Inicio Axenda Ferrol: Cadea Humana "Amarra o teu futuro"
 
 

Ferrol: Cadea Humana "Amarra o teu futuro"

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Manel Grandal: “A comarca de Ferrolterra sen o naval non vive”

A CIG chama a participar na cadea humana na Ponte das Pías, o 13 de decembro, en demanda de compromiso político co naval e un plan de reindustrialización da comarca
 
Nos últimos días Navantia é obxecto de grandes titulares nos que se anuncia que no estaleiro comezan a cortar a chapa dun buque da armada española. Para a CIG-Ferrol sempre é boa noticia que haxa carga de traballo para o sector naval, mais considera que isto non é máis que “un parche” que non soluciona o problema de fondo. Por iso ten convocada para este sábado día 13, ás 12:00 horas, unha cadea humana na Ponte das Pías. O obxectivo é demandar un claro compromiso político para o sector naval e un plan de reindustrialización integral para Ferrolterra, unha comarca que leva 30 anos castigada por unha crise que lle foi imposta.
EuVou“É certo que vén paliar algo a falta de carga de traballo, pero non deixa de ser un parche máis” afirma o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, quen explica que cando se vai comezar a traballar realmente é a partir do primeiro trimestre do ano que vén. Por iso entende que “este tipo de informacións responden a manobras políticas de cara a galería” porque malia todo “vai seguir habendo unha desocupación importante, tanto entre o propio persoal dos estaleiros como no conxunto de Ferrolterra”.

Xunto a isto, este mesmo luns facíase público que Navantia ve expirar o prazo que se marcou para contratar importantes programas. A este respecto o secretario comarcal da CIG-Ferrol lembra que ao longo de todo 2014 desde a propia Navantia se insistiu en que neste ano se conseguiría algúns dos contratos que estaban saíndo. Porén, non se materializou ningún deles. Ao seu entender “a falta destes contratos, sexan máis ou menos importantes, pon en perigo a carga de traballo e o emprego”.

Denuncia que en Ferrol non houbo reconversión industrial nin un programa de reindustrialización e subliña que toda a economía da comarca segue dependendo da supervivencia de Navantia. Neste sentido sinala que os prazos dos contratos seguen abertos, porque os países cando fan programas militares ocupan anos, e que o 99% deles levan atrasos. “Outra cousa é que non se estean facendo esforzos políticos para conseguilos e que Navantia estivera vendendo unha moto”.

Alerta de que os contratos que hai agora mesmo enriba da mesa “escasamente dan traballo para o 60-70% do cadro de persoal principal” e matiza que isto non quere dicir que non se contrate parte do traballo “pero obviamente este estaleiro vai seguir nunha situación de desocupación das instalacións verdadeiramente escandalosa”.

Responsabiliza da actual situación tanto ao goberno central como a Xunta porque non hai ningunha aposta no futuro inmediato, malia rematar o veto en cuestión de semanas, e afirma taxativamente que “non hai ningún proxecto agora mesmo que nos poida meter na construción naval civil”. E non só iso, “tampouco houbo previsión de modernizar as instalacións para prepararas para ese momento”.

Para a CIG, este desleixo respondería á decisión política de camiñar cara un estaleiro de síntese dedicado ao tema militar “e o mercado militar é o que é”.

Cadea humana polo futuro de Ferrolterra

Precisamente por esta situación se convoca a cadea humana do vindeiro sábado. “Temos enriba a data do 31 de decembro. O veto á construción civil levántase e moito nos tememos que iso quede nun papel, porque non hai ningunha aposta no estaleiro de Fene, nin sequera para ter equipos que van estar traballando no mercado civil de futuro, porque ten futuro”.

Pero para ter futuro de verdade neste mercado, a CIG-Ferrol sabe que hai que entrar nun mercado moi competitivo no que é imprescindíbel unha posta a punto das instalacións. E está convencida tamén de que é o sector naval, eixo central da economía da comarca, o que ten que servir como punto de partida para logo encetar un plan de reindustrialización porque “agora é o único que temos”, afirma o responsábel comarcal.

Esas serán pois as reivindicacións que se poñan este sábado enriba da mesa. Esas e a exixencia de que remate dunha vez a inacción política. “Se hai interese político pódense tomar de inmediato decisións que permitirán garantir o futuro do naval, porque o dique –sexa flotante ou non- só depende diso, dunha decisión política, e que non perdamos Megasa depende do mesmo, dunha decisión política canto á tarifa eléctrica. Pero ten que haber interese”.

A modo de exemplo, e para constatar esa falta de interese, lembra que desde hai anos vense reclamando que se constitúa un Clúster do naval en Ferrolterra capitaneado por Navantia. “Curiosamente si se está facendo en Cádiz, o que dá a medida de cómo funciona a Xunta de Galiza”.

A este respecto a CIG-Ferrol denuncia con contundencia a actitude do goberno central que “mira cara onde mira”, do goberno da Xunta “que mira cara o goberno central para darlle os parabéns”, dos concellos do PP desta comarca que “están exactamente igual” e conclúe que “nos atopamos que hai un deixamento absoluto con esta comarca desde hai 30 anos. Este sábado sairemos á Ponte das Pías a exixir que se lle poña fin dunha vez”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto