productivity13

Modulo1

espazo

SOS-3D-peq

Contratacións

Contratacions


Calendario Laboral

CALENDARIO-2018

Orde Conf. Nóminas

2019

Exclusiva-3

CIG-Saúde e a Exclusividade

Información

SERGAS Xunta
D.O.G. BOE en Galego
Acceso a: Biblioteca  Cochrane Plus Fisterra, AP na rede
Diario Médico Acceso a: U.S. National Library of  Medicine
El Médico Interactivo FADSP

Lingua

en galego

 

Por un Dominio Galego na Internet

 

Tradutor

Web vella

logo

Afiliate xa!


O_Sindicalismo

A Executiva da CIG-Saúde denuncia as medidas de recorte nos dereitos e prestacións sanitarias Imprimir Correo-e
Venres, 20 Abril 2012 06:49

As medidas aprobadas rachan o carácter redistributivo da sanidade pública

Denuncia que é falso que se aforre, “derívase o gasto aos doentes”

Executiva-Saude-1A Executiva da CIG-Saúde ao completo compareceu en rolda de prensa, para denunciar as medidas de recorte nos dereitos e prestacións sanitarias impostas no Consello Interterritorial de Saúde, co beneplácito das comunidades autónomas do Partido Popular, nomeadamente co do goberno galego, representado pola conselleira de Sanidade. A federación advertiu que con estas medidas regresivas, que afectan sobre todo á poboación con menos recursos, estase poñendo en xogo o acceso universal á sanidade pública e o seu carácter redistributivo e asegurou que só coa mobilización social se pode frear este ataque, sen precedentes, a un dereito fundamental como é o dereito á saúde.  


María Xosé Abuín, secretaria nacional, denunciou que, malia a demagoxia empregada en defensa destes recortes, “non son en absoluto progresivos, porque inciden sobre as persoas con menos recursos”. Para exemplificar esta afirmación, asegurou que non se pode falar de progresividade cando quen teña uns ingresos de 600 € vai ter que pagar 8 €, mentres que quen teña uns ingresos de máis de 100.000 € terá que pagar 18 €.

Neste sentido lembrou ademais que as pensións en Galiza, dunha media de 728 €, están por debaixo da media estatal e que no caso das viúvas, estas perciben tan só un 52% desa cantidade. “Unha vez máis as mulleres somos as máis afectadas”, engadiu.

Para CIG-Saúde, é falso ademais, falar de déficit da sanidade pública, cando do que se debe falar é dun déficit no orzamento que se destina. Así, Manuel González Moreira, sinalou que mentres no estado español, e con datos de 2008, se destinan 1.492 € per cápita, en países como Alemaña supera amplamente os 2.000 € ou os 3.000€ no caso de Dinamarca.

Do mesmo xeito, en termos de PIB, o peso da sanidade pública, no estado español é dun 6,5%, cando en Francia é do 8,48%. “Se se incrementaran eses dous puntos no PIB, non teriamos déficit, senón superávit”, afirmou González Moreira, quen engadiu que “é falso que a sanidade pública é cara”.

Carácter redistributivo

CIG-Saúde alertou de que así se está a rachar co carácter redistributivo dun sistema sanitario que tiña que garantir a equidade, explicou González Moreira, financiándose a través dun IRPF xusto,  incrementando os impostos ás grandes fortunas ou perseguindo a fraude fiscal, entre outras medidas.

Por iso, denunciou que “cando se fala de aforro de 3.500 millóns en gasto farmacéutico, en realidade, non se está aforrando nada, senón que se van quitar eses cartos do peto dos máis enfermos”.

Para a CIG-Saúde, en todo caso, o que habería que facer sería articular medidas de xestión eficiente, que mellorarían o sistema e poderían reducir gastos.

Máis recortes

Xunto a isto, a secretaria nacional de CIG-Saúde, advertiu dos recortes que se pretenden introducir, e que parece que se irían aplicando ao longo deste ano, no gasto sanitario-farmacéutico; a través da actualización do nomeclator, que suporía retirar das guías de prestación farmacéutica certos medicamentos que seguirían no mercado, pero polos que habería que pagar un prezo máis elevado; coa retirada do transporte sanitario non urxente ou coa introdución do copago nas ortopróteses. Medida, esta última, que incidiría novamente sobre os máis desfavorecidos, normalmente persoas maiores, que acabarían os seus días cunha peor calidade de vida, na cama e con invalideces.

Do mesmo xeito, adiantou que tamén se baralla eliminar dous plans esenciais, pola vía de deixalos ser recursos económicos: o Plan Estatal sobre Drogodependencias e o Plan Estatal sobre Prevención da SIDA. “Son políticas cunha profunda carga ideolóxica que levarán a que teña sanidade quen a poida pagar. O outro será beneficencia”.

Carteira de servizos básicos

Na xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde tamén se abordou a necesidade de estabelecer unha carteira de servizos básicos en tres niveis. A este respecto, González Moreira explicou que xa existe unha carteira de servizos e que desde a CIG-Saúde defendeuse que se definira claramente que tipo de servizos tiñan que garantirse na sanidade pública. Porén, para a federación é preocupante que se introduza o concepto de “básicos”, e ademais que se estabelezan tres niveis, non se sabe ben en función de que criterios.

De fondo, entende que estamos ante un cambio de modelo sanitario, introducindo, pola vía de recortes no financiamento, principios de mercado para “promover seguros privados complementarios para cubrir eses servizos que pretenden declarar como non básicos”.

María Xosé Abuín denunciou que o PP, desde a Xunta de Galiza, foi pioneiro en introducir estas medidas recortando xa, a pouco da súa chegada un plan que permitiría mellorar a eficiencia do sistema, o Plan Mellora de Atención Primaria, que incorporaba ademais a carteira de Servizos en enfermería. Plan que permitirían atender en primaria aos doentes sen ter que derivalos á atención especializada, reducindo custes, listas de agarda e favorecendo a prevención da enfermidade. “Todo isto”, setenzou a secretaria nacional de CIG-Saúde, supón un retroceso de 50 anos”.

 

Confederacion Intersindical Galega - Federacion de Saude
Miguel F. Caaveiro 10 - 981 58 32 00 - 981 58 39 34
executiva@cig-saude.info- compostela@cig-saude.info