Xestión Clínica: Privatización e Laboralización Imprimir
Mércores, 28 Agosto 2013 12:41

DemilicionTODOS OS CAMIÑOS DA POLÍTICA SANITARIA DO PP CONDUCEN A ROMA: PRIVATIZACIÓNS, CONVERSIÓN DE PERSOAL ESTATUTARIO EN LABORAL, DESMANTELAMENTO DA SANIDADE PÚBLICA

O pasado 25 de xullo o goberno do PP en Madrid publica no BOE, coma que non quere a cousa, na disposición final quinta da disposición que modifica a lei que rexe o uso de medicamentos, unha alteración do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Coma sempre por DECRETO. Esta modificación, imposta e sen negociación, inclúe un novo artigo 65bis: Servizos de Xestión Clínica. Para que se fai esta modificación? Para permitir que o persoal estatutario fixo poida traballar nas unidades de xestión clínica que se creen no futuro coma persoal laboral, cunha excedencia temporal, con reserva de posto durante 3 anos na praza estatutaria.

Pero se as unidades de xestión clínica son públicas e non teñen entidade xurídica propia, para que se fai esta modificación do Estatuto Marco? Por algo moi sinxelo. O goberno do PP cando publique o decreto estatal de xestión clínica lexislará para que as devanditas unidades poidan ser creadas ou participadas nun mínimo do seu capital polo propio servizo de saúde; o resto do capital será privado.

Se a futura regulación vai permitir que as unidades de xestión clínica poidan ter entidade xurídica propia, poderán constituírse como fundacións, consorcios e demais fórmulas de xestión. Neste modelo de xestión privada non ten cabida o persoal estatutario; por iso o goberno do PP co apoio de certos sindicatos corporativos asinaron un marabilloso pacto que permita a laboralización do persoal estatutario e facilitarlle traballar baixo o réxime laboral.

O proxecto de Decreto de Xestión Clínica presentado polo SERGAS non contempla que as unidades de xestión clínica poidan ter entidade xurídica propia, mais iso si, xa nos dixeron que este decreto pode ser modificado unha vez que o goberno do estado publique o seu.

Como será o tratamento das patoloxías crónicas que sexan tratadas a través de unidades clínicas xestionadas baixo a modalidade de fundación, consorcios…? Primará a calidade asistencial ou o beneficio económico?

Desde CIG-SAÚDE esiximos ao goberno da Xunta de Galiza e á Consellería de Sanidade que o Decreto de Xestión Clínica de Galiza non permita que estas unidades teñan entidade xurídica propia, esiximos que exerza as súas competencias e que non sexa un simple recadeiro do goberno central.

NON Á PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE! NON Á LABORALIZACIÓN DO PERSOAL!

NON Á CREACIÓN DE UNIDADES DE XESTIÓN CLÍNICA BAIXO OUTRAS FORMULAS DE XESTIÓN!

DESDE CIG-SAÚDE FACEMOS UN CHAMAMENTO A TOD@S @S PROFESIONAIS PARA QUE REXEITEN SER COMPLICES NA DESAPARICIÓN DO SISTEMA SANITARIO PUBLICO.