productivity13

Modulo1

espazo

SOS-3D-peq

Contratacións

Contratacions


Calendario Laboral

CALENDARIO-2018

Orde Conf. Nóminas

2018

 Orde-Nominas-2018-2.pdf

Exclusiva-3

CIG-Saúde e a Exclusividade

Información

SERGAS Xunta
D.O.G. BOE en Galego
Acceso a: Biblioteca  Cochrane Plus Fisterra, AP na rede
Diario Médico Acceso a: U.S. National Library of  Medicine
El Médico Interactivo FADSP

Lingua

en galego

 

Por un Dominio Galego na Internet

 

Tradutor

Web vella

logo

Afiliate xa!


O_Sindicalismo

A Lei de Mutuas do PP avanza na fragmentación e na privatización da asistencia sanitaria Imprimir Correo-e
Martes, 18 Marzo 2014 00:00

A CIG-Saúde demanda a retirada do Anteproxecto por atentar contra os dereitos de doentes, traballadores/as e profesionais da Sanidade Pública

defendete_coa_cig_dos_abusos_mutuas800O pasado 20 de decembro de 2013, o Consello de Ministros aprobaba o “Anteproxecto de Lei de Mutuas da Seguridade Social”. Un texto co que se abandona a tramitación do proxecto de Real Decreto (RD) de reforma da Incapacidade Temporal (IT), tras case un ano de negociacións, e que recibira múltiples críticas, entre elas da CIG-Saúde. A federación demanda do goberno a retirada deste Anteproxecto por considerar que atenta contra os dereitos das e dos pacientes, das e dos traballadores  e das e dos profesionais da Sanidade Pública.

O Anteproxecto trata fundamentalmente de tres asuntos: A reforma do réxime xurídico das Mutuas, a modificación da xestión da IT e a creación dun “sistema específico de protección por cese de actividade dos traballadores autónomos”.

A CIG-Saúde lembra que a reforma do réxime xurídico das Mutuas era unha histórica reclamación da patronal e comeza por mudar o seu nome, Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social (MATEPSS), pasando a denominarse “Mutuas da Seguridade Social” ocultando a súa clara dependencia das organizacións patronais.

A modificación da xestión da IT, tal e como apuntaba o RD de reforma da Incapacidade Temporal, supón un claro recorte de dereitos dos traballadores e traballadoras, xeneralizando a presunción de fraude pola súa parte. Non concede ás Mutuas a capacidade de dar Altas de xeito directo, pero establece un mecanismo de resposta ás propostas de alta, con só 5 días para resolver, previndo que en ausencia de resposta producirase a “Alta presunta” por silencio administrativo,  co que de feito produciranse Altas con este mecanismo deixando as e os traballadores sen unha prestación sen que medie unha resolución explícita por parte do seus médicos de familia ou dos servizos de inspección do SERGAS.

Ademais incorpora novas competencias asistenciais  para as Mutuas que de feito supoñen un novo paso na fragmentación e na privatización da asistencia sanitaria das e dos traballadores. De feito, poderán establecer convenios co SERGAS para adiantar prestacións asistenciais a traballadores de baixa. A CIG-Saúde denuncia que a sanidade pública terá que pagar por eses convenios, cando até hoxe, se adiantaban prestacións,  tendo as Mutuas o beneficio da menor duración do proceso de IT.

A CIG-Saúde advirte de que o Anteproxecto pretende regular, tamén, as comunicacións entre todos os axentes que participan na xestión das ITs, médicos de familia, inspección do SERGAS, do INSS e as Mutuas, como se todos estiveran no mesmo plano, pretendendo dar acceso á Historia Clínica Electrónica a todos os actores, incluíndo INSS e Mutuas. “Pervértese así o carácter de ferramenta asistencial da Historia Clínica Electrónica, utilizándoa para conceder ou denegar prestacións económicas”.

CIG-Saúde lembra que así o asegurou o director xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, Agustín Rivero en referencia á futura Lei de Mutuas, que afirmou que o ministerio quixo incluír que os profesionais das aseguradoras poidan entrar nas historias clínicas. “Para xustificar esta medida dixo que así no sistema sanitario non habería que repetir procedementos nin tratamentos”.

A nova en Avantar.

 
Datas e lugares de exame da OPE de FEAs e MUH Imprimir Correo-e
Martes, 18 Marzo 2014 00:00

Publicada a resolución que anuncia o lugar, data e hora dos exames da OPE de Facultativos/as Especialistas de Área e de Médicos/as de Urxencias Hospitalarias:

  • EXAMES OPE FEAs. RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área deste servizo. Descargar PDF 


  • EXAMES OPE MUH. RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico/a de urxencias hospitalarias do Servizo Galego de Saúde.   Descargar PDF
 
O SERGAS segue a facer recortes ás agochadas: anula o complemento de gardas en I.T. Imprimir Correo-e
Xoves, 02 Xaneiro 2014 08:07

O SERGAS anula o complemento de gardas en I.T.  sen información previa na Mesa Sectorial.

Recortes-PPO martes 31 de decembro publicouse no DOG a Lei de Orzamentos de Galicia. A devandita Lei recolle a conxelación salarial, a taxa de reposición e todas as medidas de recortes que xa coñecíamos.

O artigo 24 da devandita Lei recolle a anulación de percibir o complemento de gardas en I.T., que cobraba o persoal facultativo cando estaba en situación de I.T., sen información previa na mesa sectorial. Esta anulación xa a contemplaba a Lei de medidas que suspende temporalmente os acordos, pero coa publicación da Lei de orzamentos adquire carácter definitivo.

LEI 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

CAPÍTULO II

Dos réximes retributivos

Artigo 24. Retribucións do persoal ao servizo das institucións sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non se poderán satisfacer en ningún caso percepcións retributivas ou asignacións económicas, incluíndo as suplementarias ou mediadas, derivadas de atención continuada, gardas ou concepto equivalente cando non exista prestación efectiva dos servizos motivada por situacións de incapacidade temporal, agás naqueles supostos expresamente previstos nunha norma con rango de lei.

 
Publicada a OPE da miseria Imprimir Correo-e
Xoves, 02 Xaneiro 2014 08:02

oposicionsPublícase no DOG do 30 de decembro de 2013 a Oferta Pública de Emprego do 2013 para o SERGAS, á que na CIG-SAÚDE chamamos OPE da miseria. A oferta inclúe 40 prazas para a categoría de Médico/a de Familia e 125 para a categoría de Enfermeiro/a.

DECRETO 186/2013, do 19 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2013. Descargar PDF .

 
The Lancet confirma que a política sanitaria do PP erosiona a cobertura universal Imprimir Correo-e
Martes, 17 Decembro 2013 07:28

TheLancet-RD-1Un informe de “The Lancet” confirma o que levamos denunciando desde a publicación do Real Decreto 16/2012 que rematou ca universalidade da Sanidade Pública.

“The Lancet” dí que o Decreto provocou unha erosión no sistema de cobertura universal de saúde malia a última resolución de Nacións Unidas que instaba aos seus membros a facilitar o acceso.

A normativa provocaría que 837.000 persoas non residentes no estado español, perdan a protección. “The Lancet” rexeita as xustificacións do Goberno que basea a súa decisión na necesidade de adoptar medidas de austeridade, "aínda que o gasto público en saúde en España atopábase entre os máis baixos de Europa antes dos cambios recentes", explica no informe, que reflicte tamén os recortes orzamentarios de 2012 e 2013, do 13,7 por cento e o 16,2 por cento respectivamente, así como as políticas de redución do gasto nas comunidades autónomas. 


O estudo advirte dos riscos asociados a estas medidas como o incremento de infeccións de VIH ou tuberculose ou unha ameaza para os servizos orientados á cronicidade.

Pero a introdución do Real Decreto 16/2012 non é a única medida que contradí as resolucións de Nacións Unidas, que solicitou aos países que eviten iniciativas que supoñan pagos directos dos pacientes na provisión de servizos e medicamentos. Malia isto o Goberno de Mariano Rajoy incrementou o copago de fármacos e para acceder a outras prestacións.


The Lancet: Erosion of universal health coverage in Spain. 14/12/2013


La Voz de Galicia: A revista «The Lancet» alerta da «erosión» provocada pola reforma sanitaria de Mato. 16/12/2013

 

Europa Press: La revista 'The Lancet' alerta de la "erosión" provocada por la reforma sanitaria de Mato. En contra de las recomendaciones de la ONU. 17/12/2013

 
Miles de persoas en defensa da Sanidade Pública Imprimir Correo-e
Martes, 17 Decembro 2013 06:51

Miles de persoas nas Manifestacións coas que rematan as dúas xornadas de folga contras as políticas privatizadoras e de recortes deseñadas polo PP e impostas pola consellaría de Sanidade.


ManiSanidadeVigo01

Miles de persoas saíron ás rúas das cidades e vilas galegas na tarde-noite do martes 10 de decembro para amosar o seu rexeitamento ás políticas sanitarias do PP e en defensa da sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade. As mobilizacións puxeron o colofón a dúas xornadas de folga que foron secundadas masivamente polo persoal contra os recortes nas prestacións, nos servizos e nas condicións laborais. Unha políticas que abren a vía cara o seu progresivo desmantelamento e privatización “para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.


Máis info en Avantar

 
Satisfacción polo elevado seguimento da folga convocada no SERGAS, cifrada nunha media do 80% Imprimir Correo-e
Martes, 10 Decembro 2013 12:41

CIG-Saúde salienta a solidariedade e apoio que as/os traballadoras/es están a recibir das/os doentes

logosaudeazulA CIG-Saúde considera que a participación do persoal do SERGAS na folga é moi satisfactoria, malia os mínimos decretados pola consellaría, acadándose unha media do 80%. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, salienta o apoio que se está a recibir por parte da poboación nas distintas áreas sanitarias, porque as e os doentes entenden que con esta convocatoria “estase defendendo a sanidade pública e consideran que é mellor perder un día de atención sanitaria que perdela para toda a vida, conscientes de que hoxe o que está en perigo é a supervivencia deste modelo universal, público, gratuíto e de calidade”.

A CIG-Saúde fai un chamamento á poboación para que se sume ás mobilizacións convocadas nas cidades e vilas en defensa dun servizo público esencial, como é o sanitario, e contra os pasos que a Xunta de Galiza está a dar no camiño da súa privatización.

Máis Información

 
Carta aberta á cidadanía, na defensa da saúde. Imprimir Correo-e
Martes, 10 Decembro 2013 12:25

SOS-sanidadepublica-pequenoArtigo de Ramón Veras, médico de familia, en representación da Plataforma SOS Sanidade Pública de A Coruña en Sermos Galiza: Carta aberta á cidadanía, na defensa da saúde.

Levamos xa varios anos de recortes sucesivos e non nos sorprende case nada pero a última  proposta da Consellaría galega e do Ministerio de Sanidade, as Áreas de Xestión Clínica, sitúan á  sanidade pública ao borde do precipicio. É momento de moverse.

 
Transparencia, participación real e información nas folgas do Sergas Imprimir Correo-e
Martes, 10 Decembro 2013 12:12

Artigo de opinión de Francisco V. Vizoso, portavoz Nacional da Agrupación Médica da CIG, en Praza Pública: "Transparencia, participación real e información nas folgas do Sergas"

Folga-9-10-decCando hai folga no SERGAS, como a convocada para os días 9 e 10 de decembro, a administración adoita facer pública unha información, habitualmente pouco clara, e que sistematicamente é cuestionada por parte dos convocantes da folga, por considerar que sempre infraestima a participación real na folga.  O obxectivo deste texto é demostrar que esa crítica é certa, que o o SERGAS reduce artificialmente a participación nas folgas que se fan na sanidade pública galega, e que está nas súas mans ser transparente, dando información veraz e dificilmente discutíbel sobre a participación real nas folgas como a que está convocada para os días 9 e 10 de decembro.

 
CHAMAMENTO Á FOLGA OS DÍAS 9 E 10 DE DECEMBRO Imprimir Correo-e
Martes, 03 Decembro 2013 07:33

A Agrupación Médica da CIG-Saúde (AgM-CIG) chama a todos os facultativos e facultativas a que, xunto aos demais traballadores/as da sanidade pública, secunden a FOLGA XERAL dos días 9 e 10 de decembro, convocada por CIG e CCOO.
 
Paralelamente a esta convocatoria, CESM e Omega temén convocan á folga aos facultativos eses mesmos días.

Os motivos da convocatoria de folga son as condicións cada vez máis deterioradas da sanidade pública, das que todos nos queixamos a cotío:
contra os recortes, contra a perda de dereitos laborais e profesionais, contra os copagamentos e ás privatizacións, ... e en defensa da sanidade pública. 
ico_pdf

Por outra banda, as catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, CESM-Omega) convocamos, de xeito unitario,

MANIFESTACIÓNS CONXUNTAS en todo o país para o día 10 de decembro:

O Barco Hospital Comarcal. 20h.

Ourense Pavillón dos Remedios. 20h.

Burela Hospital da Costa. 20:30h.

Vigo Hospital Xeral. 20h.

Ferrol Praza de España, Fontenla Maristany. 18h.

Lugo Edificio Multiusos Xunta de Galiza. 20h.

Pontevedra Porta Principal Hospital Provincial 20h.

Santiago Praza Roxa 20h.

A Coruña Casa do Mar (Avda do Exército) 20h.

Barbanza Centro de Saúde 20h.

Monforte Praza de España 20h.

O Salnés Porta principal Hospital do Salnés 14h.

Cee Porta Principal Hospital Virxe da Xunqueira. 12h.


 

Se estás farta/o da situación actual, se repites frecuentemente que “cómpre facer algo",

ESTE É O MOMENTO DE FACELO.


Demostra que estás cabreada/o !!!,

FAI FOLGA OS DÍAS 9 E 10 DE DECEMBRO !!!

Acude á manifestación unitaria do 10 de decembro !!!

 
CIG-Saúde oponse ás Áreas de Xestión Clínica que propón o SERGAS Imprimir Correo-e
Martes, 03 Decembro 2013 07:15

Resumo da posición de CIG-Saúde sobre a Xestión Clínica e as Áreas de Xestión Clínica (AXC) ico_pdf

clinical_governance-2CIG-Saúde oponse claramente ás Áreas de Xestión Clínica (AXC) que propón o SERGAS. Facémolo desde a defensa da verdadeira Xestión Clínica, que ten pouco que ver coas AXC que pretende crear a actual administración sanitaria galega.

O proceso de creación das novas AXC ven caracterizándose pola nula ou mínima participación dos profesionais e a iniciativa da súa creación procede practicamente sempre das Xerencias das Áreas de Xestión Integrada, e non dos propios profesionais dos servizos afectados.

A proposta de AXC que fai o SERGAS non ten como obxectivo real avanzar na Xestión Clínica dentro da sanidade pública galega, pois o seu verdadeiro obxectivo é tentar trasladar aos profesionais as decisións de  aforro e recorte de gasto, a cambio de beneficios económicos persoais.

A fonte dos recursos económicos que se vai usar para incentivar a participación dos profesionais nas AXC presentan graves problemas deontolóxicos, sobre todo por ligar os incentivos ao aforro económico, no canto de facelo a resultados de saúde. Os pacientes dificilmente entenderán que os profesionais da saúde poidamos lucrarnos por aforrar en persoal para atendelos, ou no material funxíbel necesario para o seu coidado, ou nas probas precisas para diagnosticar as súas enfermidades ou nos tratamentos precisos para curalas ou alivialas.

Ademais, trátase dun modelo que se vai saturar en pouco tempo, pois os incentivos, ao ter como única fonte o aforro, cada ano presentarán menor marxe de redución. Si de verdade quixera facer Xestión Clínica, o SERGAS debería de asignar recursos económicos directos non só para os novos incentivos, que sempre deberían esta ligados a resultados de saúde e non ao aforro puro e duro, senón tamén para asesoría en calidade, imprescindíbel para avanzar en xestión clínica.

O Decreto do SERGAS, cuxo texto é de sobra coñecido e está xa colgado na páxina web do SERGAS, está inzado de incertezas e falta de concrecións en aspectos claves que afectan as condicións laborais e profesionais do persoal que participe nas novas AXC: que vai pasar cos profesionais que non acepten integrarse na correspondente UXC na que se integre o seu servizo?; que pasará cos que se integren e logo queiran saír dela?; como afecta a creación das AXC aos Concursos de Traslados e ás OPEs?; as contradicións entre o Director da AXC (unha figura carente de regulación legal) e os Xefes de Servizo, como se resolverán?; a negociación das condicións de traballo nas AXC farase co Director da AXC?, ...  Desde CIG-Saúde consideramos que o SERGAS debe deixar perfectamente aclaradas esas incertezas e falta de concrecións, publicando unha nova norma legal que deberá ser editada no DOG, pois o valor legal das promesas realizadas nun xogo de preguntas e respostas asinados por un directivo ou na acta dunha mesa sectorial, non semella os lugares acaídos para clarificar e deixar regulamentadas eses aclaracións imprescindíbeis para tomar unha decisión informada sobre se incorporarse ou non ás AXC.

Por outra banda, desde CIG-Saúde vemos con enorme preocupación, a recente modificación do Estatuto Marco (EM), mediante a Lei 10/2013, aprobada no parlamento español e publicada no BOE do 25 de xullo de 2013. Esta modificación do EM ten como obxectivo posibilitar a privatización das AXC existentes na sanidade pública, e forzar a laboralización (perda do vínculo estatutario) “voluntaria” dos seus profesionais. Trátase dunha modificación legal que pendurará como unha espada de Damocles sobre os profesionais que se integren nunhas AXC que agora o SERGAS afirma que carecerán de entidade xurídica propia. Porén, as modificacións introducidas no EM facilitan que esas AXC, até agora públicas, poidan no futuro ser privatizadas se así o deciden os responsábeis políticos correspondentes que, ademais, tamén poderán contar para ese obxectivo privatizador, co Decreto 15/1997 de novas formas de xestión que, cómpre non esquecelo, sigue plenamente vixente. Na opinión da CIG-Saúde, os profesionais non deberían aceptar a súa integración nas AXC que propón o SERGAS, antes de que este oferte garantías suplementarias, críbeis, de que adscribirse a súa integración nas AXC non vai ser usada no futuro para privatizar as AXC e laboralizar ao seu persoal, usando as modificacións do EM recentemente aprobadas ou a Lei 15/1997.

CIG-Saúde recoméndalle aos traballadores que non acepten, nas actuais condicións, a súa integración nas AXC e, por outra banda, pídelle ao SERGAS que paralice o Decreto de ÁXC que está a piques de ser publicado en DOG, e retome na Mesa Sectorial unha verdadeira negociación para implantar unha verdadeira Xestión Clínica.

 
ORZAMENTOS 2014 Imprimir Correo-e
Luns, 28 Outubro 2013 18:57

ladrilloO ladrillo dos Orzamentos 2014 agocha graves prexuízos para o persoal do Sergas

Os Orzamentos para o 2014 seguen a impoñer a xa coñecida TAXA de REPOSICIÓN, algo que desde a CIG-Saúde levamos combatendo desde que o goberno do PP empezou a introducir este límite na reposición de efectivos. Á amortización de prazas que se levou a cabo nestes anos de vixencia da taxa de reposición, máis de 1300 desde o 2011, súmase a falta de convocatorias de procesos selectivos. Así, a Lei de Orzamentos do 2014 lexitima a intención do SERGAS de convocar OPE só para algunhas categorías sanitarias, porque faculta ao SERGAS para concentrar a taxa de reposición nas categorías profesionais que a Administración considere prioritarias. No referente a Traslados, o SERGAS tampouco quere convocar todas as prazas vacantes. Por se isto fora pouco, o bosquexo de Lei de Orzamentos consolida a perda do complemento específico nas pagas extras.

Os orzamentos do 2014 para Sanidade redúcense en 21 millóns de euros, que sumados ás minoracións anteriores supoñen máis de 270 millóns de diminución en 4 anos, diminución que repercutirá directamente no capítulo de persoal, en máis peche de camas e servizos, maiores privatizacións... No tocante á repercusión desta diminución no capítulo de persoal, a baixada dos orzamentos do 2014 significará mingua de retribucións, perda do poder adquisitivo, amortización de prazas e falta de convocatoria de procesos.

É coma se ese ladrillo o tiveramos enriba da cabeza a punto de caer en calquera momento. Imos deixar que nos bata na cachola sen facer nada? Imos quedar parad@s?

Cómpre quitarmos ese peso de enriba, cómpre reaxir!

ELIMINACIÓN DA TAXA DE REPOSICIÓN

CONVOCATORIA OPE E TRASLADOS 100% DAS CATEGORÍAS E PRAZAS

RECUPERACIÓN DOS SALARIOS RECORTADOS
 

Descarga e difunde!  ico_pdf

 
Unidades de Xestión Clínica e Laboralización Imprimir Correo-e
Luns, 09 Setembro 2013 22:43

caras_de_sorpresaAs facultativas e facultativos  que acepten a súa integración nas Unidades de Xestión Clínica poden, sen querelo, estar dando un paso cara a súa laboralización e a perda do seu carácter estatutario.

O SERGAS está creando en todas as áreas sanitarias, e vai acelerar o proceso nos próximos meses, Unidades de Xestión Clínica (UXC) ao abeiro do Decreto “ad hoc” que publicará nas próximas semanas, e que foi rexeitado pola CIG-Saúde e os demais sindicatos da mesa sectorial.

Ás facultativas e facultativos aos que se lles ofreza a integración nesas UXC, desde a Agrupación Médica da CIG (AgM-CIG) alertámoslles de que se aceptan esa integración nas actuais circunstancias,  poden estar dando un paso que lles acabe convertendo en persoal laboral, perdendo no camiño o seu carácter de persoal estatutario.

Esta advertencia que realizamos desde a AgM-CIG baséase nos seguintes feitos:

1)    O Decreto sobre as UXC que o SERGAS vai aprobar de contado, e en base ao que xa está facendo as ofertas de integración, está cheo de incertezas (non se aposta por un modelo claro de xestión clínica senón que está cheo de lugares comúns que poden concretarse en modelos de xestión clínica moi diferentes); está inzado de aspectos deliberadamente escuros que a administración négase a clarexar (que vai pasar cos profesionais que non acepten integrarse na correspondente UXC na que se integre o seu servizo?, que pasará cons que se integren e logo queiran saír dela?, ...); e contén aspectos deontoloxicamente inaceptábeis (ligar os incentivos dos profesionais ao aforro en vez de ligalos aos resultados de saúde, ...).

2)    As modificacións do Estatuto Marco de persoal sanitario que o PP xa aprobou no parlamento estatal a principios do verán de 2013, mediante a Lei 10/2013, e que, como veremos, están deseñadas para avanzar na laboralización e na privatización, usando as Unidades de Xestión Clínica como instrumento.

3)    O decreto estatal que prepara o Ministerio de Sanidade sobre as UXC, que se comprometeu a publicar antes de que finalice 2013, e no que todo apunta que servirá para avanzar nos obxectivos de laboralización do persoal e privatización da sanidade pública. Ademais, o SERGAS  xa anunciou en mesa sectorial que cando ese decreto estatal se publique, adaptará de contado o seu propio decreto introducindo os cambios que o decreto estatal conteña.

Nestas condicións, desde a AgM-CIG recomendamos ás facultativas e facultativos aos que se lles propoña participar nas Unidades de Xestión Clínica (UXC) que lle esixan ao SERGAS respostas claras a preguntas como as seguintes:

      - que lle pasará a quen non acepte participar nestas unidades, tanto desde o punto profesional como organizativo dentro do servizo?.

     - cal vai ser o mecanismo de saída da Unidade de Xestión Clínica e a que praza e servizo vai poder optar quen tome a decisión de irse destas Unidades.

     - en que medida se vai modificar a situación xurídica, de condicións de traballo e retributiva agora e no futuro ante os cambios que se anuncian desde o Ministerio e a Consellaría de Sanidade.

e que non comprometan a súa participación nas UXC mentres o SERGAS non de unha resposta clara a esas preguntas.


Máis Información:  XestionClinica-Laboralizacion_130909.pdf

 
DIARIO MÉDICO: Polémica sindical polo modelo laboral das UXC Imprimir Correo-e
Martes, 10 Setembro 2013 14:29

DM-Xestion-Clinica-CIG-CESMPolémica sindical polo modelo laboral das UXC

CIG-Saúde sostén que a reforma do Estatuto Marco para as Unidades de Xestión Clínica compromete o réxime estatutario; CESM cre o contrario.

Diario Médico, 05/09/2013 ico_pdf

A modificación do Estatuto Marco para regular o réxime xurídico dos profesionais que desempeñen o seu servizo nas unidades de xestión clínica (UXC) disparou as alarmas en varios sindicatos sobre o perigo de laboralización dos profesionais estatutarios. A modificación, que se publicou no BOE o 25 de xullo (cinco días antes da firma do acordo entre Sanidade e o Foro) esta incluída, case de esguello, nunha disposición final quinta da Lei que rexe o uso racional dos medicamentos.

A ambigua redacción desta disposición suscitou interpretacións enfrontadas entre as propias centrais: mentres CESM cre que a nova redacción garante o réxime xurídico dos estatutarios que formen parte desas unidades, CIG-Saúde denuncia que o obxectivo do Ministerio de Sanidade é laboralizar a estes traballadores para abrir camiño ás unidades de xestión clínica con entidade xurídica propia (fundacións ou consorcios).

 
Xestión Clínica: Privatización e Laboralización Imprimir Correo-e
Mércores, 28 Agosto 2013 12:41

DemilicionTODOS OS CAMIÑOS DA POLÍTICA SANITARIA DO PP CONDUCEN A ROMA: PRIVATIZACIÓNS, CONVERSIÓN DE PERSOAL ESTATUTARIO EN LABORAL, DESMANTELAMENTO DA SANIDADE PÚBLICA

O pasado 25 de xullo o goberno do PP en Madrid publica no BOE, coma que non quere a cousa, na disposición final quinta da disposición que modifica a lei que rexe o uso de medicamentos, unha alteración do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Coma sempre por DECRETO. Esta modificación, imposta e sen negociación, inclúe un novo artigo 65bis: Servizos de Xestión Clínica. Para que se fai esta modificación? Para permitir que o persoal estatutario fixo poida traballar nas unidades de xestión clínica que se creen no futuro coma persoal laboral, cunha excedencia temporal, con reserva de posto durante 3 anos na praza estatutaria.

Pero se as unidades de xestión clínica son públicas e non teñen entidade xurídica propia, para que se fai esta modificación do Estatuto Marco? Por algo moi sinxelo. O goberno do PP cando publique o decreto estatal de xestión clínica lexislará para que as devanditas unidades poidan ser creadas ou participadas nun mínimo do seu capital polo propio servizo de saúde; o resto do capital será privado.

Se a futura regulación vai permitir que as unidades de xestión clínica poidan ter entidade xurídica propia, poderán constituírse como fundacións, consorcios e demais fórmulas de xestión. Neste modelo de xestión privada non ten cabida o persoal estatutario; por iso o goberno do PP co apoio de certos sindicatos corporativos asinaron un marabilloso pacto que permita a laboralización do persoal estatutario e facilitarlle traballar baixo o réxime laboral.

O proxecto de Decreto de Xestión Clínica presentado polo SERGAS non contempla que as unidades de xestión clínica poidan ter entidade xurídica propia, mais iso si, xa nos dixeron que este decreto pode ser modificado unha vez que o goberno do estado publique o seu.

Como será o tratamento das patoloxías crónicas que sexan tratadas a través de unidades clínicas xestionadas baixo a modalidade de fundación, consorcios…? Primará a calidade asistencial ou o beneficio económico?

Desde CIG-SAÚDE esiximos ao goberno da Xunta de Galiza e á Consellería de Sanidade que o Decreto de Xestión Clínica de Galiza non permita que estas unidades teñan entidade xurídica propia, esiximos que exerza as súas competencias e que non sexa un simple recadeiro do goberno central.

NON Á PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE! NON Á LABORALIZACIÓN DO PERSOAL!

NON Á CREACIÓN DE UNIDADES DE XESTIÓN CLÍNICA BAIXO OUTRAS FORMULAS DE XESTIÓN!

DESDE CIG-SAÚDE FACEMOS UN CHAMAMENTO A TOD@S @S PROFESIONAIS PARA QUE REXEITEN SER COMPLICES NA DESAPARICIÓN DO SISTEMA SANITARIO PUBLICO.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>


Confederacion Intersindical Galega - Federacion de Saude
Miguel F. Caaveiro 10 - 981 58 32 00 - 981 58 39 34
executiva@cig-saude.info- compostela@cig-saude.info