productivity13

Modulo1

espazo

SOS-3D-peq

Contratacións

Contratacions


Calendario Laboral

CALENDARIO-2017

Orde Conf. Nóminas

2017

Orde Nominas 2017

Exclusiva-3

CIG-Saúde e a Exclusividade

Información

SERGAS Xunta
D.O.G. BOE en Galego
Acceso a: Biblioteca  Cochrane Plus Fisterra, AP na rede
Diario Médico Acceso a: U.S. National Library of  Medicine
El Médico Interactivo FADSP

Lingua

en galego

 

Por un Dominio Galego na Internet

 

Tradutor

Web vella

logo

Afiliate xa!


O_Sindicalismo

Sanidade convocará 6.526 prazas MIR, as comisións das especialidades pedían 6.687 Imprimir Correo-e
Luns, 31 Xullo 2017 08:23

Mir-1O Ministerio de Sanidade ofertará 6.526 prazas MIR para a convocatoria 2017-2018, un 3,9 por cento máis que o ano pasado.

As Comisións das especialidades solicitaban 6.687 polo que se perden 152 prazas MIR acreditadas.  O número de prazas a cubrir podería ser menor de se producir a desacreditación dalgunha unidade docente; na pasada convocatoria, as 6.328 prazas aprobadas polo ministerio e autonomías, quedáronse nas 6.281 finalmente ofertadas, trala desacreditación de 47 postos de formación.


Segundo fontes ministeriais, a oferta global de prazas de formación sanitaria especializada que, ademais das prazas médicas, inclúe as de Enfermería, Farmacia, Psicoloxía, Bioloxía, Radio física e Química, tamén crece con respecto á pasada convocatoria, pasando de 7.772 ás 8.057 acordadas este ano na reunión do Pleno da Comisión de Recursos Humanos que tivo lugar o pasado 26 de xullo para pechar a oferta definitiva de postos. Neste caso ás Comisións de especialidades solicitaban 8.576, pérdense 519 prazas de formación sanitaria especializada.

O total de prazas ofertadas quedaría:

·         6.526 prazas para médicos,

·         245 para farmacéuticos,

·         135 para psicólogos,

·         33 para radio físicos,

·         65 para químicos, biólogos e bioquímicos,

·         1.053 para Enfermería (un 5,9 por cento máis que na pasada convocatoria).

 
Rexeitamos o Plano de Estabilidade Imprimir Correo-e
Luns, 20 Marzo 2017 13:42

Plano de Estabilidade, tanto agardar para isto! ico_pdf

Recortes-PPA CIG-SAÚDE rexeita un plano de estabilidade con 438 prazas, cando as prazas vacantes no SERGAS desde o ano 2010 son máis de 2.500.

Na reunión de Mesa Sectorial celebrada hoxe, día 17 de marzo de 2017, abordamos o intento de negociar o Plano de Estabilidade do Emprego no SERGAS, plano que viñamos demandando desde o mes de outubro, e que o SERGAS presenta hoxe con 438 prazas!

Para que a CIG-SAÚDE poida aprobar o Plano de Estabilidade do Emprego queremos un censo real do persoal temporal, para poder comprobar se o que pretende o SERGAS é recuperar as 2.652 prazas vacantes desde o ano 2010, ou un Plano de Emprego que consolide a destrución de postos de traballo na Sanidade Pública.

Desde a CIG-SAÚDE esiximos un censo de profesionais con:

Relación de persoal interino por cada unha das áreas sanitarias. No que se recollan as prazas das áreas sanitarias de O Barco, Monforte, O Salnés e Burela. Por categorías profesionais, e na categoría de FEAs disgregado por especialidades.

Relación de persoal con vínculo de servizo determinado de cada unha das 11 áreas sanitarias, por categorías, e por especialidades médicas.

Relación de prazas estruturais cubertas con vínculos temporais, tamén de cada unha das 11 áreas sanitarias, categorías e especialidades.

Se as prazas a estabilizar que propón o SERGAS son 438 prazas, e as vacantes producidas desde o ano  2010  (Plano  de  Ordenación de RRHH) son 2.652, entón o SERGAS só pretende estabilizar o 16.51% das prazas vacantes.

E para isto quere Feijóo que a oposición aprobe os Orzamentos do Estado? Para seren cómplices na destrución de emprego na Sanidade Pública? Que doado sería entón privatizala!

Sr. Feijóo, tanto que lle gusta falar do goberno bipartito, ímoslle lembrar o que fixo ese goberno:

▶ OPE 2006 convocada polo goberno bipartito: 2.722 prazas convocadas.

▶ OPE 2008 convocada polo goberno bipartito: 3.913 prazas convocadas.

Se queren, con vontade política, poden acabar coa precariedade no SERGAS.

OUTRO PLANO DE ESTABILIDADE É POSIBLE !

 
Que xestión clínica queres? a que privatiza e recorta, ou a que che dá voz? Imprimir Correo-e
Domingo, 03 Maio 2015 09:49

QUE XESTIÓN CLINICA QUERES? A QUE PRIVATIZA E RECORTA, OU A QUE CHE DÁ VOZ?

caras_de_sorpresa-2Na literatura científica enténdese a Xestión Clínica coma a ferramenta que permite xestionar a sanidade coma unha empresa do coñecemento, coa participación activa das e dos profesionais, para acadar os mellores resultados baseándose na evidencia científica.

Na Consellaría de Sanidade do PP enténdese a Xestión clínica coma a oportunidade perfecta para diminuír prestacións sanitarias, transferindo ao persoal a responsabilidade da política de recortes, a cambio de melloras nas súas retribucións.

Esas retribucións deberían ser acordes coa responsabilidade que se asume, coa entrega e dedicación, coa posta a disposición do sistema dos coñecementos técnicos científicos, que en verdade é o que engade valor á Sanidade Pública.

Desde a CIG-SAÚDE apoiamos a Xestión Clínica coma esa ferramenta, indispensable no Sistema Sanitario Público, onde as/os traballadoras/es teñan unha participación real na toma de decisións, e non unha decisión baseada na chantaxe e nos intereses do goberno que xa sabemos que son:

Dar participación ao capital privado para xestionar a sanidade pública, creando empresas mixtas, nas que as xefaturas serán nomeadas a dedo.

Modificar a lexislación laboral para que o persoal perda a condición de estatutario. Creando vínculos de persoal laboral que poden ser despedidos, segundo a reforma laboral do PP. regulada no Real Decreto 1483/2012, do 29 de outubro, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada:

            CAPÍTULO I Normativa aplicable

Artigo 34. Normativa aplicable aos procedementos de despedimento colectivo por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción no sector público.

A CIG-SAÚDE seguirá apostando nunha xestión clínica participativa, sen privatizacións nin recortes. Tal e como veu defendendo todo este tempo.

vota_tira_Vigo

 
Publicadas listas definitivas de médicos/as de familia Imprimir Correo-e
Luns, 09 Xuño 2014 10:09

Publicada no DOG do 9 de xuño a resolución que da publicidade á lista de contratación da categoría de médicos/as de familia coa orde de prelación, as puntuacións definitivas e a relación de aspirantes en posesión do diploma de puericultura.

Listas de contratación médico/a de familia. RESOLUCIÓN DO 2 DE XUÑO DE 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría de médico/a de familia e se fai pública a relación de aspirantes en posesión do diploma en puericultura.

As listas entran en vigor o día 10 de xuño e tamén ese día iniciase o prazo de un mes para interpoñer recurso de reposición fronte á resolución, e o de dous meses para interpoñer recurso contencioso-administrativo.

 
Traslados e Listas de Contratacións Imprimir Correo-e
Mércores, 04 Xuño 2014 12:30

Na Mesa Sectorial do día 3 de xuño o SERGAS informounos que  o próximo xoves 5 de xuño se publicará a Lista definitiva de Admitidos/Excluídos do CONCURSO DE TRASLADOS MÉDICOS DE FAMILIA.

Tamén nos informan que está prevista a publicación da Lista definitiva do PACTO DE CONTRATACIÓNS de MÉDICOS DE FAMILIA na semana do 9 ao 13 de xuño. 

 
A CIG-Saúde denuncia o peche de máis de 1.200 camas durante 4 meses Imprimir Correo-e
Mércores, 30 Abril 2014 18:29

Hospital

 A CIG-Saúde denuncia que o peche de máis de 1.200 camas hospitalarias durante 4 meses provocará problemas asistenciais.

 Alerta do sufrimento que isto xera nas e nos doentes pola negativa do SERGAS a contratar persoal eventual no período de vacacións para aforrar a custo da saúde

 O SERGAS pechará durante 120 días máis de 1.200 camas hospitalarias. A CIG-Saúde denuncia que isto provocará problemas asistenciais como a paralización da actividade cirúrxica, o incremento das listas de espera, a saturación dos servizos de urxencia e unha presión sobre os centros hospitalarios e sobre o propio persoal sanitario para reducir tanto o número de ingresos como o tempo de estancia media de hospitalización (altas prematuras).

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que no canto de priorizar a saúde das galegas e galegos, as súas necesidades de atención sanitaria e a necesaria calidade asistencial para as e os doentes, o SERGAS prioriza o aforro que se engade aos recortes orzamentarios que se veñen producindo xa no sistema sanitario público. “Se non hai actividade, non hai gasto e esa é unha das máximas deste goberno”, di.

Abuín afirma que esta medida provocará inevitablemente o incremento do sufrimento das persoas fronte á enfermidade, ao retrasar o acceso ás prestacións sanitarias. Ademais do sufrimento que supón para a poboación o peche de camas pola diminución de actividade nos centros e o aumento de espera para recibir asistencia sanitaria, esta medida ten unha importante repercusión no emprego no sector sanitario. “Pechan camas para non contratar persoal eventual no verán. Un verán que dura, para a consellaría, catro meses e no que cada ano se incrementa máis o número de camas pechadas”.


De feito a CIG-Saúde ten cuantificado o número de camas pechadas desde o ano 2010. Daquela foran 588, que ao ano seguinte ascenderan a 670. En 2012 houbo un novo incremento, até chegar ás 787 camas pechadas e o ano pasado xa se elevaran a 1.105, chegando este ano ás 1.200.

CIG-Saúde denuncia que o SERGAS xa non publica datos sobre as contratacións realizadas nos centros sanitarios. “Temos o índice máis baixo de contratación e o máis alto de precariedade. Non contratan, pero si provocan que a xente faga horas aumentando a súa xornada ordinaria”.

A CIG-Saúde entende que deste xeito mesmo se está a defraudar á Seguridade Social, “como os peores empresarios, non contratan para non ter que pagar as cotizacións correspondentes”, denuncia a secretaria nacional.

A non cobertura de persoal tamén se produce no ámbito da atención primaria. Pechan as axendas de consultas provocando listas de espera e obrigando á poboación a recorrer aos servizos de urxencias.

Ante isto, a CIG-Saúde fai un chamamento á poboación a denunciar as situacións de retraso no acceso á sanidade e a participar conxuntamente cos traballadores e traballadoras nas mobilizacións que en defensa dunha sanidade pública, gratuíta e universal se convoquen.

 
ESTÁ NA NOSA MAN PARAR O “DECRETO DE ÁREAS DE XESTIÓN CLÍNICA” Imprimir Correo-e
Luns, 28 Abril 2014 16:29

hand_red-2As “Áreas de Xestión Clínica” deseñadas polo SERGAS supoñen un paso importante na fragmentación da sanidade pública e non teñen como principal obxectivo mellorar a calidade senón aforrar cartos en persoal, materiais, farmacia e exploracións complementarias e con ese “aforro” financiar incentivos económicos para as e os profesionais que decidan participar nesas Áreas.

Para crear máis incerteza, a proposta de creación desas “Áreas” faise nun contexto económico e político de recortes e privatizacións da sanidade pública, no que chegan da Unión Europea directivas que pretenden a liberalización dos servizos públicos. A súa vez, no Parlamento español modifícase o Estatuto Marco para facilitar a súa privatización.


FAGÁMONOS VALER:

frecha-r-2 defendamos a democratización e a participación nos Servizos,

frecha-r-2 defendamos o traballo por procesos para lograr unha mellor integración de niveis e servizos,

frecha-r-2 denunciemos as imposicións e recortes e defendamos a utilización da mellor evidencia científica na práctica clínica.


NON ACEPTES PARTICIPAR NAS “ÁREAS DE XESTIÓN CLÍNICA” DO SERGAS

Descarga e difunde  ico_pdf

 
Contra a privatización da xestión das Baixas Laborais Imprimir Correo-e
Luns, 31 Marzo 2014 09:16

xubilacionDesde a Agrupación Médica de CIG-Saúde denunciamos a privatización da xestión das Incapacidades Temporais (baixas laborais) e o recorte de dereitos que isto supón, potenciando a burocratización do traballo das e dos médicos de Atención Primaria e xeneralizando a presunción de fraude por parte das traballadoras e traballadores. Tamén denunciamos a pretensión de dar acceso ás Mutuas á Historia Clínica Electrónica, co que IANUS deixará de ser unha ferramenta clínica e pasará a ser unha ferramenta de control das persoas en situación de baixa laboral. ico_pdf

O pasado 20 de decembro de 2013, o Consello de Ministros ten aprobaba o “Anteproxecto de Lei de Mutuas da Seguridade Social”. 

Coa elaboración deste Anteproxecto abandonase a tramitación do proxecto de Real Decreto (RD) de reforma da Incapacidade Temporal (IT), tras case un ano de negociacións, e que recibira múltiples críticas, entre elas as da CIG-Saúde.

Este Anteproxecto trata fundamentalmente de tres asuntos: A reforma do réxime xurídico das Mutuas, a modificación da xestión da IT e a creación dun “sistema específico de protección por cese de actividade dos traballadores autónomos”.

A modificación da xestión da IT, tal e como xa apuntaba o texto do abandonado RD de reforma da IT, supón un claro recorte de dereitos dos traballadores e traballadoras, xeneralizando a presunción de fraude pola súa parte. Non concede as Mutuas a capacidade de dar Altas de xeito directo, pero establece un mecanismo de resposta ás propostas de alta, con solo 5 días para resolver, e en ausencia de resposta producirase a “Alta presunta” por silencio administrativo,  co que de feito produciranse Altas con este mecanismo deixando as e os traballadores sen prestación económica, sen que medie unha resolución explícita por parte do seus médicos de familia ou dos servizos de inspección do SERGAS, o que pode redundar en fonte de conflitos e inseguridade xurídica tanto para as e os médicos de familia, como para as e os pacientes.

Con esta medida se consigue que sexan as Mutuas as que dirixan esta prestación e actúen como autoridade de control da mesma, ignorando as propias competencias do Servizo Galego de Saúde, que perde as súas competencias de inspección sanitaria entregándollas ás Mutuas.

Ademais incorpora novas competencias asistenciais  para as Mutuas que de feito supoñen un novo paso na fragmentación e na privatización da asistencia sanitaria das e dos traballadores. As Mutuas poderán establecer convenios co SERGAS para adiantar prestacións asistenciais a traballadoras/es de baixa, tendo a sanidade pública que pagar por eses convenios, cando até hoxe, se adiantaban prestacións, tendo as Mutuas o beneficio da menor duración do proceso de IT.

O Anteproxecto pretende regular, tamén, as comunicacións entre tódolos axentes que participan na xestión das ITs, médicos de familia, inspección do SERGAS, do INSS e as Mutuas, como se todos estiveran no mesmo plano e tiveran a mesma responsabilidade asistencial sobre o paciente. Dando acceso á Historia Clínica Electrónica a tódolos actores, incluíndo INSS e Mutuas, pervértese o carácter de ferramenta asistencial da Historia Clínica Electrónica, utilizándoa para conceder ou denegar prestacións económicas.

Así o asegurou o director xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, Agustín Rivero en referencia á futura Lei de Mutuas. "O ministerio quixo incluír que os profesionais das aseguradoras poidan entrar nas historias clínicas". Para xustificar esta medida dixo que así no sistema sanitario non habería que repetir procedementos nin tratamentos.

De continuar con estas medidas, IANUS deixará definitivamente de ser unha ferramenta clínica e pasará a ser, cada vez máis, unha ferramenta de control das e dos profesionais para fiscalizar o gasto xerado pola actividade asistencial e das e dos pacientes para conceder ou denegar prestacións económicas.

Desde a Agrupación Médica de CIG-Saúde demandamos do goberno a retirada deste Anteproxecto por atentar contra os dereitos das e dos pacientes, das e dos traballadores  e das e dos profesionais da Sanidade Pública, e pedimos aos Partidos políticos con representación no Parlamento español que se opoñan á súa aprobación.

Tamén esiximos da Xunta que defenda ás súas competencias, reclamando o mantemento das funcións da Inspección Médica e das e dos médicos de familia, e que defenda que a Historia Clínica electrónica ten que ser unha ferramenta de uso clínico, elaborada e xestionada polo persoal da sanidade pública, e ao servizo da saúde da/o paciente.

 
As Áreas de Xestión Clínica do SERGAS. Razóns dun rexeitamento Imprimir Correo-e
Domingo, 30 Marzo 2014 21:34

Artigo de opinión publicado no Faro de Vigo do día 30/03/2014 e asinado por Manuel González Moreira, médico de familia e membro da Executiva Nacional de CIG-Saúde e da Agupación Médica.

Faro-2Razóns dun rexeitamento

Estamos a asistir a un intenso debate sobre a pretensión do SERGAS de implantar “Áreas de Xestión Clínica” tanto nos hospitais como en Atención Primaria.

 A xestión da sanidade pública debe adaptarse ás novas necesidades xurdidas dos cambios científicos e sociais dos últimos 30 anos. A “Xestión Clínica” defende facer eses cambios contando coa participación das e dos profesionais clínicos, transferíndolles un maior grao de responsabilidade, co obxectivo último de conseguir os mellores resultados posibles na práctica clínica diaria, tendo en conta a información científica dispoñible e procurando reducir os inconvenientes e os custes para o paciente e para a sociedade no seu conxunto.

Se esa é a pretensión da “Xestión Clínica”, onde está o problema?. Na miña opinión, en que a proposta do SERGAS non ten como obxectivo fundamental incorporar os principios da “Xestión Clínica” na actividade cotián da sanidade pública galega.

O que o SERGAS  pretende, segundo figura no Decreto 36/2014, é crear unha nova estrutura de xestión, as denominadas “Áreas de Xestión Clínica”, nas que o director da área será nomeado pola xerencia de xestión integrada mediante libre designación, e fican sen definir aspectos fundamentais da súa organización, sobre todo no que fai referencia aos recursos humanos, ao manexo de recursos económicos e aos sistemas de avaliación, como recolle o informe do Consello Consultivo de Galicia, no ditame 877/13, que remata dicindo “que o proxecto de decreto polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde resulta contrario ao ordenamento xurídico”.

As “Áreas de Xestión Clínica” supoñen dar un paso importante na fragmentación da asistencia sanitaria, coa creación de espazos fora da regulación xeral da sanidade pública, cun orzamento pechado e xestionado por un director ou directora de área, cunhas competencias que superan amplamente ás das actuais Xefaturas de Servizo. As “Áreas de Xestión Clínica” teñen como principal obxectivo aforrar cartos dese orzamento, principalmente en persoal, materiais, medicamentos e exploracións complementarias e, con parte de ese aforro, en realidade con eses recortes no servizo á cidadanía, financiar incentivos económicos para as e os profesionais que decidan participar nesas Áreas.

Para crear máis incerteza, a proposta de creación desas “Áreas” faise nun contexto económico e político de recortes e privatizacións da sanidade pública, no que chegan da Unión Europea directivas que pretenden a liberalización dos servizos públicos. A súa vez, no Parlamento español se modifica o Estatuto Marco, que regula as condicións de traballo das persoas que traballamos na sanidade pública, para facilitar a privatización das áreas de xestión clínica.

Estas razóns e neste contexto, especialmente visto desde a atención primaria, que continúa a perder peso desde a desaparición das xerencias propias, fan que as persoas que defendemos á sanidade pública e recoñecemos os elementos positivos que ten a “Xestión Clínica”, nos opoñamos á creación das “Áreas de Xestión Clínica” que o SERGAS quere impoñer.

 
CIG-Saúde exixe a retirada do decreto de xestión clínica Imprimir Correo-e
Mércores, 26 Marzo 2014 13:18

O Consello Consultivo considera o texto contrario ao ordenamento xurídico.  ico_pdf

CIG-Saúde exixe da consellaría de Sanidade a retirada inmediata do decreto de xestión clínica.

Consello-ConsultivoA CIG-Saúde exixe a inmediata retirada do Decreto de Xestión Clínica aprobado polo Consello da Xunta e publicado no DOG número 57 do día 24 de marzo. Considera que non se pode impor un modelo de xestión que conta co rexeitamento das organizacións sindicais, as/os profesionais da sanidade pública e da cidadanía en xeral. Rexeitamento ao que se suma ademais o Consello Consultivo de Galiza que mesmo o considera contrario ao ordenamento xurídico.

A CIG-Saúde congratúlase de que o informe do Consello Consultivo coincida, no substancial, coas denuncias presentadas por escrito pola central sindical na mesa sectorial, nomeadamente a consideración de que o texto “está cheo de ambigüidades e de aspectos claramente negativos”. Ambigüidades que a central sindical entende que “son especialmente rechamantes no relativo a Recursos Humanos, ao manexo de recursos económicos e nos sistemas avaliación”.

A este respecto, o Consello Consultivo coincide en sinalar que o documento ten un “grao de indefinición do sistema e falla de claridade nas previsións” e fai referencia ademais á “pouco clara” regulación dos incentivos económicos.

Nese sentido, a CIG-Saúde denunciaba, e denuncia, que os incentivos económicos están baseados nos recortes nas prestacións e non en indicadores de saúde e sobre isto o Consello Consultivo recolle que non hai unha regulación expresa dos indicadores que deberán terse en conta para a fixación dos incentivos e coincide tamén coa valoración da central sindical respecto da libre designación do xefe/a da área de xestión clínica.

Para a CIG-Saúde é “inadmisíbel” que a pesar de ter coñecemento da valoración do Consello Consultivo, en contra do proxecto de creación das áreas de xestión clínica, o goberno galego no seu conxunto, aprobara o Decreto sen ter en conta ningunha das observacións xerais que sobre a legalidade do proxecto fai este organismo.

Por iso considera que debe ser retirado de forma inmediata e devolto á mesa de negociación para así corrixir as deficiencias denunciadas polas organizacións sindicais que se ven avaladas polo Consello Consultivo.

 
O Consello da Xunta aproba o Decreto de Xestión Clínica co rexeitamento maioritario de profesionais, sindicatos e poboación Imprimir Correo-e
Venres, 21 Marzo 2014 10:54

caras_de_sorpresa-2Onte aprobouse no Consello da Xunta o Decreto de Xestión Clínica. Cando inda se supoñía que estaba sobre a mesa de negociación, cando onte mesmo nos envían unha mensaxe na que nos anuncian que nos van convocar para continuar a falar sobre o modelo de Xestión Clínica que se pretende implantar... resulta que xa sae o Decreto para a súa publicación en DOG. Un decreto que conta co rexeitamento case unánime de profesionais, poboación e organizacións sindicais.

Desde a CIG-Saúde remitímoslle esta mensaxe á Conselleira, á Xerenta e ás persoas que dirixen Recursos Humanos no SERGAS:

Bo día: onte recibimos o voso correo no que nos anunciabades a aprobación polo Consello da Xunta do Decreto de Xestión Clínica. Se a mensaxe que nos queredes transmitir é que con esta aprobación o SERGAS dá por pechada a interlocución coas organizacións sindicais, e que en breve o voso decreto será publicado no DOG, desde CIG-SAÚDE daríamos por feito que esta Admón. nunca tivo intención de consensuar o documento coas organización sindicais, senón que a súa intención sempre foi a de utilizar a Xestión Clínica para facer un cambio no modelo de prestación sanitaria, e un cambio nas condicións laborais das/os profesionais. Por iso non aceptastes as nosas alegacións.

Esta Admón. cega e xorda ante as demandas dos/as seus/súas profesionais aboca á Xestión Clínica a un rotundo fracaso. Lamentamos que se perda este momento de mellorar a Sanidade Pública coa implicación de todas/os as/os traballadoras/es.

Ainda que publiquedes un decreto que é rexeitado pola maior parte das/os profesionais, non imos desistir nas nosas mobilizacións, non imos consentir que a través do decreto de Xestión Clínica impoñades un sistema retributivo arbitrario, que deixa fóra un número importante de profesionais. Non imos aceptar que modifiquedes os sistemas de selección de persoal. Non imos renunciar ao dereito que temos de negociar na Mesa Sectorial as condicións laborais do persoal do SERGAS.

Se a negociación do Decreto está pechada, non ten sentido seguir coa comisión técnica de desenvolvemento do Decreto. CIG-SAÚDE non vai participar no desenvolvemento dunha norma que consideramos lesiva para o sistema sanitario, para a poboación e para as/os traballadoras/es.

Non nos convoquedes, non imos ser cómplices do voso xogo que consiste en transmitir á opinión pública que existe una negociación coas organizacións sindicais. Negociar é o procedemento utilizado para solucionar conflitos en prol dun interese xeral, e isto dista moito da vosa intención.

 
Nova aplicación para descarga de noticias da CIG-Saúde Imprimir Correo-e
Venres, 21 Marzo 2014 10:47

LG_Google_Nexus5-CIGSe tés un móbil ou tableta con Android, agora tés outro xeito de estares ao día nas noticias da CIG-SAÚDE.

Só tés que entrar no Google Play, poñer no buscador “cig-saude” e instalar a aplicación gratuíta que recolle as novas publicadas.

Recibirás un aviso na barra de alertas do teu aparello cada vez que se publique unha nova información nas webs da CIG-SAÚDE.

Podes ver a descrición da app e descargala premendo aquí.

Se queres estar ao día, instala no teu móbil ou tableta esta nova aplicación!

Desde a CIG-Saúde queremos agradecer a Miguel Carrillo o desenvolvemento e distribución desta aplicación gratuíta.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 Seguinte > Final >>


Confederacion Intersindical Galega - Federacion de Saude
Miguel F. Caaveiro 10 - 981 58 32 00 - 981 58 39 34
executiva@cig-saude.info- compostela@cig-saude.info