Inicio
 
 

O TSXG declara ilegal a cobertura do posto de xerente da ACIS cun contrato de alta dirección

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A sentenza limita por primeira vez a contratación de persoal directivo externo á Administración.

Nunha novidosa sentenza ditada o pasado 18 de xaneiro, a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) estimou parcialmente o recurso interposto pola CIG-Saúde contra os estatutos da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), dependente da Consellaría de Sanidade, declarando «a nulidade dos incisos do art. 36 dos estatutos en tanto que estabelecen a posibilidade de contratación en réxime laboral de alta dirección da persoa designada como xerente da Axencia».

cigsaudesergaspNo seu recurso, a CIG-Saúde pedía a nulidade da provisión mediante persoal laboral de alta dirección non só do posto de xerente, senón tamén dos postos de dirección das áreas de Xestión do Coñecemento e Talento e Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, alegando que as funcións asignadas a tales postos implican a «participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais das administracións públicas», nos termos do artigo 22.1 da Lei do emprego público de Galiza, polo que só poden ser realizadas por persoal funcionario ou estatutario.

Tras un exame das atribucións de cada un dos postos, o alto tribunal galego conclúe que o posto de xerente non pode proverse mediante persoal laboral de alta dirección, pois varias das súas funcións implican o exercicio de autoridade, a intervención directa na instrución e resolución de procedementos administrativos e  a realización de actividades de intervención e tesouraría; todas elas propias e exclusivas da función pública.

Valoración positiva

 A CIG-Saúde fai unha valoración positiva da sentenza, aínda lamentando que a Sala non aplicase o mesmo razoamento aos outros postos obxecto de impugnación. Por primeira vez, a Xustiza limita a potestade do poder político de seleccionar persoal laboral de alta dirección da súa confianza, alleo á estrutura de Administración, para a realización de funcións da máxima responsabilidade administrativa, que a lei reserva ao persoal funcionario ou estatutario precisamente como garantía de imparcialidade e obxectividade nas súas tarefas, ao non seren empregos cuxa estabilidade dependa da satisfacción de quen exerza a dirección política en cada momento.

A sentenza, aínda sendo recorríbel en casación perante o Tribunal Supremo, deixa sen habilitación legal a continuidade no posto da actual xerente da ACIS, polo que a CIG-Saúde solicitará ao conselleiro de Sanidade o seu cesamento e a provisión do posto mediante persoal funcionario ou estatutario.

Para María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde resulta “un paradoxo que a actual xerenta da Axencia Galega do Coñecemento bloqueara a creación da categoría de persoal investigador público do SERGAS impedindo que os actuais investigadores e investigadoras con máis de 10 anos de vínculo co Servizo Galego de Saúde puideran estabilizar a súa praza como persoal fixo, como o resto de traballadores/as e agora sexa a xustiza a que ditamine que é ela quen non pode ocupar o posto de xerenta porque non é persoal do SERGAS”.

Desde a CIG-Saúde veñen de remitir un escrito ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para que proceda ao cesamento inmediato da persoa actualmente designada como xerente e a súa substitución no cargo por outra ou outro profesional que teña a condición de funcionaria ou estatutaria do subgrupo A1, "posto que, contra o que a propia xerenta actual afirmou nunha ocasión durante unha reunión da Mesa Sectorial, no sistema si que hai profesionais con coñecemento e formación suficientemente acreditados para ocupar eses postos".

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto