Decepcionante reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de PACs Imprimir
Venres, 23 Decembro 2011 10:26

pacs_recorteO día 20 de decembro tivo lugar a xuntanza da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria, que por fin o Sergas convocou grazas á insistencia de CIG-Saúde e á masiva entrega de sinaturas de profesionais de PACs reclamándoa.


A posición do Sergas de forma resumida é:
1. non pensan que exista conflitividade algunha actualmente no ámbito de PAC,
2. o aplicativo informático que utilizan para o cómputo de xornada funciona ben, os cálculos que realiza son correctos, e non limita en absoluto o dereito aos permisos retribuídos do profesional de PAC,
3. os calendarios anuais na súa grande maioría xa están feitos e foron pactados polas xerencias cos profesionais, polo que hai acordo con eles,
4. respecto á contratación de persoal das listas: a creación de novos vínculos está limitada pola normativa estatal e da Xunta, a decisión da cobertura dunha ausencia depende exclusivamente da xerencia e pode utilizar a fórmula que considere xa que é unha ferramenta de xestión.


Por parte de CIG-Saúde:
1. insistimos  en que o aplicativo de xornada, ao considerar un día de permiso retribuído como "día non dispoñible", limita o dereito a ditos permisos,
2. reclamamos a elaboración de calendarios anuais con separación de xornada ordinaria e complementaria,
3. solicitamos información sobre as ofertas de voluntariedade e as bolsas de horas resultantes dos cambios da OPE e o concurso de traslados,
4. denunciamos a non contratación de persoal das listas, o peche de axendas, os contratos de 4 horas en lugar da xornada completa...


Pero o Sergas non deu resposta a ningunha das nosas demandas, dixo incluso que a conflitividade a inventabamos nós. Nun comentario, un membro da administración dixo que temos sorte de cobrar o 80% dos complementos de penosidade, xa que coa suspensión de acordos outros colectivos foron máis prexudicados.


Despois desta xuntanza, que definitivamente CIG-Saúde cualifica de ABSOLUTAMENTE DECEPCIONANTE, pensamos convocar o noso Grupo de Traballo de Primaria inmediatamente despois do Nadal e mobilizacións de persoal médico e de enfermería de PACs para mediados de xaneiro.


Se non concordas co Sergas en que "todo vai ben" amósallo participando nas mobilizacións que se convoquen, das que informaremos a través do correo e das nosas páxinas web.