En defensa da DEDICACIÓN EXCLUSIVA Imprimir
Sábado, 26 Maio 2018 10:18

defensa-sanidade-publica-4

A ofensiva a prol da desaparición da dedicación exclusiva que levan adiante os sectores médicos máis conservadores dá un novo paso adiante.

E mentres isto sucede, as e os profesionais partidarios da defensa da sanidade pública e da exclusividade non podemos quedar calados.

Na Agrupación Médica de CIG-Saúde (AgM) defendemos que a sanidade pública debe procurar que os seus profesionais traballen en exclusiva para ela, e con maior razón os de maior cualificación. Isto é tan evidente que até os propios seguros médicos privados pretenden contratar ás súas médicas e médicos en réxime de exclusividade.

A Agrupación Médica da CIG está convencida que a dedicación exclusiva das médicas e médicos é un elemento esencial para termos un sistema sanitario público de calidade pois, con todas as excepcións individuais que se queira, os profesionais con exclusividade demostran un maior compromiso coa sanidade pública.

As e os profesionais que defendemos a dedicación exclusiva, como elemento imprescindíbel dun sistema sanitario público eficiente e de calidade, temos que reaccionar diante da ofensiva conservadora que tenta eliminala do sistema sanitario público.

Temos que ser quen de defender activa e publicamente, entre as nosas compañeiras e compañeiros e diante da sociedade, a existencia da dedicación exclusiva á sanidade pública.