estes ao plano integramente sociosanitario, sector que esta Administración pretende privatizar na súa totalidade. No tratamento dos doentes crónicos e a súa derivación aos servizos sociosanitarios, o SERGAS recupera o texto da LOSGA (Lei de Ordenación Sanitaria de Galiza, Lei sanitaria do PP).

 

Con estes argumentos e coa totalidade das alegacións que recolle o noso documento, solicitamos a retirada do mesmo e a publicación dun Decreto de Xestión Integrada que apoie a creación dunha xerencia de área sanitaria que favoreza a coordinación asistencial, a integración dos servizos que mellore a implantación de guías e protocolos coa implicación de todas/os as/os profesionais, que mellore a utilización dos RRHH e materiais, e que favoreza a creación dun sistema de información común dos dous niveis.

 

A pesares da nosa insistencia, como isto xa estaba aprobado, o SERGAS dá por finalizada a negociación do Decreto.

 

En síntese, este Decreto é: Un Decreto Marco que deixa aberta todas as portas para que a Admón faga un posterior desenvolvemento do mesmo, adaptándoo á política sanitaria que o PP quer implantar. Iso si, baixo a falacia de que as normas de desenvolvemento deste Decreto serán negociadas en Mesa Sectorial. De que negociación están a falar?

 

2.- Decreto de Ordenación dos Recursos Humanos.

O debate deste Decreto posponse para una mesa sectorial que se celebrará o día 27 de xullo, xa que a Administración enviou onte a última hora da tarde un novo documento , que fai una nova ordenación dos capítulos e só recolle modificacións de redacción. Non varía no substancial con relación ao documento anterior, e, ao igual que o Decreto de Xestión Integrada, as grandes liñas deste documento xa están recollidas no Plan Estratéxico do SERGAS 2014, presentado o día 6 de xullo.

 

As nosa alegacións non se recollen, e como o Decreto anterior, é un Decreto Marco que deixa moitas cousas importantes para un posterior desenvolvemento, adaptando os nomeamentos do persoal á nova estrutura de área.

 

Na reunión do día 27 o noso posicionamento vaise centrar nas nosas alegacións, xa que estas están dirixidas a reducir a temporalidade e crear estabilidade no emprego:

  1. Erradicar o encadeamento de contratos sucesivos que encubran postos de traballo estábeis.

  2. Facer aflorar os postos de traballo estábeis, de maneira que poidan ser regularizados na vindeira Lei de Orzamentos e convocados no próximo concurso de traslados e OPE.

  3. Convocatoria do 100% das prazas.

  4. Convocatoria anual do concurso de traslados.

Sobre estes dous decretos (Xestión Integrada e RR HH, tendes aqui un folleto explicativo da posición de CIG-SAÚDE.

 

3.- 4º grao de Carreira Extraordinaria.

A Administración dá lectura ao informe xurídico que tiñan solicitado para ver se era posíbel convocar o 4º grao e diferir o pagamento e, como era de esperar, o informe conclúe que non é posíbel unha aplicación parcial do acordo, xa que isto suporía unha alteración do mesmo. O acordo e o propio Estatuto Marco recollen que o principal efecto do recoñecemento dun grao de carreira é o recoñecemento económico.

Preguntamos se a Administración tiña unha estimación aproximada de cando se ían recuperar os acordos retributivos , ou si, como no Plano Estratéxico do SERGAS 2014, se fai referencia a unha nova redución do orzamento do Sergas nos próximos anos; este é o horizonte temporal da recuperación dos nosos acordos, o ano 2014.

A resposta da Administración foi que neste momento non se poden comprometer a dar unha data, a crise económica e a baixada de ingresos impiden facer valoracións a medio prazo. A preocupación da Administración é poder facer fronte ao pagamento das nóminas deste ano. Comunícannos que non teñen efectivo para pagar os atrasos das fundacións, pendentes desde o 2007, os trienios dos interinos, a mellora de IT do persoal facultativo…

 

Temas que plantexamos fora da orde do día.


OPE Psiquiatría 2006. A Administración está cabreada connosco por sementar dúbidas na nosa páxina sobre a celeridade do proceso; mostran a carta enviada a todas/os os opositores comunicándolles o calendario do proceso. Recoñecen que non enviaron a comunicación ás organización sindicais, pero  din que isto non é motivo para sementar dúbidas.

 

Concurso de traslados. Comunican que nesta semana enviarán as listaxes coas prazas definitivas, previsibelmente o concurso convocarase a próxima semana.

 

Obxección dos profesionais á Lei de interrupción do embarazo. Como en moitos temas, informámonos pola prensa de que a Consellaría de Sanidade vai entregar un documento ás/aos traballadoras/es para que amosen, ou non, a súa obxección. Amosáronse resistentes a enviarnos o documento dirixido ás/aos profesionais ; non sabemos que lle van preguntar que non poidamos coñecer. Despois de moito insistir en que se nos enviase o documento, xa que o relacionado co persoal é materia de M.S , a directora de RRHH comentou que podería incorporar este tema nunha Mesa Sectorial. Enviaremos por escrito a solicitude de que se nos envíe o documento.

 

Drogodependencias. Amosan a súa negativa a convocar unha M.S para abordar este tema. Como CIG-SAÚDE insistimos que é materia de M.S o tratamento do novo Plan Galego sobre Drogas e o referente ao persoal desta unidades. A directora de RRHH comprometeuse a convocar unha reunión coas organización sindicais que solicitábamos esta reunión e darnos a información demandada. Nós continuamos a insistir no tratamento deste tema na M.S pero se é máis operativo esta primeira reunión aceptámola. Solicitámoslle que ten que ser convocada, como máis tardar, na próxima semana. De non recibir convocatoria da reunión, falaríamos co resto de organizacións e coa asociación de profesionais para iniciar unha campaña de denuncia.

 

Isto non deu para máis, moitas horas de reunión con poucos avances.

 

Documentos para descarga:

 

*Novo documento do Decreto de Xestión Integrada.

*Novo documento do Decreto de RRHH.

*Folleto explicativo posicionamento CIG-SAÚDE.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto